Durante cinco meses a nosa casa foi o camiño en Asia. Foron tan só cinco meses, pero nós non sabiamos cando esta etapa ía rematar. Si, casualmente “volta por pandemia mundial” non estaba nos nosos plans. Cada día levantabámonos sen ter moi claro onde durmiríamos esa noite. Outras o transporte público foi a nosa cama. Ou directamente o chan do aeroporto. Horas e horas fóra. Vivimos en habitacións de hoteis que se converteron en auténticos fogares. Houbo xente que nos abriu as portas da súa casa e agora xa ten un lugar no noso corazón. Cousas tan simples que semellan tan básicas como unha cociña ou a auga quente convertéronse en auténticos luxos para nós.

E podíamos sentir a liberdade completa de decidir en que punto da xeografía mundial acabaríamos a semana. Bueno, completa tampouco, os cartos sempre son un límite inescusable. Pero a liberdade suficiente para decidir entre moitas opcións a que máis queriamos. Vivimos cinco meses tomando decisións vitais diarias. E foi máis inercia ca nunca.

Hoxe vimos falar un chisco do que estes meses supuxeron para nós.

Como foi a experiencia? Seríamos nómades outra vez? Cal foi o mellor momento desta viaxe? E o peor? Tivemos realmente problemas nalgún país? Onde nos atopamos coa xente máis amable? Como é a rutina? E as comidas? Os horarios? Canta é a antelación coa que reservamos hoteis ou voos? A todas esas preguntas imos contestar hoxe.

Saltaremos xa o paso de como se pon todo o que poidamos necesitar para unha viaxe sen billete de volta dentro dunha maleta, xa que xa nos explicamos moito neste artigo e neste vídeo aos que podes acceder pinchando na palabra que prefiras.

Entrando no tema, a experiencia foi espectacular. Como era de esperar. Entendemos que non é un estilo de vida que encaixe con todo o mundo, pero a nós sentábanos como anel ao dedo. Coma un guante. Como tantas expresións feitas como se che poidan ocorrer. Fomos máis nós ca nunca, caracterizándonos nós por ser persoas bastante transparentes e non de todo convencionais.

A liberdade máis absoluta é o maior regalo que ser nómades nos trouxo. Entre os “pros” deste estilo de vida tamén contarei o feito de poder “vivir” unha tempada curta en calquera país do mundo. Movéndote ao teu antollo por el. Destacaría o feito de vivir realidades tan dispares á túa diaria de maneira tan normal. Ir a un mercado como unha “local” máis a mercar froita que tan só ves nunha esquina do supermercado máis grande da túa cidade con sorte e a prezo desorbitado é outro dos meus “pros” favoritos. E prometo que foi do que máis desfrutamos: almorzar papaia cada día á beira da praia na India, ou desfrutar de mango ou froita do dragón o sueste asiático.

Tamén considero que non hai mellor maneira de coñecer unha sociedade ou o diferente funcionamento dun país que somerxerse nel. Ao mesmo tempo que percorriamos as súas rúas e falabamos coas súas xentes, interesabámonos por informarnos bastante sobre a política, o dereito, a relixión e outros aspectos que considerabamos relevantes de cada país que visitamos. Así como, obviamente, a súa cultura, arte e xoias naturais (bastante máis típicos no contexto turístico).

Tampouco deixamos o noso xuízo crítico atrás e, ao mesmo tempo que nos marabillábamos co que nos atopamos, tamén nos fixamos e reflexionamos sobre aquilo que non brillaba tanto. Por iso creamos a sección de “Desmitificando monumentos” onde escribimos sobre a explotación infantil e animal en Petra ou a tolemia da contaminación en Agra, cidade que alberga o Taj Mahal. Non cremos que isto sexa bonito, pero agradecemos que esta viaxe tivese servido para poder ser fieis ao que somos: non só o bonito é importante. A verdade éo máis. O mundo non é un lugar perfecto e non podemos vivir cos ollos vendados. TOXÍO nace da ética que nos caracteriza. E unha das vantaxes deste estilo de vida é que puidemos seguir traendo aquí aquilo que pensamos e facer que ti lle deas unha volta tamén. E aí é onde sentimos que todo ten máis sentido.

A barreira lingüística é unha arma de dobre fío. Confeso que era o meu temor máis grande antes de iniciar esta viaxe. E vivimos algunha que outra mala situación ou non a desfrutamos tanto como nos tería gustado por non coñecer a lingua do lugar no que nos atopamos. Pero isto tamén nos axudou a intentar entender realidades lingüísticas diferentes (sempre recordarei o día que me preguntaron como chamaba na miña lingua a parte interior do bambú!) e a miúdo é cómodo intentar charlar cos lugareños que encantados tratan de ensinarche palabras da súa lingua ou entenderse contigo. As risas nunca fallan! Especialmente eles riranse de ti. A non ser que ti trates de ensinarlles galego tamén (sempre se prestan). Entón as risas están servidas en ambas direccións. É divertido!

Deste punto intermedio viaxamos aos contras en si. E claro que os ten. Somos persoas moi familiares. E ter a familia lonxe (a pesar de que sexa por elección propia e polas aventuras que nós decidimos vivir) non sempre é doado. Especialmente nos días nos que o ánimo non está alto e o único que unha quere é facerse unha boliña na súa cama ou abrazar a mamá. Pero non existe “a súa cama” e mamá está a miles de quilómetros. Pero estes momentos tamén se van pronto. Xa que sempre hai unha cama que podes sentir túa e tanto Netflix como as videochamadas están ao teu alcance. E o paseo de despois de estar así admirando a posta de sol no medio de templos budistas non se leva nada mal.

Realmente para min o contra máis destacable é non ter cociña, polo que a dieta non vai ser de todo saudable nin terás a man todo o que che gustaría. Aínda que neste artigo contamos algún dos nosos trucos para comer barato de viaxe e aí tamén hai trucos para facelo o máis saudable posible. Non estivo tan mal tampouco. Outra cousa que non me gustou non ter durante tanto tempo foi armario. Quizáis o que máis botase de menos é ter un espazo propio que tanto me gusta ter. Pero é un mal menor.

Pero seguimos tendo o importante: o un ao outro e un estilo de vida que nos senta ben. O futuro que queremos (queríamos?! Como se escribe isto nesta situación tan rara que nos tocou vivir?!) diante de nós.

En canto ao momento máis espectacular desta viaxe destacaríamos principalmente dous. Aínda que se nos preguntades noutro momento igual sacamos á luz outros dous. Por sorte, houbo bastantes momentos extraordinarios. Pero recordándoo hoxe desde aquí imos contar os dous momentos que nos deixaron case sen respiración do impresionantes que foron e nos cales nos embargou por dentro esa sensación de “todo este camiño tería valido a pena aínda que fose só por este momento”.

Un foi poder perderse polos sendeiros de Petra, percorrer o Sig (o desfiladeiro de entrada), deixarse impresionar polo icónico Tesouro así como explorar todas as xoias escondidas en cada recuncho. Falamos en profundidade de Petra neste artigo e, de verdade, dicimos que é dos lugares que máis vale a pena visitar de todos os que pisamos.

O outro momento dese estilo foi o feito de descender polo río Mekong en kayak en Cambodia. O río Mekong é asombrosamente ancho (uns 2 quilómetros no lugar no que nós remamos) con montóns de bifurcacións que fai que vivas a impresión de estar ante miles de ríos diferentes. O río, ademáis, ten moita historia que o guía che vai contando mentres que unha desfruta de estar alí. E rema. A característica máis interesante deste río é que alberga unha especie animal pouco común e menos coñecida: golfiños Irrawaddy. Trátanse duns golfiños de auga doce que, con sorte, se poden avistar desde o kayak. O son deles ao saír da auga, a súa silueta e a inmensidade do río fixo que vivisemos ese “todo tería valido a pena tan só por isto”.

En canto ao momento máis especial un pouco máis subxectivamente falando debemos remontarnos á semana que pasamos en Goa (rexión na costa leste da India). Máis en concreto en Arambol, sobre o que temos un artigo completiño sobre que facer alí. Foi o lugar no que decidimos pasar o noso primeiro Nadal lonxe das nosas familias e temos tamén un vídeo no que gravamos datas tan especiais e vese que non o levamos nada mal. Goa foi especial porque vivimos co máis básico sabendo que é o que máis felices nos fai: o mar e o outro. E o surf. E a boa comida. E praia en xeral, especialmente vivir nela. E facer fotos. E escribir. E o bo ambiente. E isto a trinta graos en decembro ten bastante máis encanto aínda. Ademais, a India é un lugar moi barato no que facer ceas románticas á luz das candeas en primeira liña de praia che custa uns 5€. Maxia barata e ao noso alcance diario. Sinto que este lugar do planeta sempre vai ter unha esquiniña no meu corazón tamén.

En canto ao peor momento, debemos remontarnos a dúas semanas antes, tamén na India cando a un de nós lle tocou ser hospitalizado durante unha semana. Nunca estivo en risco a nosa vida, pero tivemos que pasar catro días ingresados. Nun hospital no que tan só falaban hindi, lingua que nós non sabemos falar. Foi un escándalo dos grandes sobre o que contaremos máis nun artigo proximamente facendo especial énfase na maneira na que a sanidade funciona, porque foi un mundo novo para nós. A sorte que temos do sistema que temos! Nós nesta viaxe valorámolo e botámolo de menos máis que nunca! E iso que levábamos un seguro que non estaba nada mal, pero a verdade é que a aseguradora non nos tratou como debería telo feito. Aproveitamos para recalcar a importancia de ter un bo seguro de viaxe! E non é importante tan só a cobertura económica (que tamén) pero tamén a parte de xestión, que foi na que o noso fallou estrepitosamente.

E isto lévanos a se tivemos realmente algún problema real nalgún país. E eu creo de verdade que moitos ao tempo que ningún realmente, máis alá dos problemas de saúde. Aínda así, cremos que non teríamos que ter tido unha viaxe tan accidentada: case non saímos de Xordania nin dos Emiratos Árabes porque non tiñamos un voo de saída da India (que non nos facía falta, pero os da aerolínea case se empeñan en que si e custounos moito debate subir ao avión), visitamos a tira de hospitais, tivemos un accidente en tuk-tuk, non nos aceptaron nalgún hotel (aínda que contabamos con reserva), fixéronnos a vida imposible para entrar noutros (nos que tamén tiñamos reserva e incluso tiñamos pagado xa) por ser estranxeiros e, aparentemente en India, necesítase un permiso especial do Goberno para acoller xente foránea (despois descubrimos que basicamente era algo chamado o C Form, tiñan a obriga de encher un papel, facer copias dos pasaportes e pagar un imposto). Seguindo cos nosos dramas: acribilláronnos os bichos de diferentes especies e en distintas altitudes, mandáronnos nun autobús asegurándonos que nos ían levar ao noso destino final para despois meternos noutro transporte e pagar de novo (varias veces en varios países), cobráronnos prezos esaxerados por produtos que non os valían… E un looongo etc. Así que, si, pódese dicir que algún problema tivemos. Pero fóra dos médicos, creo que ningún foi realmente grave. Aínda que moitos sentíronse como putada. Como puidemos ter tan mala sorte en tan pouco tempo?

Sen embargo, a pesar da cantidade de problemas que citamos no párrafo anterior, a maior parte do camiño foi un auténtico gustazo. E sabes sobre todo por que? Seguro que o intúes: pola xente. A calidez tanto dos árabes, como a dos indios e creo que especialmente a da xente do sudeste asiático é abrumadora do boa que é. Prometo que alucinei co sorriso continuo da xente tailandesa e do boa en xeral que é. Pero máis aínda cando pisei Cambodia, pasando a converterse a súa xente na miña nacionalidade favorita. Creo que emiten unha calor moi especial. E non é un país que o tivese doado no seu pasado recente. Nin sequera na actualidade. Sobre este país no que, lamentablemente tan só puidemos pasarnos 15 días antes de ter que volver repentinamente, falaremos máis adiante. E afondaremos sobre as súas cicatrices. Pero hoxe festexaremos a calor da súa xente. A pesar de que fose o mesmo lugar no que máis racismo vivísemos cando a pandemia chegou a este país, con nós xa dentro. Pero, o medo é libre, non si?

Entrando en rutinas, horarios e comidas todo se volve un pouco caótico. Pero si que había certo consenso e cremos que é importante vivir un pouco hora por hora para non perder completamente o norte. En Asia amence moi moi cedo, así que nós tamén madrugabamos moito. Tamén anoitece moi moi cedo. En Tailandia ás 5 da tarde era de noite. Por isto o de madrugar ten aínda máis sentido. Aprovéitase moito a mañá, faise todo o preciso e descánsase pola tarde/noite, vaise cedo para cama para volver a madrugar.

Aínda que, obviamente, non se pode falar dunha rutina como tal cando cada día fas algo diferente. Sempre adaptabamos o noso día ao que decidísemos facer ese día: visitar X cousa, adicarnos a escribir e editar vídeos, descansar e pasear pola cidade… O que fose. Aínda así, intentabamos cumprir algún tipo de rutina coa comida, intentando sempre almorzar e xantar mínimo. Ao longo de toda a viaxe comemos practicamente sempre en restaurante por un tema altamente económico. A que soa estraño? Pois en India, Tailandia e Cambodia funciona bastante así. Se queres aforrar, comes no restaurante/posto da rúa. Son moi baratos e, pola contra, alugar un apartamento con cociña adoita ser moito máis caro que a maioría de hoteis nos que nós nos hospedamos. Ademais, se pretendes cociñar ao mesmo tempo que te moves continuamente, terías que mercar os produtos necesarios cada día, creándose un gasto continuo ou tendo que cargar con todo. Nada funcional.

Algunhas das preguntas máis típicas en torno a este estilo de vida teñen que ver coa parte máis loxística. Como organizamos algo así? Con canta antelación pillamos os voos? Cando reservamos os hoteis? Pois a verdade é que temos ás nosas costas e en tan só cinco meses un pouco de todo. Obviamente o principio estivo moito máis organizado: tiñamos reservadas as dúas primeiras noites no hotel de Sofía, tiñamos catro voos mercados (para chegar ata a India) e os hoteis da ruta na India (que foi a que compartimos co resto da miña familia e por iso debía estar programada de antemán).

Iso é todo. O resto fómolo facendo sobre a marcha. Os hoteis reservabámolos normalmente a noite anterior ou a mesma mañá na que nos iamos hospedar. Tan só houbo unha vez que reservamos un hotel para toda unha semana. Esa mesma semana non puidemos chegar ao noso destino por problemas médicos e perdemos o diñeiro da reserva. Para unha vez que planeábamos algo cun chisco de antelación! Despois incluso os voos os pillamos o día anterior de voar: o exemplo máis guai foi o caso de Tailandia, a onde decidimos voar desde a India xusto o día de Noitevella. E estas son as cousas que máis amo desde estilo de vida. Que, literalmente, non sabes en que esquina do globo acabarás a semana. Ou incluso o ano un día antes de que se acabe!

De todos modos, cremos que hai zonas que polo descoñecidas e inaccesibles que poden resultar precisan un pouco máis de antelación, especialmente se se ten un presuposto baixo. Por iso, cando retomemos a nosa vida de viaxe continua a nosa maneira de plantexala será diferente. Seguirá sendo inercia e bastante impulso, pero témome que terá un chisco máis de plans!

Como adiantabamos desde o principio e no desenrolo, non podemos fallar no final: volveríamos a ser nómades den dubidalo. De feito, así será tan pronto como nolo poidamos permitir de novo. Mentres tanto, seguiremos recordando.

Fotografía feita na primeira semana de confinamento en Vimianzo

Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.