O pasado sábado 23 de outubro celebrouse a primeira feira vegana de Galicia, VEGANA.GAL e, como non podía ser doutro xeito, nós, quixemos estar alí.
O veganismo non é unha “moda”
A Real Academia Galega da lingua define veganismo como a «forma de vida da persoa que evita o uso e consumo de produtos ou servizos derivados de animais ou que impliquen a súa explotación». Unha definición moi curta en comparación con todas as razóns e implicacións que pode haber detrás deste movemento pero que, sen dúbida, abrangue algo importante: non fala só do consumo de produtos de orixe animal, senón que tamén menciona aos servizos que implican a súa explotación.
Isto é moi importante por algo que sucede moi a miúdo. Cando os medios de comunicación, certos sectores políticos ou persoas alleas ao veganismo fan unha aproximación ao mesmo, tenden a tinguilo de certo aire mainstream, baleirando o termo de contido en certa medida. Asocian a etiqueta a unha corrente alimentaria de moda ou mesmo a unha sorte de nova tribo urbana. É máis sinxelo aínda (e complexo), pois o veganismo ten un obxectivo concreto máis aló das externalidades positivas (ecoloxía, xustiza social e benestar) que abrazalo implica: a fin da explotación animal.
Non é simplemente deixar de comer animais ou produtos derivados destes. O uso de roupa con materiais como coiro, seda ou lá; a experimentación animal na cosmética; a utilización dos animais de xeito recreativo e turístico; a explotación de animais en zoos, acuarios e un largo etcétera, son accións e actividades que o veganismo condena polas súas implicacións para co mundo animal. E moitas veces, as persoas que fan a aproximación desde fóra, pódense esquecer disto.
Por outra banda, o simple (ou non tan simple) feito de quitar os produtos cárnicos e lácteos da túa dieta, ten unhas repercusións tremendamente positivas no medio ambiente. A industria gandeira é unha das máis contaminantes do mundo, consume unha indecente cantidade de recursos hídricos e, tendo en conta os patróns de consumo dos países da OCDE, implica a esquilma de terreos, recursos e a explotación tamén de persoas en moitas rexións menos desenvoltas do globo.
O veganismo é, principalmente, unha cuestión de antiespecismo. Pero tamén, de xeito directo, de ecoloxismo e xustiza social.
Por iso, VEGANA.GAL non é so unha cuestión de «triunfar nunha cea cun prato vegano saudable». É unha feira pioneira para dar a coñecer iniciativas (emprendedoras, santuarios e oenegués) que xa están apostando por un modo de vida que desterra o sufrimento animal e, con iso, fan deste mundo un lugar mellor.
Grazas de corazón a todas as organizadoras da primeira feira vegana de Galicia VEGANA.GAL e a toda a xente que, na medida do posible, fixo dela un éxito. Deixamos por aquí un vídeoblog do noso paso pola feira no cal falamos con algunhas das persoas que participaron activamente nela. Non esquezas comentarnos que che pareceu e a túa opinión sobre o veganismo.
Tamén deixamos por aquí as recollidas de sinaturas nas que están traballando as asociacións Tu Abrigo Su Vida e Activistas Galegas Antiespecistas (AGA) para rematar coa explotación animal en diferentes sectores.
- AGA: Cosméticos sen crueldade – por unha Europa sen ensaios con animais: https://eci.ec.europa.eu/019/public/#/screen/homehttps://eci.ec.europa.eu/019/public/#
- Tu Abrigo Su Vida: Petición ao G20 #StopDeadlyFur: https://tuabrigosuvida.org/participa/
2 comentarios
Comer vegano en Galicia | TOXIO · 15/03/2023 ás 12:12 p.m.
[…] vez) que probamos a comida do Entre Pedras non foi en Santiago de Compostela, senón en Vigo, na Primeira Feira Vegana vegana.gal (deixámosvos o noso posa por el a nun vídeo aquí debaixo). Teñen fama, e é merecida, porque […]
Donde comer vegano en Galicia | TOXIO · 26/04/2024 ás 7:21 p.m.
[…] vez que probamos a comida do Entre Pedras, non foi en Santiago de Compostela, senón en Vigo, na Primeira Feira Vegana vegana.gal (deixámosvos o noso posa por el a nun vídeo aquí […]