Este verán estivemos máis dun mes percorrendo a costa oeste de Francia en furgoneta e iso levounos a un país tan máxico como é a Bretaña. É esa esquiniña tirando cara o noroeste con cultura e lingua propias que desde París cren que é outro mundo. Salvaxe. E é verdade en certo modo e ímosche deixar ver esa parte.

Pero tamén reivindicaremos o que lle dixemos a ese parisino cando falou da Bretaña como se estivese falando dun mundo arcaico: son o que somos. Xente normal e traballadora, non trasgos e celtas. Iso si, o noso enfoque neste artigo será lixeiramente místico e máxico pola realidade dos nosos días alí e tendo en conta que estábamos nunha burbulliña vacacional.

QUE É A BRETAÑA?

A Bretaña é actualmente unha das 18 rexións administrativas de Francia. É unha península no oeste, limitando coa Canle da Mancha, Normandía, os Países do Loira, o Golfo de Biscaia e o Mar Céltico (ambos parte do Océano Atlántico).

Un paso máis alá e cun nacionalismo propio, a Bretaña é un antigo reino celta cunha cultura e lingua propias. Aínda que se atopa en risco, como a maioría de culturas minoritarias.

Nós non puidemos deixar de emocionarnos cando entramos neste país e comezamos a ver os primeiros carteis en bretón, unha lingua realmente diferente a calquera outra que coñezamos (aínda que non pode deixar de recordarnos á literatura de Tolkien).

A letra “ñ” ao final de moitas palabras sorprendeunos enormemente. Sobre o bretón en concreto poderás atopar o vídeo que gravamos nun dos puntos da nosa ruta.

Pero, vamos a percorrer este fermoso país!

RUTA PUNTO POR PUNTO

Antes de nada deixar clariño que isto non é unha recomendación, é simplemente a ruta que nós fixemos. Nin sequera a que volveriamos facer. Le con atención o que nós valoramos de cada punto e que non nos gustou para saber se eses puntos serán de interese para ti no caso de que decidas facer unha ruta por aquí.

NANTES [Naoned]

Esta cidade é, oficialmente, a capital dos Países do Loira (outra rexión administrativa de Francia), pero foi a sede do poder ducal de Bretaña no século XV e a día de hoxe aínda alberga o Castelo dos Duques da Bretaña. Forma entón parte da Bretaña histórica, así que consideramos que a nosa ruta pola Bretaña comezou aquí.

Tamén comeza aquí a historia de quen creou centos de historias e se respira a maxia delas en varias esquinas da cidade. Jules Verne naceu aquí e os tiovivos son os máis bonitos que vimos nunca.

E aquí comezou tamén a ruta de 1.800 barcos (dos 27.000 que deixaron Europa entre os séculos XV e XIX) cuxo destino final era América. Estes barcos trasladaban, por ordes europeas, a persoas africanas para ser tratadas como escravas. Eríxese en Nantes un Monumento á abolición da escravitude que non debe deixar de visitarse con atención. Para aprender do pasado e, tristemente, de presente tamén.

VANNES [Gwened]

As cidades bonitas sen máis non son o noso maior reclamo, pero gústanos dedicarlles un anaquiño a percorrelas. Nesta viaxe en concreto, fíxonos moi felices facelo en skate. Foi a maneira ideal de divertirnos e ver as cidades de maneira diferente, priorizando o desfrutalas polo simple feito de estar nelas.

Vannes non é a máis idónea para o skate, pero foi unha parada que molou. Especialmente tamén polas tendas frikis que alberga.

A maiores, a súa gran oficina de turismo foi un punto xenial para facernos cun mapa completiño da Bretaña e pedir recomendacións de que sitiños máis escondidos visitar. De aí, fomos ao seguinte punto.

AURAY [An Alre]

Trátase dunha vila pequena, na que aproveitamos para facer noite. A última hora na zona do portiño os últimos raios de sol inciden sobre as casas típicas bretonas. As terrazas son chusquiñas e soa música en directo. Mirámonos e sorrimos. De verdade, vivimos nun conto de fadas.

Ruta Bretaña

Á mañá seguinte, aproveitamos para visitar a zona nova da vila (bonita para ser unha vila sen máis, sen maior maxia para parar) e ir a un mercado benéfico que hai esa mañá. Para nós, a parte importante de viaxar é esta. Non é ter clarísimo eses sitios que che van deixar sen alento (que si que hai que poñer na ruta, por suposto), pero encontrar eses lugares que aparentemente non teñen nada que ofrecer e ver que teñen que ofrecer. As viaxes son iso.

QUIBERON [Kiberen]

Fai calor e queremos buscar ondas. As ondas non aparecen, pero relaxámonos na praia en plena vaga de calor. Refrescámonos e descansamos para coller forzas para visitar Carnac, ese imprescindible que nos trouxo preto de aquí.

ALIÑAMENTOS DE CARNAC

Cando dicimos que viaxar é o 90% deixarse ir, o 10% restante é o que nos debe traer a este punto. De entre os lugares que hai que visitar no mundo, está Carnac. O lugar máis imprescindible da Bretaña. O enclave megalítico que máis nos voou a cabeza nunca. Miles de pedras aliñadas ao longo de varios quilómetros fai miles de anos sen explicación aparente.

Desbotouse a súa relación con elementos naturais, como por exemplo as estrelas. As expertas apuntan a que isto poida estar relacionado coa morte, por haber múltiples tumbas preto. Crese nalgo así como “unha porta que conecte os dous mundos”. A vida e a morte.

Pero, todas estas ideas teñen pouca base e, sobre todo, pouca definición. Probablemente nunca o saberemos. E iso, para que negalo, tamén lle engade emoción ao lugar para humanos aos que ás veces lles custa levantarse do sofá á neveira a buscar algo.

Por que persoas ían mover pedras inmensas por que si? Ou aínda tendo un motivo, por que eran capaces de gastar o seu tempo nalgo así?

LORIENT [An Oriant]

As casualidades son adrenalina para nós (por non utilizar ningunha substancia psicotrópica ilegal por aquí). E quixeron darnos a maxia mística céltica que poderíamos adorar. A semana que nós pasamos na Bretaña estaba tendo lugar o Festival Intercéltico de Lorient.

Este festival dura 10 días e é un encontro para todas as nacións celtas, sendo o maior de Europa destas características. Cada ano é o ano dunha das nacións celtas e este tocoulle a Asturies. Obviamente, había presenza galega e puidemos escoitar a Faísca de Pontraga en directo.

Pasamos un día máxico e tivemos a sorte de coñecer a un contacontos que viaxou durante meses facendo autostop e contando contos. Por Asia, por América… Unha das súas viaxes foi polas nacións celtas. Isto tróuxoo ata Costa da Morte.

Mercamos o seu libro emocionadas e intercambiamos números, deixando aberta a porta a vernos de novo nos próximos días. Esta persoa será o lugar máis máxico da Bretaña e o que recordaremos con máis cariño da ruta que che estamos a compartir.

Por iso, repetimos, isto non é unha recomendación ao uso. É un inspirarche coa nosa ruta coa ilusión de que ti desfrutes da túa. Que será diferente.

QUIMPERLÉ [Kemperlé]

Vila pequena e chusquiña que merece unha parada se vas por aí. Preto hai moitos puntos de interese nos que probablemente pararíamos noutras circunstancias e, sobre todo, con menos chuvia. Se vas por aquí, bótalle a un ollo ao que hai ao redor e, especialmente, a Pont-Aven.

CASTLO DE KÉRIOLET, CONCARNEAU [Konk-Kerne]

Este castelo está apartado do ruído ou outros edificios, nun entorno precioso. Tivemos a sorte de poder bordealo e estar practicamente soas.

Nunha das esquinas atopamos a unha persoa debuxando esta marabilla neogótica no seu caderno. Estas persoas sempre nos dan moi boas vibras e nos animan a facer para nós aquilo que nos gusta.

Neste caso foi desfrutar do bonito que o castelo era e facer fotos, cousa que nos flipa.

QUIMPER [Kemper]

Cidade bonita, cunha catedral que quería tocar o ceo e unha exposición dentro que o rozaba. Nunca deixa de chamarnos a atención cando os lugares de culto se converten en centros culturais alleos ao relixioso, como é o caso da catedral de Kemper e os seus arredores, onde tivemos a sorte de poder visitar un mercado de artesáns da zona.

POINT DU VAN [Beg ar Van]

Querendo deixar as cidades atrás e volver a natureza, chegamos a Point du Van. Aínda que este punto non foi nin a primeira nin sequera a nosa segunda opción. A nosa idea inicial era poder ir á zona da Torch para poder surfear, pero a previsión de ondas non era esperanzadora, así que abortamos misión.

Puxemos rumbo a Point du Raz, o lugar máis icónico e coas fotos máis bonitas deste extremo da costa bretona. Unha punta de acantilados cun faro nun illote no extremo. Bótalle un ollo as fotos e verás que é impresionante. Que problema nos atopamos ao chegar alí? Que o aparcamento valía un ollo da cara e non había maneira de aparcar de maneira gratuíta a quilómetros de alí.

Entón? Entón nós sempre imos elixir ser uns cutres e así poder descubrir outros recunchos.

Chegamos entón a Point du Van (lugar que de ter ido ao primeiro probablemente non teríamos visitado), onde había unhas vistas con perspectiva de Point du Raz e cuxo percorrido era tamén bonito, aínda no medio dunha néboa bastante densa.

PENÍNSULA DE CROZON [Kraozon]

O noso seguinte paso na ruta será un dos nosos recunchos favoritos da Bretaña. Ata o día anterior non sabíamos case nin que existía e agora non podemos evitar utilizalo como exemplo continuamente cando queremos falar de algo bonito ou que nos emociona. “É Crozon”.

Nesta península atoparás aliñamentos de menhires como os de Carnac, pero moooito máis pequenos. Restos de castelos. Casas pechadas que mirarás con envexa pensando “pero que lle pasa a esa casa, que non a estou coidando eu”. Acantilados preciosos. Illotes que o son aínda máis. Praias infinitas. Incluso algunha pequena onda para poder sacar a táboa.

En Crozon, como en toda a costa oeste, poderás atopar tamén vestixios do Muro Atlántico, que foron as defensas alemás durante a Segunda Guerra Mundial. Porén, sobre todo isto faremos moito máis fincapé cando falemos de Normandía a onde nos desprazamos principalmente para visitar todo o relacionado con este feito en xeral e co Desembarco de Normandía en concreto.

BREST [Brenniliz]

Esta é unha das cidades máis sonadas da Bretaña. Nós alí sentímonos un pouco como paseando por Ferrol. Algún recuncho con edificios bonitos, moito contexto militar e unha cidade austera e útil.

PORTAL MÁXICO

A pesar de que a nosa idea era visitar toda a costa bretona, e a estas alturas só fixeramos a sur e parte da occidental, abortamos a misión costeira e a vida levounos ao interior da Bretaña. Aínda que Côte d’Armor se queda definitivamente na nosa lista de lugares futuros que visitar.

Como dicimos, para nós viaxar non é ceñirse a un plan nin visitar os sitios que “deben” ser visitados. Para nós é adaptarnos ao que o camiño nos trae. E iso foi o que decidiu as nosas dúas seguintes paradas. A parte que decidimos chamar “portal máxico” non foi máis que achegarnos á casa daquel contacontos que coñecéramos no Festival Intercéltico de Lorient.

E “non foi máis” é por intentar enfatizar como detalles que a ollos de calquera poderían ser tan insignificantes, como ir ata casa de alguén, poden converterse no momento máis especial dunha viaxe.

Dun verán.

Dunha vida.

Ruta Bretaña

Pasamos unha tarde e noite co noso xa amigo, Samuel Allo. Visitamos o mercado local e a vila preto da súa casa. Nadamos no río cercano. Abrímonos en canal emocionalmente e comemos boniatos e plátanos con chocolate pegadiños ao lume da lareira. Mentres escoitábamos contos.

Agradecémoslle na alma a Samuel que nos abrira a porta da súa casa e do seu corazón. Tamén que compartise con nós os seus contos. Se queres escoitalo, ao final do artigo poderás atopar esta ruta en vídeo.

PONTIVY [Pondi]

Continuando con lugares que non estaban na nosa ruta ideal pola Bretaña, chegamos a Pontivy. Unha vila fermosa que supoño que ninguén recomendaría. E é que creo que non existen vilas feas nestas latitudes. Calquera vila normal ten casiñas preciosas, unha igrexa tremenda e fotoxénica e moitas flores. Pontivy conta tamén co Castelo des Rohan.

Nós achegámonos aquí porque desde a Radio Bro Gwened accederon a facer unha entrevista sobre a situación do bretón para nosa canle. Grazas a Yuna e a Jeanne por compartir tanto con nós.

Foi un auténtico pracer poder escoitar a opinión destas xornalistas sobre a súa lingua e poder falar de preocupacións compartidas do bretón e o galego. Tamén foi bonito sentirse acompañadas e motivadas polas loitas e apoio do resto, como a moitas nos aconteceu en Lorient.

BOSQUE DE BROCÉLIANDE [Brec’helean]

Este bosque é tamén coñecido como o bosque de Merlín, porque está directamente ligado coas lendas artúricas. E nós, como frikis de todo isto (e xa que a nosa ruta se desviara definitivamente da costa) non puidemos deixar de visitalo.

É unha extensión non moi grande (se tes un coche para moverte de punto a punto, claro) no que poderás atopar rutas sinxelas e preciosas para facer a pé, como o Val sen Retorno, que son catro quilómetros circulares. Tamén visitamos a Fonte de Barenton, a árbore milenaria, a tumba de Merlín ou a mesmísima Excalibur.

Aviso sobre esta última: é algo cutre preto dun camping, nada súper máxico. Pero se es friki como nós e che cadra preto, seguro que che fai ilusión vela.

JOSSELIN [Josilin]

Esta é a vila máis bonita da Bretaña. Promesa. É preciosa en cada recuncho. Ten un castelo precioso, como o son todas as casiñas ao longo das rúas. Podes subir a un campanario (ata nós pagamos o euro que vale ter as vistas desde alí) para ter unha panorámica e ver o castelo desde o alto.

Atoparaste a cada paso tamén con exposicións de artistas así como tendas de artesáns. Se temos que poñer unha parada obrigatoria na Bretaña ademais de Carnac, sería esta.

RENNES [Roazhon]

Esta é a capital da Bretaña e nós visitámola baixo unha chuvia case torrencial, que non lle quitou a maxia. Atreveríame a dicir que case lla engadiu. É unha cidade bonita de manual, sen excederse. Vale a pena a paradiña entre o punto anterior e o que vén.

MONTE SAINT-MICHEL [Roazhon]

Oficialmente, este monte pertence á rexión de Normandía. Porén, en moitos mapas turísticos bretóns, poderás ver como aínda o poñen dentro dunha Bretaña histórica e cultural. Por seguir a liña nacionalista (e porque a nosa ruta por Normandía a imos enfocar case exclusivamente en torno á II Guerra Mundial) recollemos este lugar aquí.

O último imprescindible da zona. Tan impresionante como parece. Polo menos, desde fóra. Desde dentro tes que prepararte para estar enlatada, porque estarás nun dos lugares máis turísticos de toda Francia. Porén, vale a pena unha e mil veces. Especialmente, camiñalo desde fóra.

Recomendación aquí de aparcar nunha zona gratuíta un ou dous quilómetros máis alá do aparcamento oficial (nós aforrando sempre e descubrindo marabillas grazas a facelo). Isto permitirache ver o monte desde un punto privilexio desde o que non a maioría o ve.

Se tes dúbidas e queres que che demos recomendacións máis detalladas, sempre podes escribirnos por Instagram ou en info@toxio.gal e estaremos encantadas de axudar!

No vídeo que che deixamos a continuación, podes ver esta ruta en audiovisual. 16 minutos mostrando esta marabilla que é a Bretaña 🖤

Moitas grazas por acompañarnos nesta ruta! Se che gustou, fainos chegar a túa opinión e envíallo a quen creas que lle pode gustar tamén!


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

3 comentarios

Bretón, unha lingua en perigo de morte · 03/10/2022 ás 10:18 p.m.

[…] Durante a nosa viaxe pola Bretaña, varias persoas nos comentaron o feito de que os bretóns, por seres unha minoría e por, ademais, en moitas ocasións, non saber falar francés, eran enviados en primeira liña de batalla na Primeira Guerra Mundial. Isto derivaba inevitablemente nun sentimento de culpa e inferioridade terríbel que foi transmitido ás xeracións posteriores («se queres sobrevivir, ou ser algo na vida, fala francés». Sóache?). Adicionalmente, a imaxe do nacionalismo bretón pagou as consecuencias derivadas das conexións entre certos movementos políticos e militares como o Partido Nacional Bretón ou a unidade Bezen Perrot co III Reich.  […]

Un premio para seguir medrando | Premios Youtubeiras 2022 · 30/01/2023 ás 10:51 p.m.

[…] obviamente, neste ano, tamén houbo tempo para a viaxe máis pura. Descubrindo recunchos únicos en lugares como a Bretaña e coñecendo a persoas que fan deste mundo un lugar no que paga a pena perderse. Pensamos no noso […]

KIA CARNIVAL CAMPER, PASO A PASO: SEAIA - TOXÍO · 24/03/2023 ás 2:13 p.m.

[…] queres ver como foron, deixámosche por aquí unha lista coas nosas aventuras por Bretaña, Normandía e […]

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.