Hai unha cousa que tivemos clara dende o mesmo momento que decidimos crear TOXÍO: este espazo non ía ser tan só fotos bonitas. E a cada paso que damos seguimos convencidos de que non pode selo. O mundo é un lugar enorme e precioso, pero ao mesmo tempo alberga innumerables inxustizas. Moitas delas, cometidas nos arredores ou incluso dentro dos mesmos espectaculares recintos de marabillas mundiais ás cales moitos imos conseguir esas fotiños bonitas. Que, ollo, está ben tamén. Ir, coñecer mundo e marabillarnos con todo.

As mellores vistas que atopamos do Tesouro de Petra

Pero nós queremos desmitificar estes monumentos e contar un chisco máis do que hai en cada un destes recunchos. Que Petra é impresionante e conseguir unha boa vista do Tesouro un soño cumprido? Completamente! Que ao mesmo tempo que camiñas se che vai desfacendo un chisco o corazón con todo o que vés e que oes? Tamén. E ao final, é na súa maioría a financiación e a apatía dos turistas o que perpetúa esta situación.

Por iso hoxe imos compartir contigo o que vimos e a nosa reflexión, para que cando ti viaxes (ou te atopes con cousas similares preto de casa) non financies isto e, ao non facelo, axudes a que estas situacións deixen de cometerse. Neste mundo de diñeiro, só aguanta o que sae rendible. E mentres saia rendible que os nenos non vaian ao colexio por estar traballando todo o día, mentres os turistas queiran unha foto subidos a un dromedario ao que domaron para pasarse o día quieto poñéndose de pé para esa foto ou haxa persoas que paguen por non camiñar uns quilómetros se non que sexa un burro quen os leve a costas; mentres ese diñeiro siga a entrar, eses seres seguirán sendo explotados.

Peza da colección "Maltrato Animal ao longo e ancho do planeta". Petra, Xordania. Novembro 2019 | Nuria P. Espasandín ©

Non me vou meter aquí coas culturas, nin tampouco co nivel de alfabetización deste país (aínda que estamos falando teoricamente dun 97,89% segundo datos de 2012 da UNESCO). Pero estamos ante unha das sete marabillas do mundo, Patrimonio Mundial da UNESCO, que forma parte das Nacións Unidas, que ten varias cartas en defensa de varios dereitos que se vulneran en racha neste recinto. Mina de ouro deste país e espazo para marcas e xentiña que necesita darlle brillo ao seu nome ou participar de corazón en enclaves arqueolóxicos coma este. Queda aí espazo para o beneficio da dúbida.

Conclusión: estamos ante un lugar que dá cartos a moreas e estamos convencidos que non é a necesidade de alimentarse a que move ás seguintes prácticas que vimos denunciar. Con isto non é que xustifiquemos ningún tipo de explotación nin infantil nin animal, pero tamén somos conscientes de que ter sido criados nun país no que a ensinanza obrigatoria está á orde do día e o acceso á comida é moitísimo máis fácil que en moitísimos dos lugares polos que vagamos agora fai que a visión non sexa sempre xusta coa vida que outros seres humanos teñen que enfrontar nos diferentes puntos do globo.

Sen darlle máis voltas, entramos a falar do que acontece en si dentro deste recinto. Da explotación infantil. Falamos de nenos. Sei que a maioría de persoas pensarán do xeito que agora imos comentar. Estamos seguros de que ti tamén o fas. Estamos convencidos de que se ti ves un neno na rúa unha mañá dun luns te preguntarás “Iría ao médico? Tería que renovar o DNI? Será festivo no seu pobo?”. Sempre buscamos unha explicación para entender por que un neno de oito anos non está no colexio. Porén, cruzamos fronteiras e parece que a xente se esquece. En Petra, vimos nenos de todas as idades realizando unha ampla variedade de traballos. A máis pequena tería como moito uns 3 aniños e xa comezaba a pasear con colares nas mans tratando de conseguir a atención dos turistas. E vimos tamén a turistas falando con eles como se fose normal. Simplemente regateando prezos ou incluso falándolles mal. Pagándolles para que os levasen pola corda ás costas dun dromedario. Pagando por que os guiasen en burro a través das montañas para que puidesen ter unha boa vista sen molestarse sequera por camiñar para telas. Pagando a nenos e animais, explotando a ambos, un luns pola mañá. Sen preguntarse sequera (ou iso espero, se non sería incluso peor) por que ese neno non está no colexio. Ou porque ese animal é o que ten que sufrir porque un humano desfrute de determinadas vistas.

Jane Goodall dixo algún día que o maior perigo que nos depara o futuro é a apatía. Esta é unha das frases coas que máis concordamos neste mundo de todo se pode sen pensar nada. Obviamente nós somos os primeiros en dicir que todo se pode e en animar a todo o mundo a que desfrute da vida ao máximo, pero isto non se pode facer en detrimento da vida e dos dereitos dos demais. E, tristemente e dende aquí nótase máis que nunca, os que temos o poder adquisitivo de pagar para que iso pase, somos os mesmos que temos que deixar de facelo para que non pase. A apatía fai referencia a (en palabras da RAG) ese estado ou actitude da persoa que non reacciona aos estímulos sensoriais, sentimentais, emocionais etc., e amosa debilidade de ánimo e falta de interese polas cousas. Estamos falando de seres que precisan dos nosos coidados e, de lonxe e de maneira xenérica, estamos fallando estrepitosamente.

Menor traballando explotando animais nun recinto que forma parte do Patrimonio Mundial da UNESCO. Petra, Xordania. Novembro, 2019 | Nuria P. Espasandín ©

Non creo que aquí sexa de todo correcto (aínda que tamén se podería traer ao debate) “eu non son seu pai, eu non teño que velar pola súa educación”. Non podemos buscar culpables todo o cacho noutros lados, aínda que tamén os haxa. Que os hai. O feito de que eles sexan culpables, non nos fai menos culpables aos demais. Estamos ante un caso gravísimo e hai culpa para todos. E tamén imos ter que traballar todos para poder frear estas inxustizas.

Que podemos facer os cidadáns de a pé para isto? Que pode facer un simple turista que visita Petra? Pois máis da metade: non pagar. Non pagar a nenos que estean traballando, porque só os van facer traballar máis. Non pagar por explotar animais. Como comezaba dicindo, neste mundo capitalista só se mantén o que sae rendible, se explotar deixa de saír rendible, a explotación rematará.

Soa idílico, pero é certo. Onde están os escravistas hoxe? Onde están os fabricantes de VHS? (Practicamente) non existen. Por que? Porque o mercado non quixo mercar máis o que ofrecían. Pode consistir nun cambio rápido ou nun cambio paulatino, pero onde non hai beneficio, non hai negocio. Persoalmente visitei ata a data 4 marabillas do mundo e en ningunha se vive o que se vive en Petra. En ningunha outra das visitadas ata a data (Coliseum, Chichén Itzá e Taj Mahal) te atopas o que te atopas en Petra. E non creo que repercuta negativamente nos beneficios das outras. Hai diñeiro, hai infraestruturas e hai posibilidade de desfrutar do que o mundo ten para ofrecernos sen aproveitarnos e explotar aos demais. Aínda que, non te confíes, tamén desmitificaremos máis marabillas.

Non queremos afondar moito máis no que vivimos alí para cos nenos, que nos parece un tema moi complicado a tratar. Por iso tampouco veredes fotos dos mesmos, máis que a súa silueta paseando dromedarios con turistas enriba. Pero queremos compartir que cando nos atopábamos nunha ruta lonxe da principal apareceu un neno da nada que non tería máis de 6 anos. Preguntounos por auga, crendo eu que nola quería vender. Dixen que xa tíñamos. Entón pediume, por favor, se lle podía dar. Que tiña moita sede. Esa é outra das cousiñas que te podes atopar polas rutas de Petra: nenos aleatoriamente repartidos, sen estar no colexio, sos e con sede.

E a auga recórdanos un consello máis que nos gustaría dar: se algún día vas a Petra, leva a túa propia auga, comida e non merques souvenirs. Non só é un consello para o teu peto porque os prezos son desorbitados no recinto, que tamén. Se non que é un consello para que non empregues animais pola túa simple comodidade. Poñámonos en situación: tras varios quilómetros e máis de 800 escalóns chegas ao Mosteiro, un dos puntos máis bonitos de todo o enclave de Petra. Na subida atopas moitos postiños nos que mercar souvenirs e nos cales hidratarte. E incluso ao chegar a ese punto tan inaccesible, atópaste cunha vistosa terraza cheíña de cousas frescas para ti. Problema? Quen cres que fixo posible que todo iso estea onde está? A xente á que lle vas pagar? Algún tipo de helicóptero?

Non. Todo iso foi posible grazas a que unha serie de burros cargaron con todo. Con ese souvenir que estás a regatear, esa auga que queres beber ou incluso ese zume que che apetece. Todo está preparado para ter explotado a alguén para que ti o teñas nese punto exacto do camiño que a ti che apetece. Porque non, os burriños non queren estar cargando con todo iso e despois quedar atados ao chorro do sol como os podes atopar en moitos puntos do recinto. Incluso podes escoitar os seus gritos en moitas das súas esquinas.

Peza da colección "Maltrato Animal ao longo e ancho do planeta". Petra, Xordania. Novembro, 2019 | Nuria P. Espasandín ©

E eses gritos lévanos de volta ao Tesouro, onde os dromedarios posan preciosos (que o son, por certo). Lévannos aí porque no momento que nós estivemos alí un dos tres dromedarios revirouse. Si, efectivamente, non quería estar alí e comezou a protestar. Entón un home levouno a unha esquina e os seus gritos encheron o espazo do Tesouro mentres o noso corazón se encollía. Pouco despois, o dromedario estaba de volta “listo” para seguir levando turistas ás súas costas. E isto lévanos a deixar para a reflexión tamén como un animal do tamaño dun dromedario pode axeonllarse cunha soa palabra dun humano ou como un cabalo pode tirar dunha carruaxe con só mostrarlle unha fusta. A ollos dalgunhas persoas, pode parecer que non están sendo explotados nin maltratados (aínda que si estean sendo utilizados) pero, que proceso credes que tivo que pasar ese animal, que tipo de medos ou pesadelos pasou para facer algo tan contrario á súa natureza con unha simple indicación humana? Maltrato. Moito.

Atopamos tamén dromedarios marcados, cousa que non parece cómoda nin agradable. Atados nas esquinas de modo que nin sequera puidesen poñerse de pé. Atopamos cabalos tirando por khalesas ou levando directamente a turistas ao lombo. Atopamos, en conclusión, explotación e máis explotación.

Peza da colección "Maltrato Animal ao longo e ancho do planeta". Petra, Xordania. Novembro, 2019 | Nuria P. Espasandín ©

Iso si, podes ler nos carteliños de Petra que se ves explotación animal, que por favor llo digas. Xusto ao lado, podes atopar os prezos desa explotación. A hipocresía está á orde do día ata o extremo de que é incluso a UNESCO a que ten na foto da súa páxina oficial aos dromedarios explotados posando. Dromedarios que son conducidos na súa maioría por nenos.

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos e os diferentes pactos internacionais de Dereitos Humanos recoñecen que toda persoa ten todos os dereitos e liberdades enunciados neles, sen distinción algunha por motivos de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou doutra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición. Recorda tamén a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que as Nacións Unidas proclamaron que a infancia ten dereito a coidados e asistencia especiais. Convencidos de que a familia, como grupo fundamental da sociedade e medio natural para o crecemento e benestar de todos os seus membros, e en particular dos nenos, debe recibir a protección e asistencia necesarias para poder asumir plenamente as súas responsabilidades dentro da comunidade. Dise tamén no artigo 2.2 da Convención dos Dereitos do Neno que os Estados Parte tomarán as todas as medidas apropiadas para garantir que o neno se vexa protexido contra toda forma de discriminación ou castigo por causa da condición, as actividades, as opinións expresadas ou as crenzas de seus pais, ou dos seus titores ou dos seus familiares.

E os nenos en Petra, patrimonio mundial da UNESCO e enclave xestionado polo Ministerio de Turismo de Xordania (Estado Parte de todos os textos mencionados) non están protexidos.

Peza da colección "Maltrato Animal ao longo e ancho do planeta". Petra, Xordania. Novembro, 2019 | Nuria P. Espasandín ©

Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

4 Comments

belen · 10/12/2019 at 11:43 a.m.

Hola chicos!, bueno en primer lugar deciros que me encanta lo que haceis y que por supuesto deseo que os recuperéis cuanto antes mejor. Me dais mucha envidia, bueno de esa que como se suele decir es “sana”.
En fin, totalmente de acuerdo con vuestro último artículo. Creo que deberíamos ser más conscientes cuando a nuestro alrededor vemos este tipo de injusticias. Creo que con vuestro blog estais haciendo una gran labor, aportando un granito de arena y haciendo que vuestros lectores reflexionen sobre todo lo que nos rodea habitualmente y que es como si por algún motivo intentásemos normalizarlo. Muchas gracias por vuestras vivencias. A mi me están haciendo reflexionar mucho.
Buen camino!!!!

    Nuria P. Espasandin · 15/12/2019 at 6:15 p.m.

    Ola, Belén! Moitísimas grazas polas túas palabras! Tanto por enviarnos ánimos como por compartir as túas reflexións. E haláganos moito que o noso artigo e o noso camiño che poidan axudar a chegar a elas. Nós encantadísimos de compartilo! Unha aperta!

Raquel · 16/12/2019 at 8:22 p.m.

Moi bo artigo, creo que dos que máis me gustou de todos os que tedes no blog por agora. Desde logo invita a reflexión.

    Nuria P. Espasandin · 05/01/2020 at 4:10 a.m.

    Moitísimas grazas! Agrádanos moito que ti nos digas isto

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

SUBSCRIPCIÓN SEMANAL GRATUÍTABoletín de novas de TOXÍO

Déixanos o teu mail se queres que che contemos as nosas aventuras!