Táboa de contidos
ToggleEn agosto tivemos a sorte de que a CMAT quixera contar con nós para dar a coñecer o seu recen estreado título de Destino Starlight. Sentímonos moi afortunadas de poder ter sido parte deste bloggertrip para falar de estrelas e promover a nosa terra, a Costa da Morte, como un destino que aspira a atraer a xente concienciada e buscando un turismo responsable, como o que practicades as persoas que estades aquí.
E como non atopamos mellor maneira que deixarche vivilo con nós, ímoscho contar de maneira cronolóxica. Porén, se hai algunha actividade sobre a que che gustaría que fixésemos un artigo específico, podes pedilo (ou ir mirar a Instagram, que probablemente haberá algo ao respecto).
E sobre a comida, que é central para nós, especialmente cando a atopamos boa, tes un artigo específico aquí. E, en Costa da Morte, hai pouquiños sitios que digan especificamente que son veganos, pero neste artigo verás como se adaptan con facilidade.
Isto empezou un mércores de agosto. A ruleta meteorolóxica xiraba e todas esperabamos que a boliña caese sobre o bo tempo que este verán nos estaba regalando pero, de camiño cara o sur da nosa costa (onde empezaba a nosa aventura), a néboa fíxome reducir a velocidade e vinme na obriga de que o limpaparabrisas comezase a moverse, non moi rápido, sobre o cristal. A ruleta dixera nubes. E non nos ían deixar de acompañar durante os tres días que seguiron.
Primeira parada: o Ézaro
Adoramos remar. Ambas. E a aventura empezou por aí, deslizándonos a contracorrente das augas do Xallas cando se mesturan coas do Atlántico, para ter a oportunidade de ver a fervenza do Ézaro (Dumbría) desde a nosa pequena embarcación plástica. Xa falamos o número suficiente de veces do afortunadas que nos sentimos? E na primeira actividade desta experiencia reforzamos esta sensación.
Ter a oportunidade de ver un lugar tan icónico da zona desde unha perspectiva diferente non só mola por todo o que obviamente poidas pensar que mola. Se non, que che dá a posibilidade de ver todo o que desde a óptica das pedras do lado non chegas a ver e para nós a gran sorpresa é esta caída de auga que se atopa ao lado da principal. Tan ou máis fermosa.
Despois remamos ata a desembocadura do Xallas, pasamos baixo a ponte que serve de fronteira entre Dumbría e Carnota, entrando xa no mar. Vendo as Lobeiras ao lonxe. Quixen remar e chegar a esas illas que teñen un imán difícil de explicar. Pero, paciencia. Non se pode ter todo. Non ao mesmo tempo, polo menos.
Nós vivimos esta experiencia con AdventurÉzaro, pero tamén a tes dispoñible con Atlantis Adventure.
Aos pés dos deuses: o Pindo
Non podo dicir que “deixamos a auga”, porque nunca podes facer iso na Costa da Morte. Pero, saímos dela. Vestímonos e puxemos rumbo ao Pindo. Para deixarnos impresionar polo maxestuoso do seu monte e o tranquilo das súas augas.
E pola explosión de sabores que nos dedicou a Morada da Moa que, spoiler, foi o sobresaínte máis grande en comida vegana desta ruta. Ensalada con lentellas, lasaña e ata un pastel de postre. Definitivamente, o mellor restaurante non vegano no que comemos algo vegano.
Continuamos coa ruta: Touriñán
Esta parte non vai ter sentido de todo a nivel ruta, non o apuntes para facelo, pero tivo sentido para nós pola realidade do que tiñamos que facer, que foi ir ata Lires (Cee) para ir deixar a mochila, xa que durmiríamos alí. E aproveitamos para achegarnos ao Faro Touriñán (Muxía), onde ten lugar o fenómeno Finis Solis, que nós non vivimos por temas de horario.
Costa da Morte é moi grande e ten moito que ofrecer. Nós fixémolo moi rápido para poder contarche todo isto, pero ímosche recomendar moitas veces que te pares e lle dediques tempo con calma. Para nós, vale mil veces a pena quedarse aquí horas e non visitar os outros dous sitios. Pararse, palpar, sentir o que este sitio ten que ofrecer. Que é máis para a alma que para acumular fotos.
Que, por outra banda, como persoas que adoran facer fotos e atopar a máis bonita, recordamos que é algo que só se pode facer deixándose absorber polo sitio e as emocións que este transmite.
E a todo isto, que o pasei por riba e igual che chamou a atención: que é o Finis Solis? Pois resulta que o Faro Touriñán é o punto ao que chegan os últimos raios do sol na Europa Continental un par de veces ao ano. Entre o 21 de marzo e o 25 de abril e entre o 13 de agosto ata o 22 de setembro, concretamente.
Sexa polo halo de maxia que lle dá ese dato ou polo impresionante do lugar, paga a pena unha visita. E, se pode ser para ver morrer o sol no horizonte mariño, mellor. Sexa o día que sexa.
Volta ao pasado: rumbo ás Laxiñas
Sobre solpores, naufraxios e chapapote.
Sobre comunidade, solidariedade e beleza.
E con esas historias xirando pola nosa mente e pouca luz nas nosas pupilas, comezou a camiñata polo monte. Perdemos a noción do tempo, cruzándonos con bichos interesantes e falando da vida. De parvadas, de dereitos, de movidas existenciais. Como dicía: da vida.
Seguiamos camiñando por ese monte que tantas outras persoas antes ca nós percorreron. As chaquetas sobraron. Non fomos conscientes de canto tempo levabamos entre esas árbores: non fora toda unha vida? A maxia chegou ao seguinte nivel cando vimos os surcos que se debuxan nas pedras das Laxiñas. Non sei se foron eses petroglifos en concreto, a maneira na que estaban iluminados con luz artificial ou a maxia que envolvía todo o momento, pero foron os máis impresionantes que vin ata a data.
E iso que o ceo estaba cuberto de nubes. Ver aquí o ceo impresionante que sei que se ve cando está despexado é unha das miñas misións vitais actuais. Cando o vivamos, verás a foto no noso Instagram seguro.
Para engadir un destello máxico máis, paramos de volta a casa pola praia de Carnota para poder apreciar o mar de ardora. Leve, pero deslizándose lento entre as pequenas ondas. Envolvendo docemente todo o vivido ese mércores de agosto. Xuntas e traballando. Foi a metáfora perfecta para describir o momento da nosa vida do que estamos desfrutando.
A importancia de coidar o medio: Fisterra
Despertamos en As Eiras en Lires (Cee), moito máis pronto do que se recomenda tendo en conta a hora á que nos deitamos, pero onde nos dou os bos días un almorzo riquísimo. Coas enerxías ben altas, puxemos rumbo a Mar de Fóra (Fisterra), para que desde Mar de Fábula nos explicasen a labor simbólica de limpeza de praias que levan a cabo e a importancia da avaliación ambiental pola súa parte.
Atopámonos ante unha praia aparentemente limpa, pero acabamos enchendo bolsas de lixo. Que foi o que máis atopamos? Cabichas e artiluxios de pesca. Chamáronnos especialmente a atención a cantidade de elementos que proviñan de bateas e nos atopamos nesa praia, lonxe de calquera zona de bateas. E tamén nos fixo facernos unha pregunta unha vez máis: por que seguimos xirando a cabeza e recollendo plásticos das praias que veñen de pescar animais no canto de deixar de tiralos nun primeiro lugar? A mellor maneira de coidar o mar é non alimentarse do que nel hai.
Hora de comer cos nosos valores reforzados un día máis. Coas vistas tan bonitas das que desfrutaramos toda a mañá, pero máis altas. A localización de Food & Sunset Restaurant é un regalo para calquera que se deixe caer por alí. Os tomates medran alí mesmo e inclúeno no seu sabor. Ou será esa sensación similar a de que todo na praia sabe mellor e comer alí é sinónimo de que vaia estar rico?
Volta ao mar: navegar
E paseamos por Corcubión. Unha vila preciosa e coidada a rabiar en cada esquina. As vistas ao Carrumeiro e as ganas de sentirme sobre as Illas Lobeiras revoloteaban no meu estómago. Si, como esas bolboretas que sentes cando estás preto da persoa adecuada, pero en versión pedras. Morría por sentirme nesas. E minutos despois, estaba de camiño.
Nunha embarcación na ría, mirando o Carrumeiro Pequeno. As miñas bolboretas querían ir ás Lobeiras pero, de repente, querían poder pasarse a eternidade observando esa construción sobre unhas pedras no mar e o monte Pindo atrás.
A de vidas que ese faro salvara.
A maneira na que estaba sostendo a miña.
A vida tiña sentido por poder estar alí.
Chegamos ao embarcadoiro das Lobeiras embargadas de emoción. As vistas desde o centro da ría son embriagadoras. O impoñente monte Pindo dun lado e a península de Fisterra do outro. E o mar. Aberto. Inmenso.
Volvemos á embarcación do Robinson da Lobeira para poñer rumbo un pouco máis alá. A experiencia non fai máis que superarse e iso que as expectativas estaban nas nubes. Ver o Cabo Fisterra desde o mar non ten prezo.
Risas. Bromas. Fotos. O momento e xenial porque a xente que nos rodea tamén o é.
Pero, cando poñemos rumbo de novo á ría, fírmase unha sorte de pacto silencioso. Estou mareada por terme vido demasiado arriba, pero son capaz de desfrutar acurrucadiña nunha esquina da viaxe. O mar movéndose ao meu redor. O sol, achegándose ao horizonte. O vento, dándome na cara e enchéndome de vida. Se tivese que contarche todo o que pasou pola miña cabeza nese momento, estariamos ante outro artigo tan longo coma este. Pero podo resumilo con facilidade: a vida é unha auténtica marabilla. E vale a pena aínda que só fose por momentos coma ese.
De repente, un golfiño saltando ao lado da embarcación sácanos da nosa absorción introspectiva. Non habería mellor broche para esta aventura.
Pasamos de novo por As Eiras para poder cambiarnos e cear: unha rica parrillada de verduras.
De aí, poñemos rumbo á praia de Nemiña para algo que me fai especial ilusión: un taller de iniciación á fotografía nocturna. E non me facía ilusión polo concepto en si, se non porque o impartía Drew Korme, persoa que leva anos acompañándome nas boas e nas malas. A fortuna que nos leva acopañando desde que iniciamos este proxecto. Coñecer xente especial e poder traballar con amigos dos bos. A noite estaba nubrada, pero aproveitamos o momento.
Rumbo á zona norte: Ponteceso, Laxe e Cabana
Durmimos de novo en As Eiras e, tras un almorzo riquísimo, puxemos rumbo a Ponteceso. Aí atopámonos cunha persoa que me enche de enerxía cada vez que teño a sorte de cruzarma: Javi Couto, técnico de Turismo de Ponteceso. Fixemos un roteiro desde o Esteiro do Anllóns ata chegar a Balarés, unha ruta que nos ten máis que encandiladas. E foi un pracer poder facela con guía e saber que, aínda que non haxa sinais que o prohiban, o ideal é non facela pola parte baixa. Se non seguir os sinais que fan a ruta que sube un chisquiño polo monte na zona de area para non impactar na vida que alí habita.
Tras coller enerxía comendo en O Fontán, puxemos rumbo a Laxe para desfrutar dun anaco remando, pero de pé; facendo paddle surf con Galifornia Turismo Activo. Unha actividade divertida e máis complexa do que a priori pode semellar.
De cara a ir pechando a tarde, fomos ata o Faro de Laxe e despois dunha ensalada, collemos estrada a ser parte dunha vivencia moi especial. En principio, pode non soar tanto: unha pequena camiñata e observación do ceo nocturno. Todo isto con chuvia. Pero a ruta das Estrelas con Jorge Mira comezando no Dolmen de Dombate ata o Castro de Borneiro (Cabana) onde tivo lugar unha sorte de clase maxistral de física con 200 persoas ao redor foi tremenda. Non me quero ter imaxinado o que tería sido se non caesen caldeiros de auga e puidésemos ter visto as estrelas. O ano que ven non nola perderemos e esperemos que o tempo acompañe.
Pechando a ruta: cara dentro
Para durmir, deixámonos caer polo Hostal Río Sil (Carballo) onde tivemos a sorte de que nos tocase a habitación “Pindo” cunha imaxe enorme do Carrumeiro Pequeno nunha das paredes. Ese faro que salvara tantas vidas e sostivo a miña. Onte. Foi onte o das Lobeiras? Parece que fai unha eternidade.
E é que esta é a maxia da viaxe e de poder perderte por lugares incribles que se senten casa.
Invistes tempo e ganas vida.
0 comentarios