Levamos tres meses viaxando por moitos lugares. Temos visto marabillas exóticas e impresionantes monumentos de diferentes e milenarias culturas. E tras centos de experiencias, unha das mellores que vivimos foi, paradoxicamente, retirándonos ao rural.

Tres días nunha granxa orgánica en Tailandia, sen electricidade, traballando no campo, meditando e sincronizando a nosa vida co ciclo de luz do sol. Ás veces o máis simple é o que máis enche, e en Watchara farm foi exactamente o que nos pasou, e ímosche contar como foi a nosa vida alí.

COMO CHEGAMOS A WATCHARA

A Granxa orgánica de Watchara está situada no noroeste de Tailandia. Aproximadamente a 70 quilómetros da cidade de Chiang Mai, considerada como capital do Norte. Podemos dicir que está nunha zona do rural montañoso, a 1.300 metros de altitude e nun entorno natural idílico da xungla tropical. Para chegar é necesario facelo desde Chiang Mai, perfectamente conectada con Bangkok a través de bus, tren ou avión. Unha vez en Chiang Mai, hai un minibús amarelo que sae todos os días da semana ás 12 do medio día de Warorot Market, en Chinatown –o punto exacto está sinalado no mapa inferior– e que tarda entre 2 e 3 horas (dependendo do tráfico e do condutor) en facer o traxecto completo.

O prezo da viaxe neste songthaew amarelo é de 100 bahts por persoa (3 €). No noso caso, o minibús chegou ás 3 da tarde á estrada principal máis cercana á granxa, onde unha das nosas anfitrioas nos guiou durante medio quilómetro camiñando ata a que sería a nosa casa na xungla durante os seguintes dous días.

A NOSA FAMILIA NA GRANXA

Esta muller que nos levou sans e salvos ata a granxa chámase Deng. Leva a granxa xunto a Watchara, seu marido. Desde o primeiro momento fíxonos sentir como na nosa casa e, a pesar de non manexar o inglés máis aló das palabras necesarias para ser cortés e ofrecernos máis comida, facíase entender. Un dos momentos máis divertidos vivímolo tratando de aprender unha palabra tailandesa para definir a cobertura interior do bambú que sonaba así como “Tía joder”, algo que a Deng lle fixo un montón de gracia –e a nós tamén, desde logo–.  

Chegamos á granxa arrastrando as maletas por unha corredoira a máis de trinta graos e sen xantar. E alí recibiunos Watchara (nese momento descubrimos que o nome da granxa era o seu propio). Desde o momento que chegamos, Watchara fixo que nos integrásemos como dous máis na súa familia. Tras presentarse, ofreciunos asento e plátanos acabados de coller do plataneiro (literalmente). Ademais, despois de explicarnos o funcionamento da granxa e cando lle comunicamos que estabamos esfameados, apresurouse a coller un par de repolos e allos da horta para prepararnos un sinxelo pero delicioso prato de verduras con arroz. Esta sería a nosa alimentación básica durante os días que vivimos alí, e que marabilla!

granxa organica en tailandia
Nós con Watchara despois de traballar, cada un cos seus apeiros

Mentres xantabamos e antes de irnos acomodar ao noso cabano, chegou nunha moto pilotada por Deng a terceira integrante da familia, Phone. Phone é unha nena de 11 anos que irradia felicidade e enerxía a partes iguais. É certo que ao chegar do cole custoulle un pouco presentarse, pero tras un pequeno empurrón de seus pais interesouse por nós e aos poucos xa estaba cantando, pedíndonos que xogáramos ao voleibol con ela e correndo de aquí para alá. Non necesitamos demasiado tempo para darnos de conta do felices que poden medrar os nenos nun entorno tan sumamente tranquilo e libre. 

A NOSA RUTINA DIARIA

Unha vez acomodados na nosa cabana, preguntámoslle a Watchara cal sería a nosa tarefa para esa tarde, ao que o noso anfitrión respondeu sen ápice de dúbida: “Hoxe? Hoxe tempo libre. Xa é demasiado tarde para traballar”. Eran as catro da tarde. Disque as cousas do campo teñen os seus tempos, e a terra tería que descansar ata a mañá seguinte. Para nós, derreados como estabamos, case mellor. Tocábanos afacernos ao lugar, coñecer un pouco máis aos nosos anfitrións e agardar á hora da cea.

Pero non queremos adiantar toda a nosa rutina co que fixemos o mesmo día de chegada. Foi no noso primeiro amencer alí cando a rutina se marcou algo máis, e comezou de xeito moi orixinal ás 7:30 da mañá.

07:30 | Meditación camiñando

Ás 7:20 soa o espertador para comezar o día –aínda que a luz do sol axuda bastante a ir espertando antes de tempo–. Watchara esperábanos xunto á horta para comezar a primeira lección de meditación do día: a meditación camiñando. Esta técnica milenaria consiste en enfocar a túa mente única e exclusivamente nun esforzo que normalmente temos completamente automatizado: camiñarDe xeito moi lento desde a zona da cociña ata o altar, situado a 50 metros. O tempo aproximado é de entre 20 e 30 minutos –podedes imaxinar o lento que é o paso–. Isto é porque con cada novo movemento, témonos que facer conscientes da acción, pensando “pé esquerdo”, “pé dereito”. Tratando de devolver a mente a ese camiñar consciente cada vez que esta se desvía. 

Teño que confesar que esta técnica a min resúltame das máis complicadas, xa que enfocar a mente tanto estando tan consciente resúltame custoso. Tendo a viaxar a todos cantos lugares hai menos no que estou no momento da meditación camiñando. Pero, coma todo, é cuestión de práctica e sobre todo de esforzo!

08:00 | Cánticos ao Buda

Ao chegar ao improvisado altar, Watchara, un home que no pasado foi monxe budista durante 15 anos, introduciunos nos principios da lonxeva relixión budista. Aclarounos como entrar e interactuar nun templo e tamén compartiu connosco unha serie de cánticos para presentar os respetos ante os monxes e Buda. Tamén contestou varias dúbidas que nos tiñamos ao respecto.

Cando entras no altar ou nun templo é imprescindible descalzarse antes de subir e unha vez te sentas, non debes apuntar cos pés cara Buda. Despois disto, hai que presentar os respetos a Buda repetindo tres veces tres reverencias na lingua pali.

    1. Anchalee: Levando as mans coas palmas abertas e xuntas xusto enriba do peito.
    2. Wanta: Elevando as mans co mesmo xesto por enriba da fronte
    3. Apiwas: Separando as mans e levándoas xunto coa cabeza e a fronte cara o chan
Altar improvisado da granxa Watchara, onde cada mañá fanse os cánticos

08:30 | Almorzo

Ás 8 da mañá e despois dos cánticos é o momento de almorzar e coller forzas para o traballo no campo. O almorzo soe consistir en té ou café, plátanos e unha cunca de sopa de arroz e verduras. Xa con toda a enerxía do mundo, dispuxémonos a afrontar a nosa primeira xornada de traballo na granxa orgánica.

De 9 a 11:30 | Xornada matutina de traballo

Pode parecer que dúas horas e media traballando a terra non dan para moito, pero para un carameliño de cidade máis afeito ao teclado de ordenador que ao sacho chéganlle ben. O noso primeiro día na xornada de mañá tocounos preparar un rego na horta para plantar brócoli pola tarde. Foi toda unha ciencia -na que Watchara nos guiou- cada paso polo que pasamos para facer o rego, primeiro limpar o terreo de malas herbas, despois marcar e sachar a terra e posteriormente perfeccionar o rego para deixalo listo para pola tarde. Dúas horas e media que chegaron para que os meus callos se transformasen en bochas. O sol xa apertaba e, a pesar de non estar afeito a esas horas para xantar, a fame tamén.

granxa organica en tailandia
Non levaba nin media hora cando pasou isto

No segundo día aproveitamos a media hora entre o traballo e o xantar para comezar a pintar unha táboa que agora mesmo decora a entrada da que foi a nosa cabana cunha frase que se lle ocorreu a Nuria e que describe perfectamente a nosa impresión naquel lugar: “Cando estás en silencio, a vida soa máis forte”.

12:00 | Hora de xantar

Cando un fai un traballo puramente físico, a fame multiplícase, e entre a calor, o recendo da comida, a calidade dos produtos e o esgotamento, a hora de xantar era un dos momentos máis felices en Watchara.

O xeito de cociñar nesta granxa é completamente rudimentario. Cacharros metálicos de cociña quentando auga e aceite a leña e produtos da horta que está a dez metros. Aquí nada vai a electricidade. Os cacharros fréganse ao rematar coa auga que vén propulsada desde o río.

granxa organica en tailandia
Un, que non perde os bos hábitos

Esta foi unha experiencia perfecta un para apreciar o xeito de cociñar tailandés. Os pratos tiñan case sempre o arroz como acompañante principal dalgún tipo de verdura cociñada na tixola con aceite e allo. Hai que comentar que con respecto aos aceites é certo que a cociña tailandesa adoece un pouco con respecto á nosa, xa que se abusa en exceso de aceites refinados como o de palma. Canto estamos botando de menos o aceite de oliva virxe extra! Así e todo e despois de repetir unhas dúas ou tres veces –Deng encargábase de que non deixáramos unha miga na pota-, era tempo de repousar o bandullo.

De 13:00 a 15:30 | Tempo libre

Outro dos momentos estrela do día. Imaxina: xungla tropical, medio día despois de traballar a 30 graos e dun xantar copioso. O corpo pide sombra. Que mellor que tirarse nunha hamaca á sombra cun libro e o silencio? Nesas dúas horas e media de máximo calor antes de volver ao traballo un está na gloria. Da tempo a ler, a durmir unha pequena sesta, pensar, dar un paseo pola sombra e, en definitiva, seguirse relaxando nun entorno inmellorable.

No segundo día aproveitamos parte deste tempo para rematar de pintar o noso cartel decorativo. Este foi o resultado.

De 15:30 a 17:30 | Traballo de tarde

Xa co corpo e a mente descansadas de novo, chega o momento de rematar a faena de pola mañá. Co sol algo máis baixo e coas ganas de ver un rego con brócoli, chegounos o momento de ir poñendo os brotes pouco a pouco pola terra que batéramos pola mañá. É un traballo que parece sinxelo e rápido pero que tamén ten a súa maxia. Hai moitas variables funcionando. Neses dous días tivemos que plantar o brócoli e tamén repolo. Aprendemos que as raíces do primeiro son moito máis grandes que as do segundo, polo que hai que escaravellar moito máis fondo para que a planta agrome recta. 

Adicamos dous días a traballar unha parte da horta que estaba deserta e tranformámola en dúas fermosas colleitas de brócoli e repolo. Así foi a evolución dos nosos dous días de traballo:

Despois de traballar e antes da cea, un ten tempo para dar un paseo, unha ducha e relaxar o corpo antes de afrontar o final do día.

18:00 | Cea en familia

A cea, igual que o xantar, está baseada en arroz e verduras. O feito de comer despois do traballo, co sol ocultándose e as candeas acendidas, comentando o mellor do día é moi gratificante. Contra o final, Watchara levantase para ir buscar a leña para o lume da noite. E aí está a derradeira actividade que temos antes de ir durmir na granxa.

granxa organica en tailandia
Arroz con repolo, que perfectamente podería ser un prato de caldo de grelos

19:00 | Fogueira e meditación sentados

Trala cea, sentámonos en cadrado nuns asentos de bambú preparados arredor do lume para comentar o día, intercambiar impresións sobre as nosas diferentes culturas e ver as primeiras estrelas sobre o ceo nocturno da xungla –que ao cabo dun par de horas acaban sendo moitísimas–. Coa cea xa asentada e o calor do lume no corpo, toca practicar o segundo tipo de meditación que nos ensina Watchara: a meditación sentados.

COMO PRACTICAR MEDITACIÓN SENTADOS

A meditación sentada que practicamos con Watchara consiste nun tipo de meditación de concentración, centrándose na respiración e na repetición de conceptos. Dentro da técnica budista, poderíamos encadrar este exercicio como de meditación Samatha. O filósofo e escritor español Ramiro Calle ten un libro moi ilustrativo sobre a meditación en xeral que ao mellor che resulta útil e interesante: “O gran libro da meditación”.

Sentados, en posición de medio loto coas pernas cruzadas, pechamos os ollos e comezamos a centrarnos na respiración profunda. Pronunciando e centrándonos nos considerados como tres tesouros do budismo durante 108 veces cada un:

    1. Buddha: “Bu” ao inspirar e “ddha” ao exhalar. Repetindo o proceso 108 veces. Siddharta Gautama, o Buda, é o principe iluminado. O que deixou a súa vida de palacio para buscar a fin do sufrimento humano e transmitir as súas ensinanzas.
    2. Dahmma:“Dah” ao inspirar e “mma” ao exhalar. Dahmma é a ensinanza do budismo. Tamén 108 veces.
    3. Sangha: “San” ao inspirar e “ghka” ao exhalar. Sangha é a comunidade de seguidores do Buda. Os seus discípulos.

Esta meditación ten uns resultados moi valiosos e transpórtanos a un estado profundo de relaxación. Iso si, o tempo aproximado é de 30 minutos e aguantar a postura durante tanto tempo con falta de costume non é tarefa sinxela. Pero practicando cada día un pouco as melloras fanse ver axiña.

21:00 | Hora de recollerse

Coa mente algo máis clara, coa bóveda celeste enriba da cabeza e ningunha preocupación máis aló que decidir cando temos sono suficiente para ir durmir. Os bungalows de Watchara son pouco máis que unhas casetas de madeira cunha tea protectora contra os mosquitos e unhas cantas mantas –ollo que na xungla en xaneiro as temperaturas baixan un montón!–. Non vos vou enganar, o descanso no meu caso non foi o mellor, pero quedando derreado como quedaba, non me custaba conciliar o sono durante unhas cantas horas antes de afrontar a mañá. E para os amantes do ruído da natureza, a noite en Watchara pode ser unha fonte de inspiración inesgotable.

Cada día en Watchara remataba cunha conexión moi forte con nós mesmos e coa natureza. Cun sabor de boca moi dóce. Si, isto tamén tiña que ver co sticky rice con azucre e leite de coco que nos prepararon dentro de bambú quentado no lume da fogueira.

Os momentos que pasamos alí foron unha ensinanza e axudáronnos a desconectar de xeito moi eficaz do mundo exterior e das constantes preocupacións diarias que normalmente tendemos a sobredimensionar.

Tanto Deng, como Watchara, como Phone –cada un á súa maneira– fixéronnos sentir moi ben. Axudáronnos a comprender o seu modo de vida e interesáronse moito polo noso xeito de viaxar.

Foi un intercambio de experiencias moi positivo que sempre imos lembrar. Cada vez que no futuro pensemos nos nosos mellores momentos en Tailandia, a nosa mente viaxará de novo a ese recuncho das montañas do norte. Cara a granxa de Watchara.


2 Comments

ONCE COUSAS QUE FACER EN CHIANG MAI 2020 | TOXÍO · 15/03/2020 at 3:30 p.m.

[…] imos afondar moito nesta experiencia xa que dedicamos un artigo completo a falar dela hai unhas semanas. En resumo, podemos afirmar que pasar uns días traballando e convivindo coa familia de Watchara […]

TRES DÍAS NUN RETIRO DE MEDITACIÓN EN TAILANDIA | TOXÍO · 29/03/2020 at 6:19 p.m.

[…] E despois de explicar tan en detalle que lugar eliximos, por que e porque non o volvería escoller, paso a detallar as normas, o noso horario e as actividades que realizabamos cada día. E entro en detalle para contar persoalmente como me afectou e me fixo reflexionar cada unha desas horas, xa que nada foi en vano. Absolutamente todo é importante cando tes atención plena e, como xa dixemos no noso retiro máxico na granxa orgánica das montañas, cando estás en silencio a… […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

SUBSCRIPCIÓN SEMANAL GRATUÍTABoletín de novas de TOXÍO

Déixanos o teu mail se queres que che contemos as nosas aventuras!