Un dos grandes medos que calquera viaxeiro ten cando viaxa é: e se me pasa algo? Normalmente son medos irracionais e cousas que non pasan. Pero cando viaxas tanto a segundo que países, sexamos sinceras, o raro sería que non pasase!

Antes de nada quero informar de que este artigo non é para poñer medo nin evitar ningunha visita á India nin a ningún país fóra de Europa. Sabes que nós amamos visitar calquera país e todo isto que che imos contar hoxe son anécdotas na recámara. Foi algo que vivimos na viaxe con “normalidade” e, unha vez superado o bache, seguimos viaxando por este país. E volveríamos. De feito, oxalá o poidamos facer nun futuro próximo.

kalavantin_durg
Foto feita tras a recuperación de Ser, facendo a ruta de Kalavantin Durg (unha das experiencias máis TOP da viaxe), sobre a que falaremos a semana que vén.

Sen embargo, a nosa semana nun hospital de India foi do máis curiosa e entre impotencia e ganas de estar fóra de alí vivimos moitísimas historias e reflexionamos moito tamén. Imos intentar ir revivindo a historia cronoloxicamente para que ti te poidas poñer en situación.

Un día pola noite, ante un malestar insostible, estivemos chamando á aseguradora intentando que nos indicase un hospital ao que ir. Tras varias horas intentándoo sen resposta, tivemos que ir pola nosa conta. E aí comeza a aventura.

Preguntamos no hotel e indicáronos cal era o hospital que máis preto se atopaba. A el tivemos que chegar en rickshaw, que era o medio de transporte dispoñible. Non sei se algunha vez viaxaches en rickshaw pola India, pero non é o máis cómodo, especialmente cando te atopas tan mal como para necesitar un hospital.

Ilustración de Paula Pérez (@paula.dibujante) do transporte coñecido como rickshaw na India e popularmente como tuk-tuk.

Chegamos a un hospital chamado Shanti Mangalick Hospital levado por unha organización sen ánimo de lucro (P.C Mangalick Public Charitable Trust) que se dedica a fomentar a saúde e educación a todas as seccións da sociedade. É un hospital no que non están moi acostumados a ver xente estranxeira e onde non falaba case ninguén inglés. E, como podes supoñer, nós tampouco sabíamos nada de hindi. Así que caos servido!

Sen embargo, hai comunicación humana facilmente recoñecible e o feito de que entrásemos pola porta dun hospital con Sergio tan mal como se vía e eu toda preocupada dicindo cousas en inglés, deixaba patente que el se atopaba mal e que precisábamos un médico. Deixaron que Ser se sentase por alí e a min fixéronme entrar nun pequeno cubículo no que había un médico sentado e tres persoas (pacientes tamén) ao redor. Entón expliquei a situación. Creo que algo entenderon. Dixeron que Ser tiña que entrar alí, nun cubículo de dous metros cadrados, con cinco persoas dentro. Si, aí decidiron que tiña que meterse un home de máis de 1’90m de altura con pinta de desplomarse en calquera momento. Despois de dicir que se atopaba moi mal e medio decidir que tiña que entrar en urxencias, pasou o que tiña que pasar: Ser ao chan.

Cargamos con el como puidemos. Pero xa che adianto que fomos o espectáculo do momento. De feito, apostaría a que nese hospital seguen a falar de nós. Se algún día te pasas por Agra (cidade onde está situado o icónico Taj Mahal e á que nós non temos intención de volver na nosa vida) achégate ata alí e pregunta por nós á persoa indicada. Máis adiante, cando chegue o momento na historia, contarémosche por que non é unha tolemia.

Volvamos á situación. Temos a Ser medio inconsciente sendo trasladado a unha cama do que eles chamaban a UCI, pero era como unha sala con moitas camas de urxencia. Parece que ata aquí todo “normal”, pero comeza a maxia de non ter un sistema sanitario público. Empeza o que eu sigo considerando surrealista. Achéganseme, danme un papel e mándanme á administración a pagar o ingreso. Non sen algunha traba, logro ir, pagar un par de euros e volver co xustificante de que paguei. Acto seguido e vendo eu que aínda non lle dera absolutamente nada a Ser, danme un papel cunha lista. Que se supón que teño que facer con ese papel? Métenme fóra. Non entendo nada.

A de seguridade da porta da UCI (chamaremos así á sala, porque sala chea de camas de urxencia paréceme pouco funcional, pero reitero que non é un lugar no que están os pacientes tan graves como no que nós coñecemos como UCI) sinálame cara a entrada e un señor, moi agradablemente, intentoume explicar en inglés o que tiña que facer. Por fin alguén que entendía e me facía entender a min un pouquiño máis aquel caos!

Ben, pois resulta que a lista eran os medicamentos e demais cousas que Sergio necesitaba para ser atendido. Tiña que dirixirme con esa lista á farmacia da entrada (que estaba en fronte da administración do hospital) e darlle a lista. Eles daríanme todo o que estaba na lista. Eu pagaría. E eles daríanme un recibo. Ás veces tardarían horas ou incluso días en darme ese recibo, que eu lle tiña que entregar aos médicos ou enfermeiras que atendían a Ser.

Despois, cargadiña con medicación, soros e incluso vías, ía á UCI a levarlle todo a Ser. E aí (e só nese momento) comezaron a administrarlle o necesario. Pouco despois botáronme fóra da sala. Sen moita explicación. Sen contar nada do que lle pasaba a Ser. Indicáronme que tiña que esperar nas cadeiras de plástico da entrada. Literalmente, indicáronme concretamente en que cadeira tiña que esperar, cargada coas nosas chaquetas, bolso e todo o que levabamos. Se me movía, xa me volvía a indicar a de seguridade que me sentara alí. E eu senteime.

E adiviñas que me puxen a facer? Seguro que si. Rompín a chorar. Non entendía nada. Estaba preocupada. E sentía unha impotencia tremenda. E tamén sabía que no fondo, eu non podía facer nada. E no momento que empecei a chorar, crin que xa non ía deixar de facelo. A de seguridade veu, faloume en indi en ton consolador e ata me secou as bágoas. Pouco despois, deixoume entrar e desde aí tiven acceso VIP á sala. Nunca se me volveu a negar o acceso a non ser que estivesen os médicos facendo cousas de médicos.

O proceso que expliquei cos medicamentos ao principio era o modus operandi do hospital. Nunca lle daban nin sequera un analxésico a Ser sen que eu fose á farmacia mercalo pagando as dúas rupias (case 0’03€) que valía. Un proceso un tanto tedioso e continuo do que dependía que eu estivese pendente todo o tempo. Aínda que, como poderías esperar, eu estaba alí á beiriña da padiola todo o cacho.

Os médicos pasaban bastante de Ser, crían que era algo que tardaría unhas horas en recuperar e que esa noite poderíamos estar de volta no noso hotel. Que tan equivocados estaban! Ser seguiu empeorando, chegou outro médico e chegou á conclusión de que tiña que pasar alí a noite. Pero antes de que te preocupes moito por Ser, xa che indicamos que se trataba dunha intoxicación alimentaria severa, polo que non era nada excesivamente grave, pero si algo que precisaba hospitalización uns cantos días e supervisión médica.

Díxome que a partir das 22h. eu non podía estar alí. Ao principio doume moita pena, pero sendo sincera, case non durmira esa noite e a banqueta de bar estraña na que levaba todo o día sentada deixárame moída, xunto con todo o cruce de emocións. Ser estaba estable e ben e, que mellor lugar para telo ben coidado que as urxencias dun hospital?

Cando se achegaba a hora de ter que marchar, intentei falar co persoal (había algún que algo de inglés falaba) para mirar se tiña que deixar mercadas as menciñas da noite, se lle deixaba os cartos ou se llas pagaba pola mañá no caso de que tivese necesitado algo. Pero, SORPRESA! Resulta que eu non podía abandonar o hospital, porque se Ser necesitaba a medicación, QUEN LLA ÍA DAR? Nun hospital cheíño de médicos e enfermeiros nunha cama da UCI, alí tiven que quedar eu. Que quen lle ía dar a medicación! Obviamente, volvín a derrubarme e desta vez conseguín unha cama para pasar a noite alí, xa que estaba caendo do esgotamento. Precisaba durmir.

Á mañá seguinte non mellorou moito a cousa e o prognóstico de Ser non era favorable. Tería que quedar esa noite no hospital tamén, pero trasladáronos a unha habitación deluxe. Sen preguntarnos se o queríamos, por certo. Pero, o asunto, foi un gustazo.

Deixamos entón a UCI chea de xente enferma á que doia moito ver. Había naquela urxencia xente pasándoo moi mal… E pasamos a ter unha habitación para nós, máis similar ás que temos aquí na planta dun hospital. Contabamos tamén con baño propio e un sofá que se converteu na miña cama para os próximos 3 días. Si, 4 en total pasamos vivindo no hospital, que se converteu dun dos lugares que máis noites pasamos nesta aventura por Asia! A cidade de Agra está no posto número 3.

Foto tomada mentres visitabamos o Taj Mahal en Agra, dous días antes da hospitalización.

O cambio de habitación foi un pouco estraño e complicado, xa que Ser aínda estaba bastante débil e sen embargo (e aínda non sei moi ben por que) subimos andando por unha rampla exterior tres pisos. Apunto que había ascensor e funcionaba perfectamente. Igual estaba demasiado petado nese momento ou en mantemento, non o sei. O asunto é que un dos auxiliares que chapurreaba un pouco de inglés e nos dou (bastante literalmente) a vida nos guiou e axudou un montón e levou a Ser da man e outra persoa do hospital máis eu subimos as maletas (que esa mañá eu fora buscar ao noso hotel). Chegamos á nosa habitación e demos as grazas. Sorpresa! Pedíronnos propina.

Despois dun tempo, a nosa aseguradora púxose en contacto co hospital, dicindo que se faría cargo de todos os nosos gastos tendo como límite 200.000€. Non sei como tratan aos marqueses, pero a partir de aí seguro que a maneira na que nos trataron foi moi similar. O trato volveuse moito máis fácil. 

Prometo que a diferencia que marca no mundo o de ter cartos e alguén que che respalde é algo que aínda me custa asimilar.

Sen embargo, non todo ía ser jauja e tivemos moitos problemas coa nosa aseguradora (Iati Seguros). Nós pedímoslle directamente que non se metese, que como xa nós pagáramos a metade do ingreso, preferíamos pagalo todo e despois que eses cartos nos fosen reembolsados ao presentar todas as facturas. Pedimos isto porque prevíamos problemas se non o facíamos deste xeito. Enviamos varios emails pedindo literalmente iso. Pero non, a aseguradora decidiu pagarlle ao hospital directamente todo e que este nos devolvese o que nós xa gastaramos.

A grandes trazos, o hospital quíxose ir de listo dicindo que non nos cubrían a medicación e blablabla (aínda que o tiñan posto na factura que lle ían pasar á aseguradora e nós vimos). Despois de moito escándalo, decidimos que queríamos marchar do hospital e continuar a recuperación no hotel de enfronte. Pero, sorpresa! Estivemos 7 horas retidos no hospital en contra da nosa vontade porque dixo o hospital que non tiña a certeza de que a aseguradora lles fose pagar e tampouco nos deixaba pagar a nós!

Escándalos varios. Despois de moitas horas, moita discusión e rajar moitísimo da nosa aseguradora, logramos saír e entrar no noso hotel, localizado xusto ao outro lado da estrada e onde nos quedamos uns cantos días máis de recuperación. O hospital devolveunos todo o diñeiro que gastáramos e cobroulle de máis á aseguradora, xa que lle colaron unha noite e algunha cousiña máis que nós non utilizáramos!

Este non foi o único malentendido que tivemos coa nosa aseguradora. Aínda que aquí finalmente respondeu, debo dicir que foi moi difícil. Se toda a situación en si no hospital xa fora complicada, o feito de que a nosa aseguradora, coa que podemos falar nunha lingua que controlamos á perfección, nin nos escoitara nin nos intentara dar un servizo adecuado, fíxoo bastante peor.

Sen embargo, saímos desta como de calquera outra e queremos facer aquí un inciso recordando o importante que é ter un seguro de viaxe. Aínda que toque adiantar cartos ou aínda que a aseguradora non responda da maneira que a unha lle parecería máis adecuada, ter un seguro de viaxe fóra da Unión Europea é vital. Non sabemos o que vale a Sanidade ata que nos toca pagala e somos conscientes de que uns días hospitalizado nun hospital barato con algo tan básico como soro, antibióticos e analxésicos (e a atención de profesionais, por suposto) non baixa dos 500€. Imaxínate se tes que ser operada de urxencia ou volver á casa de maneira repentina cun avión adaptado á túa situación! Podes quedar hipotecada de por vida, e aí está a maxia dos seguros. Que o fan fácil e factible. Así que que non escoite eu que viaxas sen seguro, eh!

Cando me formei como axente de seguros o meu instrutor sempre me repetía “Los seguros se hacen para no tener que usarlos”. E levo esas letras gravadas en min. Por sorte, eu nunca tiven que usar o meu seguro, pero nunca me vas pillar sen el. Hai cousas nas que invistes das que oxalá nunca teñas que usar. Pero, cando as necesites, teñen que estar aí. E sorte que estiveron para Ser.

A conclusión final despois dunha semana nun hospital da India é que somos moi afortunados polo sistema que temos. Por poder entrar polas urxencias dun hospital e ser atendidos, sexamos da nacionalidade que sexamos. De verdade que somos moi afortunados porque o noso sistema vexa persoas, ao marxe que despois tamén haxa que dar contas dos números.

Tamén aprendemos moito de paciencia, de empatía e de choque cultural. Eu a base de mal e de perder demasiado os papeis, todo sexa dito. Digamos que non fun todo o cacho a persoa da que me sinto orgullosa ser. Ás veces, as emocións negativas lévanos a sacar o peor de nós ou o que menos nos gusta, e é importante aprender de todo isto. Aprendemos a entendernos e a admitir que nós non facemos todo ben. Aprendemos a ter un tradutor a man, moita paciencia e ganas de sorrir. Que o noso enfermeiro de confianza diso soubo un cacho! Aínda que en momentos que nós vemos como os máis inadecuados se parase a pedirnos selfies!

Se pisaches India saberás que é complicado dar dous pasos sen que algún nacional pida sacarse unha foto contigo e estar hospitalizados non foi un freo para tan instalada tradición.

Ah, tocando a ese rapaz e ao que comentaba ao principio de que se pasas por ese hospital algún día e preguntas por nós igual nos recordan! Un día chegaron dous españois ao hospital e dirixíronos á terceira planta, á nosa habitación. Eles sorprendidos, dixeron “no, no!” e comezaron a marchar. Eu escoiteinos falar en español e pregunteilles se tamén lles tocara estar alí. Entraron na habitación e paráronse a falar con nós contándonos que non, que só pasaran a visitar o hospital para ver como era un hospital na India, pero cando os viron os conduciron directamente á nosa habitación porque, repito, debemos ser dous poucos europeos que pasamos por alí.

Quedámonos coa dúbida de saber onde e con que se intoxicou.

Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.