Que vén á túa mente cando che nomeo Cambodia? Que sabes da súa historia? O máis probable é que a túa resposta sexa “nada”. Esa era a nosa resposta ata fai non demasiado. Esa é a resposta da maioría da xente que coñecemos e coa que falamos do tema. E non estamos falando tampouco de xente pouco curiosa ou sen ganas de saber do mundo, pero falamos dun tema que parece esquecido por aquí.

Cando mencionamos Cambodia a maioría pensamos como moito no Angkor Wat, o seu monumento máis icónico que ata aparece na súa bandeira. E é certo que é o seu punto máis turístico, pero non creo que sexa o máis importante.

xenocidio_cambodia_xemeres_vermellos
O Angkor Wat, o punto máis turístico de Cambodia e emblema da súa bandeira.

Eu estou graduada en Dereito e a rama que máis me interesa é a dos Dereitos Humanos. No meu traballo de Fin de Grao creei un xenocidio ficticio e centreime en facer analoxías. Investiguei sobre os encerros máis recentes que pasaron e nos que seguen. Estudei a Alemaña nazi, Ruanda, Iugoslavia, Palestina… Estudei o peor do planeta.

E todo isto sen saber que en Cambodia pasaron cousas semellantes hai menos de 50 anos. Existen aínda superviventes. E incluso se fixo un xuízo nacional con axentes internacionais para xulgar aos culpables. Aos que quedaban, polo menos. E é que a maioría non pagou polo que fixo. De feito, a ollos da Comunidade Internacional, os líderes do xenocidio foron mártires exiliados durante moitos anos.

Cambodia garda unha historia moi crúa. E nós pretendemos neste artigo traer un pouquiño desta historia para que ti saibas máis disto, xa que o consideramos importante. Aquí tes a unha persoa que estudou sobre estes temas e a primeira vez que escoitou falar do xenocidio de Cambodia foi nun libro de viaxe. Unhas persoas que chegaron alá e se levaron unha sorpresa con todo isto. O libro foi “Diario de un viaje diario”. E esas persoas foron as que me contaron dalgún modo esta historia. E hoxe somos nós quen cha contamos a ti, intentando que non caia no esquecemento.

Obviamente, non esperes aquí unha historia detallada. Imos dar unhas pinceladas básicas, que seguirán a semana que vén no próximo artigo no que falaremos das nosas visitas aos memoriais deste xenocidio en Phnom Penh, a capital de Cambodia.

Deixamos ao final do artigo unha serie de enlaces a algunhas webs que falan máis profundamente do tema.

CAMBODIA NA ACTUALIDADE

Poñámonos en situación.

  • Cambodia é un país do sueste asiático.
  • Fai fronteira con Tailandia ao oeste, Laos ao norte, Vietnam ao leste e mar ao sur.
  • Ten 15 millóns de habitantes.
  • Falan khmer, nome tamén da súa etnia maioritaria. A partir de aquí chamarémolos “xemeres”.
  • A súa capital é Phnom Penh.
  • A súa relixión maioritaria é o budismo theravanda.
  • Viven actualmente nunha sorte de monarquía constitucional.

CONTEXTO HISTÓRICO

Remontámonos agora moitos anos atrás. En 1975, trala guerra civil e nun contexto un tanto convulso na zona, ascenden ao poder os coñecidos como “Khmer Rouge” ou xemeres vermellos. Kampuchea Democrática sería o nome oficial de Cambodia durante o réxime, que duraría ata 1979. O seu líder era Pol Pot, coñecido como “irmán número 1”.

O período acabou en 1979 coa invasión vietnamita e a proclamación da República Popular de Kampuchea.

Porén, os xemeres vermellos continuaron co seu movemento no exilio co apoio, entre outros, dos Estados Unidos, China e Reino Unido. Gobernaban Cambodia a ollos da Comunidade Internacional, representando diplomaticamente ao país en moitos países tanto occidentais como asiáticos.

Mentres tanto, no territorio cambodiano a República Popular de Kampuchea existiría ata o 1992. Caería o goberno, pasando a crearse o Estado de Cambodia en 1989.

En 1991 as partes en loita, a ONU e outros países chegaron a un acordo para rematar co conflito. Consistiría en que tomase o poder de maneira temporal un Consello Nacional Supremo formado por autoridades da ONU e delegados de diferentes faccións do país. Restituíuse a monarquía. Fixéronse eleccións. E, tras todo isto, ningún país recoñecería o goberno no exilio. Este perdeu o seu asento na ONU e a axuda estranxeira. Pero isto significa que despois de ter cometido o maior xenocidio da historia (falando de porcentaxes: 1/4 da poboación) entre 1975 e 1979, os xemeres vermellos gozaron dun asento na ONU e de axuda estranxeira ata 1991.

COMO COMEZOU?

O “Angkar” ou “A Organización” tratábase dun partido maoísta. Non se idealizaba de maneira esaxerada nin unha raza nin un ideal máis alá que a propia organización, a destrución das clases e a volta ao campo.

En abril de 1975, os xemeres vermellos entraron en Phnom Penh, que era unha das cidades máis poboadas da zona cuns 2 millóns de habitantes. Estes recibiron aos xemeres vermellos entre aplausos, crendo que estaban sendo liberados.

Os xemeres vermellos dixéronlle a todos e cada un dos seus habitantes que abandonasen a cidade por uns días, escudándose nun posible bombardeo dos Estados Unidos. Sen embargo, a intención dos xemeres era dispersar as cidades para que a masa se desorganizase. Ademais, a Organización tan só buscaba a ruralización da sociedade. Obviamente, á maioría nunca se lle permitiu volver nin recuperar o que era seu. Entre outras cousas, suprimiuse a propiedade privada.

Na simple evacuación da cidade xa comezaron as mortes, xa que os enfermos tamén se viron obrigados a abandonala, non soportando o camiño que se viron obrigados a emprender. Este feito é considerado o inicio do Ano Cero.

AS IDEAS: POR QUE?

O ideario en si é un tanto complexo. A base era a busca dun modelo agrario baseado nas ideas maoístas e stalinistas. É dicir, centrouse en ruralizar a todos os habitantes. Destruír as cidades. Forzar a todos os habitantes a ser campesiños. A gran maioría sen ningún coñecemento agrario naquel entón.

Foron encamiñados a traballos forzados e a malnutrición, xa que non eran capaces de producir tanto alimento como precisaban. Tampouco se lle permitía consumilos, xa que o Angkar controlaba todo o que a poboación comía. Ata cortou árbores frutais para evitar que os habitantes consumisen algo que eles non permitisen.

O Angkar obrigaba a producir moito máis do que a terra podía dar. Baseábase todo o traballo na produción de arroz. As reservas estaban esgotadas porque durante a guerra se deixara de plantar. O Angkar cría que había que reconstruír Cambodia co traballo agrícola. Pero moito deste traballo era realizado por xente da cidade con poucos ou nulos coñecementos sobre o campo. Este cambio de sistema era, ademais do xenocidio en si, un suicidio colectivo.

Prohibíronse as relixións. Prohibíronse as linguas dos grupos minoritarios, sendo o xemer a única lingua que se podía empregar. Impúxose un código de vestimenta. Os disidentes desaparecían. Expulsaron á poboación estranxeira. Cortaron calquera vínculo co exterior. Non existía a propiedade privada. Aboliron a moeda. Puxeron, desta maneira, fin ás diferenzas sociais. En menos de dous meses, colectivizaron a toda a nación.

Calquera signo de educación, riqueza ou poder era motivo para separar a esa persoa, torturala e incluso executala. Empresarios, profesores, médicos, enxeñeiros, avogados… Desaparecidos. Usar gafas foi motivo para ser fusilado. Todo aquel que podía ler e pensar, tamén podía criticar. Non había sitio para os intelectuais na Kampuchea Democrática.

Sen coidados médicos, os seus corpos eran presas fáciles das enfermidades. Os enfermos sempre eran culpables de facerlle perder ao Angkar man de obra. Nunca eran medicados e deixábase que morreran.

Foron moitas as torturas e as execucións foron masivas. Durante estes tres anos e oito meses, morreu aproximadamente un cuarto da poboación cambodiana. É dicir, case dous millóns de persoas. Descubríronse 20.000 fosas comúns.

xenocidio_cambodia_xemeres_vermellos
Fosas comúns no campo de exterminio "Choeung Ek" co Memorial polas vítimas ao fondo

É certo que o xenocidio tivo efectos étnicos, xa que a etnia xemer aumentou un 10% dos anos 60 aos 80. Sen embargo, este xenocidio non ten unha base étnica, xa que a maioría dos mortos foron xemeres tamén.

Así que, por todo o dito, non se pode abstraer das teorías que seguiron os xemeres vermellos nada aínda complexo e odioso, con sentido. É dicir, prohibían moitas cousas e si dicían querer ruralizar o país, pero non traballaban realmente por esa meta nin deixaban que os seus compatriotas o fixesen. Mataron incluso a moitos dos seus soldados.

Falando dos seus soldados, a maioría tiñan entre 11 e 20 anos. Falamos de adolescentes. Eran persoas alienadas, co cerebro fácil de lavar. Tan só tiñan unha misión: causar dor. Todo polo Angkar.

xenocidio_cambodia_xemeres_vermellos
Soldados do Angkar | Fotografía de fotografías expostas na prisión-museo de Tuol Sleng.

Se leches 1984 de Orwell, sentirás que a Cambodia do Angkar era algo así. Nada pasaba sen que o irmán número 1 (Pol Pot) o controlase. Pero realmente, ninguén sabía quen era ese irmán número 1. O Angkar era comezo e final. Era todo.

Por iso creo que este réxime é tan difícil de entender para aqueles que xa estamos tan familiarizados con guerras por diñeiro, por relixión ou incluso coa limpeza étnica, pode resultar tan sorprendente e aleatorio este xenocidio. Con base en todo, pero coa inmensidade de nada. O Angkar era todo. E non se definía en nada diso realmente.

Prohibiron todas as relixións, tamén había discriminación étnica e un odio ás clases privilexiadas. Pero tamén se asasinou a moitísimos xemeres do campo. Incluso aos propios soldados do Angkar. Chegou a converterse nunha masacre indiscriminada. O control polo control. A maldade pola maldade.

O XENOCIDIO

Moita xente morreu de fame e de esgotamento. De enfermidades sen tratar. Moita tamén foi executada. Falamos por iso do maior xenocidio de maneira porcentual. E é que 1/4 de poboación de Cambodia foi aniquilada.

Considérase tamén un “auto xenocidio” xa que a maioría de vítimas eran xemeres, a mesma etnia que os verdugos.

Cando Pol Pot se enterou de que algúns cambodianos lograron refuxiarse en Tailandia, mandou encher a fronteira con millóns de minas antipersoa. De feito, aínda hai zonas actualmente ás que se desaconsella a visita porque moitas destas minas seguen aí, como é a zona do templo de Preah Vihear e os seus arredores.

RESUMINDO

O vivido por Cambodia foi un episodio dos peores da historia recente. E as persoas que pasamos por alí fixémolo para aprender e compartir o aprendido. Moi por enriba e sen demasiados detalles escabrosos. A semana que vén traeremos un artigo profundizando máis no que o Angkar fixo en Phnom Penh. Con máis nomes e apelidos. Con máis historias personalizadas. Porén, hoxe isto é todo o que traemos. Deixamos por aquí algún artigo de interese, por se queres seguir informándote sobre o tema:

WIKIPEDIA

Síntoo por todos os haters e pola suposta falta de fiabilidade. Aprendín máis desta páxina que na universidade. Dá, como sempre, información moi organizada e bastante completa sobre o tema.

https://es.wikipedia.org/wiki/Genocidio_camboyano

HISTORIA. NATIONAL GEOGRAPHIC

Impecable. O artigo que me tería gustado escribir a min.

https://historia.nationalgeographic.com.es/a/pol-pot-genocida-camboyano_15218

ACNUR

Historia e como os refuxiados sobreviviron en Tailandia, dando lugar a un dos campos máis duradeiros da historia (1979-1993).

https://eacnur.org/es/actualidad/noticias/historias-de-vida/los-jemeres-rojos-el-genocidio-camboyano

BBC

Tribunais e castigos 40 anos despois.

https://www.bbc.com/mundo/noticias-internacional-46239822


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

1 comentario

VISITA OBRIGADA EN CAMBODIA: TUOL SLENG & CHOEUNG EK · 07/11/2022 ás 6:02 p.m.

[…] Nun artigo anterior poñiamos un pouco en situación sobre o pesadelo que Cambodia tivo que vivir o século pasado, a finais dos 70. Moi resumidísimamente, os xemeres vermellos subiron ao poder e cargáronse a case dous millóns de habitantes. 1/4 da poboación cambodiana naquel momento. Unha traxedia das grandes. Recoméndoche que te pases polo artigo para lelo en profundidade. […]

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.