Cracovia é unha cidade cómoda, e iso é algo que notas nada máis pisala. É á vez acolledora e con centos de contrastes, cunha cultura propia que latexa a cada paso e cunha historia que non ten nada que envexar a outras grandes cidades europeas. De feito Cracovia foi a capital de Polonia desde o ano 1038 a 1596. Capital europea da cultura xusto no ano 2000, esta urbe do sur de Polonia ten segredos que paga a pena descubrir. Polas cales paga a pena botarse a voar.

Ponte Bernatek (Cracovia) en abril de 2018 | Sergio Casal ©

Tamén é certo que moitas persoas programan a súa viaxe a Cracovia por un motivo extra: a súa proximidade ao campo de concentración e exterminio nazi de Auschwitz. E é que con apenas unha hora e cuarto de traxecto en coche (algo máis en autobús) podemos realizar unha viaxe non sempre cómoda pero imprescindible polo tempo ata o escuro burato negro da ocupación xermana.

Auschwitz (nome alemán adaptado de Oświęcim, vila Polaca na cal está situado) é hoxe un museo – memorial dedicado non só ao recordo dos millóns de vítimas do exterminio nazi, senón tamén á concienciación e educación para que a humanidade non esqueza. Para que sexamos conscientes de que o ser humano é unha sorte de luces brancas e nítidas e sombras confusas e extremadamente violentas. Auschwitz é, baixo o ollo de quen o observa coa cómoda perspectiva dos anos, a maior testemuña do fracaso humano.

Frase de Santayana na entrada de Auschwitz | Sergio Casal ©

O paso por Auschwitz márcache. Deixas de ver esa incómoda realidade a través dunha pantalla en branco e negro, das letras dun libro. Xa non é unha historia que che contan ou que ves nun documental. É unha vía de tren que percorres, un camiño empedrado rodeado de aramada de espiño, un silencio sepulcral nun barracón unicamente roto polo crepitar da madeira vella ao teu paso. E ese aire cargado. Algo que non marcha nin marchará co paso dos anos porque está marcado a lume en cada ser humano. Auschwitz é algo do que non nos libraremos como especie porque é a proba da nosa debilidade como seres teoricamente racionais.

É ilustrativo neste sentido o relato do italiano Primo Levi, que foi tomado prisioneiro e levado con 23 anos ao campo de Auschwitz III – Monowitz, no cal permanecería ata a liberación soviética en 1945. No libro Se isto é un home o lector embárcase con Levi nunha viaxe cara as portas do inferno. É unha testemuña concisa e detallada do día a día na Buna, onde a supervivencia convértese nunha macabra mestura entre o azar e a completa submisión. Na perda da condición humana e individual e a súa substitución da identidade por un simple número dentro desa escravitude colectiva.

Cinco meses despois do noso retorno a casa tras visitar Cracovia compartimos con vós as nosas impresións a través deste vídeo no cal intentamos, a través da fotografía, narrarvos os sentimentos detrás da viaxe ao Fracaso Humano. Hoxe queremos compartir unha vez máis convosco estas fotografías e lembrarvos que, como seres humanos, a viaxe a Auschwitz é algo que todos deberiamos facer polo menos unha vez na vida. Pódencho contar nun blog, nun vídeo ou de palabra. Pero a leción de Auschwitz, o Fracaso Humano, paradoxicamente, hai que vivila.

Consello

Entrar en Auschwitz é de balde se tes pensado ir antes das 10 da mañá ou despois das 3 da tarde. É recomendable ir con tempo. Se prefires comprar o tour de tres horas e media con guía podes ober a entrada alí mesmo ou online por 55 zlotys (13 euros aproximadamente).


Sergio Casal

Son Sergio Casal, xornalista especializado en comunicación política. Apaixoado pola fotografía e a realidade política do mundo. Esta mestura vocacional e unha gran paixón por comunicar, enchen a miña mochila de cara a este proxecto con Nuria: TOXÍO.

2 comentarios

POLONIA: dereitos, activismo & historia | TOXÍO · 13/10/2019 ás 6:40 p.m.

[…] Falar de Polonia é para min falar de Dereitos Humanos. E do momento no que fallaron estrepitosamente. Os dereitos e a Humanidade en si. Auschwitz como icono e palabra que resume, unha crúa realidade en demasiados puntos do continente. Non vou profundizar demasiado aquí, porque xa o fixo Ser nun artigo previo de maneira superlativa. Non deixes de lelo pinchando sobre estas letras. […]

DESEMBARCO DE NORMANDÍA | SEGUNDA GUERRA MUNDIAL - TOXÍO · 07/11/2022 ás 5:42 p.m.

[…] cara o leste. Pouco a pouco, as forzas aliadas foron liberando os terreos ocupados (así como os campos de concentración). No flanco oriental, o exército roxo facía o […]

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.