Non, o nome non é aleatorio. Lanzarote é unha illa que durante os séculos XVI e XVII sufriu múltiples invasións piratas. De feito, conta con interesantes historias ao respecto. Pero, non nos adiantemos! Comecemos por partes… Como abordar unha viaxe a este histórico e fabuloso recuncho nororiental das Illas Canarias? Que ver en Lanzarote? Imos!

MAPA COS PLANS E LUGARES DE INTERESE

Como viaxar a Lanzarote

As opcións son limitadas, hai que ser sinceras. Hai xente que viaxa en coche ata o sur da península e despois cruza en ferry. Desde logo soa a aventura, pero non é nin de lonxe a opción máis sinxela e económica.

Desde o aeroporto de Santiago de Compostela tes voos baratos gran parte do ano. Nós fomos en febreiro e os voos estaban a uns 35 euros ida e volta. Así que xa tes unha idea! Podes reservalos ao mellor prezo con este comparador.

Onde aloxarse en Lanzarote?

Coma sempre, cada un ten os seus gustos. Non lle imos descubrir a pólvora a ninguén á hora de elixir aloxamentos, pero nós estivemos na zona de Mala, ao leste, e a verdade é que foi un acerto.

Tes un centro de saúde, farmacia, supermercado, charcóns e praias para bañarte preto e ata unha arepería! Iso si, para veganizar a túa arepa terás que falar coas encargadas. A verdade é que, polo de agora, non descubrimos tantos sitios para comer vegano en Lanzarote como en Galicia.

Como moverse por Lanzarote

Lanzarote é unha illa de xoguete. 845 quilómetros cadrados. É dicir, que desde Órzola (a vila máis septentrional), ata a praia do Papagaio (no lugar máis oposto), temos tan só 1 hora e 15 minutos de coche. Está todo a un tiro de pedra. Precisamente por iso, a mellor opción é alugar un coche para os días que estemos. Un dos buscadores máis variados para alugar é Avis, polo que podes borar un ollo aquí ás súas ofertas.

Hai un montón de oferta. Nós fomos un pouco pilladas de tempo e ademais precisabamos un coche de seis prazas, e a opción máis barata nese sentido Top Car. Collemos e devolvemos o coche no propio aeroporto. Pagas e, ao chegar á illa, fas un depósito e recibes as chaves. Non esquezas devolvelo cheo de combustible!

Por sorte, a gasolina é algo máis barata que na península, polo que esta opción é cómoda e ideal.

Que facer en Lanzarote

A ver. O tempo é limitado. E se vas estar 3, 4, 5 ou 6 días, probablemente o de “miles de plans” sexa unha esaxeración. Pero non anda lonxe! Vai depender moito de como leves pensada a viaxe.

Tanto podes realizar deportes varios –surfear na caleta de Famara, facer parapente, subir camiñando un volcán, percorrer a illa en bici– como visitar recunchos históricos ou estar de relax nun charcón a pé de océano.

No caso de que teñas pouco tempo e prefiras contratar algunha visita guiada que inclúa varias atraccións sen colas, avistamento de golfiños ou mesmo visitar a Graciosa, podes contratar algunha excursión co mellor para facer en Lanzarote nun día a través deste enlace en Get Your Guide.

De todos xeitos, imos falar dos lugares que visitamos e vou comentar cales visitaría de novo e cales non. E de aí, que cada un colla as súas conclusións. Despois, direi cales non fixen pero farei a próxima vez que pise a illa.

Bañarse nun charcón en Punta Mujeres

Os famosos charcóns de Lanzarote formáronse como piscinas naturais pola acción volcánica. Os de Punta Mujeres están abrigados e teñen un acceso moi bo para poder desfrutar con toda a familia.

Rocha volcánica adentrándose no océano en Punta Mujeres | Sergio Casal ©

Visitar a Cova dos Verdes

Probablemente no top tres das cousas que fixemos en Lanzarote. A cova está situada ao norte da illa e moi preto de Punta Mujeres e dos Jameos da Auga.

que-visitar-en-lanzarote
¿Lago ou precipicio? Unha das xoias da Cova dos Verdes | Sergio Casal ©

Ten case oito quilómetros de lonxitude e conta con diferentes bóvedas e lagoas interiores interconectadas en galerías superpostas que chegan ata os 50 metros de profundidade. Forma parte do tubo volcánico xerado tras a erupción do Volcán da Corona hai 4.000 anos.

Aquí tes información sobre as entradas: https://ventaonline.cactlanzarote.com/es/entradas-y-bonos

Ver a Graciosa desde un mirador

Diríamos o Mirador do Río, pero non entramos. Basicamente porque supón pagar unha entrada de cinco euros para ter unha vista á Graciosa. Algo que se pode obter movéndose un cacho máis cara o oeste. A vista é prácticamente a mesma e aforras os cartos. Para mostra, a foto de aquí abaixo. Paga a pena

que-ver-en-lanzarote
Vista panorámica da Graciosa desde o alto do Mirador | Sergio Casal ©

Surfear en Famara

Unha praia con orientación norte e unha das máis icónicas para surfear. Famara conta con escolas de surf e diferentes áreas en función do nivel. En ZooPark Famara ofrecen tanto clases como aluguer de material para todo o día. É un gran plan surfear coa auga 5 graos máis quente que en Galicia e con vistas á Graciosa!

Cruzar o Timanfaya en coche

Obviamente, non será o mesmo que pagar e percorrer en bus de xeito guiado o Parque Nacional, pero cruzar a illa en coche coas vistas do Timanfaya de fondo é espectacular. Podes ir parando en diferentes lugares para deleitarte cunha vista que, realmente, semella doutro planeta.

Visitar o Lago Verde e praias de area volcánica

Imprescindible. Unha das vistas máis fermosas da illa. O contraste entre o ceo, o mar, a area volcánica e o verde do lago é único. A vista é gratuíta e é cuestión de camiñar uns metros desde o aparcamento. Ademais, a nos coincidiunos cunha tormenta que –isto é outro conto– case remata mal. Con tornados e todo! Tes a historia completa neste vídeo que subimos!

Comer unhas papas arrugás con mojo nunha terraza

Probablemente fagas este plan queiras ou non. É inercia. As papas arrugás e o mojo picón si que son imprescindibles de Lanzarote. Terás en calquera sitio e, de verdade, aínda podendo presumir aquí de patacas, o sabor das papas arrugás alí é único. Dalles unha oportunidade!

Visitar a feira de Teguise (só os domingos)

A feira de Teguise ten de todo. Podes atopar tanto os típicos bens de calquera feirón como pezas de artesanía local fabulosas. É cuestión de mergullarse no seu ambiente. Só funciona os domingos e ollo porque é moi difícil aparcar. Mellor ir ben cedo como primeiro plan do día!

Aproveita tamén para percorrer as súas antigas rúas e descubrir historias curiosas. Como a do Callejón de la Sangre, vinculado a historias de piratas.

Que non repetiría

Visitar os Jameos da Auga

Si, seino, é un dos lugares máis icónicos da illa. E é certo que a súa historia e formación son interesantes, pois César Manrique consegiu integrar este lugar na natureza de xeito único. Pero, que queres que che diga… Non sentín a chispa. Trátase dun lugar que conta cun restaurante dentro do tubo volcánico, o propio tubo cunha lagoa, unha piscina con palmeiras (adiantamos que non te podes bañar) e un auditorio.

O percorrido pon que é para unha hora pero iso é se vas moi coa calma, pois en 15 minutos velo todo. A entrada xeral de adulto son 10 euros e normalmente está ata arriba de xente.

jameos-del-agua
A famosa lagoa dos Jameos | Sergio Casal ©

Visitar o Xardín de Cactus

Está ben para ver unha vez, pero non repetiría. Máis de 4.000 especies de cactus chegadas desde diversos recunchos do mundo agardan na última gran obra do icónico Cesar Manrique. É un plan moi fermoso para facer en familia. Percórrese rápido pero tamén é ideal ir cedo, pois axiña enche cos turistas.

jardín-de-cactus
Unha das 4.000 especies de cactus que hai no Xardín | Sergio Casal ©

Visitar Órzola

En realidade é un pobo chusco, pero só paga a pena ir tan ao norte se vas á Graciosa, pois desde aí sae o ferri e non hai moito máis ademais diso.

órzola
Vista aérea de Órzola | Sergio Casal ©

Visitar Arrecife

É a capital de Lanzarote. Polo tanto, a cidade. Ten varios lugares históricos e algunha rúa con comercios interesante polo centro. Non está lonxe do aeroporto pero, se tes pouco tempo, non é imprescindible. Eu invertiría o tempo en visitar algún outro espazo natural.

Arrecife ao anoitecer | Sergio Casal ©

Visitar Nazaret

En Nazaret está a famosa casa que Cesar Manrique construíu dentro enredada coa pedra volcánica no alto da montaña e que, posteriormente, adquiriría o protagonista de Doutor Zhivago, Omar Sharif. A curiosa historia é que Sharif perdería dous días despois a propiedade ao apostarlla ao seu promotor nunha timba de póquer. Se non queres entrar na casa, o pobo ten boas vistas, pero non como para ir a propósito.

Que non fixen e me gustaría facer

Facer parapente sobre a illa de Lanzarote

Pouco que dicir ao respecto. Se a paisaxe da illa desde abaixo quita o alento, sobrevoala en parapente ten que ser unha experiencia irrepetible. Os prezos para un paseo de 20-30 minutos nun biplaza rondan sobre os 120 euros/persoa.

Percorrer a illa en bicicleta

Mentres cruzabamos a illa en coche dun lado para outro, viamos continuamente ciclistas percorrendo as estradas. Existen de feito estradas con preferencia total para ciclistas, e isto é un punto moi a favor da illa. É un plan diferente para coñecer Lanzarote desde outra perspetiva.

Visitar a Graciosa (e percorrela en bici tamén)

Outra cousa moi moi pendente. Para a próxima, traerémosche fotos, vídeos e anécdotas deste fermoso recuncho do arquipélago. Como dixemos, o ferry pódese coller desde Órzola e os prezos son sobre 28-30 euros por adulto (ida e volta).

Visitar “Los Charcones”

As piscinas naturais de Los Charcones están no sur da illa e non tivemos tempo de visitalas. Non son tan accesibles como as de Punta Mujeres, algo que hai que ter en conta. Pero sería xenial volver á illa para ir facer unhas fotos e bañarse neste lugar.

Subir ao volcán da Corona

É un pouco triste, pero o peor é que o intentamos… Buscamos, buscamos e rebuscamos e non atopamos por onde subir camiñando. Non había indicacións e non fomos quen de atopar a subida. A próxima vez preguntaremos máis pola zona para saber como ir, pois é un dos cráteres da illa aos cales se pode entrar. E ten que ser único!

Vista do volcán da Corona desde a nosa habitación | Sergio Casal ©

Subir ao volcán de Caldera Blanca

Unha camiñata de 11 quilómetros (ida e volta) máis que pendente para a próxima. Subir, subir e subir ata chegar á cima dun cráter con un quilómetro de diámetro! As vistas que prometen son para quitar o sono. E desde logo é algo que necesito facer a próxima vez que vaiamos a Lanzarote.

Unha illa, mil cousas que facer

Por suposto, todo isto está baseado na miña humilde opinión. E sei que moita xente estará botando as mans á cabeza. Foron catro días intensos que me valeron para aprender da illa e de como me gusta viaxar. Por isto, cando volvamos, será para explotar ao máximo o que ten que ofrecer.

Gustaríache coñecer a illa? Coñeces algún outro plan ou sitio que ver en Lanzarote que cres que se nos escapa? Déixanos un comentario coas túas reflexións.

lago verde
Charco Verde, unha das vistas máis espectaculares da illa | Sergio Casal ©

Sergio Casal

Son Sergio Casal, xornalista especializado en comunicación política. Apaixoado pola fotografía e a realidade política do mundo. Esta mestura vocacional e unha gran paixón por comunicar, enchen a miña mochila de cara a este proxecto con Nuria: TOXÍO.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.