Táboa de contidos
ToggleO mundo segue xirando, evolucionando e progresando. Por desgraza, esta evolución non sempre é cara diante. Extractivismo, guerras pola terra, megaminería, golpes de estado, anarcocapitalismo, cambio climático… As ameazas que sofren os pobos tamén continúan. Algunhas desde hai moitos anos e outras adaptadas aos novos tempos. Neste contexto, e coma moitas outras veces nos últimos séculos, América Latina está no centro de moitas destas problemáticas. E berra. Ás veces de impotencia e rabia, outras tantas con rebeldía. Pero berra. Alto e forte.
Feminismo e Dereitos LGBTIQ+ en América Latina
É innegable que países como Arxentina ou El Salvador, con gobernos de dereita neoliberal, están a vivir momentos de grandes retrocesos en materia de dereitos en diversos eidos. O extractivismo, como dixemos, é un dos grandes problemas que está a sufrir Arxentina, cun goberno que asina contratos millonarios con empresas mineiras que ameazan a existencia de comunidades como a Mapuche. En El Salvador, o goberno de Bukele pechou a porta a un anteproxecto de lei sobre a identidade de xénero e avanza cunha axenda antiLGBTIQ+ que cada día clausura máis espazos adicados á diversidade sexual.
Por desgraza, este fenómeno de recortes non existe únicamente nos países gobernados pola dereita. A pesar do xiro que en moitos estados de América Latina está a haber na cor dos gobernos, as axendas feministas e de dereitos dos colectivos vulnerables están estancadas. O continente observou nestes meses con esperanza eventos como a volta de Lula da Silva á presidencia do Brasil ou a chegada de Claudia Sheinbaum a México. Tamén o asentamento dos gobernos progresistas de Gabriel Boric e Xiomara Castro. Pero as presións do neoliberalismo, dos cárteles e dos grandes lobbies é asfixiante. E os avances son poucos e, nalgúns casos, ata inexistentes.
Dereitos das mulleres
No caso da loita polos dereitos das mulleres, un dos datos macro máis escalofriantes que existen e que evidencian a necesidade de avanzar nunha axenda que asegure os dereitos reproductivos das mulleres é o seguinte: o 45% dos abortos practicados no mundo realízanse en condicións peligrosas que poñen en risco a vida das mulleres.
Segundo este informe publicado pola ONU en 2021 a maioría destes “abortos perigosos” son practicados en países en vías de desenvolvemento. De feito, entro o 4,7% e o 13,2% das mortes maternas que se producen no mundo débense a abortos perigosos. No caso de América Latina, 3 de cada 4 abortos son practicados en condicións de perigosidade, poñendo en risco a vida da muller.
A realidade trans en El Salvador e Honduras
Outra débeda pendente dos gobernos de América Latina cos seus pobos é en materia de dereitos do colectivo LGBTIQ+. O caso das persoas trans en El Salvador, por exemplo, é impactante. Falamos dun país no que a expectativa de vida das persoas trans é de tan só 33 anos. Uns niveis similares á esperanza de vida global no ano 1900.
Isto non é de estranar cando ser neno ou nena LGBTIQ+ en El Salvador implica rexeitamento familiar, exclusión social, explotación sexual e trata. E aínda que é certo que no ano 2015 houbo certas reformas no código penal neste sentido, a falta de seguridade xurídica, a impunidade e a axenda política antiLGBTIQ+ dun goberno profundamente conservador no ámbito social dificultan a vida das persoas do colectivo.
Unha loita difícil pero moi necesaria
En definitiva, a loita polos dereitos humanos en moitos lugares de América Latina está ameazada por asasinatos, extorsións, corrupción poítica, presións e unha potente infrastrutura relixiosa, económica e mediática. Razóns que acrecentan unha terrible fenda que fomenta a exclusión social e obstaculiza o progreso de moitos dos países mencionados en materia de dereitos.
O pasado mes de abril tivemos a inmensa fortuna de poder charlar durante unhas horas con estas dúas mulleres loitadoras. Dúas persoas das que chegan ao mundo para cambiar cousas. Alba Mejía e Wendy Castillo son activistas feministas e polos dereitos LGBTIQ+ en El Salvador e Honduras, respectivamente, e levan moitos anos traballando por un mundo máis igualitario e xusto.
Wendy Castillo, El Salvador
Wendy é unha desas persoas que, cando entran nun espazo, enchen a atmósfera cunhas vibracións que convidan a loitar. Unha activista dos pés á cabeza. Alguén que, sen apenas coñecer, xa sabes que queres ter preto. E, por suposto, cunhas ideas e unha traxectoria no que acrecenta esta potente sensación. Leva anos traballando pola promoción dos dereitos humanos en persoas LGBTIQ+ en El Salvador. É especialista en seguridade dixital e facilitadora de procesos de promoción dos dereitos humanos en persoas LGBTIQ+.
Alba Mejía, Honduras
Alba, pola súa banda, é unha persoa de ton calmado pero firme. Cunha argumentación sólida, un idealismo que convida a soñer nun futuro mellor. Unha sólida fábrica de ideas cimentada tamén con moitos anos de traballo polo feminismo. A súa traxectoria na defensa dos dereitos humanos en Honduras é reseñable e orixinal a partes iguais. Ela é facilitadora de procesos educativos con metodoloxías participativas e teatrais, sistematización de experiencias e xestión de proxectos de dereitos humanos. Tamén é facilitadora de Teatro das persoas oprimidas. É dicir, que ten unha aproximación fermosa a un activismo no cal o arte se sitúa como nexo sobre o que xira todo. O xeito de expresión máis pura de calquera ser humano.
Ten experiencia no traballo en favor dos dereitos humanos e en defensa do territorio na zona sur de Honduras; así como en facilitación comunitaria en diversos procesos educativos con mulleres, xuventude, persoas privadas de liberdade, menores infractores e persoal docente utilizando metodoloxías participativas e teatrais sobre temas como a cultura de paz, transformación de conflitos, habilidades sociais, xénero e desenvolvemento comunitario.
Actualmente é responsable do desenvolvemento da Escuela Política Feminista Comunitaria do Centro de Derechos de Mujeres de Honduras. E unha das partes do seu currículum que máis nos chegou á alma é o feito de que dedique gran parte dos seus esforzos a procesos de formación con mulleres rurais que defenden os territorios do extractivismo. Porque un mundo feminista non pode selo se deixa atrás ao rural, e isto é así en calquera parte do mundo.
Elas Deciden: charla con Wendy e Alba
Pero non queremos contarche todo neste artigo. E é que, se chegaches ata aquí abaixo, intuímos que che gustaría moito poder saber máis sobre elas e escoitar a súa experiencia de viva voz. Por iso queremos compartir un cacho da nosa charla con elas nunha vídeoentrevista de 40 minutos.
Nela, Wendy e Alba contan como é o seu traballo, cal foi o seu camiño ata o día de hoxe e como é a foi a o seu encontro cos colectivos feministas de Galiza no contexto do programa “Elas Deciden”, promovido pola Asemblea de Cooperación pola Paz.
0 comentarios