«Un proxecto de GaliciaTB para (re)descubrir Galicia dun xeito diferente»
Nesta nova etapa, neste espazo-tempo coñecido como “nova normalidade”, tivemos que aprender e adaptarnos. Baixar dun avión e aterrar nun país parado. Desconectamos en parte da viaxe, da súa maxia, o seu ritmo frenético e dos días de cambio continuo e recuperamos outras actividades que quedaron aquí: estudamos de novo, lemos, estivemos coa familia, retomamos deportes que quedaran en pausa… Pero o fío musical da viaxe non deixou de soar nas nosas mentes, e un verán en Galicia é unha oportunidade que non hai que deixar escapar.
Por que? Porque Galicia é unha terra cunha cantidade infinita de oportunidades turísticas. Vendo isto e tendo en conta esta “nova normalidade”, as compañeiras de Galicia TB propuxeron a creación dunha guía enfocada precisamente a isto, a destacar as bondades dun país cheo de recunchos únicos, algúns menos coñecidos e que poden ser unha magnífica opción para facer unha escapada este verán.
No noso caso, colaboramos coa reseña de dous enclaves moi fermosos dos nosos respectivos concellos: Seixo Branco, dentro do monumento natural Costa Dexo-Serantes, no Concello de Oleiros e o Castelo de Vimianzo. Pero dentro desta guía gratuíta podes atopar tamén outros moitos lugares máxicos para, por que non, facer un mapa de “imprescindibles” neste verán distinto.
Convidámoste a descargar a guía “Galicia Descoñecida” a través dos enlaces que che deixamos aquí abaixo e a descubrir con todas as blogueiras de viaxe de Galicia TB a maxia da nosa terra.
0 comentarios