FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!

Seino. A que vén isto nun blog de viaxes? E non se supón que o galego é sempre e non só unha vez ao ano? Efectivamente. Pero fai uns anos aprendín que porque algo sexa sempre, non quita que nos guste facerlle a festa grande de vez en cando. Como nos acontece cos nosos propios aniversarios!

E por que no noso blog de viaxes? Pois porque a lingua é para todos aqueles que comunican. E non sabedes a sorte que temos de comunicar na nosa propia sobre cousas que acontecen en calquera esquina do mundo. Poder viaxar moi lonxe e contar todo o que nós vivimos. Poder vivilo con xente que non fala nin galego, nin ningunha outra lingua que nós coñezamos. Pero comunicarnos de calquera outra maneira. Existen moitas maneiras para quen se quere entender!

E temos moita sorte de poder compartilo na nosa lingua contigo, que nos queres ler. Contigo, que decides vivir de novo estas aventuras con nós.

E iso é o que máis nos caracteriza.

A aventura.

Estar, literalmente, en calquera esquina do mundo.

Estar lonxe da nosa terra.

Amámola, xurámolo.

Pero nunca somos tan felices coma cando estamos fóra.

Lonxe.

Sen embargo, a lingua permítenos levar sempre un cacho con nós.

Por iso hoxe as celebramos desde TOXÍO, sendo as letras unha parte fundamental de nós.

A nosa lingua. As nosas raíces. A liberdade que corre por nós.

Feliz día e grazas por estar ao outro lado da pantalla, celebrando con nós 💙


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.