O Rajastán é unha rexión situada no noroeste da India. A pesar de ser tan só un dos 29 estados da India ocupa máis que media España. Conta cunha extensión de 342.239 km², sendo o estado máis grande da India. Eu chámoa, e confío que máis xente o fará, “a rexión das cores” porque, como verás a continuación, cada unha das súas míticas cidades é coñecida por ser a dunha cor.

Nós pisamos por primeira vez a rexión no aeroporto de Jaisalmer. Alí chegan voos comerciais como o noso pero tamén é base militar, contando a zona cunha cantidade bastante considerable de cazas sobrevoando esta cidade, a uns 90 km. da fronteira con Paquistán. Sen embargo, a zona é tranquila e segura. Afondando sobre o tema da seguridade e a India temos un artigo xa publicado.

E a última cidade que pisamos foi Jaipur, preto xa de Agra (onde continuamos a nosa aventura, visitando o fermoso Taj Mahal, que xa desmitificamos neste artigo ao que podes acceder pinchando sobre estas letras tamén). Podes ver a nosa ruta no mapa que deixamos aquí.

Podes inspirarte nela para crear a túa. Podes facela do mesmo xeito ou podes facela do revés, que era a nosa idea inicial. Non hai correcto ou incorrecto neste plan, creo eu. Nin consello mellor que “faina como che conveña a ti”. Pero iso si, fíxate ben que haxa conexións da maneira na que ti decidas facela! Trens, buses, avións, taxis… bótalle un ollo ao que máis che interese! Dependendo do tramo ao que te enfrontes aí si que haberá decisións máis correctas que outras. Míraa como queiras, faina como vexas. Pero cremos que deberías visitar esta rexión.

Nós, por razóns obvias, imos poñela por aquí na orde na que nós a fixemos. Movémonos dunha cidade a outra case sempre en tren (tamén temos un artigo enteiro falando do tren na India por se estás interesada). A única excepción foi tan só o traslado de Jodhpur a Udaipur, que o fixemos en taxi xa que por temas de horarios e prezos non nos saía nada mal. E ganábamos bastantes horas de vida e comodidade. Sen máis, pasamos á ruta!

Jaisalmer, a cidade dourada.

A porta do deserto. A xoia do Rajastán. Jaisalmer é unha cidade pequena que cremos que merece ser visitada, sendo a nosa esquina favorita desta rexión. É obrigado pasear polo forte, desfrutar das súas vistas. Pasear pola cidade, saír da muralla, perderte por rúas de “simples” casas, todas cunha estética preciosa. Ver como ese estilo de casas é o que seguen empregando a día de hoxe, podendo deleitarte co traballo dos canteiros. Camiñar polas rúas extremadamente estreitas onde haberá ocasións nas que as vacas che pechen o paso e non saibas moi ben como vas saír desa. Pero sairás.

Outra das paradas de obrigado cumprimento é o lago Gadisar (a pouco máis dun quilómetro do centro da cidade). Desde esta zona terás unha boa panorámica da cidade, aínda que non a mellor. 

Gadisar trátase dun lago artificial que se agradece bastante nunha paraxe tan seca. Conta con múltiples cenotafios, tanto no medio do lago como á súa beira. Que é isto? Pois un cenotafio é un monumento funerario erixido na honra dunha persoa. É dicir, trátase dunha tumba baleira. E é que os hindús (relixión maioritaria na India), tras a súa morte, son incinerados e as súas cinzas deben ser arroxadas ao Ganges, o seu río sagrado. Polo que non enterran á xente e as “tumbas” que se atopan ao longo da súa xeografía non adoitan ter os restos de ningún humano, se non que son homenaxes.

Ás aforas de Jaisalmer, a uns 6 km. hai moitos máis cenotafios. Son os Bada Bagh e aí son incinerados os membros da familia real que aínda contan con certos privilexios na zona. Se tes tempo de sobra, recoméndoche que te subas nun rickshaw e te deixes caer por alí cun guía, que che explicará moito sobre todo. Na morte da xente dunha zona sempre hai moita historia e cultura.

Ademais, ao abandonar Bada Bagh podemos atopar unha presa e un tanque de auga, que axudan a medrar as colleitas. No momento no que nós visitamos a zona estaba completamente seca por non estar xa/aínda en época de chuvias. Ao redor, había moita zona de cultivo e o noso guía explicounos cales son as dúas épocas para plantar patacas nesta zona. Sempre resulta moi interesante ver que verdades absolutas que nós vivimos, como son as nosas estacións ou épocas de plantar/recoller determinados alimentos, son tan diferentes noutros lugares do mundo, marcando uns ritmos de vida tan sumamente distintos.

Como che indicaba antes, desde o lago non terás a mellor panorámica da cidade. Esta poderala desfrutar a última hora desde o punto da posta de sol. Literalmente coñecido como tal, “sunset point” ou “sunset view point”. Chégase facilmente camiñando desde o centro. Alí verás como a luz vai minguando mentres os últimos raios se ven no forte. Aquí entendes máis se cabe o por que da cor que lle tocou. Impresionante.

Nós aloxámonos no hotel máis barato do forte e foi das mellores experiencias do Rajastán. Estar no hotel de Ba (Hotel Mirage) é unha experiencia en si mesma. É moi básico, non ten auga quente, pero é un pracer estar aí. A zona común é bastante máxica. Unha terraza con teito e coxíns coloridos para sentarse polo chan xunto a mesas pequenas. Mesas máis altas con cadeiras para comer comodamente. Murais polas paredes. A vista dos preciosos edificios de Jaisalmer. E Ba cun sorriso sempre rondando.

A comida é do melloriño que nos cruzamos na India, moi boa e realmente barata (cada día pagábamos por comer alí seis persoas unhas 1.500 rupias, que son sobre 18€). Se pisas este lugar, non te vaias sen probar a Veg. Soup. Arrepentiraste. Como lle pasou a Ser! Foi a mellor sopa que probei en toda a India!

Detalle imporante: unha habitación dobre neste aloxamento vale uns 3€ a noite.

Deserto do Thar.

Aínda que o deserto ocupa unha gran extensión, así que na máis estrita teoría en Jaisalmer xa estabas no deserto. E moito antes tamén! O Rajastán é unha rexión desértica en si e o Thar ocupa moito máis do que comunmente lle recoñecemos. Así que, repito, mentres esteas no Rajastán, tes bastantes posibilidades de estar no deserto. Pero falaremos agora da zona do parque nacional, no que tipicamente coñeceremos como deserto. Dunas, poucas casas, animais salvaxes…

Hai varios campamentos no deserto e hai algúns que parecen auténticas cidades: dormes en tendas, contas con electricidade, baños, espectáculos… Nós cremos que iso non tería moito máis encanto que seguir en Jaisalmer. Sen embargo, tamén existe a posibilidade de durmir no deserto, sen máis que unha cama (se decides utilizala) e unhas mantas (estas seguro que quererás utilizalas, que xa sabemos todos o que pasa coas temperaturas do deserto durante a noite…). Non imos entrar en demasiados detalles por aquí porque non queremos repetirnos e xa che contamos todo neste artigo que escribiu Ser sobre a nosa experiencia no Deserto de Thar. Pero se chegas ata Jaisalmer, cremos que esta excursión debería estar no plan.

Iso si, sáltate a movida dos dromedarios! Xa te van ter que achegar en Jeep ata case o campamento. Que sentido ten explotar a un animal para que cargue contigo durante o último tramo?

Jodhpur, a cidade azul.

Que non o parece. A ver, con ese nome eu esperaba subirme a ver a panorámica e ver un mar de casas. Pero non foi así. Foi máis ben pouco así. Como digo no vídeo que che deixamos ao final vivindo toda esta ruta, a rúa máis turística si que é azul. O resto, máis ben non…

Sen embargo, cremos que é unha cidade na que vale a pena facer unha parada. Nós decidimos ir subindo a montaña dando un paseo polas súas caóticas rúas. Isto é toda unha experiencia sexa cal sexa a cidade da India na que te atopes. Entramos a visitar o cenotafio branco de Jaswant Thada, que semella máis algo que nós creríamos que é un templo ou un palacio. Como nos acontece ás veces ao ver o Taj Mahal. Pero non, son tumbas. Só tumbas. Impresionantes tumbas. É moi interesante ás barbaridades que se constrúen para intentar que se manteña a memoria e se honre a vida de quen xa non está, verdade?

Aí tivemos a sorte de poder participar nunha sesión de meditación moi conectada con crenzas hinduístas que nos permitiu seguir aprendendo máis desta milenaria relixión. E algunhas das súas prácticas que seguen a estenderse no mundo occidental como a pólvora, pero no bo sentido.

Non podemos falar de Jodhpur sen falar do noso fabuloso aloxamento: Dylan Cafe. A súa terraza ten as mellores vistas do forte de Mehrangarh, o maior reclamo turístico da cidade. Amín, o noso anfitrión, foi moi agradable e a verdade é que resultou unha pena quedarnos tan pouco tempo, pero a cidade tampouco dá para máis! O hotel, como todos nos que nós nos hospedamos era moi barato (uns 5€/noite a habitación dobre). A relación calidade prezo é insuperable!

Jodhpur, polo tanto, paréceme unha parada moi necesaria entre Jaisalmer e Udaipur. Unha visita moi guai ao mesmo tempo que rápida!

P.D: a pesar de que o forte de Mehrangarh é o maior reclamo turístico, nós non entramos por parecernos que tiña un prezo moi elevado e non demasiadas cousas do noso interese no seu interior.

Udaipur, a cidade branca.

Tamén coñecida como a dos mil lagos. Alguén a chamou algunha vez “a Venecia do leste” como calquera cidade que se preste que teña algo de auga, que xa vemos que nin sequera teñen que ser canais! A verdade é que son bastante hater de que calquera cidade con auga sexa “a Venecia de X lugar”. Ao mellor é o feito de aínda non terme marabillado con esta cidade, que me impide comparala. Pero creo que o que máis inflúe é esta maneira que me caracteriza de ver os sitios de maneira que creo que todos son especiais e únicos. Non todo o bonito se ten que parecer a algo xa coñecido!

Udaipur é unha cidade inmensa rodeada por montañas. Se podes hospedarte nunha Guest House do centro (Mewar Avenue foi a nosa) terás a sorte de poder ver todas as montañas e a inmensidade da cidade xirando sobre ti mesmo desde a túa terraza no centro de todo. Iso si, se a néboa cho permite! Porque as vistas panorámicas complicáronsenos un pouco nesta época por unha característica néboa que cubría todas as cidades. “Algo” de contaminación mesturado con ese fenómeno que os locais nos dixeron que aparece cada inverno.

Pasear polas súas rúas de Udaipur é un reclamo turístico en si. O de “cidade branca” esta si que o ten gañado. Visitar o seu palacio é unha parada non necesaria, pero que tampouco está mal. Subir a algún dos seus montes e achegarte á beira dalgún dos seus lagos é un deber. Aínda que ten moito que facer, un día e medio sobran para visitar este lugar.

Pushkar, a cidade sagrada.

Pushkar é esa última copa que non te tiñas que ter tomado, aínda que no momento non eras consciente. Pero á mañá seguinte sabes que de saber todo o que sabes agora, non o terías feito. Efectivamente, Pushkar é o lugar no que eu nunca tería parado. É un lugar sagrado e moi preparado para turistas ao mesmo tempo que non. Explícome: hai moito rolliño turístico para sacar diñeiro, tendas e guirigadas. Pero na zona do lago sagrado (maior punto de interese da cidade) os turistas non somos ben recibidos. Con razón e con todo o dereito do mundo, permítome engadir. E é que non todo o mundo leva ben que centos de ollos curiosos estean observando as súas tradicións relixiosas e ritos sagrados. Así como houbo moita xente que nos dou a benvida, a maioría indicábanos que nos alonxáramos convidándonos incluso a marchar. Isto sen que nós nos achegaramos en ningún momento á beira do lago nin á xente rezando. E, obviamente, sen que tivésemos sequera a cámara na man, xa que a fotografía está prohibida.

Para máis inri, Pushkar non ten estación de tren, así que hai que trasladarse en taxi dende Ajmer para chegar ata alí. A parada máis sobrante de todo o Rajastán, onde nós de ter sabido todo o que agora sabemos, non teríamos parado.

Jaipur, a cidade rosa.

Non é por ser hater aínda que neste artigo o poida semellar, e de verdade que recomendo moito a ruta polo Rajastán, pero Jaipur está case tan sobrevalorado como Pushkar. A cidade en si non ten moita maxia se xa te percorrestes o resto da rexión espremendo ao máximo o que India ten que ofrecer. Entendo que Jaipur sexa moi impresionante para moita xente que só fai o triángulo Delhi (capital), Agra (cidade do Taj Mahal) e Jaipur, sendo na que mellor se vai vivir o local. Pero nin de lonxe é o xenial que son Jaisalmer, Jodhpur ou Udaipur.

Esta cidade recibe a cor rosa porque todos os edificios da zona central teñen unha tonalidade rosácea, como era de esperar. Un destes edificios é un dos seus símbolos: o Hawa Mahal ou palacio dos ventos. Conta con moitas e diminutas ventás, polas que o vento se move facendo un son característico que lle dá nome ao edificio. Era unha construción destinada ao harén e a función orixinal destas fiestras era a de permitir que as concubinas puidesen observar a vida cotiá das rúas da cidade sen ser vistas. Hai algún edificio que parece que queda mellor na foto se o miramos obxectivamente pola súa beleza sen entendelo nin saber a que se destinaba, verdade?

Sen embargo, Jaipur conta cunha xoia escondida na montaña, aínda que teoricamente xa se trata doutro lugar chamado Amber, que está situado a 11km. O forte de Amber é un dos sitios máis impresionantes que visitamos na India. E tamén é onde temos algunha das miñas fotos favoritas! A parada en Jaipur vale completamente a pena por visitar este lugar e subir á muralla que ten enfronte (GRATUÍTA). Custa o seu pero wooow! Pódesme ver enfrontándome a ese reto, correndo, morrendo e eléctrica no vídeo do final!

Tamén recomendamos dar un paseo polo lago de Man Sagar, que ten un palacio no medio chamado Jal Mahal. Este lago está situado entre o centro de Jaipur e Amber.

Algo polo que é tipicamente coñecida esta zona é polos paseos en elefante. Que nin se che pase pola cabeza, por favor. Sei que os elefantes son uns animais impresionantes e eu tamén os admiro moitísimo. Sei que velos pode atraer moito. E pasear neles pode soar como unha experiencia xenial. Igual para ti pode selo. Pero para ese animal que cres admirar? Como cres que será a experiencia para el? Supoño que poderías alegar o pouco peso e incomodidade que unha persoa pode causarlle a un animal da magnitude dun elefante. Porén, non son cousas tan simples. Ao marxe de que eu crea firmemente que non podemos usar animais en ningún aspecto da nosa vida, aquí falamos de obrigar a un animal a facer algo que vai en contra da súa natureza. Sorpresa! Un elefante non pertence a unha estrada. Un elefante non é un medio de transporte. Un elefante é un animal salvaxe que debe estar nun medio salvaxe tamén. Ademais, aínda que che poida parecer que un animal non está sendo explotado no momento no que o estás montando porque cres que o “coidan” ben, pensa en todo o que tivo que pasar ese animal para que cunha simple orde dun minúsculo humano faga cousas tan contrarias á súa natureza. Tan pouco propias, tan pouco naturais. Cando montas a un animal, obrígalo a través do medo. Cada vez que pagas para que animais estean nestas circunstancias es tan culpable como quen directamente fai que estes seres estean aquí. Quen subvenciona unha inxustiza é tan culpable como quen a comete. Esa foto sorrindo enriba do animal non é máis que non ser consciente do dano que estás causando. Sabes porque o sei? Porque eu tamén estiven aí. E arrepíntome de ter estado. E canto agradecería fai uns anos que alguén compartise algo así comigo e eu me parase a facer un pouquiño de autocrítica!

E ata aquí chegan as nosas aventuras polo Rajastán, que foron moitas e moi boas. E tivemos a mellor compañía para desfrutalas! Ademais de que foi a ruta que mellor planeamos de tooodos estes meses, xa que polo menos sabíamos onde íamos durmir cada día. Sexa como fora, cada día é diferente e estamos moi contentos de sumar experiencias tan sumamente variadas. Sen lugar a dúbidas, é do máis emocionante desta viaxe na que estamos sumidos, percorrendo Asia sen billete de volta. E non saber onde imos durmir en tres días (nin sequera saber en que país o faremos) creme que é unha sensación que nin podo explicar nin deixar de sentir.

Xusto arriba deixamos un vídeo gravado ao longo da ruta que describimos aquí. Esperamos que che encha o ollo e decidas darlle unha oportunidade! E se che gusta non esquezas facérnolo saber!

Moitas grazas por pararte a ler as nosas aventuras!


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

0 Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

SUBSCRIPCIÓN SEMANAL GRATUÍTABoletín de novas de TOXÍO

Déixanos o teu mail se queres que che contemos as nosas aventuras!