Desde que chegamos o pasado martes 17 de marzo a Galicia desde Cambodia, xa foron varias as persoas que nos fixeron a seguinte pregunta: despois de estar cinco meses de viaxe polo mundo, sendo completamente libres, como levades o contraste de estar confinados en catro paredes 24 horas ao día? A resposta, ademais de ser pouco orixinal, pode resumirse en dúas palabras –e tamén dar para un artigo, e diso van estas liñas–: imos indo, como todo o mundo. Explícome.
Para que che afecte psicoloxicamente un confinamento inesperado non fai falta ser un intrépido aventureiro sen ataduras como Indiana Jones. Non tes que vivir completamente ceibe, indo dun lado para outro, preocupándote máis por chegar a tempo a avións que ao traballo de oficina; máis por saber onde durmirás os próximos dous días que por ir facer a compra da semana e pagar o aluguer. Para que o feito de afrontar unha corentena de máis dun mes –mínimo– che descoloque dalgún xeito non é necesario ter grandes plans vitais a milleiros de quilómetros de distancia.
Incluso no meu caso, paradoxalmente, a primeira sensación ao chegar despois desta longa e frenética viaxe non foi de agobio e medo. Foi de tranquilidade e certo grado de ledicia: conseguimos cruzar o mundo, superando unha viaxe con catro vós, máis de 36 horas, pasando por aeroportos dos máis concorridos do mundo e sen contaxiarnos –aínda que iso está mellor explicado neste artigo–. Como para non sentir tranquilidade!
Puidemos estar máis preto dos nosos seres queridos. Durmimos máis de cinco horas seguidas sabendo que ao día seguinte non nos tiñamos que preocupar por movernos a outro lugar ou por saber se tiñamos que ir traballar ou non. E tamén estabamos ilusionados pola cantidade de traballo e material que temos para procesar e compartir co mundo. Un dos vídeos que sacamos adiante durante esta corentena foi este sobre a nosa visita ao Angkor Wat, case contra a fin da viaxe.
En definitiva, este contratempo non supoñía máis que unha nova oportunidade –algo distinta, iso si– para seguir crecendo. O confinamento pechounos unha porta pero abriunos algunha fiestra, como se soe dicir. Non soa mal de todo…
Pero tampouco hai que caer no cinismo. Non todo na vida é unha fantástica oportunidade tras outra. Non todas as experiencias son unha lección de coaching. E hai días que son máis sinxelos. Pero outros danlle a un ganas de arrincar o pelo. E, nesta situación, pásanos a todos e cada un de nós en maior ou menor medida.
Tras vinte días de encerro hai que ser sincero cun mesmo e recoñecer que isto, ademais dunha oportunidade, é unha putada. Tocounos vivir nunha realidade distópica máis propia de Hollywood que da rutina do noso día a día normal. E non sen certa resignación pode un afrontar cada novo espertar de xeito que non se converta nunha lousa demasiado pesada.
E como combinamos saudablemente esta disonancia cognitiva a respecto da corentena? Como conseguimos sobrevivir a un estado continuo no que a nosa mente observa este encerro como unha “oportunidade-putada”? Pois se chegaches ata aquí agardando unha lista de trucos para levar mellor o peche, mala sorte. Non teño formación para axudar á xente a nivel psicolóxico e ademais penso que cada ser humano é un mundo e ten necesidades diferentes. E as cousas que me axudan a min pode que a ti non che valan para moito.
Por exemplo. Dinnos constantemente isto de “a que é certo que hai xente que está moito peor que un?” A resposta é obvia: si. E adoitamos lembrarnos constantemente o afortunados que somos por ter teito, internet, comida e facilidades fronte á xente que, por exemplo en India, ten que durmir enriba das árbores. Pero a que cando nos invade a ansiedade, os problemas que para outros semellarían pequenos, para nós poden ser potencialmente fatais? Tamén. O resumo é que a corentena é, para uns e para outros, tamén en maior ou menor medida, unha mala noticia.
E tendo xa isto ben presente –porque seguro que o pensamos máis dunha vez ao día–, como albiscar a luz ao final dun túnel ao que aínda non se lle intúe a fin? Con moito traballo interior. É o que queda. Paciencia e aceptación. Aceptar a realidade e escoitarnos a nós mesmos. E non estar pendentes todo o día das noticias. Ah, e quedar na casa. Iso, agora mesmo, é o que nos pode achegar máis rápido a esa luz ao final do túnel.
0 comentarios