Un dos xeitos de viaxar máis enriquecedores é a ruta en coche. O que en inglés denominan Roadtrip. E facelo con maiúsculas, é dicir, arrancando cun coche, unha mochila, unha tenda de campaña e sen mapa. A onde che leve a estrada. O noso “bautismo” xuntos nun Roadtrip destas características produciuse en agosto de 2017. O país elixido: Portugal. Para descubrir que ver en Portugal non hai como facelo de norte a sur durante 22 días. Un Honda Civic de tres portas con 20 anos, unha tenda de campaña e máis de 3.000 km por diante. Que pode saír mal?
O primeiro día utilizámolo para percorrer a arteria atlántica de Galicia e, desde o Castro de Santa Tegra observar a fronteira natural do Miño e o horizonte que tiñamos por diante. Ese mesmo día cruzamos a Portugal e pasamos a primeira noite en Vila Praia de Áncora. Este pobo é unha opción bastante turística do norte de Portugal: Praia, sol, campismo e gastronomía local. Coa idea de percorrer o país de norte a sur non é un lugar no cal inverter máis de dous días. Así que tras un segundo día con visitas a Caminha e ao propio centro de Vila Praia, na terceira xornada levantamos campamento para seguir coa aventura, parando en Viana do Castelo.
Viana é unha vila histórica do norte e capital do distrito homónimo. Neste lugar podemos desfrutar dun paseo polo centro histórico ata chegar á Praça da República e comezar a embriagarnos do ambiente portugués nas rúas con comercios típicos do país. Durante un paseo estival pode ser que nos topemos coas rúas cubertas por “paraugas flotantes” engalanando a zona. Un feito característico desta vila desde hai uns anos. O ideal é rematar a visita a Viana do Castelo subindo ata o santuario de Santa Luzia para contemplar a zona desde as alturas, coa inmensidade do Atlántico ao oeste. Unha das panorámicas máis espectaculares da zona sen dúbida.
Nesta viaxe tivemos a máxima de tratar de reducir o custo ao mínimo. Mercar a comida e facela no cámping-gas, buscar os aloxamentos máis baratos en cámpings ou a través de portais como Airbnb (con 35 euros de regalo para a túa primeira reserva se te rexistras a través deste enlace), procurar opcións de turismo gratuítas ou evitar as autoestradas. Este último punto chafóusenos xa antes de chegar a Porto. Intentamos percorrer por estrada nacional desde Vila Praia ata Vila do Conde (facendo a parada de Viana do Castelo) cun resultado negativo. Se ben é certo que pode parecer que os tempos de viaxe non varían demasiado (apenas 40 minutos de traxecto) o certo é que o estado dalgúns tramos da estrada nacional pódeche facer perder moito máis de 40 minutos: combustible, cartos e mesmo saúde para o teu coche –e a túa mente–.
A partires de Vila do Conde, o noso traxecto continuou por autoestradas. Pero antes de coller a A-28 dirección Porto, Vila do Conde tíñanos reservada unha sorpresa: a Feira Nacional de Artesanato. Se viaxas a esta zona a principios de agosto coincidirás con esta mostra de artesanía, gastronomía e cultura de todo Portugal, de Brasil e doutras antigas colonias.
Pode ser un momento ideal para probar algunha das múltiples opcións culinarias da gastronomía do país, mercar algún agasallo fabricado a man ou simplemente empaparte da cultura portuguesa antes de viaxar cara a segunda cidade máis poboada de Portugal, Porto.
O crecemento e as múltiples posibilidades de Portugal favoreceron que o seu turismo crecese de xeito exponencial ata superar en 2017 o rexistro histórico de 24 millóns de turistas anuais (fonte Ministerio de Economía). Así, o país luso foi consagrado no ano 2017 co título de mellor destino turístico do mundo nos World Travel Awards. Todo un récord que, por outra parte, ten un inconveniente: a masificación. Atopar un aloxamento barato en Porto en agosto non é tarefa fácil, así que no noso caso decidimos buscar un cámping ás aforas. O Parque de Campismo de Salgueiros, en Vila Nova de Gaia, foi a nosa base de operacións durante dúas noites. Porén, o noso paso por Porto foi case testemuñal ao ser unha cidade que ambos coñecíamos. Así que reducímolo a un paseo no solpor pola beira norte do Douro coa cámara ao ombreiro e a tomar un refrixerio no Mercado Municipal coa vista posta nos próximos destinos ao sur.
Durante esta primeira parte da viaxe (o quinto día arrancamos cara o sur de Porto) o mar foi quedando á nosa dereita. Fomos percorrendo centos de quilómetros coa ollada nos carteis para ir decidindo as nosas próximas paradas. Non podíamos pasar de largo Aveiro, a chamada Venecia portuguesa. A pesares da fama das súas canles e do seu rueiro, o que máis nos chamou a atención e desfrutamos foron as salinas.
Tanto o proceso para a obtención do sal como o ecosistema inspirounos e así conseguimos un dos regalos máis socorridos das vacacións: Mercamos aos propios traballadores un saco dun quilogramo de sal por un euro e fómolo repartindo en envases de cristal con dedicatorias personalizadas para as nosas familias. Sal de Aveiro. Unha lembranza económica e útil dunha viaxe descubrindo cada curiosidade de Portugal.
O esgotamento polos quilómetros tanto en coche como a pé ao chegar a Coimbra e o feito de non ter aínda un cámping onde durmir provocou que non desfrutáramos do lugar. Non levamos unha boa impresión da cidade e os nosos pasos leváronos a un dos maiores descubrimentos desta viaxe. Penacova.
Penacova é un municipio do distrito de Coimbra cuxo núcleo máis poboado non supera os 3.200 habitantes. Na súa meirande parte bañada polo río Mondego, esta zona do rural portugués conta cun entorno natural privilexiado, con praias fluviais, paisaxes salpicadas con muíños de vento e actividades de aventura. Ademais, na freguesía de Lorvão, atopámonos co Mosteiro de Santa María de Lorvão, famoso pola súa relación coa historia da filla do rei Sancho I, Teresa. Teresa ingresou no mosteiro tras a anulación do seu matrimonio de tres anos co rei Afonso IX de León por ser estes curmáns (netos de Afonso Enríquez, primeiro rei de Portugal).
Entre os moitos atractivos de Penacova destacan as impresionantes vistas panorámicas. Un bo punto para observar o curso do Mondego desde as alturas é o Penedo do Castro. Outro lugar no cal podemos coñecer o entorno son os Moinhos do Gavinho, unha colección de muíños de vento privados que, non obstante, podemos visitar por fóra. No noso caso tivemos a sorte de coincidir con algúns dos muiñeiros que traballaban alí e puidemos ver o seu interior. Tras unha cómoda conversa regada por un viño verde feito polos propios muiñeiros, arrancamos cara o cámping, namorados da xente e do lugar. Penacova é unha mostra máis do carácter afable e profundamente distendido da xente de Portugal.
A pesares de que Penacova está so uns 60 quilómetros cara o interior comezamos a notar a distancia co mar. O son do Atlántico quedaba lonxe e movemos o noso fogar ata a máis pura rompente de Portugal: Nazaré, onde as ondas do Océano baten récords de inmensidade cada ano baixo o seu faro. “Bem-vindo às maiores ondas do mundo” reza un cartel preto dunha estrafalaria estatua dun veado surfer. Porque este é un dos principais reclamos turísticos de Nazaré: o surf. Decidimos facer unha soa noite no Camping Paredes da Vitória para continuar cara o sur na mañá do mércores.
Tras levantar o noso cuarto cámping e pasar a mañá na estrada decidimos establecer unha nova base a tan só unha hora de Lisboa, no distrito de Torres Vedras. Por casualidade ou ironía, o pobo no que decidimos parar é Santa Cruz (homónimo do que sería o noso fogar común a finais dese mesmo mes en Oleiros). Máis vistas ao Atlántico, sol e cámpings dunha noite. É no noso décimo día de Roadtrip e tras visitar as ruínas amuralladas de Torres Vedras que decidimos chegar a Lisboa, onde pasamos tres noites.
Lisboa é unha das capitais europeas con máis personalidade. Ten a maxia e espontaneidade dunha grande urbe europea e o carácter propio de Portugal. A nosa primeira aproximación nin sequera é na propia cidade: Belèm, coa praza do Imperio e coa súa famosa torre danos a benvida no solpor dese décimo día de viaxe. É ideal achegarse nese momento do día, co sol caendo, posto que as cores do ceo mesturadas coa torre sobre a auga son do máis fotoxénico da zona.
Do noso paso por Lisboa hai varias cousas que foron toda unha experiencia. Unha das primeiras que podes facer é visitar o Lisbon History Centre, na céntrica praza do Comercio (máis coñecida como Terreiro do Paço), para así comprender desde o inicio a fascinante historia desta metrópole colonial. As entradas obtéñense por 7 euros –5 co carné de estudante–. Despois xa podes quedar pola mesma praza e subir ao miradoiro do Arco da Rúa Augusta para contemplar a cidade ou achegarte á beira do Texo no propio Terreiro do Paço para observar a colosal ponte do 25 de abril e quitar algunhas fotos.
Pasear Lisboa é unha experiencia moi agradable, pero pode converterse nun problema tendo en conta a especial orografía da cidade dos sete outeiros, o seu empedrado e as altas temperaturas rexistradas no mes de agosto (poden chegar aos 40 graos). Para iso pode ser unha gran opción o transporte público, xa sexa a través da rede pública de bicicletas, do metro ou do icónico sistema de tranvías, cuxa primeira liña foi inaugurada no ano 1901. Se decides ir a pé, desde a Praza do Comercio podes viaxar no tempo chegando ata o románico da Sé de Lisboa e volver sobre os teus pasos para achegarte ao edificio neoclásico do Palácio de São Bento, sede da Asamblea da República de Portugal. Preto da Asamblea podes recuperar os folgos no Jardim da Estrela (fronte á basílica homónima). Un fermoso parque público de inspiración inglesa que conta con biblioteca, quioscos e onde son habituais os espectáculos de música, especialmente no verán.
Lisboa (e Portugal en xeral) deixou pegada nas nosas vidas e quixemos levar un cacho desta experiencia con nós. Unha ilustración que conseguimos nun ecléctico taller de arte impregnado de cultura. Artes e Letras Atelier.
O que chegou despois de Lisboa foi un cúmulo de quilómetros de estrada, horas de calor e lugares que prometían máis do que finalmente foron: Sintra, Alcácer do Sal, Comporta, a Reserva do Río Sado, Santa Susana… Cumprimos as dúas semanas e confrontamos unha decisión condicionada por moitas variables coma o esgotamento ou a falta de cartos: comezar a viaxe de volta ao norte ou descubrir a punta suroeste do continente, no Algarve. A razón que pesa é a correcta. Toca desfrutar. Optamos pola segunda. Imos ao Algarve.
aTras montar campamento e facer a primeira noite en Armaçao de Pera (unha sorte de Sanxenxo á portuguesa) collemos rumbo esta vez deixando o Atlántico ao sur ata o Cabo San Vicente. A fin do mundo que non é tal. Este recuncho do mapa ten algo máxico que vén co vento (pero vento de verdade, aínda en agosto é recomendable levar un xersei). En xeral a xeografía da costa sur de Portugal é famosa e iso é algo que ten sentido: os cantís, a cor das augas e a dos riscos, as formas cuasefantásticas dos arcos de rocha sobre o mar… De volta cara Lagos desde San Vicente a ruta fíxosenos tan amena que decidimos parar en varios lugares encantadores. A praia perdida e salvaxe de Ingrina ou a Ponta da Penitencia, onde o mar foi creando durante moito tempo os característicos sucos e arcos propios da zona. Son lugares polos que paga a pena aparcar.
Por sorte e antes de rematar este fermoso día paramos de casualidade na antiga capital do Algarve: Silves, unha cidade con máis de 3.000 anos de antigüidade. Para máis sorte, coincidimos coa feira medieval, un espectáculo que se converteu nun dos nosos principais imprescindibles desta viaxe. Nesta feira que dura dez días fomos transportados varios séculos cara o pasado. Nunha cidade na que habitaron os fenicios, os cartaxineses, que foi conquistada por romanos e almofades podes desfrutar do choque cultural entre cristiáns e musulmáns. De historia, música e cultura de diferentes civilizacións. Co seu emblemático castelo de fondo, Silves convertiuse nun dos grandes descubrimentos de Portugal.
Xa coa fin da viaxe no horizonte decidimos descansar e deixar en repouso todas as experiencias vividas. Toca refrescarse e para iso pasamos dúas xornadas desfrutando do parque acuático Slide & Splash, unha experiencia de tobogáns e risas que nos levou directos cara a viaxe de volta cara Galicia. O día 21 fronteira con España e xa en Huelva decidimos visitar as minas de Riotinto. No museo coñecemos a enriquecedora historia tanto do pobo como da actividade mineira. A visita ao museo e a unha das antigas minas a ceo aberto pódese reservar a través do teléfono do parque mineiro ou no propio museo. Tras percorrer a árida paisaxe dun dos ríos máis carismáticos da península facemos a nosa última noite desta viaxe, esta vez si e tras 21 días, nunha cama.
O derradeiro día das viaxes soe deixar un sabor agridoce pero máis tirando a doce por todo o vivido. E moito máis cando tras percorrer a romana Vía da Prata chegas polo sueste á fronteira natural de Pedrafita do Cebreiro. E cando as verdes estribacións acariñan o ceo a ambas marxes da estrada, sabes que estás de volta na Terra. Galicia dáche a benvida, unha vez máis.
Esta viaxe percorrendo Portugal de norte a sur en 22 días foi moi especial para nós e, tal e como che contou Nuria a semana pasada, foi unha experiencia única de convivencia viaxeira Deixámosche co noso resumo audiovisual de Portugal en tres minutos. Se tes algunha dúbida nin o penses, contacta connosco.
Lembra que se nos deixas o teu correo poderás recibir o noso boletín de novas semanal gratuíto para estar ao tanto das nosas aventuras percorrendo Asia. Unha aperta viaxeira!
1 comentario
RUTA EN COCHE DE 3 SEMANAS | TOXÍO · 26/01/2020 ás 3:37 p.m.
[…] aventura foi moi diferente da que xa che contamos anteriormente en “Que ver en Portugal: ruta de norte a sur”. Moi diferente a pesar de ter sido o mesmo concepto de viaxe, o mesmo tempo e as mesmas persoas. Ou […]