En setembro de 2019 foi a primeira vez que publicamos algo por aquí. Fai máis de dous anos.
En novembro de 2021 recibimos o primeiro premio polo noso traballo (que non o primeiro recoñecemento que ese vivímolo con cada visita que nos regalas).
Despois de máis de dous anos de proxecto e premiadas pola calidade técnica da nosa canle de Youtube parécenos o momento adecuado para facer reflexión. De onde vimos e cara onde imos.
En 2019 estreamos este espazo anunciando a nosa viaxe a Asia sen billete de volta. Cinco meses despois estabamos en Galicia e, desde esa, non volvemos deixar o continente.
Estaba isto nos nosos plans? Non directamente, pero si de maneira indirecta. Nos nosos plans sempre están todas as supostas variables e as ganas de adaptarnos a elas como veñan. E iso fixemos.
Dous anos de moitos cambios vitais, tanto creativos como persoais.
Dous anos de medrar e voar.
Aínda que tamén de saber frear e aterrar.
Que é o que máis nos aterra.
Cando tivemos que renunciar a vivir viaxando vímolo como o mínimo que había que facer e non se nos ocorreu queixarnos nin por un segundo. Fomos conscientes desde o primeiro momento da nosa situación de privilexio e cremos que o mundo está bastante cheo xa de xente egoísta que se cre que o que lle pasa a elas é o peor que hai no mundo.
Porén, dous anos despois, isto si deixou pegada. E a verdade é que a nosa vida, aínda sabéndoa desfrutar, ten un ton agrisado que non é fácil de superar. Non vou negar desde aquí, aínda que odie construír estas frases, que daría o que fose por que estivésemos no Nadal de 2019. Arambol foi esa semana que na miña mente continúa sendo eterna.
Sergio díxome onte que é lóxico que a 1 de decembro ás 9 da noite volvendo a casa chea de frío no medio da chuvia pense esas cousas. E o que eu comezo a pensar é que non é tan normal que as sinta tan fortes.
Atopámonos no dilema moral entre o que “debe ser” e “queremos que sexa” máis grande dos que nos atopamos ata a data. O futuro segue sendo altamente incerto e xa non temos a confianza de poder cruzar fronteiras como fai dous anos as estabamos cruzando, porque non sabemos nin se deberíamos estarlle dando á nosa propia familia as apertas que lle estamos dando.
O mundo volveuse nestes dous últimos anos un lugar hostil e inseguro a niveis que antes de iniciar esta aventura non podíamos ter esperado. Os próximos meses preséntanse ante nós como un comezar a movernos e a soñar de novo, aínda quedándonos aquí ata o verán.
Temos moito que traballar de portas para adentro e noutros proxectos que cada unha temos. Chegar a todo está sendo un auténtico reto e coidar a cabeciña, a nosa prioridade.
Este artigo chega aquí como un celebrar e un deixar ver as sombras de cada proxecto. Da vida en si.
Estamos moi contentas, moi orgullosas e con ganas de seguir compartindo. Pero con moitas máis limitacións das que nos gustaría estar afrontando.
Sabemos moi pouco e soñamos moi forte. Aquí deixamos o que é.
E deixamos caer o que esperamos que poida chegar a ser.
Temos un premio, unha furgoneta e moitas ganas de seguir creando e compartindo aquilo que a nós nos move. Esperamos que ti ao outro lado esteas desexando velo.
Unha aperta das grandes,
Sergio & Nuria
0 comentarios