Comeza un novo ano. Prométeste que desta si, que vas viaxar máis. Pero aquí comezan os problemas:

A onde?

Cando?

Será barato?

E aquí chegamos nós para axudarche a buscar solucións e facercho un chisquiño máis doado. Pouco, porque ao final o que máis falta che fai son as ganas e a decisión para subirte nese avión! Pero de todos modos deixámosche uns consellos, para facer que iso vaia en aumento.

Compartimos contigo cinco lugares para visitar este 2020 que visitamos xuntos e nos teñen completamente namorados. Destinos que cremos que serían unha boa opción para facer unha visita neste novo ano.

1. LONDRES 

Por que visitar Londres?

Como non ían estar aquí as cidades ás que estamos convencidos de que sempre volveremos? Londres é unha urbe que contén todo o que é de xustiza que unha cidade teña, a un ritmo frenético. Así que motivo para visitar Londres é querer espremer todo o que ela encerra. E non o conseguirás nin en 10 visitas! Promesa!

 

Imprescindible en Londres

Ás veces parece que todo, especialmente cando facemos turismo, é ir rápido. E ver o maior número de cousas. Esta é unha trampa na que é doado caer en Londres. Por iso, o noso imprescindible (aínda tendo en conta que nós visitamos xuntos Londres en menos de 48 horas) é sentarse en Trafalgar Square e ver a vida pasar. Quedarse quieta nunha cidade tan enérxica é unha sensación tremenda e é o lugar no que máis paz atopamos en toda a cidade. Camiñar e ver en ocasións non che deixa vivir o que aquí podes captar. Se pillas bo sitio, terás unhas vistas ao Big Ben e a xente. A moita xente. E a máis historias.

 

Época para visitar Londres

Nuria visitou esta cidade en todas as estacións. E é completamente recomendable facelo en calquera delas. Inverno ten unha maxia moi especial co Nadal retumbando en cada esquina. A primavera éche o que é: unha raiola de sol traendo enerxía ao frío clima británico. Un gustazo vamos. Verán posiblemente a mellor época se es frioleira, xa que incluso seguirás precisando unha chaquetiña! E outono… ui, espera… nunca visitei Londres en outono! Haberá que volver un día destes comprobalo!

 

É Londres unha cidade cara?

Si. Obxectivamente falando, si. Reino Unido é un país caro e a súa capital máis do mesmo. Sen embargo, é posible moverse dentro da cidade cun presuposto axustado se sabes como facelo, pero esta cidade nunca será a opción máis accesible. Aquí deixamos algúns gastos típicos-básicos:

  • Tarxeta Oyster para o metro nas zonas 1 e 2: £5 (5’9€) adquisición + £2’90 (3’40€) ou £2’40 (2’80€) cada viaxe ata un límite de £7 (8’20€)
  • Bocadillo, bebida + snack nun supermercado: £3 (3’5€)
  • Pasear: isto sempre é o que máis mola de viaxar e, por sorte, é gratuíto!

2. ISTAMBUL

Por que visitar Istambul?

Sería complicado explicar nun artigo destas características todas as razóns polas cales visitar Istambul –por iso escribimos un exclusivamente da cidade das 3.000 mesquitas–. A antiga Constantinopla é un crisol de sensacións, historias, culturas e experiencias, ademais da porta de entrada a Asia. Unha cidade que realmente son tres, divididas pola canle do Bósforo e o Corno de ouro. Cada unha das tres zonas de Istambul ten a súa maxia. A zona europea antiga é a máis monumental, con toda a historia da cidade recollida en centos de recunchos. A zona europea moderna conta cunha ampla oferta de ocio e a zona asiática ten un encanto especial nas derradeiras horas do día. Definitivamente Istambul é unha das nosas cidades favoritas no mundo e merece estar nesta recomendación de lugares para visitar no novo ano 2020.

 

Imprescindible en Istambul

Istambul é unha cidade que merece mínimo unha semana para ser visitada. E non é para menos xa que existen demasiados lugares de interese. Non obstante queremos compartir contigo unha experiencia que consideramos imprescindible se vas: cruzar o Bósforo en ferri local.

Esta foi unha das mellores experiencias que vivimos en Istambul –tanto que a repetimos–. E sempre presta máis cando o podes facer por un prezo tan baixo como 3 liras turcas –uns 50 céntimos de euro–.

 

Época para visitar Istambul

Poderíase dicir que calquera época é boa para visitar Istambul, xa que cada estación darache unha cousa diferente. Pero o certo é que nós fomos a comezos de novembro e o tempo foi agradable pero algo fresco. Así que probablemente o mellor momento para visitala sexa primavera e outono. Valora tamén a mellor época para voar. Nós chegamos en bus desde Bulgaria, pero a través de Skyscanner podes atopar voos directos desde Madrid todo o ano a prezos asumibles.

 

É Istambul unha cidade barata?

Podemos facer a seguinte aseveración: Istambul é unha cidade barata –sempre e cando sexa o que buscas–. Onde máis vas desembolsar probablemente sexa en voar alí e no aloxamento. Unha vez chegas, as opcións para xantar, para moverte pola cidade e para gozar das súas experiencias non son demasiado caras. Estes son uns poucos exemplos:

  • Espiga de millo asada na rúa: 3-4 liras (0,50 euros).
  • Emisión tarxeta de transporte Istambulkart: 6 liras (1 euro).
  • Entrada á Hagia Sophia: 60 liras (10 euros).

3. TOSCANA, ITALIA 

Por que visitar a Toscana?

As películas e as fotografías idílicas fixéronnos soñar a moitos con esta rexión de Italia. E que ben fixemos en deixarnos namorar! A Toscana é unha rexión que é complicado que che deixe indiferente e nós adoramos perdernos por moitos dos seus pobos e, como non, percorrer a fondo a súa capital. Esa cidade que non defrauda a ninguén e con razón! Bonita en calquera recuncho.

 

Imprescindible na Toscana

Mítico pero verídico: Florencia. Da igual as veces que cho conten e as expectativas que te crees, vaiche impresionar e moito. Pararte diante do Duomo ou subir á Piazzale Michelangelo son paradas necesarias aquí.

 

Época para visitar a Toscana

Nós fixémola en pleno agosto e a verdade é que nos pareceu unha boa data. É certo que cada pobo que pises estará a rebentar. É o problema de viaxar cando todo o mundo está de vacacións tamén! E facía bastante calor, pero cremos que non foi unha mala elección. E incluso no medio do verán nos acabou pillando unha tormenta! Pero cremos que cada fenómeno meteorolóxico (dos típicos e inofensivos) lle aporta unha maxia especial a calquera visita.

 

É a Toscana unha zona cara?

Non é barata. Especialmente se vas aos típicos establecementos carameliños que aquí son a maioría. As nosas opcións foron tirar de supermercado, camping/durmir no coche/Airbnb e puidemos desfrutar dunha longa viaxe con presuposto axustado. Incluso hai lugares en Florencia nos que podes conseguir café a 1€. Pero, como sempre, depende de que tanto o busques e do ben que te organices.

Nuria na Toscana en agosto de 2018

4. RAJASTÁN, INDIA

Por que visitar o Rajastán?

O Rajastán é unha estado situado no noroeste da India. É maioritariamente desértico. Supoño que moitas veces as persoas nos sentimos atraídas polo que é diferente ao noso e, se algo é o Rajastán, é moi diferente a Galicia. A pesar de estarmos falando tan só dun estado, a súa extensión é similar ao ancho de España contando con máis de 1000km. de punta a punta, que nós nos recorremos en tren. É unha oportunidade xenial para descubrir moito da vida e cultura do país. Así e todo, segue sendo moi accesible xa que é doado chegar dende Nova Delhi (capital do país) e algunha das súas cidades atópanse nas típicas rutas de turismo pola India (por exemplo, Jaipur). A 240km. de Jaipur atópase o Taj Mahal, que está xa noutro estado, pero é doado facelo encaixar nunha ruta polo Rajastán. E poucas persoas queren visitar a India e non facer parada nesa marabilla!

 

Imprescindible no Rajastán

Jaisalmer. É a cidade máis ao oeste do Estado, pretiño da fronteira con Pakistán, xusto nas portas do deserto. É doado conseguir unha excursión ao deserto, como xa che contamos neste artigo no que narramos como durmimos baixo as estrelas no medio da nada. Pero ao marxe da enriquecedora experiencia de durmir no deserto, a cidade de Jaisalmer ten un encanto particular. Trátase dunha cidade cun gran forte pola que da gusto perderse e camiñar. O encanto de India está concentrado en moi altas doses neste pequeno recuncho, que conta tan só con 65.000 habitantes.

 

Época para visitar o Rajastán

A nosa recomendación vai ser visitalo en novembro, que foi cando nós o fixemos e pareceunos o momento oportuno. Non é época de chuvias. Non fai calor asfixiante pero, para nós, segue a ser calorosa dabondo. Un equilibrio perfecto entre todo que nos pareceu moi agradable. Iso si, o ideal é visitala cando non haxa excursións no forte: cando chega un autobús, o lugar énchese de turistas e isto fai complicado desfrutar ben das súas pequenas rúas. Sabemos que soa raro dicir isto sendo turistas, pero isto non o fai menos certo!

 

É o Rajastán un estado caro?

A India é o lugar máis barato que pisamos na nosa vida. TODO é barato. E cámbiache a perspectiva para que, unha vez esteas dentro, un prato de comida que vale 4€ nun restaurante che pareza caro. É unha auténtica pasada. Para que te fagas unha idea:

Forte de Amber, preto da cidade de Jaipur, en India

5. BANGKOK

Por que visitar Bangkok?

Bangkok é unha cidade que adoita estar na lista de imprescindibles de moitas persoas viaxeiras. E é certo que a pesar de que neste mesmo momento aínda a estamos experimentando, xa nos ten medio namorados. Tras chegar de India démonos conta de que esta capital é moi ordenada, ten un sistema de transporte público envexable e un montón de cousas que facer. Pero o seu maior valor engadido probablemente sexa outro: a súa xente. Din que Tailandia é o país do sorriso e non é para menos. Aínda non nos atopamos unha mala cara, unha mala contestación ou alguén que non fose amable connosco. Bangkok atrápache coas súas fachadas douradas, cos seus rañaceos e cas súas rúas futuristas con dobre e ata tripla altura, pero a súa xente atrápache máis.

 

Imprescindible en Bangkok

Nas listas que nós vimos antes de chegar a esta cidade un dos primeiros puntos que nos recomendaban era a capital dos mochileiros: Khaosan Road. O certo é que precisamos tan só vinte minutos de paseo o mesmo día que chegamos para darnos conta de que non era o noso. É certo, ten os postos da rúa con absolutamente de todo, os locais de masaxe típicos e centos (senón miles) de mochileiros. Pero deunos a sensación de ser todo un impresionante atrezzo preparado única e exclusivamente para o turista. Se queres desfrutar de algo máis auténtico probablemente sería máis interesante visitar outras zonas. Así que che recomendamos que collas un dos buses locais –especialmente o circular 53– e te deixes caer por algunha outra zona como o mercado das flores, Chinatown, ou o mercado da fin de semana de Chatuchak –aquí co bus 3 desde o centro–.

 

Época para visitar Bangkok

Teste que mentalizar dalgo desde o minuto cero: en Tailandia fai calor, e moita. Polo que a mellor época para visitar Bangkok é entre os meses de novembro e febreiro, despois da época de chuvia e cando o clima é máis fresco –entendendo “fresco” como unha temperatura media de entre 26 e 28 graos. Hai que ter en conta que esta é temporada alta de turismo e que iso tamén ten os seus contras. Aínda que, no noso caso, ao coincidir a nosa visita coas vacacións de fin de ano dos locais, atopámonos unha cidade moi cómoda para moverse.

 

É Bangkok unha cidade barata?

Si e non. Obxectivamente falando si, especialmente con respecto aos prezos en Europa. Pero como xa explicamos nós chegamos a Tailandia desde unha India coa rupia en caída e cuns prezos realmente baixos. Polo que a nosa percepción é bastante subxectiva. Por se fora pouco, a moeda de Tailandia (o baht) leva catro anos gañando valor –en 2016 por 1 euro dábanche 40 bahts e agora danche 33–. Ademais no caso de Bangkok estamos a falar da capital do país e dunha cidade moi turística. Así e todo, sigue sendo moi barato. Algúns exemplos:

  • Entrada ao Wat Intharawihan (templo do Buda xigante): 40 bahts (1,18 euros).
  • Billete de bus local sen aire acondicionado: 8 bahts (0,23 euros).
  • Prato de Thai Pad no mercado de Chatuchak: 70 bahts (2,08 euros).
Templo do Amencer desde a outra beira do río Chao Phraya, en Bangkok

BONUS

ZONA DE CASTRO CALDELAS, OURENSE

Despois duns meses de idas e vidas por cidades con decenas de millóns de habitantes, por parques naturais silenciosos, por praias tropicais, por desertos e mares mortos queremos facer unha mención especial a un lugar que está moito máis preto da casa e que nos parece unha escapada fenomenal de fin de semana en Galicia: A zona de Castro Caldelas.

Castro Cardelas é un concello ourensán da Ribeira Sacra con pouco máis de 1.200 habitantes que é un tesouro do rural galego. É un punto perfecto no cal asentarse para pasar unha fin de semana na cal gozar das experiencias próximas. Especialmente se queremos ir esquiar á estación de cabeza de Manzaneda, visitar o propio castelo de Castro Caldelas ou facer unha ruta polos impresionantes Canóns do Sil.

Para chegar a Castro Caldelas hai que contar cun coche e hai moitas opcións de aloxamento rural. Para ir esquiar a Manzaneda hai que ser previsores coa meteoroloxía e ter en conta o prezo dos forfaits: para adulto en temporada alta é de 22 euros ao día.

O rural ourensán é un dos maiores tesouros de Galicia

E estes son os 5 (+1) destinos que che queremos recomendar para unha escapada neste 2020. Nós seguiremos explorando durante estes próximos meses uns cantos máis para seguir nutrindo este proxecto. Queremos aproveitar estas derradeiras liñas para agradecerche que sigas connosco nesta aventura e para desexarche un ano 2020 moi viaxeiro e cheo de boas experiencias. 

Se queres seguir coñecendo as aventuras que nos depara o noso percorrido por Asia lembra que deixándonos por aquí abaixo o teu correo electrónico podes subscribirte a o boletín de novas semanal gratuíto.


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.