Pateeime moitas cidades deste planeta, sen embargo, cando me preguntan pola miña favorita non o dubido nin un segundo: Londres. A capital británica é un conxunto de todas esas cousas das que é complicado que un non se namore e eu declárome irremediablemente fan. Paréceme un recuncho esaxeradamente especial. E o feito de que Sergio me acompañase a redescubrila, fíxome sentir que, deste modo, el tamén a podería sentir especial. Emocionoume que tivese a oportunidade de coñecer da miña man aquilo que eu xa descubrira e adorara. E agora ti tamén tes a oportunidade de velo dende a nosa perspectiva lendo isto e escoitando a versión en vídeo que atoparás ao final.

Debo admitir que as verbas que seguen non serán nin de lonxe obxectivas, pois adoro Inglaterra e todo o que ela encerra. E Londres paréceme que alberga un cóctel explosivo que roza o perfecto. Aínda que é certo, admítoo: todo o mundo anda con présa e comer, aparentemente, non conta como pracer. Porén, onde uns ven présa eu vexo dinamismo. E a posibilidade de atopar comida (rápida, iso si) de calquera esquina do globo. Un clima de tolerancia e velocidade que me embriaga.

Moitos fomos os que nos preguntamos que visitaríamos en Londres se só tivésemos un par de días para facelo e este foi exactamente o caso no que nos encontramos Sergio e eu. Dispoñémonos a recordar o acontecido paso por paso, acompáñasme?

Nada máis espertar, é case obrigatorio tomarse un té quentiño que, moi probablemente, che facilitarán na túa habitación. Non está rico, pero tampouco sabe mal. É tradición.

A primeira parada tamén a crin obrigatoria e isto fíxome caer na conta de que, ás veces, Londres é inercia. Pero cargada de adrenalina.

Atopámonos en Westminster, admirando as Casas do Parlamente e o asombroso Big Ben. O Támesis, de cuestionable beleza, e o London Eye, que ven a ser a noria máis grande do mundo. Vímonos desfrutando do son das gaitas, que me fai sentir na casa. Continuamos e camiñamos á sombra de decenas de bandeiras do mundo, gardadas por eminencias da talla de Mandela

Seguimos camiñando para pasar polo número 10 de Downing Street. Atravesamos un lindo parque cheo de aves extrañas e tamén de fermosos cisnes, todos eles pertencentes á Raíña de Inglaterra.

Cando nos damos conta xa estamos ante o Buckingham Palace, observando aos seus gardas desfilar.

Camiñamos en liña recta e chegamos a un dos meus puntos favoritos da cidade: Trafalgar Square. Un lugar cargado de enerxía, vitalidade e calma. Todo no corazón da inmensa cidade. A beleza obxectiva é elevada neste punto: vistas directas ao Big Ben, fermosos edificios rodeándoa e bonitas estatuas enchéndoa. E vida. Artistas da rúa, turistas e locais. A mestura que define Londres en si mesma.

É o lugar perfecto para comer e marcarse unha sobremesa de horas, pouco propia deste país, pero que o meu corpo agradece a altos niveis.

É hora de aproveitar un dos edificios que nos rodean e por iso entramos na National Gallery para desfrutar dos Xirasois de Van Gogh e de estilos tales como o Impresionismo.

De camiño ao bo ambiente de Covent Garden, perdémonos en impresionantes tendas de viaxes e baixo farolillos asiáticos no barrio chino.

Deixámonos caer polo British Museum para admirar a Pedra Roseta, xunto con máis pezas exipcias e incluso cachos do mesmísimo Partenón.

Fíxose tarde. Xa non hai luz e, tras todo o día camiñando, as pernas empezan a fallar.

Subímonos a un autobús vermello de dous pisos que nos deixa en Piccadilly Circus. Abarrotado, como non podía ser doutra maneira. Cheo de luces e de bos bailaríns.

Tras isto, é hora de subirse de novo a un bus e deixarse caer na cama unhas horas. Foi un día intenso e hai que descansar. Mañá serao tanto coma hoxe. Boas noites.

Esta mañá a liña de postureo decaeu notablemente e decidín facerme un café, que é o que o meu corpo precisa. Subímonos ao metro poñendo como dirección Highgate, o cemiterio no que se atopa a tumba de Karl Marx. A nosa sorpresa é superlativa cando nos atopamos con que para acceder a ela é preciso pagar 4 libras. Paréceme unha contradición en termos que mancha o seu nome e o seu legado. Polo que abandono o lugar, decaída e preguntándome como persoas poden ser admiradas ao tempo que non se honra a súa memoria

Esquecendo este incidente, perdémonos polas curiosas tendas de Camden Town e poñemos rumbo á zona das torres para comer no meu restaurante favorito.

Estamos en The Liberty Bounds, comida rica a prezo asequible nun local británico a rabiar. Dende a nosa mesa podo ver a Torre de Londres e o Tower Bridge, ao tempo que o sol atravesa o cristal. A compañía vai en sintonía coas vistas. O meu medidor de felicidade chega a desbordarse, tal como levaba ameazando dende que pisei a cidade.

Chegou o momento de desfrutar á beira do río do simple feito de estar aquí.

Subimos ao alto do Tower Bridge. Desfruto de camiñar sobre un cristal a máis de 40 metros de altura. Desfruto da panorámica. Das pequenas casas e dos grandes edificios. Da luz, que vai menguando.

O Tower Bridge é sen dúbida o monumento máis fotoxénico co que me crucei e non perdemos a oportunidade de facerlle fotos dende todos os ángulos posibles.

A miña mente síntese atraída polas mentes máis brillantes e crin que ir a picar á porta de Sherlock Holmes para invitarlo a tomar algo era un bo plan para o sábao noite. Deixámonos caer polo 221B de Baker Street. Ao non conseguir o noso cometido, pareceunos o momento idóneo de regresar. Era hora de volver a casa.

P.D: Volvendo a setembro de 2019. Este xoves estivemos presentando esta iniciativa, TOXÍO, na radio (CUAC FM). Deixámosvos o primeiro programa da terceira temporada de Internet de tu color favorito, dos compañeiros de AtlanTICs coa nosa entrevista.


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

7 comentarios

Camilo Rey Asorey · 18/09/2019 ás 7:04 a.m.

Comienzo ,buena suerte chicos estaremos atentos

    Nuria P. Espasandin · 18/09/2019 ás 6:59 p.m.

    Moitísimas grazas, Cami!

    TOXÍO · 18/09/2019 ás 7:02 p.m.

    Moitísimas grazas, Cami!

A miña primeira vez fóra de Europa | TOXÍO · 22/09/2019 ás 6:38 p.m.

[…] máis aló de Galicia, de España, de Europa. Coñecer, en definitiva, é unha terapia. Hai quen di que moitos males do […]

Que ver en Istambul zona por zona | TOXÍO · 10/11/2019 ás 6:34 p.m.

[…] Á capital do Reino Unido, da que xa falamos neste artigo. […]

A MIÑA PRIMEIRA VEZ | TOXÍO · 15/12/2019 ás 5:53 p.m.

[…] Tres semanas fóra do país rodeada de persoas que ata ese mesmo día non coñecías no verán no que tes 14 anos pode soar complicado. Máis do mesmo se tes 17 pero te atopas na mesma situación no outro lado do océano. Sen embargo, eses dous veráns cóntoos como dos mellores de toda a miña adolescencia. Porque lonxe e “soa” aprendes máis e mellor do que acotío aprendes na túa tan sonada “zona de confort”. Aínda que non vou ser trapalleira, a miña zona de confort non é a mesma coa que todo o mundo se identifica. A miña zona de confort está aquí fóra, onde podo ser eu mesma ao mesmo tempo que calquera persoa diferente. Onde cada choque con cada persoa é un mundo por explorar. Cada esquina é un lugar no que nunca antes estiven. E, de ter estado, cada vez é unha maxia especial (como xa cho contei neste artigo sobre Londres, a miña cidade favorita). […]

Cinco lugares para visitar este 2020 | TOXÍO · 05/01/2020 ás 8:47 a.m.

[…] imprescindible (aínda tendo en conta que nós visitamos xuntos Londres en menos de 48 horas) é sentarse en Trafalgar Square e ver a vida pasar. Quedarse quieta nunha cidade tan enérxica é unha sensación tremenda e é o lugar no que máis […]

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.