De neno, cando me preguntaban que quería ser de maior, sempre contestei con decisión: “Eu quero ser astrónomo”. A pesares de ter escollido outro camiño, nunca quixen abandonar de todo o ceo e, tras 27 anos de vida, vin a Vía Láctea por primeira vez. Onde? No deserto do Thar, no Rajastán indio.

A Vía Láctea capturada durante a noite no deserto do Thar

O Rajastán é un estado da India que ben podería ser un país enteiro. E 15 días parecen insuficientes para descubrir todo o que pode ofrecer unha rexión destas características. Por sorte para nós, puidemos vivir unha das mellores experiencias alí. Pasar unha noite nese deserto máxico do oeste do país, a 85 quilómetros da fronteira con Paquistán.

A cidade máis próxima ao Deserto do Thar é Jaisalmer, a xoia dourada do Rajastán. Paga a pena dedicar primeiro un par de días a visitar esta cidade presidida por un impoñente forte. É un contraste brutal co caos de Delhi (só conta con 65.000 habitantes fronte aos 24 millóns da capital). É un lugar inmellorable para comezar a descubrir a maxia da India.

COMO CHEGAR A JAISALMER DESDE NOVA DELHI

  • En avión: Para chegar a Jaisalmer podes coller un voo nacional desde o aeroporto de Nova Delhi (saen da terminal 1D). Esta foi a nosa opción para comezar a ruta polo Rajastán desde a zona máis occidental, seguindo en tren e taxi polo resto das cidades. A duración do traxecto é dunha hora e corenta minutos
  • En tren: A opción do transporte público sempre vai ser das máis económicas, iso si, tes que prepararte para unha viaxe dunhas 18 horas e a comodidade da mesma vai depender sempre da clase que elixas para viaxar. O prezo tamén variará coa clase, sendo a clase xeral (GC) a máis económica (entre 250 rupias –uns 3,15 euros– e 450 rupias –5,70 euros– en función da duración). Podes consultar a dispoñibilidade dos trens da extensa rede ferroviaria da India na seguinte páxina web: http://www.indianrail.gov.in.
  • En taxi: Hai multitude de pequenas empresas dedicadas a organizar viaxes en taxi por toda a India, iso si, intenta comparar tantos prezos como poidas para evitar gastos excesivos e tamén estuda a posibilidade de falar directamente cos taxistas para evitar os sobre custos dos intermediarios. Intenta deixar claro o prezo e as condicións (se o total inclúe combustible, peaxes, propina, etcétera).
  • En coche con condutor privado: Tamén está a posibilidade de contratar un condutor privado para organizar a visita entre varias cidades do Rajastán. Na nosa opinión, con esta opción podes perder parte da maxia de experimentar o transporte público en primeira persoa, pero xa sabemos que cada un ten as súas prioridades.

ONDE ALOXARSE EN JAISALMER

Aquí si que non temos dúbida. Hotel Mirage, rexentado por unha gran persoa que nos axudou moito: Ba. O Hotel Mirage é un establecemento humilde, todo hai que dicilo: As camas das habitacións non son o máis cómodo e no baño a auga non está quente. Pero só pola amabiliade de Ba, o ben que cociña, a súa alma e dedicación e a marabillosa noite no deserto que nos organizou para nós é un 10.

ORGANIZAR A VISITA AO DESERTO DO THAR

Nós organizamos a excursión con Ba, o noso anfitrión no Hotel Mirage.  Consistiu en saír ás tres da tarde en Jeep cara o deserto para pasar o solpor e a noite nas dunas, con deliciosa cea e almorzo incluídos e durmindo en seis camas a ceo aberto. O prezo total foi de 1.200 rupias por persoa (15,20 euros). E de verdade que a experiencia foi inigualable. Así lucía a nosa “habitación”.

As camas para durmir ao aire libre no deserto

Consello: A ceo aberto

Existen múltiples posibilidades para facer esta visita que van desde o medio día ata os tres días de duración. Se decides pasar a noite recomendámosche que evites os grandes campamentos con tendas enteiras e pechadas, xa que soen acumular unha grande cantidade de turistas e pérdese a maxia dunha noite no deserto. A ceo aberto é unha opción xenial.

É importante destacar que a maioría de empresas dedicadas a organizar esta excursión vanche dar a posibilidade de facela en Jeep ou en dromedario. En TOXÍO decidimos dicir non á explotación animal e por iso animámosche a evitar a súa utilización. Non hai mellor viaxe que a que se fai de xeito responsable. É unha decisión individual que aínda que non pareza moi grande pode cambiar a vida de moitos animais. Ademais, o traxecto en Jeep polas dunas pode dar para moitas aventuras…

E unha vez chegas ao deserto toca relaxarse e desfrutar da natureza e da compañía. No noso campamento tivemos a sorte de contar con Hakan, un rapaz da vila máis próxima ás dunas que nos acompañou toda a noite. Fixo unha cacharela para prepararnos o té e a cea, contounos os segredos da cociña do deserto, ensinounos a facer chapati (pan hindú) e foi xenial con todos nós.

Hakan, ensinándonos os segredos da cociña do deserto

A amabilidade das persoas é unha das mellores cousas que nos levamos das nosas viaxes, e neste lugar non foi unha excepción.


Sergio Casal

Son Sergio Casal, xornalista especializado en comunicación política. Apaixoado pola fotografía e a realidade política do mundo. Esta mestura vocacional e unha gran paixón por comunicar, enchen a miña mochila de cara a este proxecto con Nuria: TOXÍO.

1 comentario

Cinco lugares para visitar este 2020 | TOXÍO · 05/01/2020 ás 6:18 p.m.

[…] con Pakistán, xusto nas portas do deserto. É doado conseguir unha excursión ao deserto, como xa che contamos neste artigo no que narramos como durmimos baixo as estrelas no medio da nada. Pero ao marxe da enriquecedora experiencia de durmir no deserto, a cidade de Jaisalmer ten un […]

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.