«Comer vegano en Galicia ten que ser moi difícil». Unha teima que se repite continuamente e que, a pesares de ter parte de verdade, cada vez é menos. O certo é que ser vegana en Galicia, unha vez tomas a decisión, cada vez é máis sinxelo.
De feito, e como che imos contar aquí, cada vez existen máis restaurantes que ofrecen opcións veganas ou que incluso teñen o menú 100 % vegano en Galicia. Queres coñecelos? Imos aló!
Onde comer vegano en Galicia
Pequeno disclaimer: queremos avisar de que so imos falar de cousas que coñecemos persoalmente. Aínda nos quedan moitos sitios nos cales probar comida vegana e, por iso, iremos actualizando este artigo a medida que vaiamos ampliando a nosa lista de lugares en Galicia.
Comer vegano en A Coruña
A Factoría Verde (100% VEGANO)
A xoia da coroa vegana da Coruña. Foi o primeiro lugar en apostar por unha carta completamente vegana na cidade herculina. É un local que conta con produtos ecolóxicos, de proximidade, de calidade e, por suposto, veganos. O seu prezo vai acorde á calidade que brinda, como é razoable. Cando se fan as cousas ben, hai que pagalas.
É un servizo de cátering que se pode contratar para vodas e outros grandes eventos. Non conta cun restaurante no cal sentarse a comer, non obstante, pódense encargar os pratos que ofrecen na súa web. Son moi atentas e os produtos cos que traballan, deliciosos. Especial mención aos tequeños, un produto que é difícil atopar por aí en versión vegana e que, cando o probamos, case nos fan chorar da emoción.
Giova Pizza
Moitas veces asociamos “vegano” a exclusivo, concienciudamente elaborado, sano, eco, bio e, por tanto, caro. Pero xa hai tempo que as persoas veganas tamén podemos gozar do pracer da comida rápida. Un anaco de pizza vegana de Giova Pizza cando a fame aperta é xenial.

Cervecería Victoria
Unha clásica cervexería da cidade da Coruña. Preto da praia de Riazor, ademáis dun espazo e un persoal agradable, ofrece unha variedade de pratos veganos e de moita calidade. Ir alí é un pracer e, sen dúbida, unha parada obrigatoria para comer vegano en A Coruña.
Vitale (pechado)
Cando buscamos restaurantes veganos en Galicia, ultimamente, buscamos que sexa algo así como a “Taberna do tío Paco” en versión tofu. É dicir, que sexa algo tipo mesón de menú do día a 10 euros no cal podes recargar o teu cancharolo de fabas pero en versión vegana. Ou pedir unhas racións de fritangas para compartir.
Esta versión, representada perfectamente polo B13 en Madrid, é difícil de atopar. Non obstante, o Vitale foi o primeiro local de Galicia no que nos sentimos así. Unha mágoa que pechara as súas portas.
Comer vegano en Oleiros
After Surf
Arredor da praia de Bastiagueiro sitúanse dous lugares nos cales paga a pena xantar. O primeiro deles é o gastrobar do After Surf. Ademais dunha escola de surf e dunha tenda de mateiral de surf e skate, o After Surf conta cunha hamburguesa vegana especialmente deliciosa.
Camping Bastiagueiro
Comer vegano en Santiago de Compostela
Entre Pedras (100% VEGANO)
Curiosamente, a primeira (e única vez) que probamos a comida do Entre Pedras non foi en Santiago de Compostela, senón en Vigo, na Primeira Feira Vegana vegana.gal (deixámosvos o noso posa por el a nun vídeo aquí debaixo). Teñen fama, e é merecida, porque traballan moito e moi ben. A súa carta é 100% vegana e iso para nós sempre é un plus polo cal apostar.
Temos pendente visitar as súas instalacións e darnos unha homenaxe na Rúa do Hospitaliño, en Santiago, pois a última vez que intentamos ir, había máis dunha hora de lista de agarda. De todos xeitos, isto é algo para celebrar, pois é un indicador de que lles vai ben.
A porta verde
A porta verde é un restaurante vexetariano que traballa desde hamburguesas de froitos secos, pasando por durum, croquetas arroz ou wok de verduras. Moita variedade vegana para saír cheas e cun sorriso na cara. Repetiremos
Telekebab
Pero non todo ten que ser restaurante ao uso para comer vegano en Santiago de Compostela. E o Telekebab da rúa Rosalía de Castro é o mellor exemplo.

Mercado La Galiciana
Como o seu nome indica, este lugar é un mercado. Un mercado de oferta gastronómica. Algo semellante á proposta do icónico mercado de San Miguel, en Madrid. Reservas o espazo, sentas e elixes que tipo de cociña che apetece ese día.
Pois dentro deste espazo, unha desas cociñas é a de The Veggie Carmen. Unha proposta culinaria que aposta polos produtos caseiros e de proximidade.
Comer vegano en Costa da Morte
Carballo: Taberna o Logradouro
É outra desas tabernas que nos fan chorar da alegría e a emoción. Sentarse e pedir sabendo que tes variedade, bo produto e cociña con agarimo. No Logradouro, en Carballo, atopamos un recuncho no cal poder xantar vegano a bo prezo cun trato exquisito.


Corme: A Brinca
Malpica de Bergantiños: Ybarra
Non conta con máis que tres opcións veganas pero, debido á falta de oferta na vila, converteuse no noso punto de referencia aquí. Na súa carta descubrimos con ledicia a hamburguesa e o bocadillo vegano e o hummus á feira. Así que se vides visitar este recuncho, xa sabedes onde comer vegano en Costa da Morte.
Comer vegano en Pontevedra
Dükela
Rumbo sur ata a provincia de Pontevera, descubrimos dous sitios fantásticos. O Dukela é unha aposta fiel pola comida de oriente próximo e Marrocos, coa súa consecuente especialización en pratos que nos encantan como o humus e o falafel. Elas son moi moi atentas e que dicir do lugar. Un restaurante para deixarse levar por sensacións culinarias diferentes.


O bo xantar (pechado)
Comer vegano en Vigo
Temos moito por explorar en Vigo e, de feito, cando non coñecemos lugares onde comer nunha cidade, optamos tanto por preguntar á xente que coñece como por buscar na nosa app de Happy Cow (crédenos cando vos dicimos que esta pode ser a biblia vegana para xantar fora da casa).
Cúrcuma
O Cúrcuma é un restaurante que merece un lugar nesta lista. Tivemos a sorte de cear alí coas compañeiras de GaliciaTB durante o evento de “Novas caras do Turismo” a finais do ano pasado.
Teñen desde wok de verduras, pasando por tacos ou berenxena rechea. Ah, e como esquecer o Pad Thai. Por un momento, transpórtaste aos aromas e sabores do suleste asiático. Outro lugar para repetir.
Comer vegano en Ourense
Deliveggie (100% VEGANO)
Outro lugar que queremos destacar. O Deliveggie, en plena cidade de Ourense, é outro deses restaurante de 10 que apostan por un produto 100% vegano. Ademais diso, a comida está deliciosa e o trato da encargada é exquisito.


No Deliveggie sentímonos unha vez máis coma na casa, comemos ata encher e saímos coa sensación de que volveríamos en canto puidéramos.
Apoiar aos restaurantes veganos
Por sorte e, como se pode comprobar, cada vez resulta máis sinxelo atopar propostas de hostelería que apostan pola non explotación animal. E iso alégranos moito.
Este artigo créase coma un lugar dinámico no cal ir actualizando estas propostas (ainda temos que probar un restaurante vegano na provincia de Lugo!). Como unha guía para poder comer vegano en Galicia. Quédache por aquí o mapa completo para que poidas localizar os lugares.
É unha mágoa cando algún lugar destas características, pola razón que sexa, ten que pechar as súas portas. Por esta razón, e para que cada vez sexan máis os restaurantes e bares que apostan polo veganismo, animámoste a consumir neles.
Xa coñecías algún dos que mencionamos. Hai algún outro que nos queiras recomendar? Lémosche nos comentarios!
1 comentario
LANZAROTE: UNHA ILLA PIRATA E MIL PLANS 2020 - TOXÍO · 22/03/2023 ás 8:18 p.m.
[…] Tes un centro de saúde, farmacia, supermercado, charcóns e praias para bañarte preto e ata unha arepería! Iso si, para veganizar a túa arepa terás que falar coas encargadas. A verdade é que, polo de agora, non descubrimos tantos sitios para comer vegano en Lanzarote como en Galicia. […]