Hai de todo en todas partes. Isto escoitámolo ata a saciedade e é verdade. Xente boa, xente mala, imbéciles sen máis. E India ten unha poboación de máis de 1.300 millóns de persoas. Así que, só atendendo a estatísticas, correspóndelle por media moita máis xente boa, máis xente mala e máis imbéciles que ao resto de países do mundo, a excepción de China. China ten uns 40 millóns de habitantes máis, así que ten dereito a ter algo máis de todo!
Así que resulta complicado intentar dicir que non hai perigo nun lugar no que hai unha inxente cantidade de xentiña, co imprevisibles que os humanos podemos chegar a ser. Porén, India ten unha taxa de criminalidade moi baixa en relación á cantidade de poboación que ten. É dicir, se vemos os miles de casos parecen moitos. Pero falando da media de casos por cada 100.000 habitantes, vemos que os roubos son un 0’4, violacións un 2’6 e os ataques un 26’2. Se comparamos estes datos co resto de lugares no mundo, vemos que ten un índice de criminalidade bastante baixo.
De todos modos, imos deixar bastante de lado os datos obxectivos (xa que este non vai ser un traballo de investigación) e o que imos deixar aquí plasmado vai ser completamente subxectivo. Basearase na nosa experiencia percorrendo o país en trens locais e paseando por algún que outro pobo perdido de calquera ruta no que non nos atopamos nin un só turista. E tamén se basea nas visitas a cidades turísticas tanto polas zonas tipicamente recomendadas como por recunchos que non todo o mundo se metería. Temerarios? Nós preferimos chamarnos aventureiros.
ROUBOS. Incluso pequenos furtos.
Contador persoal de 6 persoas viaxando por India durante 2 semanas: 0.
E contador persoal de dúas persoas viaxando durante un mes máis: 0.
E isto aplica aos tres meses que levamos xa de viaxe continuada fóra da India tamén. E iso pode sorprender bastante tendo en conta que foron varios os hoteis que non tiñan fecho e deixamos as portas das habitacións abertas! E a de veces que compartimos habitación e confiamos completamente na xente coa que durmimos. E tamén son moitas as veces que simplemente deixamos a habitación aberta. E outras tantas nas que os hoteis accederon a gardarnos a equipaxe cando xa non tiñamos habitación e se quedaron todas as nosas pertenzas amontoadas en calquera esquina! Sinceramente, somos persoas moi confiadas que se toman as precaucións mínimas para evitar roubos ou furtos e, polo de pronto, vainos realmente ben confiando na xente.
Pequena confesión aquí
Na nosa primeira grande viaxe, na que Sergio non era aínda así de confiado e eu o arrastrei dende o primeiro día a confiar no mundo, o pobre quedouse sen batería portátil por deixala cargando no baño dun camping en Portugal! Ou sexa, que ás veces tamén nos sae mal a técnica. Pero, despois de tres anos, esta foi a única vez que nos saíu mal! De todos modos, houbo outros días nos que deixamos cargando os móbiles ou a tablet e non tivemos ningún tipo de problema. Desde sempre dixen que prefiro quedarme sen algunha cousa polo camiño, que vivir con esa sensación de desconfianza continua.
SENSACIÓN DE SEGURIDADE.
Completa. Viaxamos de noite. Viaxamos por cidades cheas de turistas. Viaxamos en vagóns nós que nós eramos os únicos estranxeiros. En tren. En taxi. En ricksaws. Probamos de todo a calquera hora e non podemos contar nin unha soa anécdota na que non nos sentísemos seguros. Por sorte! A pesar de seren bastante pesados en xeral e intentar venderche de todo a prezos esaxerados, os indios non son agresivos nin intentan nada fóra do normal. Podes camiñar sentíndote completamente segura por todas partes, tanto en pobos apartados de todo como por zonas concorridas de grandes cidades.
En xeral, os indios intentan a toda costa sacarche cartos pero segundo a nosa experiencia podemos dicir que sempre o van intentar facer de maneira honrada. Pediranche cifras astronómicas por cousas cun valor moito máis baixo. Pero non é iso facer negocios? É esaxerado, non o fan moi ben e tes a sensación de estar sendo estafado a cada paso. E sempre se avisa moito á xente que viaxa á India sobre posibles estafas, incluso o fai o Ministerio de Asuntos Exteriores ao dar as recomendacións de viaxe. Pero isto ten fácil solución, pois se o prezo por un servizo ou produto non che parece o adecuado ou non che da confianza, sempre podes non mercar ese servizo/produto. Fácil e sinxelo! E seguro, dende logo!
INDIA SENDO MULLER.
Este é o apartado que máis rabia me da ter que escribir, xa que nunca entendía por que se fan. Ata que te separas un momento da túa parella e das un paso soa por unha praia aleatoria. E xa tes a un tío preguntándoche que a onde vas.
Obviamente, o que eu poida dicir sobre situacións persoais non fai media e non sei o que é viaxar soa por India. Por aquí déixoche un artigo de Andrea Bergareche, de Lápiz Nómada, que se pasou dous meses viaxando soa pola India. Considero que recolle todo o que debe ser contando de maneira adecuada, entendendo o contexto e compartindo a súa experiencia persoal. Enfocada da mellor maneira e coa mellor actitude, creo eu!
E aínda que eu non sei o que é viaxar soa por India, sei o que é facelo en parella e que pareza que non es un ser humano. E, ás veces, recibes maior número de trato machista ao estar acompañada por un home e vou dedicar unhas liñas para falar sobre isto porque me parece, canto menos, curioso. E triste.
E é que este problema non mo atopei só na India, se non que tamén o fixen en España, especialmente dende que estou con Sergio. Sempre fun unha muller feminista e moi independente que tivo claro que non precisa un home para nada, ao marxe de que decida agora compartir a miña vida con un. Sen embargo, dende que estou con Sergio recibo moitos comentarios completamente fóra de lugar. Párate a lelos con calma que pode ser que ti mesma me soltases algún e igual non te decataches do machista que resultan:
– “E vai conducir Sergio todo o camiño?” comentario recibido cando, tendo ambos o carné de conducir, nos dispoñíamos a facer a viaxe por estrada de 5.000km. (ruta moi guai a verdade, da que falamos neste artigo) no coche de meus pais.
– “Que sorte que vaia Sergio! Cóidaa eh!” comentario moi repetido cando decidimos somerxernos nesta viaxe. Ollo! Que eu tamén creo que é unha sorte viaxar con Ser eh! E non me cabe dúbida que deba coidarme. Como eu a el. Pero a maioría de veces que escoitamos isto é como se eu necesitase a Sergio para que me protexese ou algo así.
Así que, antes de nada, debo dicir que viaxar sendo muller en xeral é unha putada polas trabas mentais que moita xente aínda ten na cabeza e soltan moitos comentarios que non veñen ao caso. E eu na casa recibín moreas deles. E si, obviamente, eu sigo sabendo o que valo e o que quero facer. Pero é incómodo. Canto nos queda aínda por aprender sobre liberdade e igualdade! E a xente aínda dubidando que o feminismo sexa algo necesario!
Aínda así, creo que algo importantísimo que deberías saber antes de pisar India é que ten unha sociedade, en xeral, moi machista e iso pódelo ver a cada paso. E é certo que dende as mentalidades feministas actuais nas que moitas vivimos custa encaixar.
E como dicía antes, hai veces nas que parece que non ven a un ser humano onde estás ti. Case sempre, cando intentaban ofrecernos unha mesa nun restaurante, dirixíanse exclusivamente a Sergio. A veces incluso cruzándose no meu camiño e facendo que eu os tivese que esquivar! Un auténtico despropósito! Outras tan só o convidaban a el a ir ver a habitación do hotel insistindo en que eu me sentase. E igual para intentar vender calquera artigo! A min ingnorábanme e non se dirixían a min de primeiras case nunca.
Tamén debo dicir que, en xeral, nas zonas máis turísticas nótase a diferencia. E tamén é moi diferente a maneira na que tratan as mulleres estranxeiras da que o fan coas súas. Así que a grandes trazos e deixando ao marxe anécdotas desagradables, nunca tiven ningún problema por ser muller. E fun tratada ben e escoitada en xeral. Non sen moitos comentarios de sorpresa, iso si, cara Sergio do estilo de “Oh, a xefa eh!” ou “Vaia muller!”. Pero aquí si que toca entender que ao final é un choque cultural e unha diferencia abismal coa realidade que a maioría viven diariamente.
SEGURIDADE ALIMENTARIA.
Tamén é seguridade, creme. E tes máis posibilidades de intoxicarte que de que che rouben. Todo depende do tipo de viaxe que fagas, claro está. Pero que se es mochileiro e decides somerxerte de cheo na cultura local te vas a intoxicar na túa viaxe a India? Vaste intoxicar. Non imos poñelo bonito nin darlle máis voltas. En lugares con concentracións tan elevadas de poboación, con poucos recursos, sen os estándares de hixiene aos que estamos acostumadas, abundan as infeccións que se adquiren coa comida ou a auga.
Nalgún lugar lin que 1 de cada 4 viaxeiros que pisamos o trópico nos intoxicamos. Nós cumprimos a media con 2 de 6 que éramos nesta viaxe. Sen embargo, cinco de cada dez persoas padecen doenzas que se curan no mesmo país tomando medicación. Moitas das veces non son casos importantes, pero son situacións que producen tedio e malestar e que hai que pasar. Algo moi interesante que apuntou Rogelio López-Vélez, responsable de Medicina Tropical do hospital Ramón y Cajal de Madrid e director de Salud entre culturas é que “non existen destinos de risco, se non viaxeiros e viaxes de risco”. Por iso comentaba o feito de que te intoxicarás se es mochileiro. Porque o feito de viaxar desta maneira sempre fai que as posibilidades de contraer algunha enfermidade tropical sexan moitas máis que quen vai a resorts de alto nivel. Aínda que eu podo presumir de ser a máis temeraria e non terme intoxicado! Aínda que sei que non debería chulearme por non ser coidadosa nese sentido.
Nota de cara a futuro:
Nunca te fíes de min para consellos sanitarios no relacionado coa comida. E nunca esquezas tampouco pasarte polo Centro de Vacinación Internacional antes de somerxerte nunha gran viaxe!
E agora xa coñeces un pouco máis deste inmenso país e da seguridade dentro das súas fronteiras. Aínda que, infórmate ben á hora de viaxar como está a zona que pretendes visitar no tempo que a queres visitar. Todo o que nós che poidamos contar atende a unha realidade atemporal e persoal de vivencias, nunca información que poida substituír a que deberías ler na páxina do Ministerio de Asuntos Exteriores. Aí podes buscar a situación concreta do país concreto (e a zona específica) ao que vas viaxar. Trátase sempre de información moi útil tanto a nivel político-social como de sanidade. Polo cal, nunca te saltes o paso de ler a información do país que nos facilitan as páxinas que están pensadas para iso. Que se noten que os impostos están ben investidos!
Por exemplo, cando nós estivemos na India houbo numerosas manifestacións e as cousas puxéronse (e seguen) moi tensas. Con razón, permítome engadir. O Goberno vén de reformar a Lei de Cidadanía que discrimina ás persoas por motivos relixiosos, sendo un ataque directo contra os musulmáns. Como isto tivo lugar cando nós xa estabamos no país, non é algo que nós puidésemos ter en conta antes de viaxar pero si que é algo co que habería que ter coidado agora. Pero quizás (esperemos) non no momento que vaias preparar ti a viaxe!
Debido a estas protestas, durante o mes de decembro de 2019 o turismo caeu un 60%, comparándoo cos visitantes dese mesmo mes do ano anterior. As autoridades estimaron que uns 200.000 turistas cancelaron ou pospuxeron a súa viaxe ao Taj Mahal. E é que o estado no que este se atopa, Uttar Pradesh, foi o lugar no que houbo maior número de vítimas mortais.
Un inspector de policía que supervisa unha comisaría especial para turistas cerca do Taj Mahal comentou que moitos turistas chamaron ás súas salas de control para comprobar a seguridade. Eles aseguraron protección, pero moitos aínda deciden non achegarse.
De todos modos, tampouco debes deixarte levar pola alarma e tes que ver todo con perspectiva. Saberás que porque unha zona concreta estea afectada por problemas concretos non quere dicir que o país sexa inseguro nin nada polo estilo. Por poñer un exemplo práctico, imaxina que cando hai manifestacións en calquera esquina do país a xente decidira non visitar o que vén sendo toda a península, como puido pasar coa situación catalá.
Sen embargo, é certo que aquí estamos falando de miles de detidos e de máis dunha vintena de mortos por balas da Policía. E dunha lei abertamente discriminatoria por parte do Goberno. Situación moi complicada, dende logo. E aínda que non nos sobran motivos para apoiar as causas cremos que, se decides visitar India de todos modos e buscas seguridade no país, debes fuxir destas situacións o máximo posible, como nos tocou facer a nós. E como ben che indican desde o Ministerio de Asuntos Exteriores. Podo soar repetitiva con isto, pero de verdade que o considero moi importante. Ler as recomendacións do teu propio Goberno e estar ao tanto das novas do Estado no que te atopas son clave para evitar situacións que si que poden ser realmente perigosas.
Pechamos este artigo entón co de sempre: que o mundo está cheo de cousas boas e hai que ter máis ganas de descubrilo que cabeciña! Que ao final o malo que che poida tocar, vaiche tocar en calquera esquina, que a vida non é un lugar seguro. Anímamosche, unha vez máis, a quitarte prexuízos mentais contra nacionalidades completas/países enteiros que non fan máis que dano ou non serven para nada máis que de freo. E convidámosche a desfrutar do planeta enteiro sendo India un gran lugar dentro del!
2 comentarios
QUE POÑER NUNHA MALETA PARA UNHA VIAXE SEN BILLETE DE VOLTA | TOXÍO · 09/02/2020 ás 3:30 p.m.
[…] na maleta é co referente á saúde. Porque a pesar de que o outro día falaba no artigo sobre se “É SEGURO VIAXAR Á INDIA?” de que son unha temeraria no tema de precaución na comida, no resto de aspectos todos son moi […]
QUE VISITAR NO RAJASTÁN, a rexión das cores | TOXÍO · 08/03/2020 ás 3:37 p.m.
[…] Nós pisamos por primeira vez a rexión no aeroporto de Jaisalmer. Alí chegan voos comerciais como o noso pero tamén é base militar, contando a zona cunha cantidade bastante considerable de cazas sobrevoando esta cidade, a uns 90 km. da fronteira con Paquistán. Sen embargo, a zona é tranquila e segura. Afondando sobre o tema da seguridade e a India temos un artigo xa publicado. […]