5.000km en 20 días

O verán pasado saímos da casa deste xeito que tanto nos gusta e xa tamén nos caracteriza: un coche e ganas. Coa casa ao lombo e sen idea de volver nunhas cantas semanas. Caracoliños rodantes esta vez, outra vez.

Esta aventura foi moi diferente da que xa che contamos anteriormente en “Que ver en Portugal: ruta de norte a sur”. Moi diferente a pesar de ter sido o mesmo concepto de viaxe, o mesmo tempo e as mesmas persoas. Ou quizás non poderíamos dicir que éramos as mesmas persoas que un ano atrás?

Polo que sexa, os 5.000 km. que recorremos nesta viaxe foron moi diferentes dos 3.000 km. da anterior, pero todos moi especiais e únicos.

A primeira parada da viaxe foi en Euskadi: San Juan de Gaztelugatxe (Roca Dragón para os máis frikis). Un dos moitos paraísos que alberga o norte. Camiñata bonita onde as haxa que a min me tocou facer descalza.

Continuamos polo País Vasco Francés para apreciar unha vez máis que as fronteiras reais non son as liñas debuxadas nun mapa.

Decidimos cruzar o país, non sen antes facer noite nun camping no que presenciariamos unha gran tormenta que nos perseguiría ao longo dos quilómetros. Tendemos a dicir isto para facer máis poéticos os feitos de que non nos tocou o mellor tempo, que presenciamos varias tormentas no medio da nada e que incluso nos vimos obrigados a abandonar os viñedos para guarecernos na cidade.

Toulouse, a pesar de semellar bonitiña, pasou por nós (ou máis ben nós por ela) sen pena nin gloria pola forte chuvia do día seguinte á tormenta.

Estrada. Estrada. O acceso de Francia a Italia por terra é a estrada máis rara, agobiante e fermosa que me tocou conducir ata a data. Os mesmísimos Alpes, preto do mar que verás sempre á dereita. E túneles. Moitos túneles. Incluso túneles costa abaixo: unha auténtica atracción á par que conduces.

Chegamos entón a Imperia, un pobo que non sabiamos que existía ata que decidimos facer noite nel. E que nos sorprendeu moi gratamente. Ao chegar e despois de montar a tenda de campaña, aproveitamos para darnos un baño no mar Mediterráneo cando a praia xa estaba baleira e o sol se estaba poñendo. Á mañá seguinte demos un agradable paseo polas bonitas rúas e flipamos coa súa impoñente basílica.

Continuamos para chegar a Xénova, atravesamos unha ponte que, tres días despois, caería. Non puido ser entón Xénova a nosa vía de volta, definindo este desafortunado evento a nosa ruta de volta. Tras visitar Xénova sen demasiado que salientar, fomos montar o campamento antes de que Google nola liara (o que nós xa chamamos unha “googleada”). Decidiu a famosa aplicación que había un camiño rápido para chegar a Cinque Terre, que era en realidade unha pista de barro polo alto da montaña. Aínda que o mellor acceso tampouco era para tirar foguetes. Sinceramente, o mellor consello que che podemos ofrecer sobre Cinque Terre é NON VAIAS. A súa fermosura é todo un invento de Instagram. Creo que é do único que nos arrepentimos de ter visitado nesta ruta. Só volo aconsellaríamos se o que vos gusta é estar amontoados nun espazo pequeno con moita xente que está nese mesmo espazo porque é “guai” estar aí. Se es coma nós e buscas algo máis dos sitios, definitivamente non vaias. Polo menos en pleno agosto.

O sexto día destinámolo a visitar unha das cidades cun dos monumentos máis icónicos de Italia e tamén das que máis controversia suscita con ese “non vale a pena”. Ben, pois nós cremos que Pisa si que vale a pena. Aínda sendo certo que non nos parece o lugar máis relevante nin indispensable da viaxe, pareceunos unha cidade co seu encanto. E alucinamos coa súa torre, pois aínda sabendo que estaba inclinada, non esperabamos que o estivese tanto.

Ao día seguinte comezou a nosa andadura pola Toscana profunda cun día moi completiño: visitamos Volterra, San Gimignano, Monteriggioni e Siena. Os tres primeiros son típicos pobos toscanos amurallados no alto dun outeiro. Preciosos todos eles, aínda que cada un cos seus matices. Volterra foi o noso favorito dende o punto de vista obxectivo. Rúas lindas para pasear ata fartarse, cunha maxia moi da zona. Aínda que che aconsellamos que non pagues por acceder ás ruínas do teatro romano. Non están mal, pero vese exactamente o mesmo dende fóra.

Monteriggioni foi moi especial, pois a pesar de ser pouco máis que unha muralla e unha praza, visitámolo xusto cando o sol se estaba poñendo e eses momentos sempre fan que a beleza dun lugar se multiplique por unha cifra moi elevada.

Para pechar o día, deixámonos caer por Siena, cidade bonitiña a rabiar cunha praza inclinada máis que interesante e moito ambiente xa que estaban en plena celebración do Palio, unha das súas festividades máis sonadas. Aínda así, trátase dunha festividade que non apoiamos nin recomendamos xa que consiste na explotación de cabalos.

Ao día seguinte seguimos percorrendo a Toscana nun dos pobos coa fama de ter un dos mellores viños: Montalcino. Visitamos o pobo baixo uns chuvascos que ameazaban con ir a peor e nos obrigaron a guarecernos nunha Igrexa, que transmitía, solitaria e escura, unha paz sobrecolledora no medio da tormenta

A tormenta, que nos seguía a perseguir, foi a que decidiu a nosa ruta. Non tiña moito sentido intentar visitar viñedos e pequenos pobos baixo raios e fortes chuvias, así que decidimos ir a protexernos e poder seguir desfrutando da viaxe na cidade. Foi así como chegamos, antes do esperado, a Florencia. Cidade á que ambos lle tíñamos moitas ganas. E non é de estrañar. Aínda non nos atopamos con ninguén que diga que Florencia non é tan bonita como contan. E nós, por suposto, tampouco o imos dicir. Florencia é tan impresionante como a pintan!

Non é de estrañar que o síndrome de Stendhal se coñeza tamén como o Síndrome de Florencia. Esta é unha enfermidade psicosomática que causa elevado ritmo cardíaco, vértigo, confusión, temblor, palpitacións, depresións e incluso alucinacións cando un individuo é exposto a obras de arte, especialmente cando estas son particularmente belas ou están expostas en gran número nun mesmo lugar. Máis alá da súa incidencia clínica como enfermidade psicosomática, tampouco é sorpresa que este síndrome se convertese nun referente da reacción romántica ante a acumulación de beleza. Florencia gáñase a alusión mírese por onde se mire!

Deixando a cidade atrás, visitamos o museo no que decidiron recrear gran parte dos inventos de Leonardo no seu pobo natal, Vinci. Tremendamente interesante ver nun pequeno espazo como de brillante era a mente deste señor. Todólogo dos bos, onde os haxa. Non estou moi convencida de que houbese alguén que soubese tanto de tanto con tan pouco a man. Declárome gran fan. E xa el descubrira por aquel entón que se podía vivir sen comer outros animais!

Fixemos noite en Collodi, pobo onde veraneaba o autor de Pinocho e cuxo nome decidiu coller para crear o seu artístico: Carlo Collodi. Xa te podes imaxinar cales eran os souvenirs por alí. Pobiño sen máis, no que aproveitamos para desfrutar moito entre cervexa, fotos e camiñatas pola montaña en chanclas. Unha non sempre se prepara para o que vén e eu xa fai tempo que teño como meta na vida que os meus zapatos non elixan por min!

Ao día seguinte decidimos adentrarnos nos Apeninos. Sempre me fixo especial ilusión estar en lugares que nunca souben situar nin ver máis alá dun mapa físico tras chaparmo para un exame que xa nin recordo cando tivo lugar. Pasear por zonas naturais sempre é inspirador. E se por riba lle unimos sesión de ioga a cousa non fai máis que mellorar. Cando estabamos intentando seguir definindo a nosa ruta, chegou quen a decidiría por nós: un autostopista. Era un señor que facía parapente e, tras deixarse caer por alí, atopábase a 40km do seu coche. Así que decidimos levalo ata alí, mentres el nos enchía de inspiración, de historias, de voar sen motor. Ambos coincidimos en que este tipo de momentos son os que nunca esperas e sempre te enchen de boas vibras. E, máis dun ano despois, segue vindo ás nosas conversas con sorrisos e moita tenrura.

O noso novo amigo recomendounos achegarnos a Torre Chiara, e aló fomos. Alí pasamos a nosa última noite en Italia antes de entrar no seguinte país: Mónaco.

Nunca antes dúas horas foran máis que suficientes para visitar un país, a obscenidade do ostentoso, como xa poderás imaxinar. A continuación ímosche deixar os nosos trucos para que a visita a Mónaco sexa realmente barata, a non ser que xogues na liga do país e non che interesen, claro. Entón podes saltar as seguintes liñas.

A nosa vía para acceder a Mónaco foi dende un dos pobos franceses que máis preto se atopan: Menton. Alí estacionamos de maneira gratuíta o noso coche e pagamos un par de tickets de bus para ir a este minúsculo país. A comida, recén mercada no supermercado de dito pobo, levabámola na mochila. Ata aí chegan os nosos gastos na visita a Mónaco. Aínda que, sendo conscientes agora ao refacer as contas non chegamos a gastar nin un só céntimo no país.

Aínda que, como gran afeccionada da Fórmula 1 que fun, vexo a parada en Mónaco obrigatoria por poder pasear por todo o circuíto a pé. E confeso que cando entrei no túnel case me escorrega unha pequena bágoa da emoción.

Despois de Mónaco, percorremos toda a costa por autopista ata chegar a Cap de Creus, en Cataluña. Cadaqués dise un dos pobos máis bonitos da zona, así que tomamos a malísima idea de achegarnos. O tempo que estivemos retidos no acceso por culpa do tráfico é maior que o que cada día enfronta unha oleirense intentando entrar na Coruña. Aínda que nos deixamos caer unhas horas nunha cala apartada que valeu moito a pena. Estabamos nunha pequena cala no mar Mediterráneo na que había máis persoas pero só se sentía o Sol e o silencio.

Sen embargo, tras unhas horiñas alí decidimos alonxarnos da masificada zona de costa e fomos parar á Alta Garrotxa. Onde alucinamos co Parque Natural da Zona Volcánica da Garrotxa. Decenas de conos volcánicos e varias ladeiras de lava na Península Ibérica. Algo que non esperabamos e nos sorprendeu moi gratamente. Recomendamos encarecidamente facer algunha ruta de sendeirismo por esta zona e deixarse marabillar por isto!

Para poñer o broche final a esta aventura, dedicamos uns días a visitar a icónica e benquerida cidade de Barcelona. E pasamos o último día desfrutando de Port Aventura e FerrariLand con miñas irmás, que se sumaron ao final de traxecto para celebrar no parque de atraccións o aniversario da peque da casa. Un broche xenial para nós, pero uns meneos quizás excesivos para o tute que nos viñeramos de pegar.

Rematamos durmindo na peor pensión que visitamos ata a data. De feito un dos obxectivos de Sergio é que ao acabar de percorrer Asia poidamos dicir que o peor aloxamento da nosa vida foi en Reus.

12 horiñas de coche de volta e casa.

Longa viaxe. Moi bonita. Máis inspiradora.


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

3 comentarios

belen · 28/01/2020 ás 10:23 a.m.

Un saludo desde la consulta contigua a la de tu hermana Raquel, ja,ja,ja. En fin un beso, me encanta vuestro blog y vuestras historias, me teneis enganchada.
Espero que Sergio se vaya recuperando de todos esos pequeños pero inoportunos contratiempos. Buena continuación del viaje!!!!

    Sergio Casal · 06/02/2020 ás 8:32 a.m.

    Moitas grazas polas túas palabras, Belén. Imos tirando con estes contratempos, pero nada que non teña solución! E seguiremos compartindo un montón de experiencias desta viaxe!

    Apertas

É SEGURO VIAXAR Á INDIA? | TOXÍO · 02/02/2020 ás 3:37 p.m.

[…] cando, tendo ambos o carné de conducir, nos dispoñíamos a facer a viaxe por estrada de 5.000km. (ruta moi guai a verdade, da que falamos neste artigo) no coche de meus […]

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.