Táboa de contidos
ToggleExisten moitas fórmulas para poder viaxar ao estranxeiro. Pero, que pasa cando o que queremos é vivir no estranxeiro un tempo? A axuda Galeuropa é unha gran oportunidade para pasar un tempo vivindo e traballando noutro país. Hoxe contámosche en que consiste esta axuda da Xunta de Galicia e como solicitala.
Que é o programa Galeuropa?
Galeuropa é un programa de mobilidade transnacional xuvenil promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Ofrece a oportunidade para moitos mozos e mozas de Galiza de facer prácticas formativas en entidades públicas ou empresas privadas doutros países europeos.
Obxectivos das becas Galeuropa
Entre os obxectivos deste programa de mobilidade, destacan:
- Incrementar as posibilidades de inserción laboral para a mocidade.
- Complementar a competencia profesional e persoal.
- Adquirir competencias en idiomas estranxeiros e reducir os obstáculos lingüísticos.
- Fomentar a autonomía persoal.
Duración das prácticas
A duración do programa é de entre 2 e 3 meses consecutivos. Na convocatoria das becas Galeuropa 2019, o período de prácticas tiña que rematar o 30 de novembro cun mínimo de 100 horas mensuais traballadas.
Como solicitar as axudas
Para solicitar esta axuda, é imprescindible estar inscrita no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX) na Comunidade Autónoma de Galicia. Unha vez dentro do ficheiro, será necesario realizar a solicitude, que para 2019 tivo de prazo entre o 30 de abril e o 29 de maio. En 2020 non houbo convocatoria por mor da pandemia de coronavirus.
Requisitos para participar na convocatoria
Para participar na convocatoria e inscribirte en Garantía Xuvenil, terás que cumprir estes requisitos:
- Ter menos de 30 anos no momento de solicitar a inscrición.
- Non ter traballado no día natural anterior ao momento de recibir a actuación.
- Non ter recibido accións educativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación.
- Non ter recibido accións formativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación.
En canto ao importe da beca, é importante que teñas en conta que che vai axudar máis ou menos en función do país que escollas, pois a contía varía en función do país. E tampouco é o mesmo contar con 500 euros en Austria que en Polonia que, como che contamos noutras ocasións, é un país barato dentro da Unión Europea.
Agardamos que esta información che servira de axuda. A experiencia Galeuropa é algo que nun momento crucial como é rematar a carreira pode ser un impulso a nivel laboral e fóra da zona de confort.
Nuria fíxoa alá polo 2018 en Polonia e explícao nun plano máis aspiracional neste artigo, onde falaba xa fai tempo da conexión que ten con ese país. Moito más grande agora que xa vivimos uns meses máis alí. E xuntas.
Se xa desfrutaches desta axuda, non dubides en deixarnos a túa experiencia en comentarios. Deixámosche a info tamén en formato vídeo por se o prefires.
1 comentario
Erasmus +: pasos para solicitar esta beca - TOXÍO · 22/09/2021 ás 11:47 a.m.
[…] poida orientar neste tortuoso camiño polo Erasmus. Tamén existen outras oportunidades como a Galeuropa, para vivir no estranxeiro. Se xa foches de Erasmus, deixa nos comentarios en que país foi e que […]