O acto de viaxar abarca un montón de perspectivas. Non só se trata de descubrir novos lugares e xentes. Adentrarse realmente nunha nova cultura implica atreverse tamén coa gastronomía. No noso caso, facémolo desde un punto de vista que ten en conta o benestar animal, e durante a nosa viaxe por Asia puidemos gozar dunha inmensa variedade de produtos típicos que enriqueceron o noso coñecemento sobre a cociña internacional.
TRES SEMANAS, CATRO PAÍSES, INNUMERABLES DELICIAS
Se ben é certo que os nosos vinte primeiros días de viaxe foron a unha velocidade de vertixe –entre o 21 de outubro e o 16 de novembro estivemos en Bulgaria, Turquía, Grecia e Xordania–, isto non foi un impedimento para poder gozar dalgúns dos produtos máis característicos desas latitudes. Así, por exemplo en Sofía (capital de Bulgaria), onde unicamente pasamos un día completo, puidemos probar unha sobremesa deliciosa chamada mekitsa, que na súa versión vegana non é máis que unha especie de pan frito cuberto coa tamén icónica marmelada de rosas. Unha pequena aproximación á repostería do leste europeo.
Pasar a fronteira a Turquía para visitar Istambul é como cruzar pola porta cara outra cociña diferente pero con certos nexos de unión, pois turcos e búlgaros –aínda coas súas históricas disputas culturais– teñen moitos lazos, incluídos os da gastronomía. Na antiga Constantinopla deixámonos levar pola variedade culinaria. Desde as socorridas espigas de millo tostadas nos postos da rúa por 2 TL (0,30 euros) e comidas ás présas nalgún banco para poder seguir visitando a cidade, ata pratos degustados con algo máis de tempo como as típicas sopas lixeiras ou çorbas ou os yaprak sarma de folla de vide e arroz –aviso, os que nós probamos no Moda Terrace Restaurant ao carón da mesquita de Süleimaniye picaban moito!–. Para as persoas que amedes o doce, Istambul pode ser a perdición. A variedade aquí é inesgotable. Desde as innumerables delicias turcas –que, curiosamente, probamos por primeira vez en Bulgaria–, pasando polos económicos –e azucrados– tulumba (unha especie de churros bañados en xarope herdados da antiga cociña do imperio otomán) ou os deliciosos baklava de pistachos.
Outro lugar con características comúns e continuas disputas con Turquía é Grecia. O noso paso fugaz por Atenas foi insuficiente como para poder valorar en profundidade a súa cociña, pero tivemos tempo de degustar a famosísima mousaka na súa versión vegana no restaurante All that Jazz, no distrito de Monastiraki, por 8 euros.
Pero foi en Xordania –concretamente na súa capital, Amán– onde nos namoramos –culinariamente falando–. Descubrimos un deses lugares –e aquí coincidimos ambos– cuxa comida pode servir de escusa para volver visitar un país. Falamos do restaurante Abu Zaghleb, en pleno centro de Amán. É curioso que na rúa inmediatamente paralela a este restaurante se atope Hasheem, que tamén visitamos e é famoso por recibir de cando en cando a visita da familia real xordana para comer o seu hummus. Pero para nós tanto os prezos como o sabor de Abu Zaghleb son insuperables. Por tan só 90 céntimos de dinar xordano (1 euro) podes xantar unha especie de rolo de pan de pita xigante recheo con delicioso falafel, hummus, ensalada árabe e salsas diversas. É precisamente o xeito no que quentan diante de ti o pan de pita unha das principais curiosidades deste lugar, que se converteu no noso local de confianza os días que pasamos en Amán.
INDIA, UN PARAÍSO VERDE
Unha das preguntas máis recorrentes cando viaxas é se «é sinxelo atopar comida vexetariana ou vegana por aí adiante?». Nos países máis modestos, a carne soe ser un luxo e a meirande parte das familias non se pode permitir acceder a carne ou peixe fresco a prezos asumibles e, se o fan, é poucas veces no mes. Pero no caso de India, a esta circunstancia económica súmase unha variable relixioso-cultural que convirte ao xigante asiático no país con máis vexetarianos do mundo. Ademais de que a vaca é un animal sagrado para o hinduísmo, o feito de comer carne de calquera animal supón un desequilibrio para o karma, pois moitas correntes brahmánicas maioritarias e algunhas relixións como o xainismo consideran que consumir carne xera mal karma e empobrece física e espiritualmente aos seres humanos.
Nos lugares que visitamos en India, moitos restaurantes –especialmente no Rajastán– só teñen opcións vexetarianas. Recoñécense facilmente polo seu cartel “pure veg”. Aínda que ao longo e ancho do país é moito máis habitual que os establecementos especifiquen que a súa carta conta con carne. Así, poderiamos dicir que a cociña India está catalogada como “veg” e “non-veg”, para que te fagas unha idea do arraigo que ten esta dieta no país.
En canto á diversidade na cociña, se ben é certo que existen moitos pratos rexionais característicos dependendo da zona na que te atopes, a verdade é que a comida india conta con certos aspectos comúns ao marxe da distancia xeográfica entre as cidades. Por exemplo, son comúns en todo país as empanadillas ou samosa, feitas con verduras e especias; o arroz biryani, unha receita que combina o arroz con azafrán e coriandro con verduras variadas; o chapati ou naan, que é o seu pan; ou o Thali, que mestura varios pratos típicos como o dahl (legumes), o arroz e as patacas con pan e doces.
Tamén se pode afirmar que o uso de especias e picante é a característica máis salientable desta cociña. Os indios devecen pola comida picante. Dá igual que almorces un vada pav nunha estación de tren, un poha, un masala dosa; que tomes un arroz biryani ao medio día ou que pidas unha sopa. Todos estes pratos irán acompañados de salsa ou especias moi picantes, incluso cando solicites o contrario. Así que se non toleras o picante intenta facerte entender porque a pementa negra, a cúrcuma ou o chile vermello son uns clásicos alí. De feito o masala (literalmente mestura de especias en hindi) é un dos aderezos máis coñecidos da India, e adoita levar, canto menos: comiño, noz moscada, sementes de coriandro, pementa negra e tamén cravo, cardamomo e mesmo canela.
E un dos consellos máis importantes para comer na India é mentalizarse. De que? De que é moi probable que te intoxiques. Non é por asustar, pero aquí os datos son os que son. É normal ir con medo a beber certa auga ou comer en segundo que lugares debido á fama que ten o país con respecto á salubridade alimentaria. O certo é que moitos viaxeiros que chegan á India sofren o coñecido como Delhi Belly (estómago de Delhi), que non é máis que unha intoxicación alimentaria. Neste sentido, podes tratar de seguir as recomendacións do Ministerio de Asuntos Exteriores con respecto á alimentación no estranxeiro e, sobre todo, levar contigo un bo seguro médico que che cubra no caso de que, como me pasou a min, te intoxiques nalgún momento da túa viaxe e teñas que acudir a un hospital.
MARABILLAS DO SUESTE ASIÁTICO
En Tailandia e Cambodia cambiou novamente o xeito de comer. A cociña tailandesa é unha das máis internacionais, e non é para menos. Ten moitos pratos deliciosos e a variedade de verduras e especialmente de froitas é un aspecto moi positivo. O arroz –khao en tailandés– tende a ser o denominador común da dieta no sueste asiático e xa sexa frito ou en forma de noodles, adoita ser o alimento básico de cada prato. Unha das propostas culinarias máis famosas é o Pad Thai, que inclúe os noodles con verduras variadas, lima, cacahuetes e salsa de soia. Está delicioso e pódese atopar en toda Tailandia. Tamén hai pratos máis rexionalizados como o Khao Soi, unha especie de sopa de arroz, soia, limón, cebola, chile e especias máis típica de áreas do norte como Chiang Rai ou Chiang Mai. Foi, por certo, nesta última cidade na que estivemos un mes, na que probablemente máis gozamos investindo en descubrir a comida local. Restaurantes comoNorthland House, Peppermint Vegetarian Restaurant ou Free Bird Café permitíronnos degustar moitas das propostas da cociña tailandesa.
Como xa che contamos neste artigo, a poboación budista si adoita comer carne en países como Tailandia. Non obstante, tanto neste país como en Cambodia foinos relativamente sinxelo prescindir dela e gozar de marabillas culinarias de orixe vexetal. A cantidade de froitas tropicais locais como a banana, o mango, o coco, o jackfruit, a papaia, o durian –aínda que a nós non nos chistou moito–, a froita da paixón ou a froita do dragón supoñen unha riqueza nutricional enorme para estes lugares, e facilítannos moito as cousas ás persoas viaxeiras. De feito unha das miñas sobremesas favoritas da viaxe, o mango sticky rice, está simplemente elaborada con mango, sticky rice –un xeito típico de elaborar o arroz que lle outorga unha textura pegañenta– e leite de coco. O kralen cambodiano –que tamén ten a súa versión tailandesa– é outra das delicatessen gastronómicas do sueste. Consiste nunha vara de bambú rechea de arroz pegañento con leite de coco e fabas que se come coa propia fibra do bambú tras retirar a madeira. En Cambodia, esta variedade de arroz obtense esencialmente das terrazas arroceiras de Battambang e Kratie. Canto o boto de menos xa!
Comer é un pracer, isto está fora de dúbida. Pero ademais, no caso da nosa viaxe, chegouse a converter no noso gasto número un (por enriba do aloxamento ou o transporte) en países como Tailandia e India, nos que investimos máis dun mes. E isto non é porque fora nada caro! Ao contrario, senón porque cando alargas unha viaxe, os gastos diarios acaban por crecer con respecto ao resto. A nós sempre nos dixeron na casa que se nalgo hai que gastar, é en comer, e en facelo ben. E cando vas descubrindo o mundo, este consello é dos mellores.
Deixámosche tamén, por se che suscita interese e aínda non o viches, este vídeo ilustrando como levar unha dieta vegana de viaxe, comendo pola rúa, en avións, en postos ou en restaurantes.
1 comentario
A GASTRONOMÍA DE VIAXE COMO TESOURO - TOXÍO · 05/10/2023 ás 12:22 p.m.
[…] masala: por un momento foi como volver á India. Especias, aromas e verduras na súa xusta medida para saborear un dos pratos máis típicos da […]