Existen moitas ocasións nas que, por determinadas circunstancias, vémonos facendo viaxes que duran menos de dous días enteiros: escapadas de fin de semana, viaxe de ida e volta, visita exprés a unha amizade ou familiar ou escala dun día para outra viaxe. Esta derradeira opción foi a que nos tocou a nós en Atenas.

atenas_en_48_horas
TOXÍO na Acrópole de Atenas

Aterramos o mércores 6 de Novembro pola tarde en Atenas (Grecia) e o venres 8 pola tarde voábamos a Amán (Xordania). Tocaba prepararse para un tute a pé polas rúas da capital grega e visitar o imprescindible para poder gozar ao máximo deste lugar en menos de 48 horas. 

Como o fixemos? Esta foi a nosa ruta para os dous días cos que contábamos en verde o que visitamos o xoves enteiro e en azul o venres até primeira hora da tarde–.

DÍA 1

MAÑÁ: ACRÓPOLE – TEMPLO DE ZEUS – ESTADIO OLÍMICO – LYKEION – SYNTAGMA – ÁGORA ROMANA

Acrópole

Recomendamos visitar de primeira a Acrópole por varias razóns. A primeira é que podes mercar alí o tícket combinado*  para poder visitar a maioría dos monumentos que imos enumerar. A segunda ten que ver coa cantidade de persoas que vai haber na Acrópole. A porta abre ás 8 da mañá e se chegas ao principio poderás facer as túas fotos sen tanta xente ao redor. A citada porta está situada na zona sueste do recinto.

Dentro da Acrópole podes coñecer a historia dos seus monumentos con máis sona: o templo de Atenea, o Erecteion e, como non, o Partenón. Leva na mente a idea de que probablemente non te librarás da vista de andamios e grúas dentro deste último.

TÍCKET COMBINADO*

sae moi rentable. Este tícket combinado ademais ten unha validez de 5 días.

Arco de Adriano e Templo de Zeus

Tras baixar da Acrópole podes camiñar en dirección leste e en cuestión de minutos chegarás ao seguinte monumento imprescindible: o Templo de Zeus. A entrada está incluída no tícket combinado e xusto antes de entrar atoparás o Arco de Adriano. 

Estadio Panatathinaikou (Kallimármaro)

A entrada a este monumento non está incluída no tícket combinado. Non obstante, desde fóra pódese obter unha boa imaxe das súas dimensións. Nos tempos antigos foi utilizado para celebrar a parte atlética dos Xogos das Panateneas, en honor á deusa Atenea. Nos Xogos Olímpicos do ano 2004 este recinto  foi sede das competicións de tiro con arco e da final do maratón.

Liceo (Lykeion), a escola de Aristóteles

O Liceo foi o centro de ensino onde Aristóteles impartía cátedra. Pódese chegar a pé desde o Estadio e a entrada tamén está incluída no tícket combinado. No seu patio conta con numerosos carteis con información moi útil sobre a historia e uso do lugar, así como do famoso filósofo grego.

  • Parlamento grego e Praza Syntagma

Se fixemos todo o percorrido a pé, probablemente chegaremos á hora do mediodía á Praza Syntagma e ao Parlamento grego. No primeiro, na cara oeste, temos o monumento ao soldado descoñecido, custodiado por dous gardas co traxe ceremonial dos Evzones, a Garda Presidencial.

A famosa Praza Syntagma é o lugar perfecto para descansar do paseo da mañá á sombra e conseguir algún xantar típico para repoñer forzas, xa que pola tarde toca subir a algún dos moitos outeiros que ten a cidade.

A Garda Presidencial custodiando o monumento ao soldado descoñecido

TARDE: SUBIDA A FILOPAPPOU

Atenas conta con moitos lugares desde os cales a vista panorámica é impresionante. Desde a propia Acrópole obtéñense imaxes xeniais de toda a urbe.

Monumento de Filopappou visto desde a Acrópole

Non obstante, o interesante tamén é ter unha panorámica que inclúa a Acrópole, polo que as opcións son varias. A nosa foi subir xa de noite ao Monumento de Filopappou, un lugar non tan turístico que ofrece unha xenial vista da antiga Acrópole e do Partenón –cos seus andamios–. 

DÍA 2

MAÑÁ: KERAMIKOS – ÁGORA ANTIGA OUTEIRO DE AREOPAGUS

Conxunto arqueolóxico de Keramikos

O normal é que no primeiro día non sexamos capaces de visitar toda Atenas (e tampouco é necesario, xa que estamos para gozar da experiencia e a presa non é unha boa aliada). No noso caso decidimos deixar para o segundo día, xa con máis calma, a visita a un par de monumentos. Entre eles o conxunto arqueolóxico de Keramikos, tamén incluído no tícket combinado. Conta cun pequeno museo arqueolóxico no que se expoñen pezas atopadas  na zona do antigo cemiterio ateniense.

Ágora antiga de Atenas e Templo de Hefesto

A antigo Ágora de Atenas é un dos conxuntos arqueolóxicos máis importantes da cidade. Conta co edificio da propia Ágora e, un pouco máis cara o noroeste, a vista chega ao Templo de Hefesto, dos poucos que aínda se manteñen completamente en pé. 

Subida ao outeiro de Areopagus 

Antes de comezar o camiño ao aeroporto quixemos facer unha unha subida ao outeiro de Aeropagus para ter unha derradeira panorámica de Atenas. A vista da Acrópole desde Aeropagus é moi recomendable e durante as derradeiras horas de sol, o baile de luces e sombras entre os edificios brancos da cidade é todo un espectáculo. Como despedida é unha gran experiencia. 

TARDE: VOLTA AO AEROPORTO

Despois desta viaxe contrarreloxo á capital grega nós tivemos que chegar ao aeroporto unhas horas antes da saída do noso voo a Amán (Xordania). A verdade é que o tícket de metro para chegar ao Aeroporto (o mesmo que para ir ata o centro cando aterras na cidade) pareceunos un pouco caro (son 10 euros por persoa). A viaxe dura aproximadamente unha hora e déixate a poucos metros da porta de saídas.

Atenas deixoume a sensación de que pode ser unha cidade para visitar nun día ou nunha semana. Está claro que podes ver o imprescindible no tempo que tivemos nós, pero se queres pararte con calma a coñecer a historia de cada lugar, a experimentar a súa cultura e gastronomía e a dedicar tamén tempo ao ocio e relax, precisas de máis tempo.

A nosa aventura, lonxe de acadar unha etapa de relax, continuou o seu ritmo trepidante cara o leste, en Xordania.

Convidámoste a subscribirte ao noso boletín de novas semanal para seguir ese ritmo connosco.


0 Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *