Xa hai un par de semanas que deixamos a India atrás, pero na nosa mente –desde lonxe– seguimos gardando recordos moi inspiradores do noso paso por este xigante milenario. A nosa relación de amor – odio co tren é un deles. Durante o noso mes e medio na India percorremos arredor de 3.000 quilómetros en ferrocarril, invertendo unhas cincuenta horas no total dos traxectos dentro do país. Poden parecer moitas pero apenas chegan para coñecer en profundidade os segredos deste medio de transporte.

É certo, coller un tren en India pode parecer asoballante, pero tamén é verdade que unha vez que te acostumas ao seu ritmo e aos seus rituais, este xeito de moverse polo país remata sendo o ideal. Nós non experimentamos cada un dos detalles de cada clase, pero si percorremos a suficiente distancia e investimos as suficientes horas entre trens e estacións como para darche algunhas claves para comprender mellor o seu funcionamento. Aquí as enumeramos.

1. É UNHA EXPERIENCIA MÁXICA

Para saber do que falamos tes que vivila. O certo é que nós utilizamos este medio de transporte de xeito case exclusivo dentro das fronteiras para viaxes de máis de dúas horas. A única viaxe que fixemos entre cidades en coche foi Jodhpur – Udaipur e porque a diferencia de horas entre ambas era abismal. O resto do percorrido fixémolo en tren –como podes apreciar no mapa debaixo deste parágrafo– e deunos para un montón de experiencias: ir sentados nas maletas, debaixo dun lavabo, durmir unhas horas no compartimento da equipaxe da clase xeral, coñecer en profundidade a sociedade de castas e a súa cultura, aprender da vida de multitude de persoas indias, cambiar de liteira no medio da noite por non ter billete, espertar de madrugada cos cánticos dos vendedores ambulantes de té (cháaaaaaaaaaai). Un senfín de experiencias que só o tren che pode brindar.

2. O TRANSPORTE MÁIS BARATO

A rede de ferrocarril de India é unha das máis extensas do mundo. Pode que este país adoeza de moitas cousas, pero a conexión entre as súas urbes non é unha delas. O tren chega practicamente a cada recuncho do mapa e os prezos por percorrer miles de quilómetros son practicamente un regalo. Para que te fagas unha idea, este foi o noso gasto total –por persoa– nos trens de India:

  • Jaisalmer – Jodhpur en General Class: 60 rupias (0,75 euros)
  • Udaipur ­– Ajmer en General Class: 100 rupias (1,26 euros)
  • Ajmer – Jaipur en General Class: 60 rupias (0,75 eruros)
  • Jaipur ­– Agra en General Class: 105 rupias (1,33 euros)
  • Agra – Jhansi en General Class: 95 rupias (1,20 euros)
  • Jhansi – Itarsi en General Class: 140 rupias (1,77 euros)
  • Itarsi – Panvel (Mumbai) en General Class: 225 rupias (2,85 euros)
  • Panvel – Thivim (Goa) en Sleeper Class: 520 rupias (6,58 euros)

GASTO TOTAL EN TREN NA INDIA

1.305 INR
  • 16,49

Si, efectivamente, percorremos 3.000 quilómetros por menos de 20 euros (o que supón un gasto de 0,0055 euros por quilómetro percorrido). Por iso dicimos con coñecemento de causa que é o medio de transporte máis barato con diferencia. Obviamente para conseguir eses prezos tes que viaxar o máximo posible na clase máis económica, e de iso falamos no seguinte apartado.

3. AS DIFERENTES CLASES NO TREN

No noso caso só che podemos falar da nosa experiencia en dúas clases: General Class e Sleeper Class. A primeira é a clase máis económica. A segunda é algo así como a clase xeral dormitorio. 

General Class ou Segunda Clase de bancos

É a máis pura India metida nun tren. Nesta clase podes ver de todo: desde once persoas metidas nun banco con prazas para catro, xente durmindo debaixo dos asentos ou arriba na parte das maletas, multitude de vendedores ambulantes, centos de historias e máis ben poucos turistas.

É a clase ideal para socializar xa que é utilizada por un gran número de persoas indias. Ao non haber moitos turistas nesta clase, probablemente acabes sendo o centro de atención e a xente interesarase pola túa viaxe, o teu xeito de vida e ata quererán facerse fotos contigo. E avisamos, se é o teu primeiro contacto coa India pode resultar algo estresante, pero ao tempo acostúmaste. A socialización é unha parte moi importante na viaxe pola India e a General Class é un mestrado neste sentido.

Foto tomada por Nuria desde o compartimento da maleta na General Class

En resumo, debes afacerte ao feito de que nesta clase, polo xeral, irás bastante apertado. Poderiamos explicarche como se reparten os asentos, pero é inútil xa que probablemente onde teña que ir sentada unha persoa, irán tres. Intenta buscar sitio onde haxa un oco e desfrutar da experiencia.

Para obter este billete non necesitas reservar con antelación e podes conseguilo nos mostradores da estación ata poucos minutos antes de que saia o tren. Para o resto de clases, no caso de que che interese obtelas, recomendámosche moi encarecidamente que as reserves mínimo con tres días de antelación, xa que se esgotan moi facilmente.

 
Sleeper Class

A Sleeper Class é unha clase de liteiras pensada para compartir e socializar durante o día e para durmir pola noite. Nas horas de sol pódese parecer bastante á General Class, pero unha vez chegan as horas de durmir, os respaldos dos asentos inferiores súbense e convértense nunha liteira. Así, en cada compartimento hai oito liteiras (tres en sentido da marcha, tres en fronte e dous no lateral). Nós só conseguimos ir en Sleeper en dúas ocasións. Na primeira cun billete de General class confiando en que houbese algunha libre para pasar as doce horas que duraba a nosa viaxe a Panvel (preto de Mumbai) e a segunda tras lograr a nosa primeira reserva a través do mostrador para turistas en Mumbai. 

É unha clase moi cómoda para viaxar pola noite e a relación calidade prezo é fantástica. Por 520 rupias cada un (6,58 euros) puidemos ter unha liteira para durmir placidamente no noso traxecto entre Mumbai e Goa. Pagas máis que na General Class, pero a comodidade é moi superior cando chega a hora de durmir.

Nuria durmindo pracidamente nunha literira da Sleeper Class na viaxe a Panvel (Mumbai)
Outras clases para trens de longa distancia 

As outras clases dos trens de longa distancia non as coñecemos e non podemos opinar sobre a súa comodidade ou relación calidade – prezo. Son as seguintes.

AC1 – Primeira clase con aire acondicionado

É a máis cara. Non todos os trens de longa distancia teñen primeira clase. Cada compartimento ou zona ten espazo para dúas persoas con porta corredoira para separar o habitáculo. Ten incluída a roupa de cama, enchufes, aire acondicionado, etcétera.  

AC2 – Segunda clase con aire acondicionado

Cada compartimento ten liteiras para catro persoas (máis dous no lateral). Inclúe a roupa de cama, enchufes e aire acondicionado. O separador xa non é unha porta corredoira, é unha cortina.

AC3 – Terceira clase con aire acondicionado

A principal diferencia coa clase AC2 é que os compartimentos teñen oito liteiras en lugar de seis. Polo tanto o vagón é máis semellante ao da Sleeper Class, tendo a AC3 aire acondicionado, cortinas separadoras e roupa de cama incluída.

4. DÚBIDAS FRECUENTES

É preciso reservar con antelación?

Se queres ir noutra clase que non sexa a General Classrotundamente si. Se vas no mesmo día a intentar conseguir unha liteira con aire acondicionado ou en Sleeper, o máis probable é que marches coas mans baleiras ou cun billete en General Class para unha viaxe moi longa. Trata de pasar polo mostrador de reservas cuns días de antelación para asegurar o teu billete.

No caso de que queiras facer as túas viaxes sen preocuparte polas reservas podes facelo perfectamente collendo billetes para a General Class.

Billete de Sleeper Class reservado na oficina para turistas internacionais

Véndese comida e bebida no tren?

Se o teu medo era saber se ías morrer de fame ou sede no tren, nin te preocupes. As estacións de tren –e mesmo os propios trens– son probablemente os lugares de India con maior concentración de comida e bebida a prezos baixos. É certo que en moitas guías de saúde nas viaxes como a do Ministerio de Sanidade non recomendan, por exemplo, comer en postos da rúa. Nós non che imos dicir que o fagas, pero si podemos contarche que nós comemos comida da estación e dos trens e non nos foi mal. De feito foi un salvavidas en moitas ocasións.

En calquera caso e se queres ir ao seguro co tema alimentación sempre se venden bananas, froitos secos, mandarinas e auga mineral. Os nosos favoritos do tren da India probablemente sexan os samosas (empanadillas vexetais con picante) e o vada pav (un bolo de pan cunha pataca e vexetais dentro tamén algo picante). O seu prezo soe rondar entre as 10 e as 20 rupias (12 – 24 céntimos de euro). Cada certo tempo dentro do tren pasan persoas vendendo auga mineral (paanee botal), te (chai), arroz, empanadillas (samosa), cacahuetes ou flocos de millo entre moitos outros. Non temas, no tren indio de fame non vas morrer. 

Como saber cal é a miña plataforma e cal é o meu vagón?

Aínda que as estacións –especialmente as máis grandes– poidan parecer un caos, unha vez que entendes o sistema é bastante simple. E, coma con todo cando estamos de viaxe, a opción de preguntar sempre é unha das vías máis sinxelas para aclarar as nosas dúbidas. Dito isto, cómpre saber que cando reservamos para unha distancia longa, no noso billete indícase tanto o día, como a hora de saída e chegada, as estacións de saída e destino, o vagón que nos corresponde e o noso asento. Isto facilita moito as cousas. Sen embargo, coa General Class non é tanto así, xa que o billete non nos da practicamente ningunha información. Lembra estas simples claves.

  • Preguntar á persoa do mostrador pola nosa plataforma.
  • Botar un ollo aos paneis luminosos
  • Preguntar aos locais na propia plataforma polo tren

É importante tamén verificar na propia plataforma a colocación dos vagóns do tren. Os máis numerosos son os Sleeper. Os da General Class adoitan estar situados en ambos extremos do tren. Tes que ter moi en conta que os trens na India son sumamente longos (os máis longos teñen ata seiscentos metros de lonxitude!). Hai indicadores nas plataformas informando sobre que vagón se situará nesa zona que son de moita utilidade.

Sofren retrasos os trens indios?

Por norma xeral, sempre hai algún retraso. É certo que nós chegamos con moitas advertencias a este respecto e a nosa experiencia non foi tan drástica. A verdade é que nos atopamos con retrasos de 10-15 minutos como moito por norma xeral. O máximo retraso que vivimos foi no tren de nove horas a Goa que tivo algo máis dunha hora e cuarto de retraso. Pero polo resto a nosa experiencia neste sentido non foi de todo mala, nin cos retrasos nin coas temidas cancelacións.

É útil a aplicación móbil de Indian Railways?

Esta aplicación oficial do sistema de ferrocarril Indio é moi útil para coñecer os diferentes trens entre as estacións, os horarios, as distancias e os lugares polos que pasan os trens. Se contas con tarxeta SIM india, tamén podes facer reservas de billetes a través desta aplicación. É unha boa compañeira de viaxe e pódeche facilitar algo a vida nalgunhas situacións. Pódela descargar a través da Google Play Store.

Existe un mostrador para turistas?

Algo así. Nas estacións máis importantes do país existe unha especie de “oficina para o turista internacional”, que é un mostrador no que só atenden aos turistas estranxeiros. Resulta que nos trens hai zonas dentro de determinadas clases para que os turistas internacionais poidan reservar a súa praza con menor antelación debido á dificultade de conseguir asentos con pouco tempo. Nós conseguimos a través deste mostrador na estación central de Mumbai o noso billete en Sleeper cara Goa. Foi moi útil. Iso si, só hai en contadas estacións ao longo do país, así que podes aproveitar cando pases por elas para facer as túas reservas. Son as seguintes: Kolkata, Chennai, Bangalore, Ahmedabad, Secunderabad, Jaipur, Jodhpur, Varanasi, Nova Delhi, Agra (Cantt) e Mumbai.

Estación central de Mumbai, unha das que conta con mostrador para turistas

Hai revisor no tren? A lenda do TTE

En teoría si que hai revisores nos trens. Na nosa viaxe de doce horas entre Itarsi e Panvel non conseguimos billete en Sleeper, polo que tivemos que coller un billete de General Class. Non obstante, o home do mostrador indicounos que se queriamos intentar cambiar o noso billete normal por un nunha clase superior, podíamos entrar no tren e buscar ao TTE –o típico revisor–. No mes que levábamos na India non nos topáramos en todas as nosas viaxes nin unha soa vez cun revisor pero, confiando na persoa que nos atendeu no mostrador, buscamos ao TTE. Efectivamente era unha persoa vestida toda de negro que deambulaba polo tren –especialmente nas clases altas– para controlar o reparto dos asentos. No noso caso intentamos que nos dese billetes para Sleeper pero non quedaba nin un en todo o tren. Aínda así, o home deixounos entrar no vagón e puidémonos “acomodar” nalgún oco que fomos atopando. E entre liteiras aleatorias e recunchos entre o baño e os compartimentos, logramos botar algunha soneca antes de chegar a destino. Unha experiencia inesquecible.

Moitas foron as voltas que tivemos que dar para ir acadando esta experiencia á hora de coller trens na India. Bos momentos mesturados con outros non tan bos. Pero en xeral vivencias positivas que quixemos compartir contigo para axudarche na túa viaxe. E lembra que se tes algunha outra dúbida con respecto ás viaxes en tren na India sempre podes comentar neste mesmo artigo ou facérnola chegar a través das redes sociais e do correo electrónico. Estaremos encantados de responderche sobre unha das experiencias máis enriquecedoras da nosa xa de por si valiosa viaxe pola India.


Sergio Casal

Son Sergio Casal, xornalista especializado en comunicación política. Apaixoado pola fotografía e a realidade política do mundo. Esta mestura vocacional e unha gran paixón por comunicar, enchen a miña mochila de cara a este proxecto con Nuria: TOXÍO.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.