Táboa de contidos
ToggleA menos de cen quilómetros da populosa cidade de Mumbai, no estado indio de Maharashtra, vivimos unha das experiencias máis especiais de todas as que tivemos durante o noso paso pola India: o trekking de Kalavantin Durg.
UNHA HISTORIA ÚNICA
O Kalavantin Durg (686 metros de altitude) é o pináculo no que culmina unha das subidas ao Forte de Prabalgad, situado nos Ghats Occidentais, unha cadea montañosa Patrimonio Mundial da Unesco que percorre a costa oeste do país durante 1.600 quilómetros. Mentres chegábamos á parte alta, un sendeirista de Mumbai comentounos que é un dos 350 fortes que coroan esta zona de montes. Tamén nos contou que un experimentado escalador foi quen de completar a subida a 200 en 3 meses. Sobrehumano.
O nome Durg significa «forte» na lingua Maratí, propia do estado de Maharashtra e unha das máis utilizadas do país con máis de 70 millóns de falantes. Kalavantin suponse que é o nome da raíña que mandou construír o forte defensivo alá polo ano 500 ac. Pero as fontes históricas non teñen datos suficientes sobre este tema. No que si que hai bastante concordancia é en que se trata dunha das camiñatas máis esixentes do país. E non é para menos.
UN PERCORRIDO ATEIGADO DE AVENTURAS
A ruta comeza nun punto marcado en Google Maps como Prabalgad & Kalavantini Durga Trek Start Point e ten unha distancia de aproximadamente 4,5 quilómetros. Pero non sintas excesiva confianza pola teórica «brevidade» do percorrido. A sensación cando observas desde o inicio do roteiro o impoñente Kalavantin rozando o ceo indio é similar á que Frodo e Sam puideron ter cando observaron o Monte do Destino desde as chairas de Gorgoroth en Mordor. Por sorte, con moita auga, descansos, froita e froitos secos, o noso ascenso foi menos accidentado.
Tras percorrer uns dous quilómetros e medio por un camiño entre a xungla, chegamos ata a primeira zona de acampada no camping at prabalmachi. Ata alí a subida é amable, con pequenas tendas cada pouco nas cales venden bebidas frescas e mesmo cocos. Xusto antes de entrar aquí tes que pagar unha taxa de 100 rupias indias (1,20 euros) e rexistrar a túa entrada no complexo natural. É unha medida de seguridade que adoptou o Goberno tras varios accidentes na zona e que serve para ter controladas as saídas e entradas da xente que visita o enclave. Ao descender hai que asinar a saída. Este é un lugar perfecto para descansar algo máis, darlle vida á cámara e gozar das vistas que van quedando atrás.
Despois doutro medio quilómetro aproximadamente, chégase ao pobo de Prabalmachi, unha mestura de vivendas locais con restaurantes improvisados para viaxeiros esfameados pola subida. É a partir de aquí, entre galiñas, miradas curiosas e nenos xogando libres, onde comeza o verdadeiro reto: o ascenso final de quilómetro e medio ao pináculo de Kalavantin Durg.
Neste derradeira etapa perdemos a nosa condición de homínidos bípedes e volvemos ás catro extremidades para movernos. Son momentos de adrenalina, emoción e esgotamento. Instantes de profunda concentración cuasi meditativa onde un mínimo despiste pode rematar con –mínimo– unha boa cuada. Cando pensas que é imposible avanzar máis en vertical, atópaste de cheo con escalóns de máis de medio metro de altura escarvados na cruel pedra deste risco. E so queda ascender sen mirar abaixo, coa suor perlando a fronte e as extremidades pedindo un respiro. Xa case estamos.
É neste punto, na última área de descanso a escasos metros da cima, onde as sensacións psicofísicas mestúranse nun cóctel ansioso.
O cume de Kalavantin resístese –non sen certo sarcasmo– por derradeira vez e os últimos cinco metros é necesario ascendelos escalando cunha corda. Xa case sen forzas, pousas as pernas nas agarradoiras da rocha e, nun último empurrón, culminas un ascenso titánico. E as vistas que agardan aí e a sensación de plenitude e totalidade que che invaden o corpo ben vale o esforzo vivido.
O descenso hai que facelo con moito coidado e tendo en conta que a maior parte da adrenalina quedou no cumio. É unha ruta non moi recomendable se padeces vértigo.
POR LIBRE OU NUNHA EXCURSIÓN?
No noso caso non podemos dar opinións a respecto das excursións organizadas. Sabemos que saen bastantes con axencia desde Mumbai e que moita xente recomenda facer o roteiro en grupo pola súa dificultade. Pero a aventura que vivimos nós por libre foi fantástica e se tes tempo, ganas e boa forma física, a idea de facelo por libre é asumible.
COMO FACER A CAMIÑATA POR LIBRE?
Existe a posibilidade de, a través de axencia tamén, reservar a acampada co trekking todo nun mesmo paquete e facer noite no propio entorno natural. Pero se vas por libre o máis interesante pode ser facer noite na cidade de Panvel.
Como chegar a Panvel
Nós sempre utilizamos Skyscanner para comparar vóos e nunha viaxe ata a India pódense aforrar moitos cartos. A cidade grande máis próxima é Mumbai. Desde a estación central Chhatrapati Shivaji de Mumbai (CST) pódese chegar nun tren de cercanías moi económico á estación Panvel Junction . Tarda arredor dunha hora e media en chegar. O segredo deste transporte é que poden ser con facilidade o lugar no que menos espazo vital vas ter en toda a India. Non apto para persoas con claustrofobia.
Onde durmir en Panvel
Ollo porque este apartado é moi importante. Nós levavamos unha reserva nun hotel moi barato, o Sahara Hotel, e ao chegar dixéronnos que non tiñan habitacións libres. Quedámonos na rúa con 10 horas de tren nocturno ao lombo. Pasounos esa mesma mañá o mesmo noutros hoteis e conseguir un lugar onde asentarnos foi unha odisea.
No hotel OYO Flagship asegúraste unha boa habitación dobre con aire acondicionado por uns 22 euros a noite sen sobresaltos. Nós pasamos tamén un par de noites no Kolkar’s Lodge, que tras moita discusión e un par de horas agardando, nos ofreceu unha habitación dobre por 8,20 euros a noite nunha zona moi animada da parte nova de Panvel. Ambos hoteis teñen restaurante a prezos asumibles e están a dez minutos (30 rupias, e dicir, 40 céntimos de euro) en rickshaw desde a estación de tren Panvel Junction. Pero se queres sempre podes buscar outras opcións en Panvel. Facilitámosche a procura neste mapa:
Consellos para o día da camiñata en Kalavantin
1. Madrugar: o ideal é estar no punto de inicio sobre as 7:30 da mañá para evitar camiñar nas horas máis duras do sol. Nós comezamos a camiñar ás 8 e ás 12 da mañá, cando chegamos abaixo, o sol xa apertaba demasiado.
2. Reservar un rickshaw ou Uber para a ida e deixar apalabrado outro para a volta. Nós fomos desde Panvel ata o punto do inicio do trekking por 673 rupias en Uber (8,50 euros). Tardamos 60 minutos en chegar. É importante insistir en que no punto de inicio da camiñata non hai absolutamente nada, nin un pobo. Para a volta non tiñamos nada apalabrado e tivemos a inmensa sorte de atopar un rickshaw que nos levou de volta por 300 rupias (3,80 euros). Pero recoñecemos que tivemos moita sorte e que de sabelo, teriamos reservado algo para a volta.
3. Levar boas reservas de auga e froitos secos. A pesar de que a duración non é moita, o esforzo é moi grande, e probablemente terás un día de moita calor, xa que falamos dun clima tropical cunha temperatura anual media de 27ºC. O ideal é levar uns tres litros de auga por persoa, algún froito seco como anacarados, améndoas ou noces e froitas como plátanos ou mazás. Aínda que como xa comentamos, existen algúns postos onde venden augas e outras bebidas ao longo do roteiro. Tamén é imprescindible poñer crema solar cada pouco e levar roupa lixeira pero que protexa, así como botas de sendeirismo.
4. Poñer bastante protección solar. Como dicimos, o clima é tropical e aquí o sol aperta bastante. É importante levar na mochila unha boa protección solar de factor 50 para evitar queimaduras e outros problemas de saúde. Un bo gorro para protexer a cabeza tamén é moi recomendable.
Mellor época para enfrontarse ao Kalavantin Durg
Nós iamos convencidos de que decembro era un mes insuperable para facer a camiñata: as temperaturas non eran todo o extremas que chegan a ser noutras épocas do ano e os monzóns xa quedaban atrás. Pero falando con xente algo máis experimentada, aprendemos que hai cousas que che dá a estación de chuvias que a seca non che ofrece. Fundamentalmente o tema das paisaxes e a contaminación.
Durante a época de monzóns é certo que a subida é bastante máis complicada e perigosa polo esvaradío do terreo, pero o verde da xungla é moito máis intenso, a temperatura é algo máis agradable e a brutal contaminación procedente da masificada Mumbai nótase moito menos. Como sempre nestes contextos, todo depende do que busques.
O feito de desafiarnos a nós mesmos e á desapiadada Kalavantin Durg supuxo todo un reto. Eu chegaba despois dunha convalecencia médica demasiado longa en Agra e non estaba convencido da miña forma física. Pero chegar ao cumio deste lugar case desfalecendo, coa suor e a adrenalina desbordantes demostroume, practicamente na outra punta do mundo, que pouco a pouco os muros máis altos tamén se poden escalar. E este resultou ser un dos tres momentos máis únicos desta xa de por si apaixonante viaxe. Os outros dous podes coñecelos no vídeo de abaixo.
0 comentarios