Derrubando Xigantes é unha serie de minidocumentais que conta as historias humanas detrás do impacto que está a provocar a política de macroproxectos eólicos en Galicia.
Costa da Morte, Amil e Monfero son exemplos de territorios afectados pola expoliación das grandes empresas enerxéticas.
1. Costa da Morte
Nesta primeira entrega, falamos con Suso Lista, veciño de Corme, que nos explica como afectou e afecta a sobreexplotación eólica en Costa da Morte.
Nesta ocasión, achegámonos a Monfero, ás portas das Fragas do Eume que están ameazadas por dous proxectos eólicos que atentan contra o patrimonio natural, cultural e histórico deste lugar da provincia da Coruña.
Ademais, estes proxectos poñen en risco os postos de traballo e xeitos de vida de centos de persoas.
Esta é a historia da loita da veciñanza de Monfero contra os intereses das grandes empresas enerxéticas. A loita pola súa vida.
Terceiro capítulo de “Derrubando Xigantes” desde o monte Acibal, situado en Amil, no concello de Moraña (Pontevedra). Un monte que está en perigo. A empresa enerxética Norvento traballa para instalar un novo polígono eólico neste monte con catro aeroxeradores de máis de 200 metros de altura, poñendo en risco o patrimonio histórico e ambiental deste lugar. O polígono eólico do monte Acibal é un dos tres que afectan a esta zona. Os outros dous son o de Anduriña, con nove aeroxeradores e Zudreiro, con cinco. 18 aeroxeradores a escasa distancia dunha aldea de 400 habitantes.
Para comprender máis este caso, falamos con Lucas Andión e Carmen Ruibal, naturais de Amil e integrantes da plataforma Amil Sen Eólicos. Estas son dúas persoas de moitas que levan meses loitando contra o espolio dos seus fogares. Loitando contra xigantes.
Tras meses de loita e sufrimento, de ver como Norvento ameazaba a súa paisaxe e ecosistema e de como dinamitaba o seu monte, produciuse un xiro nos acontecementos. En outubro de 2023 o TSXG suspendeu de xeito cautelar a execución deste polígono eólico. Cal será agora o futuro para Amil?
Conta a túa historia
Se a túa zona está sufrindo as consecuencias dun proxecto eólico ou formas parte dunha asociación e queres que se escoite a túa voz, non dubides en contactar connosco para que contemos a túa historia. Xuntas, derrubando xigantes.