Xa cho digo eu: moito traballo, moitos proxectos e algo de rumbo en TOXÍO, que a cachos temos a sensación de que o perdemos.

2023 foi un dos nosos mellores anos. A nivel propósito profesional desde logo. Seguimos profesionalizando este espazo e creamos OCO Xeración de Contido para poñer as nosas habilidades ao servizo de terceiras.

Sen embargo, temos esa sensación continua de que sempre temos mellores ideas para os proxectos das demais. Necesitamos que este espazo sexa tan puro, tan currado, tan creativo… que normalmente acaba por ser moito menos e non lle adicamos nin unha terceira parte do tempo que nos gustaría, porque nos acabamos perdendo no camiño.

E a vida tamén nos acaba arrastrando.

Porén, queremos publicar este artigo xa en pleno febreiro para celebrar, contigo e connosco, os grandes éxitos deste blog ao longo dos últimos 12 meses.

Este ano 2023:

  • Recibimos o Premio Canle 2022 de Youtubeiras.

  • Publicamos dúas pequenas pezas documentais baixo o nome “Derrubando Xigantes” sobre o impacto da enerxía eólica na nosa terra da man de Amil Sen Eólicos (unha delas é agora finalista do Premio Vídeo de Youtubeiras 2023).

  • Fomos embaixadoras da campaña #TiPodesParalos de ADEGA, conseguindo uns poucos centos de euros nunha recoleta solidaria.
  • Fixemos o noso primeiro blogtrip coa CMAT, recorrendo durante tres días a Costa da Morte.

  • Falamos sobre a importancia das redes no III Encontro de Turismo da Costa da Morte.

  • E falamos sobre os nosos proxectos, tanto OCO como Toxío en CoruñaBloggers.

  • Participamos no podcast “Zona Nova” de OU ké! falando sobre a Síndrome da Impostora.

  • Publicamos seis artigos neste blog e nove vídeos na nosa canle de Youtube.

  • E demos máis dunha ducia de charlas en institutos da man de Youtubeiras para falarlle á rapazada sobre a creación de contido.

Tamén seguimos creando recordos e vivindo aventuras con xente moi querida e, sobre todo, xuntas. Da man.

2023 foi un moi bo ano en moitos sentidos. E pechámolo felices.

2024, témosche ganas. Que nos traes?


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.