Táboa de contidos
ToggleMoble camper para Kia Carnival
Hai anos que fantaseamos con camperizar unha furgoneta desde cero e lanzarnos a facer quilómetros. Desde que compramos Seaia (o noso Kia Carnival) en novembro do ano pasado, esa meta camper estivo cada vez máis preto.
Precisamente por isto, querémosche traer este artigo co paso a paso para montar un moble camper sinxelo, desde cero e con cero coñecementos de bricolaxe. Un moble para negados, vamos. A nosa medida para a madeira foi a dunha Kia Carnival do 2002. Comezamos!
MATERIAIS
→ Taboleiros de contrachapado de piñeiro de 18 milímetros
- Principal: 1 de 120 cm x 120 cm
- Avances: 2 de 120 cm x 35 cm
- Patas: 4 de 120 cm x 47 cm
→ Verniz incoloro para madeira de exteriores
→ Cola para madeira
→ Bisagra continua de piano
→ Tirafondos de ranura de cruz
- De 4 x 60 mm para fixar as patas
- De 4 x 30 mm para as bisagras
FERRAMENTAS
→ Parafusa eléctrica
→ Papel de lixa ou lixadora eléctrica
→ Rolo de espuma e pinceis
→ Broca con pala de 30 mm (opcional)
→ Caladora ou serra para madeira (opcional)
→ Tesoiras, alicates, metro, lapis e outras ferramentas de uso frecuente
PASO A PASO
O ideal antes de comezar o traballo é contar cun espazo ben acondicionado para poder traballar con todas as ferramentas. Iso, e moita paciencia, pois os prazos que levamos na cabeza sempre poden variar e o material co que chegamos ao noso “taller” pode non ser suficiente ou axeitado.
Consello: paciencia e xusta previsión
Esta ben prever todo o material e útiles que imos precisar, pero sen perder de vista que, probablemente, teñamos que dar varios paseos extras á ferraxería para adquirir novo material.
Unha vez temos todo o material e o espazo está listo, toca comezar:
– PASO 1: BURATOS. En primeiro lugar, de xeito opcional, podemos crear buratos no taboleiro principal. Deste xeito, reduciremos o peso final do moble e ofreceremos un extra de aireación ao moble. Para facer isto, teremos que fixar o taboleiro principal a unha mesa de traballo, banqueta ou o que consigamos e faremos os buracos coa broca de pala.
– PASO 2: LIXAR. Se optas por non facer os buratos, podes pasar directamente ao paso de lixar todas as pezas de madeira. Se tes unha lixadora eléctrica, fetén. Senón, terás que facer como nós e lixar con papel de lixa. Véndeno en calquera ferraxería. É importante lixar os buratos se os fas e alto os cantos e as imperfeccións da madeira. Este segundo punto, nós fixémolo bastante daquela maneira
– PASO 3: VERNIZAR. Agora toca vernizar todos os taboleiros. Fíxate moi ben en como se abre o bote de verniz. A nós levounos 30 minutos e a axuda dunha adulta funcional poder abrir o condenado. Desde aquí demandamos xa un tutorial sobre como abrir un bote de verniz. Unha vez consigamos isto, aplicaremos unha capa de verniz cun rolo de espuma a todas as pezas e deixaremos secar un mínimo de dúas horas. Os buratos podemos vernizalos cun pincel ou brocha pequena. Será máis sinxelo.
Despois de esperar o tempo necesario, aplicaremos unha segunda capa de verniz. O ideal sería lixar un pouco despois das capas, pero nós non estabamos para traballo extra dadas as circunstancias, bastante tivemos con abrir o bote.
– PASO 4: FIXAR PATAS. Xa con todo vernizado, chega o momento de encolar e aparafusar as patas ao taboleiro principal. É importante medir o espazo que deixaremos entre patas, pois así saberemos o tamaño que poderán ter as cousas que almacenaremos no moble. Nós calculamos principalmente para poder meter os surfskates, os traxes de neopreno e o bidón de auga nun espazo, o cámping gas noutro e, o espazo que sobrou no medio, para roupa e outros útiles.
– PASO 5: APARAFUSAR BISAGRAS. Agora chega o momento que dará xeito á cama. Aparafusar as bisagras dos avances ao taboleiro principal. O noso deseño foi en tres pezas en acordeón para facilitar o despregado sobre os dous asentos do medio, que conservaremos nesta camperización.
– PASO 6: PROBAR ESPAZO. Unha vez rematado este paso, chega o momento de liberar o espazo na furgo e probar a introducir o moble. No noso caso, o moble chocaba cos caxetíns protectores das rodas, polo que tivemos que serrar as patas exteriores para darlle espazo e lixar un pouco despois.
Esta situación final foi o epílogo agardado para un proceso marcado pola imperfección, a proba-erro e a aprendizaxe continua. Algo que nun principio semellaba sinxelo pero que, ao final, levou catro días, moita suor e algunha que outra pinga de sangue.
Non obstante, o feito de crear a nosa casa para o mes de agosto de 2022 coas nosas mans foi fantástico.
Ter camperizado Seaia para percorrer Francia en agosto fai que nos sintamos orgullosas unha vez máis da nosa capacidade de comunicación, traballo en equipo e teima.
Si, escoitaches ben. Volven as aventuras!
Se queres ver como foron, deixámosche por aquí unha lista de reproducción de vídeos coas nosas aventuras por Bretaña, Normandía e París.
Tamén queda por aquí o proceso para lograr o Kia Carnival Camper completo en vídeo (problemas e desesperacións incluídos).
2 comentarios
RUTA 10 DÍAS POLA BRETAÑA EN FURGO - TOXÍO · 27/09/2022 ás 8:36 p.m.
[…] verán estivemos máis dun mes percorrendo a costa oeste de Francia en furgoneta e iso levounos a un país tan máxico como é a Bretaña. É esa esquiniña tirando cara o noroeste […]
Bretón, unha lingua en perigo de morte · 30/01/2023 ás 8:12 p.m.
[…] lugares e falando de realidades que quixesen ser contadas. Así, levámoste con nós primeiro nese proceso de camperización de Seaia, un novo membro de TOXÍO que, sen lugar a dúbidas, nos permitiu chegar a lugares que, doutro […]