Vimos dun ano moi intenso. A nivel vital, creativo e existencial. 

Comezamos 2022 reflexionando sobre os cambios e a incertidume xerada nos últimos anos, pero reafirmando a nosa intención de seguir creando. Desde a emoción e a paixón. Cos dereitos humanos por bandeira. E cremos que, cando creas desde o corazón, con valores, ideas e coa alma afinando a túa voz, isto nótase.

Un 2022 creativo e intenso

Ese ano 2022 tiñamos en mente viaxar a Francia nunha furgoneta que queriamos camperizar nós desde cero. Descubrindo lugares e falando de realidades que quixesen ser contadas. Así, levámoste con nós primeiro nese proceso de camperización de Seaia, un novo membro de TOXÍO que, sen lugar a dúbidas, nos permitiu chegar a lugares que, doutro xeito, non teríamos chegado así.

Nesa viaxe de 37 días por Francia, puidemos traballar sobre as liñas que nos moven e coas que queremos continuar. Por un lado, puidemos falar de realidades lingüísticas como a do Bretón, unha lingua en serio perigo de desaparición. Nese contexto, entrevistamos a Juna e Jeanne, xornalistas de Radio Bro Gwened en Pondi, que nos achegaron ao día día dunha lingua que leva séculos oprimida polo centralismo do Goberno francés.

Por outro lado, continuamos coa nosa inmersión nas diferentes historias da II Guerra Mundial, como a do Desembarco de Normandía. Tratando de achegar unha perspectiva máis humana do que supuxo este gran conflito para unha xeración enteira de persoas novas. Persoas que viron truncada unha vida que apenas chegaba aos 20 anos por un conflito creado por persoas con intereses completamente alonxados da fronte. Os verdadeiros perdedores da Segunda Guerra Mundial.

Nese sentido, tamén nos paramos a reflexionar sobre a cara que París ensina ao mundo. Efectivamente, é unha das cidades obxectivamente máis fermosas do continente. E, a nivel cultural, cunha riqueza inigualable. Pero, parámonos a pensar a que prezo? A base de que construíu Francia o seu relato? A súa riqueza cultural e material? Na nosa viaxe a París, parámonos a pensar nas implicacións do colonialismo francés, o imperialismo e o papel que esta potencia Europea xogou nos últimos séculos.

Así, 2022 construíuse para nós, como dixemos, desde unha perspectiva ética e tendo os dereitos humanos como bandeira. Neste camiño, tivemos a sorte de poder compartir este xeito de viaxar nunhas xornadas viaxeiras organizadas en Vigo polas compañeiras de GaliciaTB. Alí puidemos expoñer a nosa visión das viaxes, desde a ética e o respecto polos dereitos humanos e dos animais non humanos.

E, obviamente, neste ano, tamén houbo tempo para a viaxe máis pura. Descubrindo recunchos únicos en lugares como a Bretaña e coñecendo a persoas que fan deste mundo un lugar no que paga a pena perderse. Pensamos no noso amigo contacontos Samuel Allo, co cal puidemos compartir teito e historias ao carón da lareira. Historias das cales tes un cachiño neste vídeo de abaixo.

En definitiva, 2022 foi un ano especial e intenso. Pois tamén foi o ano no que decidimos facer da nosa paixón a nosa profesión e, en novembro, lanzamos o proxecto OCO Xeración de Contido. OCO nace de nós, como iniciativa de creación de contido (fotos, vídeos, redacción e xestión de redes) para empresas, asociacións e outros proxectos. 

E tras 2022… Chegou 2023! E fíxoo co mesmo ritmo. Comezou cunha viaxe en autocaravana polo sur de España. Na cal seguimos aprendendo do pasado e descubrindo o presente para, no futuro, poder seguir creando como nos gusta facelo.

Youtubeiras: TOXÍO premio canle 2022

E por todo este traballo do ano 2022 recibimos, o pasado sábado 29 de xaneiro, na Gala Youtubeiras en Carballo, o premio canle. E non podemos máis que sentir agradecemento a todas as persoas que, nalgún momento, dedicastes e dedicades unha parte do voso tempo a viaxar e descubrir con nós. Por isto, moitísimas moitísimas grazas.

Foto de Raúl López

Non queremos pechar estas liñas sen agradecer o apoio e o agarimo que sentimos o sábado, nunha gala intensa e complicada, ás persoas coas que compartimos espazos e emocións. Grazas, Nee, Éric e Laura polos vosos proxectos, pola vosa forza e por transmitir unha mensaxe clara. Os dereitos trans son dereitos humanos e, os dereitos humanos, non son negociables nin opinables.

Esperamos contar contigo neste 2023 e, aínda que non podemos prometer moitísimo contido, o que veña, será para seguir construíndo este proxecto sobre a base que xa ten. Seguimos!

A nosa cariña acalorada despois de recibir o premio | Foto de Xiana Quintas (@xianaquintas)

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.