Pensabámolo hai uns días no aeroporto. Se en outubro nos preguntasen por que razón críamos que teríamos que volver antes de tempo á casa, a derradeira que pensaríamos sería unha pandemia global de coronavirus. A cousa foi seria.

Probablemente cando leas isto xa saibas que, efectivamente, estamos en Galicia. Rematou esta parte da aventura. E rematou dun xeito inesperado e precipitado. En cuestión de horas pasamos de intentar decidir se iamos a Vietnam, a Filipinas, a Laos ou quedabamos en Cambodia; a reservar catro voos para chegar canto antes a Galicia. Dito e feito. O día 15 de marzo ás sete da tarde hora cambodiana conseguimos os billetes para doce horas despois. Era tempo de volver a casa.

coronavirus

E curiosamente e a pesar das circunstancias foi un momento de felicidade e fortuna. Unha vez tomada a decisión sentimos paz. Paz e algo de inevitables nervios por unha viaxe percorrendo medio mundo. Pasando por aeroportos moi concorridos como Bangkok ou Doha en plena alerta sanitaria. Pero a perspectiva de chegar a casa e estar preto da familia –aínda que separados pola corentena– facía que todas esas horas e medos non importasen. E ademais puxemos en práctica todas e cada unha das recomendacións preventivas dos profesionais sanitarios

E, como xa dixemos mil veces desde que volvemos, tivemos moita, moita sorte. Estamos vendo como xente de España que estaba no exterior está quedando nun limbo xeográfico, a miles de quilómetros da casa e con moita incertidume. Atrapada entre voos cancelados e fronteiras que van pechando. No noso caso nin esperamos a que saíse a recomendación do Ministerio de Exteriores. Unha decisión áxil e unha combinación perfecta de voos permítenos estar agora en casa, en Galicia.

CORONAVIRUS
Cartel de voos á nosa chegada a Santiago de Compostela o 17 de marzo de 2020. Tivemos moita sorte.

E desde aquí e a pesar das malas previsións que se agardan para estes días, temos moitas ganas. Ganas de xestionar moito contido da viaxe que aínda queremos compartir contigo. Ganas de que todo isto pase para abrazar á familia. E contar centos de anécdotas dunha viaxe de cinco meses que, dalgún xeito, xa nos cambiou por dentro.

Por certo, a derradeira anécdota da viaxe non a vivimos moi lonxe de casa. Xa no aeroporto de Madrid, tras cruzar a porta de embarque cara Santiago de Compostela, o condutor do autobús deixounos nun avión… A Lanzarote! A nosa cara cando o capitán do voo anunciou que ese non era o noso avión foi un poema. Por sorte quedou nunha anécdota e cada un foi á súa casa. Uns a Lanzarote, e outros a Galicia. Pero hai que recoñecer que despois de 15 horas voando e outras tantas en escalas, a anécdota foi surrealista.

Así e todo agora estamos en Vimianzo. E o tempo está a demostrar que tomamos a mellor decisión no momento idóneo e que efectivamente somos uns afortunados e privilexiados, xa que os países do sueste asiático seguen pechando fronteiras. O derradeiro foi Laos, co que as nosas posibilidades reducíanse a cero estando aló.

Ese peche de fronteiras foi un dos motivos principais que nos levou a volver, pero tamén hai un par deles máis que che contamos o pasado mércores en vídeo. Se aínda non o viches, podes dedicar uns minutos a facelo.

E procesando aínda moita información destes últimos tempos queremos aproveitar este pequeno espazo para agradecer inmensamente o traballo de todas as persoas que, co seu traballo diario, están sacando o país adiante neste estado de alarma. Estibadores, persoal sanitario de toda índole, traballadoras de almacéns ou caixeiros de supermercados, farmacéuticas, condutores de transporte público, e un largo etcétera. A todas estas persoas, grazas.

Tamén é importante ter en conta que, o día que nos toque ir ás urnas –que chegará–, cómpre non esquecer quen nos sacou as castañas do lume cando estabamos no noso peor momento. Apostar pola Sanidade Pública e por quen a defende é un escudo contra o caos.

Para despedir este primeiro domingo desde Galicia, queremos lembrarche tamén que podes aproveitar para ver algún vídeo antigo da nosa viaxe. Nós estivémolo facendo e tróuxonos moi bos recordos!

Sen máis, moita sorte, moito ánimo co que queda e unha aperta con moitísimo agarimo.


Sergio Casal

Son Sergio Casal, xornalista especializado en comunicación política. Apaixoado pola fotografía e a realidade política do mundo. Esta mestura vocacional e unha gran paixón por comunicar, enchen a miña mochila de cara a este proxecto con Nuria: TOXÍO.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.