O bretón, unha lingua ao borde do abismo

A historia da Bretaña é rica e impresionante. De feito, remóntase ata o período neolítico, momento no que dan comezo as primeiras manifestacións de megalitismo na rexión, con grandes conxuntos como os aliñamentos de Carnac. Neste artigo contámosche unha pequena parte da historia e a situación actual dunha das linguas faladas neste lugar do mundo: o bretón.

carnac
Aliñamentos de Carnac | Sergio Casal ©

Que é o bretón?

O idioma bretón (brezhoneg en bretón) –antigamente denominado armoricano en alusión a Armórica, o nome galo-romano da provincia gala que se corresponde, máis ou menos, coa actual Bretaña– é unha lingua celta tradicionalmente clasificada como parte da subfamilia das célticas insulares (a pesar da súa situación xeográfica no continente europeo). De feito, é a única lingua celta que pervive en territorio non insular. Isto débese a que, entre os séculos V e VII, as invasións anglosaxonas forzaron aos bretóns de Gran Bretaña a emigrar desde o sur e o suroeste da illa ata a península de Armórica, que, finalmente, remataría por recibir o nome de Bretaña. Esta historia da orixe do bretón goza dun consenso practicamente pleno entre os académicos da cultura celta (Ternes, 1992). Non obstante, existen outras teorías que consideran o bretón como descendente moderno do galo, modificado relativamente tras a chegada dos bretóns a Armórica (Fac’hun, 1962).

Un pouco de contexto

En calquera caso, coma moitas outras linguas minoritarias non só de Francia, senón de todo o continente europeo, o bretón corre “serio perigo de desaparición”, segundo a UNESCO. Sen entrar demasiado na historia antiga deste lugar do mundo, partamos da base de que, a pesares das reivindicacións dunha Bretaña independente, este país pertence, de iure e de facto, á República Francesa. Este feito ten consecuencias directas para as linguas baixo a Administración estatal que non son o francés. E é que, tras a caída do Antigo Réxime, o Goberno revolucionario de 1790 decide eliminar a independencia fiscal e lexislativa do Ducado da Bretaña e prohibir o uso do bretón. O resto de Gobernos revolucionarios e o Primeiro Imperio Francés non resultarían máis permisivos.

unesco_breton
Atlas das linguas do mundo en perigo | UNESCO

Non é ata finais do XIX que xorde un movemento nacionalista de impronta católica máis potente e organizado cuxas máximas eran a promoción do bretón na educación e a literatura. Porén, este movemento foi escurecido polo sentimento nacional francés promovido desde a Administración central e o bretón pasaría a ser considerado como un dialecto máis dentro dunha sociedade folklorizada polo elitismo francés. Ademais disto, o movemento nacionalista e a lingua sufrirían moito cos sucesos derivados de ambas guerras mundiais e o seu impacto en Francia.

Durante a nosa viaxe pola Bretaña, varias persoas nos comentaron o feito de que os bretóns, por seren unha minoría e por, ademais, en moitas ocasións, non saber falar francés, eran enviados en primeira liña de batalla na Primeira Guerra Mundial. Isto derivaba inevitablemente nun sentimento de culpa e inferioridade terríbel que foi transmitido ás xeracións posteriores («se queres sobrevivir, ou ser algo na vida, fala francés». Sóache?). Adicionalmente, a imaxe do nacionalismo bretón pagou as consecuencias derivadas das conexións entre certos movementos políticos e militares como o Partido Nacional Bretón ou a unidade Bezen Perrot co III Reich. 

brezen perrot
A unidade Bezen Perrot prepárase para unha fotografía formal | Arquivos Bezen Perrot

O resultado? Un nacionalismo quebrado e unha lingua que, co paso das seguintes décadas, evolucionaría cara a súa situación de perigo de desaparición, pois caería drasticamente desde os 1,16 millóns de falantes no período de entreguerras aos arredor de 213.000 da actualidade, segundo unha enquisa encargada pola Rexión da Bretaña ao Instituto TMO Régions.

Evolución dos falantes de bretón (1928-2018)

Elaboración propia a partir dos datos de: Sébillot (1886), Hemon (1930), Gourvil (1952), Centre d’Études d’Opinion (1983), T.M.O. (1991, 1997), N.S.E.E. (1999), Institut T.M.O (2007, 2018)

O bretón na actualidade

Unido a este problema demográfico, está o lexislativo. A pesar da diversidade lingüística de Francia, o francés segue a ser a única lingua oficial do país. Isto de por si é un problema para o idioma bretón que, a día de hoxe, é a única lingua celta sen estatus lexislativo. A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias vincula o recoñecemento de ditas linguas por parte dos Estados asinantes pero, a pesar de ter asinado, Francia segue sen ratificala a día de hoxe. En 2008 modificou a súa Constitución para incluír ás linguas rexionais dentro do “patrimonio de Francia”, pero parece que isto non vai moito máis aló do puro simbolismo.

Sinalización pública en francés e bretón en Pondi, Bretaña | © Sergio Casal

Neste sentido “simbólico”, é certo que as autoridades locais dentro da Bretaña teñen aumentado a visibilidade do idioma nos últimos 30 anos, especialmente na sinalización pública. Por desgraza, tal e como sabemos en Galiza de primeira man, a supervivencia dunha lingua non pasa polo tokenismo, senón pola oficialización, a fala e o uso diario da lingua en todos os eidos da sociedade.

Esta falta de oficialidade ten derivado nunha falta de normativización da lingua. Varios aspectos do bretón como poden ser o vocabulario ou a conservación do idioma son obxecto de controversias entre falantes na actualidade. Existe unha fenda entre os defensores dun bretón popular –isto é, permisivo cos préstamos de linguas romances– e os doutro máis “puro”. Está por ver se estas fendas, unidas á existente entre o bretón falado polas persoas maiores e o desenvolto nos últimos anos, enriquecerán á lingua ou serán un sinal premonitorio dunha morte anunciada. Por suposto que a variedade lingüística e os trazos dialectais dunha lingua son sinónimo de riqueza e vida, pero o bretón está feble en cifras e en recursos, e esa ferida pode ser mortal.

estrutura_idade_breton
Pirámide da idade dos falantes de bretón e galo. No caso do Bretón, a media de idade dos falantes é de 70 anos | Instituto TMO

Estas e outras moitas cuestións nos xurdiron ao coñecer esta lingua. Por sorte, puidemos falar destes temas con dúas xornalistas de Radio Bro Gwenned, que emite en bretón, e que nos contaron as súas impresións sobre o estado da lingua. Podes escoitalas aquí abaixo. Se tes curiosidade sobre máis aspectos desta lingua ou da Bretaña, non dubides en deixarnos un comentario.


Sergio Casal

Son Sergio Casal, xornalista especializado en comunicación política. Apaixoado pola fotografía e a realidade política do mundo. Esta mestura vocacional e unha gran paixón por comunicar, enchen a miña mochila de cara a este proxecto con Nuria: TOXÍO.

1 comentario

Bretón, unha lingua en perigo de morte · 30/01/2023 ás 8:15 p.m.

[…] que queremos continuar. Por un lado, puidemos falar de realidades lingüísticas como a do Bretón, unha lingua en serio perigo de desaparición. Nese contexto, entrevistamos a Juna e Jeanne, xornalistas de Radio Bro Gwened en Pondi, que nos […]

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.