Onde se atopa Arambol cremos que é o que menos o pode describir. Arambol é un paraíso atemporal e aespacial, aínda que se atope dentro do territorio indio. Realmente, ben podería estar en calquera outro recuncho do planeta. Un recuncho que se atope no trópico, claro, para ter en Nadal estas temperaturas que en Galicia nin sequera se alcanzan no verán. Ademais, os trazos físicos da xente aquí non che permiten recordar onde estás, xa que a práctica totalidade somos claramente (polo menos falando dende un punto de vista ancestral) doutro lugar do planeta. Pode parecer unha parvada, pero non o é. A cor de pel nunha persoa explica, aínda case entrando no 2020, moitas cousas, tanto cultural como economicamente falando. Triste, pero certo. E aquí, máis que en ningún outro lugar, seguímolo aprendendo. Pero é un tema que non toca tratar hoxe, os asuntos importantes quedan para o outro día. Hoxe viñemos falar de praia e boas vibras sen moralismo nin lección ningunha. Aínda que moitas veces en pararse, escoitarse e simplemente desfrutar se atopan as leccións máis valiosas. Todo suma!

Aínda que se houbese que pensar obxectivamente en que país estamos, a resposta sería Rusia. Pode soar estraño xa que falamos dun paraíso tropical colmado de palmeiras e bo clima. Pero se alguén nos tivese soltado aquí sen dicirnos en que país estamos e tivésemos que situar no espazo Arambol creríamos que é un remanso escapado dunha antiga colonia rusa, no lugar de ser portuguesa (Goa, rexión na que Arambol se atopa, foi portuguesa ata 1961). A maioría da xente que nos rodea é rusa. E falamos de moita xente. É doado que se destaque que nun restaurante se sirve comida rusa. E todos os menús están (tamén) escritos en ruso. Ningún en indi nin en portugués. Incluso hai moitas cousas que tan só están escritas en ruso. E nós quedámonos coa mesma cara que cando intentamos ler en indi pero un pouco máis sorprendidos, por estar pasando o Nadal nunha praia de India intentando descifrar algo escrito en cirílico.

Isto pasa sobre todo durante o fenómeno que se da na praia ao atardecer. Cando o sol comeza a perder a forza coa que baña a area ao longo do día, moita xente sitúase ao longo da praia con diferentes produtos e servizos. Unha especie de mercadiño hippie improvisado, que non o é tanto. E aquí é onde os carteis rusos se elevan ao máximo expoñente. Aquí atopamos artesanía, venta de calquera outro produto, chocolate vegano e orgánico, masaxes, lectura de tarot, chakras e aura… Un pouco de todo, moi espiritual.

Arambol é unha praia chea de cousas que facer e moito que descansar. É o único sitio do mundo no que vivín o que aquí se vive, aínda que o camping do festival de Ortigueira pode competir. Arambol é un paraíso hippie. É calma e festa ao mesmo tempo. E nós estamos convencidos de que non puidemos elixir mellor destino para pasar o Nadal.

Atopámonos nunha praia inmensa que xusto no punto no que nós nos aloxamos cambia de nome. Se saímos da nosa cabana camiñando cara o mar á dereita teremos Arambol e á esquerda estará Mandrem. Mandrem é toda a calma que a cachos lle falta a Arambol. Hai moitísimos menos postos e, dende logo, moita menos festa. Sobre todo canto máis á esquerda segues camiñando. Por iso cremos que aloxarse entre as dúas praias (que no fondo son a mesma) foi a mellor idea para nós. Aínda que fose un golpe de sorte, xa que nós conseguimos a nosa cabana neste punto por ser a máis barata de toda a zona. Por 500 rupias ao día (6’26€) levamos unha semana vivindo descalzos. Vivindo na praia, literalmente.

Merendando sandía na terraza da nosa cabana

Ao longo de toda a praia atópanse chiringuitos moi ben montados que traballan de sol a sol. Dende pola mañá podes atopalos con mesas e tumbonas en primeira liña de praia. Cunha sombrilla, claro. Para almorzar, xantar ou simplemente tomar algo. Segundo se vai indo a luz, os locais comezan a recoller as tumbonas para situar mesas nas que se pode desfrutar dunha cea á luz das candeas. En primeirísima liña de mar. A cachos, cando a marea vai subindo, incluso dentro do propio mar. Unha cea aí é un quefacer obrigado. Os prezos nestes locais son pouco máis altos que en calquera outro sitio da India. Non é nada complicado atopar un bo prato de comida por uns 2€. Un luxo ben baratiño.

Tamén é posible desfrutar de postos que venden froita ao longo do día e asan espigas de millo á noitiña. Ou ver pasar un señor coa súa bicicleta tocando unha campá ao son de “ice-cream” (xeado). E, obviamente como non pode ser doutra maneira, vendedores ambulantes que se pasean a praia intentando vender pulseiras, tambores ou trapiños.

A parte musical de Arambol foi a que máis nos sorprendeu, xa que non era de todo o que esperabamos. Sabíamos que nos últimos anos Arambol cambiou moitísimo, e xa non é tanto ese paraíso hippie da década dos 90. Ou pode que fose a idea hippie a que avanzara co tempo? Sexa como fora, aínda é posible escoitar música en directo do rolliño de guitarra e reggae, pero é moito máis doado que nos locais se escoite música electrónica a tope.

Este lugar converteuse nun dos nosos favoritos porque aquí é doado atopar todo o que moitos vimos buscando á India ou que nos enche no noso día a día. Calma, ioga, paz.

Unha das cousas que máis nos sorprendeu en xeral na India é a dificultade para atopar lugares para facer ioga ou meditación de maneira local. Vivir o que nos venden sempre como o día a día oriental que se ve que non o é tanto. E parece estar reservado a uns poucos. Non podemos falar moito deste tema porque, como dicimos, non vimos moito e iso que levamos máis dun mes por estas terras! Pero deixamos a nosa percepción sobre un tema que a nós nos chama moito e nos atraía moito poder vivir na India. E facelo localmente aquí, en Arambol, segue sendo complicado, claro. Pero todos os que andamos por aquí estamos nesas vibras. E é esaxeradamente doado atopar cursos deste estilo en Arambol impartidos por estranxeiros. Ou simplemente xente practicando ioga ao longo da praia. É súper máxico levantarse cedo e achegarse a praia na saída do sol, cando o calor aínda non aperta. Neste momento podes atopar a unha gran cantidade de xente facendo a súa práctica de ioga. E alí estabamos nós. E un canciño que se uniu á práctica tamén.

Do mesmo xeito podes atopar a calquera hora, especialmente no luscofusco, a xente meditando en calquera parte. Dedicando tempo a ser consciente de onde está e a conectar da maneira máis pura e profunda.

E ao mesmo tempo, son varias as escolas de surf ou simplemente locais de aluguer de táboas que hai ao longo da praia. E nós esperamos ao día perfecto (un pouco complicado nestas datas, xa que non é a temporada idónea) para alugar unha. Somos uns namorados do mar e o surf é algo que nos apaixona tamén. Aínda que persoalmente eu, Nuria, teña unha relación moi tóxica con el. Pero prometo que estamos sandando. O feito de poder estar un Nadal máis surfeando, pero non ter que facelo en neopreno nin ter que ir correndo ao coche a cambiarse ao rematar foi un auténtico pracer.

Estas tres cousas convertéronse na maxia máis grande de Arambol. Xa que estamos falando de cousas que nos namoran e son tres cousas que nós temos incorporadas nas nosas rutinas, polo menos semanais. E este paraíso foi o lugar perfecto para desfrutalas no mellor escenario.

Fixemos un vídeo ensinando todo isto e todas as actividades que fixemos este Nadal aquí. Tamén contamos que comemos e algunha curiosidade máis sobre o lugar. Dedícanos, se che apetece, un anaco a revivilo con nós!

A vida pirata, a vida mellor

Ao longo da vida sempre estiven de acordo coa afirmación que di “A vida pirata, a vida mellor”. Tamén sempre sentín debilidade polos piratas. Parece que como persoa xusta e loitadora polos dereitos humanos e a liberdade de todos non ten moito sentido admirar a esta xente. Porén, entendo que todos temos incoherencias e, de todos modos, eu sempre tiven certa tendencia a decantarme polos malos da película. E os piratas sempre me pareceron os que levan a liberdade por bandeira. Así que non parece raro que faga xa algún ano que repita a letra desa tan pegadiza canción, “bromeando” con que cando acabe a universidade me converterei nunha. Pero cambiando o ron por whiskey, como non. Ou café só, como parece que pasou. E aquí estou, nun paraíso tropical, entre palmeiras, cocos e un mar cálido. Vivindo a miña liberdade no seu máximo expoñente. Funcionando coa luz solar, cos meus instintos e coas miñas ganas. Como unha pirata. O mar, o vento e a liberdade. Tres puntas dunha mesma realidade.

GUÍA DE SUPERVIVENCIA DE ARAMBOL E MANDREM

Teño que admitir que os datos obxectivos non son os que máis me inspiran á hora de escribir, pero sen embargo son os que máis útiles me resultan cando me toca viaxar a un lugar. Por iso, a pesar de que este artigo ten as notas literarias que a min máis me interesan, creo que hai unha serie de datos que che poderían interesar en xeral, pero especialmente se algún día decides viaxar a Arambol. Para ti vai esta parte do artigo con todo o que cremos que debes saber sobre Arambol e Mandrem.

COMO CHEGAR?

En tren: a estación que máis preto se atopa é a de Pernem a menos de media hora en coche. Despois poderás conseguir un traslado en taxi ou rickshaw (sempre esta última a nosa opción favorita, por ser máis rendible e máis “india”). Tamén hai buses locais que chegan ata o pobo.

En avión: o aeroporto que máis preto se atopa é o de Dabolim, a catro quilómetros da cidade de Vasco da Gama. Bastante máis lonxe que a estación. Despois haberá que conseguir traslado ata o pobo, cunha combinación do anteriormente mencionado.

En moto/coche/furgo: depende como te esteas movendo dentro da India, chegar ata aquí pode ser moi fácil.

ONDE ALOXARSE?

Recomendamos que, se queres vivir esta praia, o fagas cerca dela. Hai moitísimos aloxamentos sen ter que saír dela, que che permitirán vivir descalzo. Aínda que a cachos terás que rendirte e poñer unhas chanclas xa que tanto a area como o asfalto a estas temperaturas non é algo para o que todas as plantas dos pés estean preparadas.

Se decides aloxarte lonxe da praia, que sexa por un motivo guai. Por exemplo: un retiro, un aloxamento que che cunda máis ou porque Arambol non é a única praia que queres visitar e vas estar desprazándote ás outras praias de Goa dende aquí. Nunca o fagas por aforrar (a non ser que sexa moitísima a diferencia) xa que o acabarás gastando en transporte e perderaste a metade da maxia tendo que plantexarte cada vez que queiras vir á praia.

Hai moitos aloxamentos aínda que os prezos en temporada alta din que se disparan. De todos modos, nós incluso en temporada alta atopamos unhas cabanas a pé de praia por 500 rupias diarias (6’26€/dúas persoas). Estamos falando duns tres euros por persoa por noite por unha cabana privada con baño privado na mesma praia. Pinchando aquí podes atopar/reservar o hotel no que nós nos hospedamos: o LOVE INDIA. Se decides ir aí preferimos que vaias sobre aviso: os que o levan son majísimos, pero teñen máis ben pouca idea de levar un hotel e vaguean máis ca ti, que estás de vacacións. Pero, repito, son moi agradables e, xa sexa polos seus prezos ou por onde está situado, tivéronos hospedados por máis dunha semana.

Pero incluso hai aloxamentos máis baratos: campings na praia. Pola metade de prezo podes facer noite alí!

Incluso, nalgunha das partes máis apartadas da praia atopamos a xente acampando libremente. Pero non podemos falar moito sobre isto, xa que nin probamos nin sabemos moito sobre a normativa local sobre este tema. Porén, admitimos que cando chegamos a unha praia máis apartada e vimos unha tenda nunha esquina dounos unhas ganas bastante interesantes de estar alí afincados. Aínda que o acceso é complicado e coa nosa equipaxe é pouco viable: todos os aparatos electrónicos non cadran moi ben con esa idea e unha tenda é o último co que nos faltaba cargar! Aínda que admitimos que viaxamos bastante lixeiros. Un día destes falaremos sobre equipaxe tamén!

En canto a aloxamentos máis caros si que non podemos falar nada porque é un tema que se nos escapa completamente do noso campo, pero habelos hainos! E, como podes intuír, “máis caros” non significa caro sequera!

ONDE COMER en Arambol e Mandrem?

Literalmente, en calquera sitio. Se algo sobra en Arambol son chiringuitos nos que alimentarse e hidratarse. A nosa opción favorita sempre foi facelo na praia. En Arambol, o noso restaurante favorito é o MORNING STAR, que se atopa xusto na entrada a rúa de tendas. O persoal é moi atento e cociñan moi ben. Tanto que fan o mellor falafel de toda a India. 200rupias 2’50€ E nós somos bastante esixentes co falafel e co hummus! Con este segundo hai unha discrepancia entre Ser e eu: eu creo que o MORNING STAR tamén fai o mellor hummus de toda a praia, pero Ser cre que é o FREEDOM quen o fai (que se atopa xa no comezo da praia de Mandrem, cerquiña do LOVE INDIA). Sexa como fora, falafel e hummus na praia converteuse na nosa comida especial de Nadal e, en xeral, desta viaxe, xa que en Xordania (obviamente) non comíamos outra cousa. E, agora que o estou pensando, é un costume que xa vimos arrastrando de casa, xa que estas dúas comidas sempre son socorridas e das nosas favoritas.

En onde comer temos que facer mención especial a BLUE WAVE. Non é un restaurante especialmente bo, pero atópase xusto diante de onde tiñamos a nosa cabana (de feito son coleguis) e ten o mellor prezo de toda a praia. Cando nós nos pasamos por alí levaba pouco máis de dúas semanas aberto, comezando a despegar. E o chaval que o está levando e moi simpático e esfórzase moito. E fixemos moi boas migas con el. Tanto que nos pediu axuda para poñer o negocio en internet e nós ofrecémonos a facerlle unhas fotos. Bueno, a verdade é que eu ofrecín e Ser foi quen acabou facéndoas. Pero niso consiste o traballo en equipo, non? Ademais, por axudarlle ofreceuse a levarnos gratis á estación cando marchemos de aquí. Pode parecer un detalle sen importancia, pero é algo moi importante para nós, xa que é un primeiro e pequeno paso de cousiñas que nos gustaría facer máis grandes máis adiante. Estamos comezando a despegar aínda.

Foto dende a barra do Blue Wave feita por Sergio Casal

Outra opción para comer son os postos ambulantes que se sitúan na praia que asan comida rápido ou cortan froita. Un coco sempre se lle tomou!

E por último non podemos deixar de mencionar o noso hotel. Traballan pouco e non o fan moi alá PERO teñen os prezos máis competentes da historia. E comer aquí (estou escribindo isto na mesa na que cada día me tomo o café e na que, de vez en cando, comemos) é algo baratísimo. Podes ter un prato de sopa ou de arroz branco por menos dun euro. E un dos meus pratos favoritos (pasta con verduras) por pouco máis do euro. Nada mal, eh?

Fora dos presupostos que manexamos diariamente, gustounos moito o local no cal desfrutamos do noso xantar do día de Noiteboa. Tes máis imaxes de cal foi a comida que desfrutamos no vídeo que compartimos arriba. A verdade é que valeu moito a pena comer neste lugar, especialmente polo postre co que nos deleitamos. É máis caro que o resto e non está na praia e atópase moi lonxe da zona que comentamos (está ao final de Mandrem, que en xeral é bastante máis caro que a zona de Arambol), pero se das un paseo ata alá e che pilla a hora de comer, pode ser un lugar moi especial no que permitirse un capricho. Ten ademais unha biblioteca na que podes coller libros e desfrutalos mentres comes. Nós aproveitamos para ollear unha guía de Goa e ler curiosidades sobre o lugar no que nos atopamos!

Engadimos tamén aquí onde nós nos conseguimos o noso almorzo diario. Non só o fai todo máis barato, se non tamén máis cómodo e é unha opción que nos encanta! TENDAS DE FROITA! Despois do noso ioga matutino, cada mañá damos un paseo ata a tenda de froita que máis preto se atopa. Alí nos facemos con, mínimo, catro bananas e unha papaia. Isto tende a rondar o euro. Depende do peso e dos prezos exactos da tenda na que te atopes! Ultimamente facemos o mesmo para as nosas merendas tamén, pero a merenda tende a ser sandía! E ás veces papaia tamén. Depende da fame que arrastremos nese momento!

Algún día tamén aproveitamos o Mini-market que temos cerca da casa para mercar pan de molde (acompañado por tomates e pepinos da tenda de froita). E sempre tamén para facernos con auga ao mellor prezo! Que igualmente é sempre barata na India: 20rupias no mercado (0’25€), 30rupias nos locais da praia (0’37€). Pero cada dez rupias aforradas son media botella máis! 

QUE COMER?

  • Coco. Froita tropical base por aquí. É moi agradable mercar un coco nalgún posto da praia. A persoa que cho vende abrirao e darache unha palliña para que te hidrates coa súa auga (que non estará fresca, xa que están a temperatura ambiente pero refrescará moito de todos modos). Unha vez bebas toda a auga, abriracho para que poidas desfrutar do pouco do carne que ten no seu interior. Riquísimo! Prezo: 50rupias (0’63€).
  • Papaia. Outra das froitas tropicais base da zona. E moito máis barata. Esta foi a base do noso almorzo diario. Achegabamonos a calquera tenda de froita da zona para mercar unha papaia, partila á metade e comer a culleradas unha parte cada un. Prezo: 60rupias/kg (0’75€/kg).
  • Veg. soup/Sweet corn soup. É dicir, sopa de verduras e sopa de millo doce. A miña favorita e a favorita de Ser, respectivamente. Pode soar estraño o de tomar sopa a máis de 30 graos na praia, pero a experiencia contoume que a altas temperaturas cando o corpo está gastando tanto é un dos momentos nos que máis se agradecen. E están sabrosísimas! Prezo medio estimado: 110rupias (1’38€)
  • Falafel & hummus. Sabemos e saberás que isto non é indio. Sen embargo, convertéronse nos nosos pratos favoritos desta viaxe e, a pesar de tratarse de cociña árabe, pedímolo cada vez que podemos. Encántanos! E o MORNING STAR, situado na praia de Arambol, fai o mellor falafel de toda a India. Prezo: 190rupias (2’39€)
Falafel do Morning Star servido nunha mesa na praia fronte ao mar de noite
  • Veg. Biryani & Veg. Pulao. Son dous tipos de arroces con verduras diferentes. O favorito de Ser e o meu, respectivamente. Dependendo do lugar, serán xeniais ou bastante mediocres. O prezo variará moitísimo tamén. Prezo: de 150 a 200 rupias (1’88-2’51€)
  • Veg. Pakora. Trátase de verduras rebozadas en fariña e fritas. En concreto no hotel LOVE INDIA fano de pataca e cebola e é do melloriño que probamos. Pero non o teñen no menú, debes pedilo e farancho sen problema. Nunca teñas medo de preguntar! Iso si, se decides ir aquí, vai con tempo, porque dende que pides a comida ata que cha traen pode pasar unha hora e media (VERÍDICO). Pero o prezo é moi bo. 90 rupias (1’13€).
Pakoda de cebola e pataca servido no LOVE INDIA
  • Dal. En xeral. Aquí non atopamos/non intentamos atopar un sitio no que o cociñen súper ben, pero comer dal é un quefacer obrigado na India. Trátase dunha lentella pequena e amarela. Moitas veces desfaise no prato deixando unha textura moi característica e enchendo de sabor a receita.

 ACTIVIDADES QUE FACER EN ARAMBOL

Arambol, ao contrario que outras praias de Goa, non destaca polas súas actividades acuáticas e, sentíndoo moito, é algo que eu valoro moito. É bastante agradable poder mirar a auga do mar e non tela plagada de barcos, motos de auga e música. En Arambol o máximo que te vas atopar na auga son táboas de surf. E á veces a moto de auga dos socorristas! 

Volvendo ao tema. Aquí deixamos unha listaxe dalgunha das actividades que podes realizar en Arambol:

Aluguer de táboas de surf:

  • 1 hora por 500 rupias (6’26€)
  • 3 horas por 1000 rupias (12’52€)
  • Todo o día por 1500 rupias (18’79€)

Prezos estimados. Nós alugámoslla un día a un home ruso moi agradable que as tiña dentro do restaurante FOOD PLANET (ao comezo de Mandrem) e outro día en WALA-SURF. Trátase este dunha escola de surf tamén levada por rusos, como non, moi agradables tamén. Para chegar a esta escola hai que saír uns 50 metros da praia, pero sen abandonar o chan de area. Atópase ao final de Arambol onde a praia cambia de nome. Os dous cerquiña de onde estabamos aloxados nós. No vídeo da experiencia podes ver algunha das nosas ondas!

Clases de ioga: hai moita oferta para isto. Tanto en estudios como na praia. Tanto con tarifas pechadas, como cunha caixiña de doazón na que deixar diñeiro ao rematar a clase. Hai para todos os gustos e tipos de ioga. E a moi bo prezo! Pero nós optamos polo máis barato: baixar xuntos cada mañá á praia e realizar a nosa practica sen ninguén que nos guiase. Para isto necesitarás un pouquiño de base. Se non sempre podes ir primeiro a unha clase e despois aplicar o aprendido o resto de días!

Máis movidas espirituais: déixoo así. Con pouco rollo pero deixando sobre aviso que hai moito. E que mola.

Masaxes adyurvédicos: baséanse na ayurveda, a ciencia antiga de curación da India sempre utilizou o masaxe como unha parte dos seus réximes de curación. É doado atopar quen os faga en calquera esquina da India. Incluso estando tombado na praia cho veñen ofrecer!

Alugar unha moto: dende 250rupias/día en temporada baixa. Unhas 450rupias/día máximo en temporada alta. (3’13-5’63€ por día).

Pasear. Relaxarse. Desfrutar de estar aquí. Estas tres foron as que nós máis fixemos (xunto con comer, claro) e que máis nos encheron. Así que, de corazón, é o mellor consello que che podemos deixar. O quefacer máis obrigado en Arambol. E na vida.

Datos de decembro de 2019.


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.