Nun artigo anterior poñiamos un pouco en situación sobre o pesadelo que Cambodia tivo que vivir o século pasado, a finais dos 70. Moi resumidísimamente, os xemeres vermellos subiron ao poder e cargáronse a case dous millóns de habitantes. 1/4 da poboación cambodiana naquel momento. Unha traxedia das grandes. Recoméndoche que te pases polo artigo para lelo en profundidade.

Hoxe veño falar de partes desa historia moito máis tanxibles, algunhas incluso con nomes e apelidos. E a nosa experiencia visitando os memoriais na honra de todas as vítimas deste xenocidio. Estas visitas fixémolas na capital cambodiana, Phnom Penh. Emoción da mala e da boa. Da mala, porque unha vez máis contamos historias que oxalá nunca tivesen que ser contadas, porque oxalá non existisen. Pero existiron e por iso nós lle imos dar voz. E das boas, porque somos dos que cremos que o pasado é un fervedoiro de leccións e non queremos deixar de aprender disto. E animarche a ti a que o fagas con nós.

Vou ser fiel á historia, poñéndolle os sentimentos que en min sentín. Pero prometo non intentar ser moi dura ao tempo que tampouco vou edulcorar nada. Escribir estes artigos é algo que me parece moi necesario e me gusta facer, pero debo admitir que é algo que me desgasta bastante a nivel emocional. Porque sufro cada vez que falo de alguén que sofre. Pero sufro máis cando calo as inxustizas e o que creo que debe ser sabido. Porque isto tivo fin, por sorte. Pero como esta, hai miles de feridas que seguen abertas.

TUOL SLENG

Que é Tuol Sleng

Tuol Sleng é actualmente un Museo dos Crimes Xenocidas. Fai moitos anos era unha prestixiosa escola na capital de Cambodia. Pero durante case catro anos entre estas dúas situacións (1975-1979) foi unha prisión. Unha prisión secreta de máxima seguridade do réxime da Kampuchea Democrática. Era coñecida como S-21.

Sen embargo, non era unha prisión como a que nos pode vir á mente cando pensamos neste termo. Non. Era un centro de interrogación e tortura. Todo sospeitoso de estar en contra do réxime dos xemeres vermellos era levado a esta prisión coa súa familia. E como puideches ler no artigo anterior, ser sospeitoso era moi fácil. Chegaba con saber máis dunha lingua, levar gafas ou que simplemente decidisen que che tocaba. Os xemeres vermellos tiñan a máxima de que valía a pena prender a algún inocente, que deixar a un culpable fóra. E vaia se o fixeron. Existen moitas fontes e non demasiada certeza con estes números, pero pasaron por Tuol Sleng entre 14.000 e 20.000 persoas.

Que se facía dentro dos seus muros

Estas persoas eran torturadas de inhumanas maneiras ata que confesaban o que os gardas querían que confesasen. Normalmente un boicot ao réxime e unha colaboración con algunha potencia estranxeira. Por exemplo, Chum Mey, un dos superviventes desta prisión e que nós tivemos a honra de coñecer, foi torturado ata que recoñeceu ser parte da CIA e ter queimado unha fábrica. Entre outras cousas. El era un cambodiano do rural que aprendera mecánica e levaba toda a súa vida intentando facerse unha traballando por Cambodia. Non tiña nin idea de que era a CIA nin puxera en dúbida nunca o réxime. Sen embargo, así funcionaban os xemeres. Despois dunha semana enteira de tortura, conseguiron esa confesión por parte de Chum Mey. E así facían con cada persoa que pasaba pola prisión.

Despois de ter confesado, recibían a súa pena. Sempre era pena de morte. Os prisioneiros eran levados a Choeung Ek, o campo de exterminio do que falarei a continuación, e alí eran executados xunto coa súa familia.

Superviventes

Pero se digo que tras a confesión eran asasinados e Chum Mey confesou, como puido sobrevivir? Pois el, xunto con outras 11 persoas foron os únicos superviventes. Si. Dos miles que pasaron por esas paredes. No seu caso concreto foi unha razón de habilidades. Como comentei, Chum Mey era mecánico, un dos bos. Polo cal, os xemeres vermellos decidiron mantelo con vida porque era bo no seu traballo e moi útil para o réxime, xa que podía arranxar case calquera cousa que rompese.

Algúns dos outros superviventes eran moi bos pintores e eran obrigados a pintar para enaltecer o réxime en aras de sobrevivir. Cinco dos superviventes foron nenos que se esconderon o suficientemente ben cando os xemeres vermellos se viron forzados a abandonar a fume de carozo a prisión ante a entrada dos vietnamitas (que foron quen a liberaron), matando a quen atopaban.

Tivemos a honra de coñecer a tres destes doce superviventes. Todos eles estaban por alí cun sorriso cheos de ganas de compartir a súa historia e as inxustizas que eles viviron, dentro deses mesmos muros. Para loitar porque non se esqueza e seguir buscando xustiza. Os tres teñen os seus propios libros sobre as súas vivencias persoais que deixamos aquí, por se lle queres botar un ollo.

Pinchando sobre os seus nomes podes mercar os seus libros de Chum Mey, Bou Meng e Norng Cham Phal.

Prezo da entrada: uns $9 con audioguía.

CHOEUNG EK

Que é Choeung Ek

Choeung Ek é un campo de exterminio. Si. Non é un campo de concentración que tan familiares soan, por desgracia. É, directamente, un campo de exterminio. As persoas eran traídas desde Tuol Sleng. Chegaban a este campo, situado a uns 15 quilómetros da prisión. E eran matados.

Aquí foron atopados case 9.000 corpos en infinidade de fosas comúns. De feito, Cambodia é o país co maior número de fosas comúns do mundo. Segundo un estudo feito pola Universidade de Yale, falamos dunhas 20.000 fosas comúns, sendo 1.386.734 o dato exacto do estudo feito nese país. Un dato, sen lugar a dúbidas, escalofriante.

Fotografía de restos das fosas comúns de Choeung Ek | Sergio Casal ©

Que se facía dentro dos seus muros

Matar. Así de simple. Así de duro. Aquí chegaban todos os que eran declarados culpables en Tuol Sleng e as súas familias.

Ademais, non eran exterminados da maneira máis rápida, nin menos dolorosa. A pesar de ter armas, os xemeres vermellos non as empregaban. Un motivo era o ruído que querían evitar facer. O outro era o custo. As balas eran caras. Os paus, gratis. Apaleaban á xente ata a morte.

Pero as prácticas inhumanas e incribles non remataban aí. Existe unha árbore na que asasinaban aos bebés a golpes. Esta información témola xa que o coñecido como Dutch, director de Tuol Sleng, se derrubou ante el o día que o levaron ao campo e confesou moitas das atrocidades que alí se cometeran. Dutch atópase actualmente cumprindo cadea perpetua.

Homenaxe ás vítimas e ao fondo, a árbore na que tantos pequenos perderon a vida | Sergio Casal ©

No centro de Choeung Ek sitúase un memorial que non acabo de entender, pero que respecto moito. Os restos dos corpos das vítimas foron desenterradas das fosas comúns e están expostos no memorial por partes do corpo, idades e sexo.

Memorial de homenaxe ás vítimas situado no centro de Choeung Ek | Sergio Casal ©

Prezo da entrada: uns $6 coa audioguía.

As audioguías realizadas por Narrowcasters que podes alugar coa túa entrada son moi necesarias para entender cada paso destes dous lugares cheos de historia. Son un traballo extraordinario no que se xunta á perfección a fidelidade da Historia completa, a personificación de moitas outras que axudan a entender a principal, o espertar de sentimentos de rabia e pena e a axuda á reflexión e a necesidade de traballarmos unidos por un mundo mellor.

Visitar estes dous lugares, un detrás do outro esgota mentalmente falando. Pero é unha visita obrigada, como indico no título deste artigo. Ás veces, por ter sido educados no contexto que moitos o fomos, temos a impresión de que o mundo está ben. E cremos que sempre foi así. Pero nin fai dous días estaba ben, nin o está hoxe. E por cambiar iso debemos loitar cada día.

E así foi como acabaron os nosos cinco meses viaxando por Asia. Esta foi a nosa última visita no continente asiático. De aquí ao encerro. Con moito que asimilar e que reflexionar.


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.