Hai quen di que o Erasmus é a mili do noso tempo. Non é a miña comparación favorita pero, sen dúbida, a experiencia da beca Erasmus plus (ou Erasmus+) é inesquecible. Para min chegou con 28 anos, algúns dirían que tarde, outros que nun momento malo polo contexto de pandemia mundial… Para min, o único e mellor momento no que podía chegar.

Neste artigo vouche axudar a comprender por que, así como a guiarte con respecto a posibles dúbidas sobre os trámites. Tes ao final do artigo un apartado de glosario onde che aclaro o significado dalgúns termos que irei utilizando ao longo do post.

COMO SOLICITAR UN ERASMUS

Que é o programa Erasmus+

O programa de mobilidade académica Erasmus+ está pensado para que estudantes universitarios de 33 países (incluíndo os 27 da Unión Europea e outros seis non membros) poidan cursar entre tres meses e un ano académico dos seus estudos no estranxeiro nunha universidade destes Estados. 

Como algunhas de vós xa saberedes –e outras non–, eu estou estudando o Grao en Ciencias Políticas e da Administración na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), que efectivamente participa neste programa de mobilidade –entre outros moitos­–.

Para poder solicitar esta beca, tes que facelo a través da oficina internacional / Erasmus+ da túa universidade. Isto é importante para ter en conta os diferentes prazos e as esixencias para aplicar por ela.

Requisitos para solicitar o Erasmus

No caso da UNED, os requisitos para poder solicitar a beca son os seguintes:

  • Ser cidadán dun dos países establecidos polo programa, ser unha persoa refuxiada ou apátrida ou ter outra nacionalidade pero ter o permiso de residencia válido para residir en España durante o período da mobilidade.
  • Estar matriculado na UNED antes de ser seleccionado. Esta é unha das máis importantes, pois tes que realizar a túa matrícula coma calquera outro ano, incluíndo na mesma as materias que tes pensado validar na universidade de acollida.
  • Ao iniciar a mobilidade, os estudantes seleccionados teñen que ter pendente de aprobar na UNED un número mínimo de créditos (15 ECTS por 3 meses; 30 por 6 meses e 60 polo curso enteiro).
  • Estar matriculado polo menos no segundo curso do título no que solicita a axuda ou ter aprobados 60 créditos ECTS no momento de presentar a solicitude.
  • Tamén estudantes matriculadas no primeiro ano dun mestrado oficial.
  • Ter un nivel mínimo de B1 no idioma en que se vaian impartir as materias: no meu caso, o idioma no que tiven as materias en Polonia foi o inglés, do cal teño o nivel C1 desde xaneiro deste ano (outro día escribirei para contarvos como é a experiencia do exame CAE de Cambridge).

Como facer a solicitude

Unha vez comprobado que cumprimos os requisitos, toca realizar a solicitude

Cada ano, as universidades establecen acordos entre elas para xerar prazas para os estudantes Erasmus. Por exemplo, a UNED ofertou estas prazas para a convocatoria 2021-2022. Na miña carreira, ofrécense para Francia, Italia, Portugal e Polonia; sendo este derradeiro país o que eu elixín, na Universidade Maria Curie-Skłodowska (UMCS) de Lublin. 

Unha vez ollada a praza que máis nos interese, é o momento de enviar a nosa solicitude cuberta e asinada á oficina Erasmus+ da nosa universidade dentro do prazo estipulado polas bases da convocatoria.

Na UNED, ademais do formulario de solicitude cuberto, é necesario enviar á oficina (erasmusuned@adm.uned.es) unha copia en PDF do teu currículo vitae (CV) e o documento que acredite o teu nivel no idioma no que cursarás os estudos no estranxeiro. 

O prazo para a convocatoria da beca Erasmus 2022 foi entre o 12 de xaneiro e o 22 de febreiro de 2021, polo que tes que ter estas datas ben apuntadas no teu calendario para que non se che pase.

Pasará un tempo ata que che comuniquen a túa admisión por correo electrónico, así que non desesperes. No meu caso tiven que agardar 2 meses para recibir a noticia de que fora seleccionado. E, sinto decepcionarte, pero non penses que o peor está feito. Porque os trámites non fixeron máis que comezar.

OS TRÁMITES DO ERASMUS+

Trámites da universidade

Cando che comunique a aceptación, a túa oficina Erasmus+ aclararache todos os trámites que terás que ir facendo. Fago un inciso para remarcar que o teu contacto na oficina Erasmus+ da universidade vai ser coma o teu salvavidas. Se tes calquera dúbida durante o proceso, failla chegar sen dubidalo. Volvendo aos trámites, basicamente se resumen en tres etapas:

  1. Trámites antes da estancia: os máis custosos. Por un lado, consisten en cumprimentar documentos cos teus datos (como o convenio de subvención e aceptación da axuda financeira) e por outro o documento de recoñecemento de créditos (basicamente a táboa de validacións entre as materias das dúas universidades). Este será o que máis dor de cabeza che pode causar, pois precisarás que ambos titores Erasmus (o da túa Universidade e o da Universidade de Destino) a aproben. Poderás modificala durante a túa estadía no estranxeiro se queres elixir outras materias. Eu tiven que facelo e non foi unha experiencia agradable. Despois destes trámites, recibirás o 75 % do importe da túa beca.
  2. Trámites durante a estancia: nada tan complicado comparado coas cousas coas que xa lidarías ata aquí. Por un lado, unha copia da túa tarxeta sanitaria europea (TSE) ou do teu seguro privado de viaxe se decides contratalo e, por outro, un documento que confirma a túa chegada á universidade de destino. Se tes cambios no teu acordo de recoñecemento de créditos, será nesta etapa na que terás que lidar con eles. Estate pendente dos prazos e non deixes de falar cos teus titores Erasmus para resolver calquera dúbida.
  3. Trámites trala estancia: son os máis pracenteiros, pois se chegaches aquí, é que xa tes todo aprobado e as cousas foron sobre rodas. Terás que entregar o documento que confirme o teu período de estadía completo e, no caso de que non o fixeras, a versión definitiva do teu acordo de recoñecemento de créditos. Na UNED terás que cubrir tamén un formulario online que se abrirá ao finalizar os estudos e do cal dependerá o pagamento do 25 % restante da beca.

Preparar a viaxe e atopar aloxamento

Unha vez che confirmen a túa beca e, ao mesmo tempo que algúns trámites administrativos, chegará a hora de procurar tanto o aloxamento na cidade de acollida, coma o transporte ata ela.

Como buscar transporte económico

Existe sempre o debate sobre que se debe reservar primeiro nas viaxes, se o aloxamento ou o transporte

No caso do Erasmus, para min a dúbida resólvese de xeito sinxelo ao ter xa confirmadas as datas do intercambio. Aloxamento vas precisar si ou si, así que agora a prioridade será reservar os billetes canto antes para conseguilos ao mellor prezo. No meu caso, e para ir a Polonia, a resposta estaba no avión.

Se miras con algo de tempo de antelación, o máis seguro é que atopes algunha ganga para voar barato a Polonia desde España. Existen voos directos desde Madrid a Varsovia ou a Cracovia. No meu caso, o máis barato foi voar directamente desde Madrid ata Varsovia Modlin, a unha hora da cidade (ollo, non confundir con Varsovia Chopin, que está no centro da cidade. Os voos desde aquí soen ser máis caros, pero se os atopas máis baratos, vai estar mellor comunicado).

A mellor web para buscar voos baratos con tempo para min sempre é Skyscanner e, unha vez identificado o voo, reservalo desde a propia web da compañía aérea, pois pode que o teñan máis barato. Ao final, o que máis dor de cabeza acaba dando é moverse de Galiza a Madrid, como ben sabes.

Onde buscar aloxamento

Cidade nova, probablemente non coñecendo a ninguén, o máis seguro é que cun idioma que non dominamos… Como se supón que podo atopar aloxamento entón? Pois hai varias formulas.

  1. Facebook: o primeiro de todo son os grupos de Facebook. Si, esta ferramenta boomer que parece condenada ao esquecemento pero que che pode salvar a vida nesta ocasión. Busca grupos do tipo “alugueres en…”, “apartamentos en…”, “Erasmus…”, “ESN…”. 
  2. ESN: tamén pode ser útil entrar en contacto coa túa comunidade Erasmus na cidade, principalmente a través de ESN. Se tes sorte, poderanche orientar neste sentido. Búscaos no Facebook e únete ao seu grupo de WhatsApp.
  3. Webs de aluguer: Existen tamén algunhas webs que se encargan de amosar ofertas de aluguer de pisos para estudantes. Ten en conta que a túa estadía estará limitada no tempo. A máis coñecida pola comunidade Erasmus é Erasmusu. Non obstante, tamén pode ser ideal coñecer as webs de aluguer do país, polo que é recomendable que comeces a usar o idioma local canto antes (Google Translate será o noso novo gurú). En Polonia, algún exemplo destas webs é olx.pl na que podes atopar tanto pisos en aluguer, como coches, como traballo ou roupa.

Trámites ao chegar á nova cidade

E tras moita xestión, algunha dor de cabeza e posibles cabreos, xa estarás na túa nova cidade. Agora so queda abrir a mente e gozar da experiencia (e estudar algo, claro).

Se estás nun país que utilice euros, sáltate isto, pero se vas a outro que teña moeda propia, como Polonia (onde utilizan o złoty) terás que facerte con ela. 

En Polonia podes cambiar os teus euros por złoty nunhas oficinas chamadas kantor ou nos caixeiros automáticos de bancos coma o PKO. Non obstante, se tes unha tarxeta de débito con boas condicións e bo tipo de cambio, intenta utilizala ao máximo. 

No noso caso só cambiamos algo de efectivo ao chegar –que nos serviu para facer compras máis informais como no mercado– e o resto de tempo utilizamos a tarxeta.

Algo que tamén pode ser interesante ao chegar pode ser informarte do mellor xeito de transportarte na cidade (metro, tranvía, bicicleta, autobuses) e, eventualmente, obter unha tarxeta de transporte público se o consideras necesario.

Se che gusta o deporte, intenta informarte de que actividades deportivas ofrece a túa universidade, que instalacións podes utilizar e incluso se existe algún equipo que practique o teu deporte favorito e co que poidas adestrar.

Tamén pode ser interesante comezar a estudar os lugares interesantes preto da túa nova cidade e do país para ir planificando algunha viaxe interesante. Durante o noso tempo en Lublin, a pesar da pandemia, tivemos a oportunidade de facer algunha escapada para percorrer a capital, Varsovia; ir ver os Montes Tatra, no sur e percorrer os parques naturais da rexión de Lublin. Deixámosche por aquí os vídeos das nosas viaxes por Polonia.

E ata aquí esta odisea burocrática. Espero que este artigo che poida orientar neste tortuoso camiño polo Erasmus. Tamén existen outras oportunidades como a Galeuropa, para vivir no estranxeiro. Se xa foches de Erasmus, deixa nos comentarios en que país foi e que tal foi a experiencia. Déixoche por aquí tamén a versión en vídeo coa información do Erasmus.

GLOSARIO

  • Documento de Recoñecemento de Créditos / Learning agreement: acostúmate a velo escrito dos dous xeitos, pois terás que ilo movendo entre as dúas universidades. É o documento en torno ao cal xira o teu Erasmus. Nel especifícanse as materias da universidade de destino que serán validadas na universidade de orixe. Os créditos ECTS totais a validar deberán coincidir ou variar pouco.
  • ESN:Erasmus Student Network. É unha das maiores asociacións de estudantes de Europa. Ten delegacións en moitas cidades do continente e pódeche axudar durante a túa experiencia Erasmus.
  • Formulario de solicitude: É o primeiro trámite. O documento no que lle solicitas á túa universidade unha plaza na seguinte convocatoria do programa Erasmus+. Tes que cumprir unha serie de requisitos específicos para poder facer esta solicitude.
  • Oficina Erasmus / Internacional: órgano dentro das universidades tanto de orixe como de acollida que se encargará da tramitación da túa beca. Tes que estar en contacto continuo con eles para cubrir a documentación necesaria.
  • Titor Erasmus: persoa encargada de aprobar o documento de recoñecemento de créditos, e dicir, as axigantaras que validarás. Terás un na universidade de orixe e outro na de acollida e ambos terán que aprobar este documento vital para o teu período Erasmus. Preocúpate por coñecer o nome e o correo electrónico de ambas persoas.
  • TSE: Tarxeta Sanitaria Europea. É o documento que acredita o dereito a percibir prestacións sanitarias durante unha estadía temporal no territorio do Espazo Económico Europeo ou Suíza. Se estás en paro, podes ter dificultades para obter a tarxeta, que ten unha validez máxima de dous anos, polo que tes que prestar moita atención aos prazos ou terás que contratar un seguro de viaxe privado.
  • UMCS: Universidad Maria Curie-Skłodowska. A miña universidade en Lublin, Polonia. Autodefinida como a Universidade máis grande do leste do país, con mais de 20.000 estudantes, dos cales 1.600 son internacionais.
  • Universidade de acollida: universidade do país no que realizarás o intercambio e na que cursarás as axigantaras que validarás coa túa Universidade en España. No meu caso, a UMCS.
  • Universidade de orixe: universidade na que estudias a túa carreira ou mestrado en España. No meu caso, a UNED (Universidade de Educación Nacional a Distancia).

Sergio Casal

Son Sergio Casal, xornalista especializado en comunicación política. Apaixoado pola fotografía e a realidade política do mundo. Esta mestura vocacional e unha gran paixón por comunicar, enchen a miña mochila de cara a este proxecto con Nuria: TOXÍO.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.