Existen persoas que, por diversas razóns, levan por bandeira unha frase que da para reflexionar: «Todos os políticos son iguais». Hai xente que o di porque en verdade o pensa, outra como argumento último para evitar posicionarse e outra, simplemente, por desidia e apatía política (que non por apolítica).

Por se non se nota, eu non son das persoas que pensan que todas as políticas son iguais. De feito, creo que esta frase o único que fai é dar ás aos políticos mediocres que están situados na vangarda das decisión públicas para seguir obrando con mala praxe e con completa impunidade. Se convertemos unha mentira en mantra, a sociedade pode acabar interiorizándoa. E iso é un verdadeiro perigo para a democracia.

Penso que existen políticos e políticas que, por sorte e como pasa noutros moitos eidos da vida, viñeron para cambiar o mundo un chisco a mellor. E este ano tivemos a sorte de poder coñecer a unha desas políticas que, desde Galiza e para o mundo, están loitando polos Dereitos Humanos arredor do mundo. Ela é Ana Miranda, deputada do Parlamento Europeo polo BNG e defensora dos Dereitos Humanos arredor do mundo.

Ana Miranda, defensora incansable dos Dereitos Humanos

Hai unhas semanas, tivemos a inmensa sorte de poder charlar con Ana Miranda durante horas nun lugar moi especial, ao carón do aeroporto de Lavacolla. 

Mentres falabamos con ela, fomos revivindo algúns dos momentos máis intensos experimentados por ela practicamente como se estivésemos alí mesmo. Desde as súas visitas a América Latina para reivindicar os dereitos do país Mapuche, pasando pola súa experiencia na III Flotilla da Liberdade cara Gaza e ata o profundo fracaso europeo do que foi testemuña en múltiples campos de refuxiados en Grecia ou mesmo embarcada no propio Open Arms.

É moi emocionante falar con persoas que entregan a súa vida ás causas de todas as persoas. Falar con Ana foi como falar con alguén que coñeciamos de toda a vida, pois a súa natureza loitadora e aberta a partes iguais fai que un se sinta como cunha amizade de toda a vida.

Grazas, Ana, pola túa loita continua e por compartires connosco parte do teu tempo e das túas vivencias. 

Deixamos por aquí o vídeo coa entrevista completa que lle fixemos. É aproximadamente unha hora de experiencias únicas, contadas de primeira man e que, de corazón, merece a pena escoitar de principio a fin.

Déixanos en comentarios que che pareceu esta entrevista con Ana Miranda e se che gustaría escoitar máis entrevistas coma esta. Grazas por apoiarnos!


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.