Temos que confesalo. A mochila fotográfica é unha parte demasiado importante da nosa equipaxe. Isto non é necesariamente negativo, de feito é inevitable cando gran parte das túas viaxes xiran en torno á fotografía. E hoxe ímosche desvelar por que a nosa mochila fotográfica é un dos catro bultos que levamos entre os dous na nosa viaxe de cinco meses por Asia.

maleta_sen_volta
A nosa equipaxe de viaxe ao completo, coa mochila fotográfica abaixo á dereita.

QUE MOCHILA UTILIZAMOS?

Despois dun par de probas, unha devolución e moita investigación, concluímos que esta mochila de K&F Concept era a que mellor se adaptaba ás nosas necesidades. Ten o tamaño ideal para poder levar como mochila complementaria á equipaxe de man sen pagar extra. Ten un material bastante resistente (segue como nova despois de pasar por desertos, mares mortos, praias tropicais e xungla) e conta cunha funda para protexela contra a chuvia. Pero o máis top desta mochila probablemente sexa a distribución do espazo. Está dividida en dous compartimentos independentes: o inferior destinado ao material fotográfico e o superior e de uso algo máis libre. No meu caso, á hora de moverme nos aeroportos e dun lugar a outro, adoito usala para meter o portátil de 13 polgadas sen funda, algunha prenda de roupa e pequenas libretas e accesorios.

QUE MATERIAL LEVAMOS DE VIAXE?

Aquí vén a clave deste artigo. Como nos apañamos para levar a unha viaxe sen billete de volta todo o material que precisamos nunha soa mochila? Pois escollendo ben. Comecemos co básico.

Cámara de fotos

No meu caso transporto unha DSLR. A Nikon D7200. Con sensor APS-C e pode que en vídeo quede un pouco atrás xa no mercado (grava en 1080p e 30 fps sen recorte e en 60 fps cun recorte de 1,3), pero é definitivamente unha todoterreo moi fiable. En fotografía ten uns resultados practicamente profesionais e ten unha ergonomía perfecta para calquera situación que te podas atopar de viaxe. A relación calidade prezo é moi boa. E se compras a través de EGlobalCentralterás uns descontos enormes tanto en cámaras como en obxectivos.

Eu só lle atopo un pero para unha viaxe destas características: o seu excesivo peso. Non é das réflex máis pesadas nin moito menos, pero se vas cargar coa mochila en rutas de sendeirismo ou simplemente polos aeroportos, pódese facer algo pesada no cómputo global da mochila. Neste sentido hai quen considera que as cámaras sen espello ou evil son mellores para viaxar porque teñen a mesma ou maior calidade que moitas DSLR e o seu tamaño e peso son menores. Todo é cuestión de coñecer as necesidades e posibilidades de cada un. No futuro veremos se cambiamos a sen espello para aforrar sobrecargas nas costas.

Obxectivos

Neste apartado tivemos que tomar decisións complicadas. De viaxe hai que optimizar espazo. Nós temos catro obxectivos que, obviamente, non entraban na mochila. Decidimos optar por deixar o teleobxectivo Sigma na casa xa que é o máis grande e non é demasiado bó. Ademais cos outros tres cubrimos un rango de 11 a 140 milímetros de distancia focal. Estas son as lentes que levamos de viaxe:

Trípode

Aquí quedámonos curtos e é certo que ao final, cando viaxas sen trípode en condicións, tes que afinar a imaxinación para lograr estabilidade. Tocou deixar o noso querido trípode K&F Concept de rótula en casa e saír ao paso cun mini trípode que cabe en calquera peto. E pensamos varias veces en adquirir un de viaxe, pero non dimos o paso. Asignatura pendente.

Filtros

Basicamente levamos dous filtros de 77 mm para o gran angular e aneis adaptadores para os outros dous obxectivos.

O filtro polarizador é fantástico para aumentar o contraste e resaltar os azuis do ceo en fotografía de paisaxe e para eliminar reflexos non desexados. O noso é este GOBE circular de 77 milímetros.

filtro de densidade neutra variable é de K&F Concept. Este tipo de filtros pode ser facilmente un dos imprescindibles á hora de viaxar. Para fotografía permítenos realizar tomas de exposición longa a plena luz do día, logrando captar o movemento de nubes ou augas sedosas.

      mochila fotografica de viaxe
      Efecto de seda na auga grazas ao filtro de densidade neutra | Banlung, Cambodia

      No caso do vídeo permítenos cumprir a regra dos 180º cunha gran apertura de diafragma que permite desenfoques moi atractivos. É certo que eu, particularmente, non recomendaría xusto o noso, xa que a partir de certo nivel de peche comeza a ter un odioso efecto “X” que pode botar a perder unha toma. Paga a pena investir algo máis para ter un filtro mellor.

      Kit de Limpeza

      Pode parecer innecesario pero creme que cando estás no medio do deserto en India e se che mete area ou po no espello ou no sensor, ter algo con que limpar a cámara pódeche quitar de máis dun desgusto. O noso kit é moi, moi básico pero tremendamente eficaz:

      • Pluma de limpeza
      • Pera de aire
      • Pequenas gamuzas de limpeza
      • Celo para limpar o sensor
      Outros accesorios

      Baterías suplementarias e cargador: hai que ter a cámara cargada e coa batería de serie non chega se estás de viaxe. Nós levamos dúas extra ademais do cargador co cable. 

      Enganche para trípode: por se decides levar trípode ou por se cho deixan durante a viaxe, pode ser moi útil

      Disparador inalámbrico: de Amazon Basics. Económico e moi útil para autorretratos, para fotos de longa exposición ou para fotos coa cámara apoiada. A día de hoxe tamén existen apps para móbil que conectan coa cámara (se esta ten wifi) que cumpren a mesma función. Eu uso Nikon WMU, podes descargala aquí.

      Micrófono unidireccional: temos un RODE VideoMic Go para montar sobre a zapata da cámara. É moi útil para interiores. O noso problema foi que perdemos o cable conector alá por Xordania, polo que dependemos máis do seguinte.

      Micrófono de garabata: De Amazon Basics. Económico, case non ocupa e a diferencia de calidade de son en exteriores é abismal. Imprescindible para vídeo blogues.

      No meu caso tamén aproveito o espazo interior para gardar o portátil, xa que as súas 13 polgadas facilitan levalo de viaxe sen problema. Iso si, a funda ten que ir na maleta, xa que con ela non entra nesta mochila.

      E xa abonda. Suficiente material para meter nunha soa mochila, non? A verdade é que esta en concreto foi un descubrimento moi bo e permitiunos levar moitos accesorios que, doutro xeito, xamais poderiamos ter levado de viaxe. Algúns destes económicos mini accesorios pódenche salvar a vida de viaxe, tal e como che conto neste vídeo.

      É certo que a min, nun futuro e se seguimos viaxando a bo ritmo, vivindo das nosas viaxes, gustaríame ampliar o meu equipo. Probablemente o primeiro que aumentaría de xeito exponencial a calidade das nosas creacións sería un gimbal, para darlle un extra de estabilidade aos noso vídeos. Tamén un drone, porque… Bueno, non creo que faga falta aclarar por que sería xenial ter un drone.

      Cando dentro dun tempo volvamos ao camiño, veremos que trebellos fotográficos nos acompañan. E, sen dúbida, compartirémolo contigo. Xa sabes que podes deixarnos en comentarios cales son os teus imprescindibles de fotografía para viaxar, ou a cámara que usas ti cando saes por aí de viaxe.

      Por se queres adquirir algún destes artigos pero non queres volver aos enlaces do texto, quedan por aquí para que sexa máis doado.

      ENLACES DE COMPRA


        Sergio Casal

        Son Sergio Casal, xornalista especializado en comunicación política. Apaixoado pola fotografía e a realidade política do mundo. Esta mestura vocacional e unha gran paixón por comunicar, enchen a miña mochila de cara a este proxecto con Nuria: TOXÍO.

        0 comentarios

        Deixa unha resposta

        Marcador de posición do avatar

        O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

        Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.