Ao longo da nosa vida foron moitas as veces que escoitamos iso de facer un “retiro espiritual” pero, en que consiste realmente? Hoxe imos contar neste artigo en que consiste e como vivimos nós un retiro de meditación vipassana (que significa, literalmente, ver as cousas como son) nun centro de meditación dun templo budista no norte de Tailandia. Alí vivimos en silencio, renunciando ás comodidades da nosa vida diaria (nada de aparellos electrónicos, nada de empregar camas, nin xoias…) e intentando desapegarnos de necesidades vitais como o acto de comer. Comer comíamos, obviamente, pero con atención plena, tan só para nutrirnos e facer funcionar o corpo e a última comida sólida do día era ás 11 da mañá. No meu caso era tamén a última comida líquida, xa que desde as 11 da mañá dun día ata as 7 e media do día seguinte non inxería nada máis que auga. Pero realmente “pódense” tomar tamén cousas non sólidas como té, iogures ou leite.

Nós decidimos facer o retiro no templo do Wat Umong, ás aforas da cidade de Chiang Mai, no norte de Tailandia. Esta cidade é coñecida polos seus retiros de meditación e polos seus templos (ten máis de 300) así que é moita a oferta que aquí hai. Nós decidímonos por Wat Umong por moitas razóns que agora paso a detallar, pero eu non o volvería a facer alí. Se non che interesan as razóns, sáltate o seguinte apartado e vai directamente ás normas e ao funcionamento do retiro!

Información de Wat Umong

Facebook: Meditation Center Wat Umong
E-mail: umongmedcenter@yahoo.es

Motivos que nos levaron a facer o noso retiro en Wat Umong:

Estaba dispoñible. No primeiro templo que preguntamos (Wat Phra That Doi Suthep, no alto da montaña) tiñan unha lista de espera de máis de medio mes. Neste contexto, atopar un retiro no que podes entrar o mesmo día que decides facelo é un punto moi a favor. Se na túa viaxe desexas incluír un retiro, mírao con tempo se queres ter acceso a toda a oferta que hai.

– Tiña un prezo accesible. É certo que hai moitos retiros que se poden facer de maneira gratuíta (como o mencionado arriba Wat Phra That Doi Suthep) aínda que, obviamente, agradecen doazóns. Estas doazóns serven tanto para contribuír á conservación do templo e á vida dos seus monxes como para cubrir os gastos da xente que alí vai meditar, coma nós. Pero non tes obriga de deixala. Sen embargo, en Wat Umong tes que pagar 250 bahts diarios (uns 7’90€). Prezo máis que xusto xa que nos atopabamos en pensión completa: comida, bebidas 24h., aloxamento, espazos comúns, biblioteca á nosa disposición e incluso mestre de meditación.

– O templo é moi máxico e está rodeado de natureza. Trátase dun templo escuro feito cova coas luces perfectas. E tanto este como o centro de meditación se atopan dentro dun recinto bastante natural, aínda que con moitos edificios relacionados (tenda, biblioteca, museo, dormitorios do centro, casas dos monxes…). Sen embargo, a uns 10 minutos andando do centro de meditación podes entrar na profundidade do monte onde hai algúns pequenos altares e varias ruínas. Alí fomos meditar un día tendo a sorte de atoparnos con cervos libres. Maxia.

– É doado chegar en coche. Así puidemos levar con nós as nosas maletas. Aínda que hai moitos hoteis que se ofrecen a quedarche con elas mentres vas ao retiro. Este punto é importante se tes en conta o acceso ao xa máis que repetido templo de Wat Phra That Doi Sutep, cuxo centro de meditación require unha pequena andaina e moitas escaleiras.

Motivos polos que eu non o volvería facer un retiro neste templo:

Antes de nada quero puntualizar que non me arrepinto de ter feito o retiro en Wat Umong e que, se non houbese máis centros de meditación dispoñibles, volvería a facer un retiro alí. Porén, podendo elixir entre varios (como é o caso nesta zona) non o volvería facer neste lugar. Sen embargo, paréceme un retiro moi recomendado especialmente para xente que se enfronta ao seu primeiro retiro ou non está moi versado en meditación e illamento, xa que as normas son un tanto laxas. Pero sobre isto entrarei máis en detalle abaixo. Agora vou enumerar os contras que eu lle atopo a este centro:

– Está preto do aeroporto. Moi preto. Asegúroche que nunca escoitara tan claramente os motores dun avión sen estar dentro del (e iso que vivín a escasos quilómetros do Aeroporto de Alvedro). Non é que eu, como amante dos avións, atopase especialmente molesto o ruído pero debo dicir que lle quitaba maxia ao entorno.

– Ten unha pequena estrada xusto diante das zonas de bebidas e biblioteca. E aínda que non está moi transitada (utilízaa principalmente aquela xente que chega en coche ao templo) réstalle bastante encanto. Xa que aínda non sendo o máis turístico de Chiang Mai, son moitas as persoas que se achegan diariamente a Wat Umong. Como nós fixéramos a semana anterior ao noso retiro e visita que recomendamos encarecidamente se te pasas por esta cidade.

– Os monxes non dan demasiada luz. Explícome. Obviamente cando unha vai meditar durante moitas horas (ou tan só durante uns minutos) debe saber que a única que pode lidar coa súa mente é ela mesma. Sen embargo, como un mestre nos contou nunha sesión de meditación noutro templo a súa función debería ser iluminar o camiño cunha lanterna: guiar. Aínda que o camiño o ten que andar cada unha. Pinchando aquí podes chegar a un artigo no que che recomendamos asistir a esa sesión. A vida e a maneira de afrontala non é algo que se poida aprender de alguén, é algo que se ten que camiñar en primeira persoa. Pero sempre hai axudas e consellos que veñen ben. Si que é certo que o noso mestre nos axudou un pouco pero foi un traballo moi persoal (que agradecín e me facía falta). Sen embargo, se volvese a facer un retiro gustaríame ter un guía que tivese máis luz e ganas de compartila para facer a experiencia moito máis plena.

– A comida non era exclusivamente vexetariana. Unha contradición en termos das máis grandes que eu creo que arrastra algunha das ramas do budismo (que non todas, por sorte). Sobre isto do vexetarianismo no budismo falamos máis en detalle nun artigo que publicamos sobre Cinco cousas sobre o budismo que quizáis non sabías. Pero o único que vou destacar aquí é que a primeira norma que nos indicaron foi “non matar animais” e, sen embargo, podía ver os seus cadáveres en cada comida. Obviamente, había tamén opción vegana e non tiven ningún problema para comer. No que si tiven problema foi na tenda na que se podían mercar iogures, xa que todos eran de leite de vaca. Pero, como dixen ao comezo do artigo, eu non inxería nada que non fose auga de 12 da mañá a 7:30 da mañá, así que tampouco supuxo un agravio para min. De todos modos, cando volva a facer un retiro deste estilo faríao nun centro no que non matasen animais para alimentarse, que son moitos os que seguen esta idea de bondade para cos animais tamén.

E despois de explicar tan en detalle que lugar eliximos, por que e porque non o volvería escoller, paso a detallar as normas, o noso horario e as actividades que realizabamos cada día. E entro en detalle para contar persoalmente como me afectou e me fixo reflexionar cada unha desas horas, xa que nada foi en vano. Absolutamente todo é importante cando tes atención plena e, como xa dixemos no noso retiro máxico na granxa orgánica das montañas, cando estás en silencio a vida soa máis forte!

NORMAS NO RETIRO

– Non danar animais. A primeira norma que nos deron e a primeira deste retiro que non se cumpría. Obviamente para min, como persoa vegana (ou sexa, persoa que non emprega ningún produto de orixe animal) foi o pan de cada día. A vida é moito mellor desde que vivo poñendo atención plena ao meu consumo deixando os animais fóra do meu prato, sen maltratalos para poder ir limpa e sen vestir cachos destes seres.

– Non inxerir alimentos sólidos despois das 12 da mañá. Debo admitir que esta norma era a que máis medo me daba e na que máis me centrei en traballar. Tamén a parte da miña mente que máis desexaba controlar. E podo dicir con orgullo que funcionou. O noso corpo está preparado perfectamente para aguantar sen comer todas esas horas (sobre todo en situación de repouso e meditación continua na que te atopas nun retiro). E, a pesar de que non é algo que eu vaia facer no meu día a día, é algo que está ben saber que se pode controlar. Somos moitas as que contamos o feito de comer como un dos maiores praceres da vida (e eu non teño ningún interese en que deixe de selo para min) pero ao mesmo tempo somos moitas tamén as que traducimos sensacións de ansiedade, aburrimento ou simple gula en condutas coa comida que notamos que non son de todo saudables. Eu véxome nesa situación moitas veces. Nas que sei que algo me vai sentar mal, que non é bo para min, pero o acabo comendo igual pola pura ansiedade de comer. E o mesmiño con comer en exceso, no que eu son profesional.

Por iso, o feito de que a miña última comida do día fose ás 12 da mañá e saber que non ía poder comer ata ás 7 e media da mañá seguinte (e iso que me levantaba ás 5 e media da mañá) foi o feito que máis me custou afrontar. E debo dicir que no que peor o pasei. Pero o máis triste é que non por fame. E iso lévanos ao que a min me leva a tomar a meditación tan en serio e a vivir este tipo de experiencias: a mente é asombrosa. Non tiven fame. Pasei horas e horas sen comer e non tiven fame. Pero paseino moi mal xusto antes de comer e ao acabar de comer, porque a miña mente estaba dicindo todo o cacho “iso non che vai chegar”, “vas ter fame”, “valo pasar mal”, “non vas aguantar sen comida”, “case non hai comida vegana”, “non comestes ningunha legume”, e así en bucle soando a miña mente facéndome ter medo de toda a fame que hipoteticamente ía ter. Sentíndome angustiada e con medo. Enchéndome de inseguridades e intentado que fose buscar comida (que, obviamente, sempre o podes facer xa que non é unha prisión e as normas son para cumprilas voluntariamente). Pero, a realidade foi que nunca cheguei a ter fame. Non moita. Porque unha pouquiña o primeiro día ao levantarme teño que admitir que si que tiven! Nin sequera me deixou concentrarme na miña meditación de primeira hora. Pero despois de saír de meditar, púxenme a varrer e para cando cheguei á miña mesa almorzar xa non tiña ese desexo de comer chea de fame, se non que xa relaxara esa sensación e puiden desfrutar do meu almorzo con calma.

O escenario e proceso de comidas foi dos meus puntos favoritos do retiro. Cando soaba a campá dirixíamonos todos ao comedor. O comedor era unha sala de meditación normal: un gran espazo baleiro cun Buda ao fondo. Na esquina había un montón de mesas baixas individuais despregables e coxíns que colocabamos no chan de maneira ordenada para que cada unha tomase o seu asento. Tamén se repartía un papel cun cántico (as miñas letras favoritas que agora explicarei) e quedábamonos léndoo un anaco en silencio cada unha no seu sitio. Ás veces viña o monxe sentarse diante do Buda e cantalo na lingua orixinal do Budismo, o pali. O cántico traía unha importante reflexión. Facíache ser moi consciente da comida e do que ías realizar antes de ter sequera o teu alimento cerca. Recordábache que o almorzo ou o xantar era iso, hora de alimentarse! Moitas veces comemos por inercia ou por gusto e non pensamos no importante que é nutrir de maneira adecuada o noso corpo. Nin tampouco somos capaces de controlar a cantidade de alimento que o noso corpo necesita. A idea disto é desterrar a vella sensación de fame. O feito de tomar uns minutos para reflexionar sobre isto antes de cada comida a min axudoume moitísimo a aproveitar e sentirme afortunada por cada bocado. E agradecida con como decido coidar o meu corpo, que é o meu gran obxectivo para este ano. Pois cheguei á conclusión que cada día que non coide o meu corpo é un día máis que non o poderei coidar!

Despois de deixar os papeis na estantería do fondo, dispoñémonos a achegarnos ao edificio de enfronte onde está agardando a nosa comida. Imos en fila silenciosa e con orde. Collo unha bandexa. Sírvome arroz. En Asia absolutamente sempre hai arroz en cada comida. E sírvome o que sexa que houbese ese día de opción vegana, que normalmente serán verduras sen máis. Volvo ao meu sitio. Miro ben a miña comida. E desfruto en silencio do que teño ante min, ata sentirme saciada.

– Non fumar, nin beber, nin drogarte. Está moi relacionado con que unha só se alimenta para cubrir unha necesidade humana básica, para nutrirse. Pero non para desfrutar, nin intoxicarse nin nada polo estilo.

Debes ter boa saúde, tanto física como mental.

– Debes ter fe na práctica da meditación. Tomalo un pouco en serio, vamos.

– Debes querer adaptarte a un novo ambiente.

– Por favor, actúa de boa e educada maneira. Creo que estas tres últimas normas se encerran nunha soa: sé respectuoso. Con todos. Co que están compartindo contigo, coa práctica que ti te prestaches a realizar. Coa xente que está o teu redor. E contigo, que por algún motivo te metiches neste sarao. Non te esquezas de por que e respecta absolutamente todo.

– Debes obedecer e seguir as instrucións dos monxes. Isto eu tamén creo que está conectado con todo o anterior e cun grao de convivencia mínimo: non vas á casa de ninguén a dicirlle como ten que facer as cousas. Polo tanto, cando unha está nun centro de meditación ou nun templo debe seguir as indicacións dos responsables do lugar.

– Vestir de branco. Fácil e cómodo. Todos íamos iguais, con roupas frouxas e brancas. Moi cómodas, debo engadir.

Se non contas con roupa branca frouxa podes mercala (350 bahts) ou alugala (200 bahts) no propio centro cando te inscribes.

O meu uniforme para este retiro, que aluguei no propio centro

– Debes estar preparada para vivir de maneira modesta respectuosamente. É dicir, prescindir de comodidades. Por exemplo, non tiñamos camas, durmíamos nunha especie de colchoneta no chan, cunha sábana nunha habitación moi pequena. Esta tamén está relacionada coa seguinte norma.

A miña habitación durante estes tres días no edificio de mulleres

– Non levar xoias, nin maquillarse nin realizar nada para pretender embelecerse. O ego debe desaparecer e con el todas aquelas posesións que cremos que definen á nosa persoa e as nosas ganas de engrandecer este corpo que utilizamos neste mundo. Isto segundo a teoría budista, claro, que eu teño unha maneira moi diferente de pensar. Sen embargo, ter que quitar o piercing do nariz co que me levo identificando tanto nos últimos tempos ou achegarte ao espello a primeira hora lavar a cara e saber que peitéeste como o fagas non o debes facer desde o punto de vista visual, tan só buscar comodidade, foi un traballo moi bo. Aínda que collendo a porta xa volvía a ter iso co que me sinto cómoda na miña pel, creo que é importante sentirse así tamén sen el.

– Por favor, mantente sempre en silencio e manter en control calmado o teu corpo e a túa mente. Esta norma funcionou un pouco máis ou menos entre a xente que se atopaba no retiro. Especialmente unhas señoras que chegaron o día que nós marchabamos parecía que estaban de campamento de verán. Pero é certo que en xeral o silencio era continuo e a comunicación interpersoal case nula. E isto é moi importante cando pretendes rebeirar na túa mente. Reducir os estímulos exteriores ao mínimo, evitar que os seres humanos que che rodean reciban a túa atención. Non pensar en que lle vas dicir a outras persoas. Vivir plena e continuamente só en ti. Ou prestar atención a aquelas cousas que normalmente pasarían desapercibidas. Prometo que sei como cantan todos e cada un dos animais que se atopan arredor do centro! Tamén é certo que, especialmente ao final do día despois da última meditación e antes de ir para a cama, me paraba a compartir unha pequena conversa con Ser. Entre murmurios, calmada e sobre temas de relevancia.

En canto ao control do corpo foi todo un reto para min, que ando sempre chea de enerxía e saltando pola vida, pero tamén foi inercia no contexto que estabamos vivindo. Pois non tería moito sentido estar vivindo un retiro de meditación vipassana e ir correndo dun lado para outro para chegar ás salas, non? A atención plena fai que o corpo funcione máis calmado en si, que camiñes máis lento prestando atención a cada liña do chan, a cada bicho que se move, a cada paso que das… E, por extensión, a mente tamén.

– Non ter actividade sexual nin palabras de cariño cos demais. Isto está relacionado coa idea do desapego dos praceres terrenais. Tamén coa idea de que todo o importante está dentro dun mesmo, nunca dos que nos rodean. Na medida na que un desexo non controla a túa mente es libre de controlala ao teu antollo.

– Non empregar o teléfono móbil ou outros aparellos electrónicos. Culpable! Pero só un pouquiño eh! As fotos que podes ver aquí nas que estamos meditando son de pega. Obviamente, non empregamos o móbil cando estabamos en prácticas reais. O que fixemos foi ir á sala de meditación despois de rematar o retiro e antes de cambiarnos para poder ter as fotografías para o recordo e para poder poñer neste artigo tamén. Sen embargo, eu teño que admitir que un día que fun ler ao monte tamén levei o móbil para facer un par de fotos eu soa. E atopeime con estas preciosidades que ves na foto. Ademais, eu empregaba o móbil como alarma tamén. Así que, é certo que empreguei teléfono pero creo que de maneira moi medida e, na miña opinión, adecuada. Aínda que, non é escusa, rompín esta norma.

– Le os libros que o centro facilita. Ler libros sobre o tema axuda a meterse moitísimo máis profundamente en todo o que che rodea, na atención plena, nas teorías do budismo e no control da mente. Durante o retiro collín na biblioteca do centro de meditación o libro de Keys to Natural Truth, de Buddhadasa Bhikkhu que me acabei neses días. Lectura moi interesante para acompañar todas esas horas de silencio e pensamentos indo e vindo.

– Se tes algo urxente que atender fóra do centro, informa antes de abandonalo. Como é lóxico, un está dentro do centro de meditación de maneira voluntaria e, aínda que se pide teoricamente unha estancia mínima de tres días (e máxima de 15 neste centro), unha pode abandonar o centro cando o necesite se así o considera. Iso si, debería avisar a alguén de que o fai.

Desta experiencia, como de cada día desta gran viaxe, sigo interiorizando aprendizaxe, pero intento compartir contigo os puntos salientables. Despois de dous meses en Tailandia estabamos convencidos de que non queríamos abandonar o país sen vivir isto. E menos mal. Viaxar é unha pasada. É dinamismo. É velocidade embriagadora. Pero ao mesmo tempo estamos convencidos de que hai que saber parar. Respirar. Moi profundo. Moi dentro.

En canto ao potencial atrape que se pode sentir nestas circunstancias (que pode ser o que de entrada free máis á hora de animarse a facer un retiro) debo dicir que eu, por sorte, non o vivín. Tamén é certo que o retiro que eu vivín foi breve e, repito, con moitas cousas que facer. Lin sobre algún no que se medita unhas 16 horas diarias e non se permite ler nin facer ningunha outra cousa. Así que supoño que cada retiro é diferente, como cada persoa ou cada momento concreto da vida. Pero tamén sei que estas cousas unha vez se deciden facer son moito máis fáciles do que desde fóra parecen.

E con dicirche que me gustaría facer un retiro deste estilo mínimo unha vez ao ano supoño que podes entrever o moito ben que me fixo. Son das que cre que precisamos tempo para buscar dentro de nós moitas respostas e practico co exemplo tan a miúdo como podo. Sen embargo, deixar completamente acotadas unhas 72 horas para estar soa, en silencio, rebeirando dentro de ti (mentres que todos os humanos que che rodean fan o mesmo) é unha auténtica pasada. Déixache ver cousas que nunca viras. Ou aquelas das que te estabas a esquecer. Déixache xogar moito cos teus límites e coas túas necesidades, deixándoche entender que no fondo non tes tantas como cres. E tamén dá a impresión de que non se precisa disciplina, xa que todo isto é case inercia. O que fan as compañías e o contexto! Por iso non cheguei a agobiarme nin me resultou complicado facer as prácticas, a pesar de que antes de chegar a Tailandia non era capaz de meditar máis de dez minutos seguidos. Nestas 72 horas, paseime 12 meditando. Tamén digo que cando non me centraba ou non me sentía cómoda meditando, levantábame e ía pasear! Cada unha faise a terapia como lle resulte máis cómodo!

Simplificar a vida é vital. Tanto como respirar. E tamén é preciso entender aquilo de que o único que permanece é o cambio.


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.