«Donde comer vegano en Costa da Morte? Ten que ser moi difícil…». E é que parece que por ser un territorio onde a gastronomía vive moito da pesca e da gandería, o veganismo non ten tirón. Pois isto está a cambiar.

Falamos desde o coñecemento, pois nós mesmas vivimos na Costa da Morte e somos conscientes de que cada vez existen máis restaurantes ofrecendo opcións veganas e adaptándose a unha nova demanda. Acompáñanos por eses lugares da Costa da Morte!

Donde comer vegano en Costa da Morte

Pequeno disclaimer: queremos avisar de que so imos falar de cousas que coñecemos persoalmente. Aínda nos quedan moitos sitios nos cales probar comida vegana e, por iso, iremos actualizando este artigo a medida que vaiamos ampliando a nosa lista de lugares na Costa da Morte.

Comer vegano en Carballo

Carballo, ademais de ser a vila máis habitada da Costa da Morte, é un dos puntos con mellores opcións para as persoas veganas. Ademais de contar con grandes supermercados con produtos veganos, tamén ten varios restaurantes con menú ou carta vegana moi apetecible. 

Taberna o Logradouro

O Logradouro é unha desas tabernas que nos fan chorar da alegría e emoción. Aquí séntaste sabendo que tes variedade, bo produto e cociña con agarimo. No Logradouro, en Carballo, atopamos un recuncho no cal poder xantar vegano a bo prezo cun trato exquisito.

É un espazo fermoso e acolledor, cunha terraza na que, cando fai bo día, se para o tempo. Paga a pena todo: a hamburguesa, o wok de verduras, as albóndigas… E, de postre, teñen carpacio de piña. Toda unha delicatessen!

Ademais, é un espazo cultural no cal se acollen concertos, exposicións e literatura. Un lugar moi orixinal, vaia. Que marabilla atopar locales onde a xente, ademais de ser de dez, ofrece pratos tan exquisitos e elaborados e aposta pola oferta cultural.

Albaroque

É un restaurante no centro de Carballo con certo caché. Unha mostra disto é que a elaboración de cada prato está moi coidada. Nós fomos un par de veces, a última durante o X Carballo Interplay, e temos que dicir que a carta mellorou moito co tempo.

Contáronnos que neste momento xa ofrecen no seu menú do día unha opción vegana tanto no primeiro como no segundo e no postre, polo que é algo moi positivo a ter en conta. Nós xantamos crema de champiñóns (tremenda), rissoto (inmellorable) e do postre… do postre mellor non falar… Xeado de maracuiá! O persoal tamén súper atento.

Comer vegano noutros lugares

O Pindo: a Morada da Moa

Durante o blogtrip pola Costa da Morte coa CMAT, tivemos a oportunidade de degustar un menú vegano neste coñecido restaurante da localidade do Pindo.

Tiveron un coidado exquisito co noso xantar e estaba todo delicioso. De primeiro ensalada de lentellas con mandarina, de segundo unha lasaña vegana en cunca de barro e de postre (si, postre) un biscoito de améndoa para quitar o hipo.

Este restaurante defínese como “gastronomía e relax” e é, polo tanto, un lugar onde non só a cociña importa. A experiencia é estar nunha casa familiar, acolledora e discreta, onde a comida ou a cea é unha vivencia en si mesma.

E ún lugar perfecto para celebrar algo en familia ou cun pequeno grupo de amigos, que traballa produtos de proximidade e cociña cun coidado exquisito polos detalles. Non é un lugar típico ao que vaias ver unha carta, senón que máis ben vas degustar.

Neste sentido, é importante avisar con tempo de que van ir persoas veganas para que a cociña se poida adaptar. Pero unha vez avisados, o resultado é inmellorable. Nos comemos mellor que en moitísimos outros lugares e sen dúbida é un restaurante de referencia na Costa da Morte. E Pablo, o encargado, unha persoa marabillosa. 

Malpica de Bergantiños: Ybarra

Non queremos deixar a costa sen pasar polo que temos máis preto da casa. No Ybarra, en Malpica, atopamos un lugar que, precisamente, nos permite estar como na casa e levar á xente que nos ven visitar a Malpica.

Conta con catro opcións veganas e debido á falta de oferta na vila, converteuse no noso punto de referencia aquí. Na súa carta descubrimos con ledicia a hamburguesa e o bocadillo vegano e o hummus á feira. Así que se vides visitar este recuncho, xa sabedes onde comer vegano en Costa da Morte.

Apoiar aos restaurantes veganos

Por sorte e, como se pode comprobar, cada vez resulta máis sinxelo atopar propostas de hostelería que apostan pola non explotación animal. E iso alégranos moito. 

Este artigo créase coma un lugar dinámico no cal ir actualizando estas propostas e como complemento á nosa completa guía de lugares donde comer vegano en Galicia. Como unha guía para poder descubrir lugares donde comer vegano en Costa da Morte. Quédache por aquí o mapa completo para que poidas localizar eses restaurantes.

É unha mágoa cando algún lugar destas características, pola razón que sexa, ten que pechar as súas portas. Por esta razón, e para que cada vez sexan máis os restaurantes e bares que apostan polo veganismo, animámoste a consumir neles.

Unha alternativa extra

Se chegaches ata aquí, pode que esteas pensando en facerte vegana pero teñas certas dúbidas relacionadas coa dispoñibilidade de alimentos, a comodidade, etc. 

Como ves, cada vez existen máis posibilidades neste sentido. Neste artigo contámosche moitas, pero queremos engadir unha que che permita comer vegano en casa sen ter que cociñar: Fresh Greens.

Neste outro artigo do blog falámosche máis en profundidade do que é Fresh Greens e do que nos pareceu, pero adiantámosche que é un servizo para pedir platos de comida veganos e saudables de xeito semanal. Comodidade 100% plant based. Se queres darlle unha volta, podes tamén ver as opcións a través da súa web e, se te decides, comezar a probar comida 100% vexetal cun desconto de ata o 40% utilizando o código FRESH40.

Pulsa na imaxe para ver as opcións

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.