Ola, encantados.
Se estás lendo isto, de verdade que o estamos. Significa que lle acabas de dar unha pequena oportunidade a este proxecto que temos entre mans que é TOXÍO. Un anaquiño de nós e da nosa vida. Unha gran parte das nosas viaxes, que significan tanto.
Non podemos adiantarvos demasiado do que ides ver aquí, porque nin nós o sabemos.
O próximo mes de outubro collemos a mochila ao lombo (en sentido figurado, que levamos a maletiña en rodas) e voamos ao leste. Pararemos en Bulgaria, en Estambul e en Atenas, que nos servirán de porta a Asia, onde temos pensado pasar os próximos meses.
Cantos? A pregunta que máis nos repetiron nos últimos tempos. E non a podemos contestar porque NON O SABEMOS! Nin queremos sabelo aínda!
Esta é unha gran aventura na que decidimos embarcarnos collidos da man sen moitas ganas de mirar para máis que para o que temos diante: un voo a Bulgaria. A idea é coller cada momento como o que é: unha experiencia única que non se vai a repetir no momento no que a estamos vivindo. E así con todas.
Sabemos que a vida é algo marabilloso á par que duro (ou iso foi o que fomos aprendendo ao longo destes vinte e pico de anos en cada corpiño). E queremos seguir saboreándoa en todas as esquinas.
3 comentarios
Raquel Espasandín · 08/09/2019 ás 8:17 p.m.
“É perigoso, Toxío, cruzar a porta. Pos un pé no camiño, e se non coidas os teus pasos, nunca sabes a onde te poden levar”.
TOXÍO · 08/09/2019 ás 8:53 p.m.
E sempre hai que lembrar que tan só nós podemos decidir que facer co tempo que se nos dou
A miña primeira vez fóra de Europa | TOXÍO · 22/09/2019 ás 6:46 p.m.
[…] Por iso recoméndoche (non a modo de típica terapia blogueira de coaching barato, se non coma unha suxestión entre amigos) o seguinte. Se estás pensando en saír por primeira vez fóra de Europa e o único que che frea é o medo. Se temes atravesar o horizonte de eventos pero tes esa sensación de curiosidade que che ataca cando ves vídeos doutros lugares, cando escoitas outras linguas e cando outras persoas che falan das marabillas máis aló dos teus catro horizontes coñecidos. É hora de lanzarte. De valorar as túas posibilidades, de buscar a túa oportunidade e de comezar cun pequeno primeiro paso cara o novo. É a hora de avanzar cara o horizonte de sucesos e transformar o medo en curiosidade. […]