Na cidade india de Agra atópase unha das sete marabillas do mundo moderno. Un impresionante monumento que recibe cada ano máis de dous millóns de visitantes segundo datos da Organización Mundial do Turismo: O Taj Mahal.

O Taj Mahal visto desde o norte en novembro de 2019 | Sergio Casal ©

Pero neste artigo non imos falar nin do fermoso da súa fachada de mármore, nin da historia de amor que agocha a súa construción, nin do moito que paga a pena visitalo. Dese tipo de artigos está chea a internet. En TOXÍO vímosche contar a outra cara non tan coñecida deste famoso enclave. Vímosche falar de dúas Agras: a do Taj Mahal e a que se afoga entre contaminación e pobreza.

En primeiro lugar queremos aclarar que comprendemos os problemas de desigualdade entre países e dentro das fronteiras dos mesmos. A India é un claro exemplo desta desigualdade. Actualmente –segundo datos do Banco Mundial– é o sétimo país do mundo co Produto Interior Bruto máis alto (2.726.322,62 dólares en 2018). Pero ten unha renda per cápita de 2.015,60 dólares (ano 2018). Este dato é moito máis alarmante cando o acompañamos do informe Global Wealth Databook de 2019 elaborado por Credit Suisse que determina que India é o quinto país do mundo con maior número de adultos cun capital superior aos 50 millóns de dólares. De feito Oxfam, no seu dosier sobre a desigualdade mundial de xaneiro de 2018 “Premiar o traballo e non a riqueza” brinda un dato preocupante: “En India, a ratio de mortalidade das persoas que viven con dous dólares ao día é tres veces superior á media mundial”. A desigualdade é un problema de Estado en India.

Os indicadores son demoledores e acudir aos datos para comprender esta realidade é imprescindible. Pero tras levar un mes percorrendo a súa xeografía fixémonos conscientes cada día dese estado precario no que ten que vivir unha grande cantidade de poboación. E é por iso que temos que insistir no seguinte: Neste artigo non queremos criticar a pobreza e a desigualdade neste país desde o punto de vista duns turistas estranxeiros. Neste artigo queremos facer visible un problema de dobre moral relacionado coa desigualdade e que afecta directamente á poboación local.

Poñamos unha situación práctica: Un turista medio europeo organiza unha viaxe á India para ver o Taj Mahal. Cando chega a Agra, o autobús déixao no aparcadoiro turístico máis próximo á porta de entrada. Desde alí, un caddy lévao por unha rúa perfectamente empedrada, con papeleiras, beirarrúas e comercios ordenados ata a mesma porta do monumento. Tras a súa visita decide xantar algún prato típico indio nun dos restaurantes que hai nesa mesma “Rúa Porta Este do Taj” (ese é o seu nome) e mercar algún recordo do seu paso por Agra. Despois súbese ao autobús que o leva de volta ao seu hotel. Esta persoa tivo en cada momento todo preparado para que a súa percepción da visita ao Taj sexa a dun lugar idílico –e hai moitos cartos públicos e privados invertidos para que isto sexa así–. Pero con tan só saír dúas rúas á dereita dese atrezo especialmente creado para o seu deleite, podería ter percibido unha realidade ben diferente. A realidade local dunha cidade onde os problemas relacionados coa contaminación aumentan cada día.

PROBLEMAS DE CONTAMINACIÓN EN AGRA

Por tanto, é imprescindible ser conscientes de que Agra non só está no mapa internacional –como indican desde a páxina oficial do Goberno indio sobre o Taj Mahal“pola súa riqueza arquitectónica”. Tamén está, tristemente, pola súa terrible contaminación. Segundo datos do informe mundial de 2018 sobre a calidade do aire elaborado por Greenpeace con datos de IQAir AirVisual, Agra é a decimosexta cidade máis contaminada do mundo (tendo unha poboación de 1,8 millóns de habitantes).

A nube de polución impide a vista do Taj Mahal | Sergio Casal ©

E é certo que o recinto do Taj Mahal está minuciosamente coidado, limpo e ben conservado, pero é un esforzo millonario que se concentra unicamente nese recuncho da urbe. E a responsabilidade dos problemas de contaminación de Agra é compartida tanto polas Nacións Unidas como polo propio Goberno indio. Tal e como a propia UNESCO indica na súa web oficial, a xestión do complexo Taj é levada a cabo polo Servizo Arqueolóxico da India –órgano dependente do Ministerio de Cultura– e, en teoría, a protección da área circundante do monumento está regulada a través de dúas leis que controlan o estado do urbanismo. Nestas leis defínese unha área de protección contra a polución de 10,4 km² arredor do Taj Mahal.

A realidade é que na mesma saída sur os edificios de construción irregular compiten por ter unha altura máis que o veciño para lograr as mellores vistas do impoñente mausoleo. O tráfico rodado da cidade tamén comeza practicamente nas portas do recinto.

As construcións irregulares asedian a porta sur do Taj Mahal | Sergio Casal ©

Na beira oposta do monumento, no norte, outro problema ambiental é moi preocupante: A seca do Río Yamuna. Este é actualmente un dos problemas máis graves de Agra. A acumulación do lixo e das augas residuais provocan numerosos problemas de saúde pública relacionados coa calidade da auga e coa proliferación de insectos que afecta non só ao estado do Taj Mahal, senón tamén á calidade de vida de centos de miles de persoas. E semella que a Administración India non está moi pola labor de poñer freo a esta situación.

AS CIFRAS ECONÓMICAS DO TAJ MAHAL

 E se Agra ten tantos problemas de contaminación. Por que non se invisten máis recursos na súa conservación? Pois non é por un problema tanto de falta de fondos como de interese das administracións. Como insistimos un par de veces xa no que vai do artigo, a zona que da cartos –é dicir, o Taj Mahal– está perfectamente preparada a través de desembolsos millonarios para que o turista leve unha boa impresión. Pero ese desembolso non redunda tanto na poboación local, que ten que sufrir a terrible contaminación cada día.

Ademais do gasto que fai directamente a UNESCO¹, hai que comprender que o Taj Mahjal é unha das sete marabillas do mundo anunciadas en 2007 tras o concurso organizado pola empresa privada New Open World Corporation, do suízo Bernard Weber. Isto supón unha serie de beneficios económicos principalmente relacionados co turismo. Desde o seu nomeamento como Patrimonio da Humanidade e posteriormente como marabilla do mundo, o número de turistas non deixou de crecer. Segundo datos do Ministerio de Cultura Indio o número de visitantes entre 2010 e 2015 foi de 6 millóns de persoas, incrementándose anualmente ata o ano 2018, cando o Goberno indio decidiu limitar as visitas a 40.000 diarias. O prezo da entrada incluíndo o acceso ao mausoleo principal para os nacionais indios é de 250 rupias (3,17 euros) e para os estranxeiros de 1.300 rupias (16,50 euros)². Non fai falta facer o cálculo completo para comprender que os beneficios que aporta son millonarios.

De feito, a rendibilidade do Taj Mahal é tanta que supera as fronteiras nacionais. No ano 1998 a empresa químico-farmacéutica francesa Rhône-Poulec, a través da súa fundación, anunciou un desembolso de 237.000 dólares para loitar contra o deterioro do monumento. Isto tan só un ano despois de verse envolta no maior desastre ambiental de Suecia. Na rolda de prensa na que se anunciaron estes traballos e á cal asistiron máis de 70 xornalistas de medios de todo o mundo, os responsables de comunicación da fundación recoñeceron a “boa publicidade” que esta actuación ofrecía aos seus inversores tanto en Europa como na propia India. Un lavado de imaxe moi oportuno nun lugar moi rendible.

Tamén o Banco Mundial anunciou en decembro de 2017 un préstamo de 40 millóns de dólares aos gobernos de India e do estado de Uttar Pradesh (rexión na que se atopa Agra) para o desenvolvemento e mantemento do Taj Mahal e outros monumentos da zona.

A realidade é a seguinte. Temos organizacións internacionais e empresas estranxeiras facendo inversións millonarias para manter o Taj intacto para o turismo, limpando cada recuncho da súa fachada. Pero a escasos metros a cidade que rodea este centenario monumento funerario está morrendo asfixiada polo abandono da Administración pública.

Os cartos existen, pero semella que só para investir na pureza do branco das paredes. Só para que esta mina de ouro turística siga xerando miles de millóns de euros que rematan en moi poucas mans. Millóns dos cales a poboación local non se está vendo realmente beneficiada. Non hai máis que chegar en tren á cidade para observar montañas de lixo acumuladas xunto ás precarias vivendas dos habitantes do extrarradio. A UNESCO tería que xogar un papel moito máis importante á hora de reclamar unha mellora significativa das condicións de vida desta xente. Porque ao final, se Agra morre pola pobreza e a contaminación, o Taj Mahal morrerá con ela.

1. É complicado saber os datos exactos do desembolso da UNESCO na conservación do Taj Mahal, xa que no portal de transparencia da UNESCO o desglose dos datos faise por países e por áreas de xeito separado. Entre os meses de xaneiro e xullo de 2010 falamos dun investimento de 663.587 dólares na India en programas que van desde a loita contra o cambio climático, programas de educación de fomento da cultura, de protección da biodiversidade de loita contra a discriminación e a fenda de xénero, etcétera. E en canto ao desembolso total en acción relacionadas co Patrimonio da Humanidade da Organización, os datos para ese mesmo período falan de 17.425.755 dólares en todo o mundo.

2. As persoas menores de 15 anos teñen a entrada gratuíta.


1 Comment

QUE VISITAR NO RAJASTÁN, a rexión das cores | TOXÍO · 10/03/2020 at 8:53 a.m.

[…] xa de Agra (onde continuamos a nosa aventura, visitando o fermoso Taj Mahal, que xa desmitificamos neste artigo ao que podes acceder pinchando sobre estas letras tamén). Podes ver a nosa ruta no mapa que deixamos […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

SUBSCRIPCIÓN SEMANAL GRATUÍTABoletín de novas de TOXÍO

Déixanos o teu mail se queres que che contemos as nosas aventuras!