«Donde comer vegano en Coruña?». Se visitas a cidade herculina, pode ser que te fagas esta pregunta. Pois déixame dicirche que é unha das cidades de Galicia con máis oferta para comer vegano. Unha marabilla! E tamén hai algunha opción na área metropolitana

Xa non é que cada vez existen máis restaurantes que ofrecen opcións veganas, senón  que hai varios lugares que teñen o menú 100 % vegano en Coruña. Queres coñecelos? Imos aló!

Donde comer vegano en Coruña

Pequeno disclaimer: queremos avisar de que so imos falar de cousas que coñecemos persoalmente. Aínda nos quedan moitos sitios nos cales probar comida vegana e, por iso, iremos actualizando este artigo a medida que vaiamos ampliando a nosa lista de lugares na Coruña. Imos?

Gran descubrimento deste 2024. Por fin! Fomos probar os famosos bocatas de Ruca Bocata nunha fantástica finde de Blogtrip coa familia de GaliciaTB pola Coruña. E que gran decisión parar a cear aquí! Teñen unha gran variedade de bocatas de todo tipo, con ingredientes de máxima calidade e maridados da mellor maneira posible.

Por se isto fora pouco, tamén teñen postres. No noso caso só probamos a torrija, pero en canto teñamos oportunidade de volver, meterémoslle o dente ao resto, iso seguro. Se ides pola Coruña, saíde pola parte dereita da Praza de María Pita (deixando o concello á vosa esquerda) e estaredes en Ruca.

Na tranquilidade da cidade vella atópase este restaurante tan especial. Cunha estética alternativa que enche o ollo nada máis entrar e unha cociña caseira e deliciosa. As encargadas son moi atentas e a carta variada e divertida.

Non só contan con pratos variados, tamén cunha carta de bebidas moi diversa. O té xeado caseiro é especialmente refrescante para o verán. En pratos, recomendaríamos o kebab de yuba ou o “polbo” á feira, pero o interesante é deixarse sorprender!

A comida, as salsas, as guarnicións… Todo é caseiro nun restaurante que xa se convirte nunha das nosas referencias para comer vegano na Coruña.

A Factoría Verde (100% VEGANO)

A xoia da coroa vegana da Coruña. Foi o primeiro lugar en apostar por unha carta completamente vegana na cidade herculina. É un local que conta con produtos ecolóxicos, de proximidade, de calidade e, por suposto, veganos. O seu prezo vai acorde á calidade que brinda, como é razoable. Cando se fan as cousas ben, hai que pagalas.

Levo tempo e tempo buscando un lugar onde comer unha pizza que me encha 100%. E aínda que hai máis opcións (como verás máis abaixo), o certo é que A Pastar chega no 2023 con forza cunha oferta estupenda.

O local está na Rúa Puerto Rico e é moi agradable. Probamos unha tapa de ensaladilla caseira moi moi boa, pero sen dúbida o que nos marcou foron as pizzas.

Tamén de elaboración caseira e utilizando a masa dun obrador de pan de Carral marca a diferenza. Que deliciosura… Probamos a pizza de verduras e a barbacoa e están de 10. Tamen probamos as cookies de postre. Pero hai moitas máis opcións! Convidámoste a visitar o seu Instagram. Sen dúbida un lugar para darse un par de caprichos. Volveremos en canto poidamos! 

É un servizo de cátering que se pode contratar para vodas e outros grandes eventos. Non conta cun restaurante no cal sentarse a comer, non obstante, pódense encargar os pratos que ofrecen na súa web. Son moi atentas e os produtos cos que traballan, deliciosos. Especial mención aos tequeños, un produto que é difícil atopar por aí en versión vegana e que, cando o probamos, case nos fan chorar da emoción.

Mahara Taberna

Sempre dicimos que puidesen existir máis lugares con opcións veganas con ese estilo típico das tabernas. Por sorte, cada vez hai máis posibilidades neste sentido. O Mahara, situado na céntrica rúa do Orzán, é un deses lugares.

Non hai máis que ver dous dos seus pratos máis especiais: o raxo con patacas e a tortilla. Son dous pratos que custa facer veganos e que teñan ese sabor tan característico.

Pero, concretamente, coa tortilla de patacas é unha auténtica pasada. Ten esa textura tipo Betanzos tan característica e un sabor intenso que merece a pena probar.

Ademais destas dúas opcións, probamos os tacos e as gyozas de verduras. Ollo que os primeiros pican! Recomendamos o Mahara 100%. Delicioso.

Gyozas de verduras do Mahara

Este lugar que probamos contra finais de 2023 é deses que nos gustan por unha razón. A pesar de non ser 100% vegano, a súa carta de opcións veganas replica exactamente as opcións que hai na carta carnista.

É dicir, que se nun lado hai tacos, no outro tamén. Se hai gyozas, o mesmo. Incluso calamares! Ten pouco aforo e está nunha zona moi transitada do centro da Coruña (a rúa Franxa), polo que hai que ir un día con tempo. Pero a comida está súper ben cociñada e sempre tes ganas de probar máis cousas.

Hai que comezar dicindo que este restaurante ten unha Estrela Michelín. E, a pesar de que nós preferimos non fixarnos nesas cousas, nótase. Nótase que é xente con moitísima profesionalidade e experiencia na cociña. 

Degustar os seus pratos é un gusto e, grazas a un blogtrip que organizamos como aniversario coas compañeiras de GaliciaTB, puidemos probar un menú degustación 100% vegano. Un deleite para os sentidos.

The Breen’s Tavern

Esta taberna de marcado estilo irlandés está situada no centro da cidade, na mesma Praza de María Pita. Ten unha terraza fantástica onde aproveitar os raios de sol nos días que este decide saír. Viñemos por recomendación para probar a tapa de callos veganos. Hai que dicir que é unha tapa contundente. O sabor dos callos está moi logrado grazas á mestura duns bos cogomelos cos garabanzos e especias como o comiño. Pica un pouco, iso si, tédeo en conta.

the breens tavern
Tapa contundente de callos veganos

Giova Pizza

Moitas veces asociamos “vegano” a exclusivo, concienciudamente elaborado, sano, eco, bio e, por tanto, caro. Pero xa hai tempo que as persoas veganas tamén podemos gozar do pracer da comida rápida. Un anaco de pizza vegana de Giova Pizza cando a fame aperta é xenial.

comer vegano en galicia
A deliciosa pizza de espinacas de Giova

Cervecería Victoria

Unha clásica cervexería da cidade da Coruña. Preto da praia de Riazor, ademáis dun espazo e un persoal agradable, ofrece unha variedade de pratos veganos e de moita calidade. Ir alí é un pracer e, sen dúbida, unha parada obrigatoria para comer vegano en A Coruña.

Comer vegano en Oleiros

O concello de Oleiros forma parte da área metropolitana da Coruña e ten un montón de lugares fantásticos para visitar se che gustan as zonas verdes e os entornos naturais. De feito, un dos nosos lugares favoritos de Galicia está neste concello, tal e como che contamos nesta Guía gratuíta sobre a Galicia Descoñecida

After Surf

Arredor da praia de Bastiagueiro sitúanse dous lugares nos cales paga a pena xantar. O primeiro deles é o gastrobar do After Surf. Ademais dunha escola de surf e dunha tenda de mateiral de surf e skate, o After Surf conta cunha hamburguesa vegana especialmente deliciosa.

Pensa nun día destes de primavera no que o sol xa quenta pero a praia aínda non está chea. Pillar unha hamburuesa con patacas para levar e comela na beiriña da praia de Bastiagueiro. Aproveita que o After Surf está case a pe de praia e, ademais, o packaging é respectuoso co medio ambiente.

Camping Bastiagueiro

O Camping de Bastiagueiro, situado no alto xusto á entrada do parque metropolitano conta cun espaxo chill-out no cal as postas de sol non teñen nada que envexar a outros puntos do mapa.
É un lugar para relaxarse e conta tamén con hamburguesa vegana que, para maior alegría, ofrecen en 2×1 os venres. Que mellor forma para comezar a fin de semana que unha cea na súa terraza?

Apoiar aos restaurantes veganos

Por sorte e, como se pode comprobar, cada vez resulta máis sinxelo atopar propostas de hostelería que apostan pola non explotación animal. E iso alégranos moito. 

Este artigo créase coma un complemento ao noso artigo completo sobre os lugares donde comer vegano en Galicia. Como unha guía para poder descubrir lugares donde comer vegano en Coruña. Quédache por aquí o mapa completo para que poidas localizar eses restaurantes.

É unha mágoa cando algún lugar destas características, pola razón que sexa, ten que pechar as súas portas. Por esta razón, e para que cada vez sexan máis os restaurantes e bares que apostan polo veganismo, animámoste a consumir neles.

Unha alternativa extra

Se chegaches ata aquí, pode que esteas pensando en facerte vegana pero teñas certas dúbidas relacionadas coa dispoñibilidade de alimentos, a comodidade, etc. 

Como ves, cada vez existen máis posibilidades neste sentido. Neste artigo contámosche moitas, pero queremos engadir unha que che permita comer vegano en casa sen ter que cociñar: Fresh Greens.

Neste outro artigo do blog falámosche máis en profundidade do que é Fresh Greens e do que nos pareceu, pero adiantámosche que é un servizo para pedir platos de comida veganos e saudables de xeito semanal. Comodidade 100% plant based. Se queres darlle unha volta, podes tamén ver as opcións a través da súa web e, se te decides, comezar a probar comida 100% vexetal cun desconto de ata o 40% utilizando o código FRESH40.

Pulsa na imaxe para ver as opcións

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.