Existen moitas fórmulas para poder viaxar ao estranxeiro. Pero, que pasa cando o que queremos é vivir no estranxeiro un tempo? A axuda Galeuropa é unha gran oportunidade para pasar un tempo vivindo e traballando noutro país. Hoxe contámosche en que consiste esta axuda da Xunta de Galicia e como solicitala.

Que é o programa Galeuropa?

Galeuropa é un programa de mobilidade transnacional xuvenil promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Ofrece a oportunidade para moitos mozos e mozas de Galiza de facer prácticas formativas en entidades públicas ou empresas privadas doutros países europeos.

Obxectivos das becas Galeuropa

Entre os obxectivos deste programa de mobilidade, destacan:

  • Incrementar as posibilidades de inserción laboral para a mocidade.
  • Complementar a competencia profesional e persoal.
  • Adquirir competencias en idiomas estranxeiros e reducir os obstáculos lingüísticos.
  • Fomentar a autonomía persoal.

Duración das prácticas

A duración do programa é de entre 2 e 3 meses consecutivos. Na convocatoria das becas Galeuropa 2019, o período de prácticas tiña que rematar o 30 de novembro cun mínimo de 100 horas mensuais traballadas.

Como solicitar as axudas

Para solicitar esta axuda, é imprescindible estar inscrita no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (SNGX) na Comunidade Autónoma de Galicia. Unha vez dentro do ficheiro, será necesario realizar a solicitude, que para 2019 tivo de prazo entre o 30 de abril e o 29 de maio. En 2020 non houbo convocatoria por mor da pandemia de coronavirus.

Requisitos para participar na convocatoria

Para participar na convocatoria e inscribirte en Garantía Xuvenil, terás que cumprir estes requisitos:

  • Ter menos de 30 anos no momento de solicitar a inscrición.
  • Non ter traballado no día natural anterior ao momento de recibir a actuación.
  • Non ter recibido accións educativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación.
  • Non ter recibido accións formativas no día natural anterior ao momento de recibir a actuación.

En canto ao importe da beca, é importante que teñas en conta que che vai axudar máis ou menos en función do país que escollas, pois a contía varía en función do país. E tampouco é o mesmo contar con 500 euros en Austria que en Polonia que, como che contamos noutras ocasións, é un país barato dentro da Unión Europea.

Agardamos que esta información che servira de axuda. A experiencia Galeuropa é algo que nun momento crucial como é rematar a carreira pode ser un impulso a nivel laboral e fóra da zona de confort

Nuria fíxoa alá polo 2018 en Polonia e explícao nun plano máis aspiracional neste artigo, onde falaba xa fai tempo da conexión que ten con ese país. Moito más grande agora que xa vivimos uns meses máis alí. E xuntas.

Se xa desfrutaches desta axuda, non dubides en deixarnos a túa experiencia en comentarios. Deixámosche a info tamén en formato vídeo por se o prefires.


1 comentario

Erasmus +: pasos para solicitar esta beca - TOXÍO · 22/09/2021 ás 11:47 a.m.

[…] poida orientar neste tortuoso camiño polo Erasmus. Tamén existen outras oportunidades como a Galeuropa, para vivir no estranxeiro. Se xa foches de Erasmus, deixa nos comentarios en que país foi e que […]

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.