Atención: este artigo non é ningún tipo de enxalzamento relixioso. Declárome profundamente ateo, e isto ten os seus pros e os seus contras. Por un lado e desde o momento en que deixas de crer nunha forza superior que controla o devir do Universo, estás fastidiado. A túa existencia redúcese a un período temporal finito con data de caducidade próxima. Pero por outro permíteche beber de todas as fontes filosóficas e relixiosas –como o budismo– dun xeito precioso e sen ter que aferrarte a ningunha.

De feito, unha das miñas partes favoritas de viaxar consiste en entrar en contacto con realidades filosóficas e relixiosas diametralmente opostas ás que levo toda a vida percibindo na miña realidade máis próxima. Aprender da fe que move a tantos millóns de persoas a facer cousas positivas –que son moitas–.

Pero non nos enganemos. Non sempre fun un ateo tan “tolerante”. No meu egocentrismo, sempre pensei na aparición da ciencia como substituto natural das relixións para modelos explicativos da existencia e das preguntas sen resposta. As leis físicas eran explicacións concretas. Algo inamovible –eu me convertín na persoa dogmática!–. Pero, por que seguen existindo as relixións se xa temos moitas respostas concretas na ciencia? Co tempo aprendín que é moi pretensioso pola miña parte tratar de dicirlle a unha persoa que leva crendo en algo toda a súa vida que non é real. E é que, como pode algo que che fai actuar de certa forma toda unha vida non ser real? A fe das persoas seguirá coexistindo coa ciencia. E é real porque fai real o xeito de vida de millóns de persoas.

Dito todo isto, quédame manifestar que, por desgraza –ou fortuna–, creo que coa miña morte cerebral / corporal vai rematar todo. E que sigo sendo ateo. E prometo que esta confesión relixiosa viña a algo que explicarei a continuación.

Desde hai uns anos entrei en contacto cunha rama filosófica e humana moi antiga. Moito máis antiga que Mahoma, Jesucristo ou mesmo que o propio concepto en positivo do ateísmo. A filosofía oriental en termos xerais. E digo entrei en contacto porque me interesei por ela do xeito en que o fan moitas persoas en Occidente. A través dunha crise existencial. Durante máis de cinco anos empapeime de lecturas sobre a tradición yogui, o ascetismo, o taoísmo, o budismo e moitos máis -ismos. 

Esta viaxe dounos a oportunidade de adentrarnos e coñecer un pouco máis en profundidade a realidade do budismo. E non quixemos perder a oportunidade de aprender. E de xeito esquemático e para intentar romper algunha idea preconcebida que existe sobre esta relixión, ímosche contar cinco cousas que (probablemente) non coñecías sobre o budismo.

1. O BUDA FOI UN IMPORTANTE PRÍNCIPE RODEADO DE LUXOS

A idea que temos de Buda é a dun ser perfecto. O Iluminado. Modelo de conducta espiritual para centos de millóns de persoas. Pero non sempre foi así. Buda foi un ser humano e naceu e morreu como faremos todos nós. Naceu como Siddhartha Gautama, príncipe da dinastía Sakya, hai máis de 2.500 nas planicie do norte da India (onde actualmente se sitúa o Terai nepalí, preto da fronteira coa actual India).

Desde o seu nacemento, o emperador sakya Suddhoana tratou de evitar por todos os medios que o príncipe sufrira calquera tipo de dano. Ocultoulle todas as formas de sufrimento humano que puido, provocando que Siddhartha crecese durante moitos anos da súa vida illado nunha burbulla, sen saber nin da enfermidade, nin da vellez nin da morte. Rodeado de luxos de todo tipo, da mellor comida, das mellores roupas e xoias. E a pesar de todo, foi incapaz de sentirse completo e viviu a súa adolescencia cunha crise existencial incurable.

Non foi ata anos despois que conseguiu que un fiel servinte seu o levara fóra dos muros do palacio, que descubriu que a xente enfermaba, que os seres humanos envellecían e morrían. Foi nese momento cando foi consciente da cantidade de anos que desperdiciara e decidiu abandonar a súa vida anterior –incluídos a súa mullerYasodhara e o seu fillo Raula– para dedicar o resto da súa existencia a tratar de comprender as causas do sufrimento humano e as solucións para aplacar o mesmo. A historia dos seus anos como asceta e da súa iluminación da para moitos libros. De feito algúns son lecturas amenas e moi recomendables. Ao final do artigo déixoche uns cantos.

budismo
Hoxe moitas figuras de Buda viven rodeadas de máis ouro e cartos que o propio Siddhartha nos seus tempos

2. É UNHA RELIXIÓN NON-TEÍSTA, PERO MÁIS OU MENOS

Pero Sergio, como pode unha RELIXIÓN ser NON-TEÍSTA –e que é iso de máis ou menos–? Pois moi sinxelo. A Real Academia Galega recolle no seu dicionario a palabra relixión como o conxunto de crenzas e prácticas propias dun grupo social, que atinxe ás súas relacións. É dicir, non se referencia a necesidade da existencia dalgún deus para que unha relixión poida ser tal. Porén, cando se fala dunha relación non-teísta, faise referencia a que no núcleo principal das súas escrituras canónicas non se fai referencia a ningún culto a deidades. No budismo, estas ensinanzas céntranse en códigos de conducta morais e guías espirituais enfocadas ao crecemento do ser humano. Non hai deus de por medio.

Pero entón, por que máis ou menos? Porque aínda non tendo un papel relevante no núcleo das súas ensinanzas, o budismo non nega a “existencia” de deuses como tales. Son os chamados Devas –en Pali–. Buda consideraba que estes non xogaban un papel primordial na creación do Universo. As súas ensinanzas (o Dharma) están orientadas a entender as causas do sufrimento humano (Dukkha) e atopar claves e métodos para alivialo. Sen deus creador de por medio. De feito, aínda que se recoñeza a existencia destes deuses, para o budismo son seres que seguen atrapados no ciclo de renacementos (Samsara), non conseguiron acadar un estado tan sublime como o Nirvana, acadado por Siddartha Gautama o Buda. A idea do deus creador, pois, está asociada nesta relixión como unha falsa idea de eternidade e, polo tanto, como un elemento xerador de sufrimento. Todos os termos budistas que menciono neste apartado teñen moita bibliografía que os explica máis detidamente. Un libro que podes consultar a este respecto é o de Buddhadasa Bhikkhu: Keys to Natural Truth. 

budismo
Representacións dos Devas na entrada do templo Wat Pha Lat de Chiang Mai, Tailandia

3. NA INDIA, ONDE NACIU, O BUDISMO É RESIDUAL

Expliquemos este punto. Buda naceu no que actualmente é a fronteira de Nepal coa India. Desde a súa iluminación, Buda dedicou a súa existencia a transmitir o Dharma, as ensinanzas para chegar a comprender o sufrimento e aplacalo a través da Iluminación –representada por unha serie de piares fundamentais recollidos no Canon Pali e nos que o budismo basa a súa práctica–. Isto levouno por moitos lugares no norte do subcontinente indio. 

Naquel momento –século V a.C.– o seu punto de vista foi moi revolucionario porque cuestionou moitos dos principios e rituais que substentaban o brahmanismo imperante dentro do hinduísmo. Pero co paso do tempo o budismo foi perdendo forza no subcontinente indio. A pesar de ser unha relixión moi respectada no país, o certo é que actualmente tan só o 1,2 % da poboación india é budista. Isto ten varias explicacións, pero probablemente a máis importante é a influencia dunha relixión que ten as súas raíces moito máis profundamente enterradas nesta sociedade tan estratificada: o hinduísmo. A pesar da revolución que supuxo o budismo, o sistema de castas hindú e a influencia dos brahmanas na sociedade foi sempre aplastante. 

Temos que ser conscientes de que o hinduísmo como conxunto de diferentes escolas relixiosas de orixe védico remóntase milenios no tempo e esta antigüidade é un dos factores polos cales está tan sumamente asimilada como parte da existencia de centos de millóns de persoas.

4. OS MONXES NON TEÑEN QUE SER VEXETARIANOS

A pesar de que unha das ensinanzas principais do Buda foi a de non provocar sufrimento ou morte a ningún ser vivinte, parece que isto non chegou a calar fondo na Sangha, é dicir, na comunidade de discípulos do Buda. Os budistas non poden causar sufrimento, pero tamén é certo que os monxes teñen que mendigar polos seus alimentos e, tal e como nos explicou un monxe theravanda do templo de Wat Suan Dok “un monxe non pode rexeitar un alimento que lle está sendo ofrecido desinteresadamente por outra persoa, ten que aceptalo e agradecelo, aínda que sexa carne”. Sen dúbida nos atopamos aquí con puntos de vista contraditorios.

O propio Buda morreu por unha intoxicación alimentaria provocada por unha carne de porco en mal estado coa que foi obsequiado. Conta a lenda que el mesmo sabía que esa carne estaba en mal estado pero que, lonxe de rexeitar a doazón que lle estaban a facer, comeuna con completa cortesía, sabendo que era a súa hora, e suxeriulle ao home que non a repartira entre o resto de monxes e a enterrara no seu xardín.

É certo que moitas ramas desta relixión si son máis estritas coa dieta. O budismo mahayana considera o feito de comer carne como un acto de crueldade, polo que eloxia como virtude o feito de evitar o seu consumo. Así, moitos monxes de diversas correntes toman o voto vexetariano, pero o certo é que non todos o fan e non é, en absoluto, obrigatorio.

budismo
Nin os monxes nin os denominados laicos teñen a obriga de seguir unha dieta vexetariana

5. EXISTIRON E EXISTIRÁN MÁIS BUDAS

Si, liches ben. Buda non só é o Buda que todos coñecemos. Existiron Budas antes de Siddhartha. En concreto crese que 27. E é que a palabra Buda en pali sánscrito significa algo así como “iluminado” ou “intelixente”

Mesmo existe a crenza dentro do budismo de que no futuro aparecerá un novo Buda, o Buda Maitreya. Hai quen pensa que este Buda xa existiu, o monxe Budai ou Hotai. Probablemente por este nome non che soe, pero se che digo o “Buda Feliz”, ao mellor venche á mente a imaxe dun monxe recheo cun sorriso infinito. Este sabio monxe é venerado actualmente polo budismo chinés e o budismo zen e é considerado por moitos como o Buda Maitreya. El mesmo escribiu no seu leito de morte un texto que foi interpretado como un xeito de autoidentificación con esa nova encarnación de Buda.

IMPORTANTE! Non hai que confundir os renacementos de Buda cos do Dalai Lama. Mentres que Budas existiron 28-29 desde hai moitos kalpas –término sánscrito para o tempo que equivale ao eón e dura entre 16 e 320 millóns de anos–, os renacementos do Dalai Lama foron 14 en 629 anos. Considérase que o Dalai Lama –xefe do budismo tibetano– é a reencarnación dun Buda, pero non de Siddhartha Gautama, o vixésimo oitavo; senón de Avalokiteśvara ou o buda da compaixón, un dos seres máis venerados pola rama tibetana do budismo

Moitas son as cousas que estamos a aprender e experimentar por nós mesmos nesta viaxe sobre o budismo, pero moitas máis son as que un pode aprender a través da lectura de múltiples libros. Déixoche por aquí unha lista de varios libros sobre a vida de Buda e sobre o budismo que me inspiraron e que creo que poden ser útiles para comprender os principios básicos desta milenaria relixión.  


1 Comment

TRES DÍAS NUN RETIRO DE MEDITACIÓN EN TAILANDIA | TOXÍO · 29/03/2020 at 6:16 p.m.

[…] Sobre isto do vexetarianismo no budismo falamos máis en detalle nun artigo que publicamos sobre Cinco cousas sobre o budismo que quizáis non sabías. Pero o único que vou destacar aquí é que a primeira norma que nos indicaron foi “non matar […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

SUBSCRIPCIÓN SEMANAL GRATUÍTABoletín de novas de TOXÍO

Déixanos o teu mail se queres que che contemos as nosas aventuras!