O Desembarco de Normandía foi o inicio da Operación Overlord. O obxectivo desta era liberar Francia da Ocupación Nazi e, por extensión, o resto de Europa. Grazas a isto, podemos dicir que o Desembarco de Normandía foi algo así como o comezo do fin da Segunda Guerra Mundial. E, por suposto, do III Reich.

O nome clave do Desembarco é Operación Neptuno.

desembarco de Normandía
National Archives and Records Administration. Department of Defense. Department of the Army. Office of the Deputy Chief of Staff for Operations. U.S. Army Audiovisual Center

Un pouquiño de contexto histórico

Estamos en 1944 e os nazis, con Hitler ao mando, teñen conquistada a maior parte da Europa continental. Entre este territorio ocupado, atópase Francia.

No outro lado, no fronte oriental, os nazis exercen presión sobre a Unión Soviética no seu afán expansionista e Stalin presiona ao resto de aliados para que abran un fronte na Europa Occidental tamén.

A finais de 1943, reúnense en Teherán Stalin, Roosevelt e Churchill, os dirixentes da Unión Soviética, Estados Unidos e Reino Unido, respectivamente. Nesta Conferencia de Teherán, entre outros asuntos, decídese que a Operación Overlord teña lugar na primavera de 1944.

Quen levou a cabo o Desembarco de Normandía?

Tras decidirse nesta conferencia, parte das forzas aliadas son as que protagonizaron o Desembarco de Normandía. Resúmese de maneira sinxela como Reino Unido, Canadá e Estados Unidos. Son as bandeiras destes países as que podes ver ondear orgullosas en calquera situación relacionada con este tema.

Porén, no Desembarco loitou moita xente de moitas esquinas do planeta. Iso si, especialmente debido a que os países protagonistas eran potencias colonizadoras. Polo cal, o resto do planeta sucumbiu á sorte de Europa.

Tamén formaron parte activa do Desembarco combatentes da Francia Libre e polacos exiliados.

Iso si, a práctica totalidade destes soldados estaban baixo o mando británico.

Comandando a operación estaba o xeral estadounidense Eisenhower, que nove anos despois se convertería en Presidente dos Estados Unidos.

Que se pretendía con esta operación?

Ao longo da Segunda Guerra Mundial foron moitas as tentativas das forzas aliadas de penetrar no territorio ocupado, sen éxito. A idea desta operación era atacar con máis forza que nunca, cos esforzos aunados. Desta maneira, lograr poñer fin ao III Reich e liberar Europa do nazismo.

Cando aconteceu o Desembarco de Normandía?

Na madrugada do día 6 de xuño de 1944. Aínda que fora planeado para ter lugar o día anterior, pero o mal tempo fixo que iso fose imposible, tendo que ser posposto á mañá seguinte.

Este día é coñecido como D-Day (Día-D en galego e J-Jour en francés).

Onde tivo lugar o Desembarco de Normandía?

A resposta parece obvia, non si? En Normandía.

Elixíronse as praias de Normandía que recibiron os nomes en clave de Utah, Omaha, Gold, Juno e Sword. Nomes que conservan a día de hoxe.

Porén, imos profundizar un chisquiño máis nisto, xa que elixir esta localización foi algo realmente complexo e as estratexias son importantes nesta historia.

Muro Atlántico

Como comentabamos antes, a practica totalidade da Europa continental está en mans dos nazis. O Muro Atlántico son todas as defensas da costa que se alzan desde a fronteira con España ata o norte de Noruega.

Polo cal, para saber onde atacar debe buscarse un punto débil nese entramado defensivo, á par que accesible para os milleiros de soldados e material que se pretende transportar.

Certo é que o Muro Atlántico non está tan defendido como se argallou nun principio por falta de recursos.

Operación Bodyguard

Esta foi a brillante operación que os aliados levaron a cabo para enganar aos nazis e facer que reforzasen outras áreas do muro e alonxar a súa atención das praias normandas. Trátase do maior engano militar da historia.

Esta Operación Bodyguard consistiu en facerlle crear aos nazis que a invasión tería lugar máis tarde e tamén en lugares diferentes, entre eles Calais.

mapa operación bodyguard desembarco normandia
ErrantX, CC BY-SA 3.0, CC via Wikimedia Commons

Calais é a parte máis estreita do Canal da Mancha. É onde, a día de hoxe, se atopa o Eurotunnel que une Francia e Gran Bretaña. Esta elección era extremadamente obvia e tamén era onde mellor defendido estaba o muro Atlántico. Porén, de forma sutil, fíxose crer que aí era onde ían atacar.

Fixéronse retransmisións de radio para filtrar esta información, movéronse centos de soldados preto das costas de Calais e realizáronse voos de recoñecemento ao longo de todo o Muro Atlántico.

Tamén decidiron manter ao xeral Patton (un dos mandos máis temidos polos alemáns) en Inglaterra ata un mes despois do Desembarco para facerlles crer aos nazis que habería unha segunda ofensiva moito máis forte. Incluso crearon tanques inchables e avións de madeira para que nos seus recoñecementos os alemáns visen un exército tremendo.

tanque inchable operacion bodyguard
National Archives and Records Administration. Department of Defense. Department of the Army. Office of the Deputy Chief of Staff for Operations. U.S. Army Audiovisual Center

En resposta, os alemáns fortificaron a zona de Calais máis aínda e preparáronse para unha batalla aí, créndose con vantaxe.

Que pasou realmente o D-Day?

O Día D, máis de 170.000 soldados de todo o mundo cruzaron o Canal da Mancha desde Gran Bretaña a Francia, para liberala da ocupación nazi.

Estamos falando da maior invasión anfibia da historia. Isto é, chegar en barcos, pero atacar por terra. Tendo que baixar tanto os soldados como os seus tanques e demais útiles necesarios. Armas, combustible, comida…

Miles de soldados saíndo de miles de barcazas de guerra nunha costa chea de minas e outros artefactos defensivos na praia. Ademais de baterías militares, niños de ametralladoras e soldados nazis esperando.

Os aliados conseguiron desembarcar e os nazis foron replegándose cara o leste. Pouco a pouco, as forzas aliadas foron liberando os terreos ocupados (así como os campos de concentración). No flanco oriental, o exército roxo facía o mesmo.

Porén, isto non foi sen pagar un alto prezo. Tanto en soldados, como en civís e, como podes esperar, tamén en danos materiais e ambientais.

O día do Desembarco de Normandía, foron 8.500 os soldados aliados que morreron, foron capturados ou desapareceron en combate.


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

2 comentarios

Un premio para seguir medrando | Premios Youtubeiras 2022 · 30/01/2023 ás 10:14 p.m.

[…] lado, continuamos coa nosa inmersión nas diferentes historias da II Guerra Mundial, como a do Desembarco de Normandía. Trantando de achegar unha perspectiva máis humana do que supuxo este gran conflito para unha […]

KIA CARNIVAL CAMPER, PASO A PASO: SEAIA - TOXÍO · 24/03/2023 ás 2:15 p.m.

[…] Se queres ver como foron, deixámosche por aquí unha lista coas nosas aventuras por Bretaña, Normandía e París. […]

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.