Hai tres cidades no mundo ás que sei que sempre vou volver:

  • Á miña cidade galega favorita.
  • Á capital do Reino Unido, da que xa falamos neste artigo.
  • E a Istambul.

Dende a primeira vez que pisei esta cidade, catro anos atrás, estiven completamente convencida de que non sería a derradeira. E agora Sergio e eu deixámola outra vez convencidísimos de que esta tampouco será a última. Istambul é unha cidade á que sempre imos querer volver.

Non só falo de fermosura obxectiva, aínda que diso tamén vai sobrada. Falo sobre todo de maxia. De sentir que estás no lugar adecuado polo simple feito de estar nunhas coordenadas determinadas do globo. Uns minutos cruzando o Bósforo en ferri, un çai (té) en calquera esquina da cidade ou un atardecer dende a Ponte de Gálata son momentos que custan pouco (ningunha desas experiencias vale máis de 1€) pero non teñen prezo. Recurso baratiño, baratiño, pero certo. Cando ser e estar se unen para formar tan só un e todo ao mesmo tempo.

Falar de Istambul é seguir falando de Europa, aínda que parte da cidade se atope no continente asiático. Unha cidade moi europea con moitos minaretes de mesquitas (que son máis de 3000) e menos velos dos que moita xente podería esperar. Falar de Istambul é falar de contrastes convivindo, de culturas converxendo. É unha expresión moi socorrida para moitas cidades, pero Istambul é probablemente o lugar onde máis o puidemos palpar ata a data.

É unha cidade grande. Moi grande. Aseguraría que máis que calquera outra que antes pisamos. Os datos de censo varían moito segundo quen chos conte pero, dende logo, cremos que ao oficial lle faltan algúns millóns e aínda así fálase duns 14. Lugar cargadiño de persoas e de contrastes. E aínda así lugar onde podes palpar paz e tranquilidade en calquera esquina sen moita dificultade.

Imos proceder a explicar que visitar en Istambul, pero antes cómpre indicar un pouquiño da súa situación xeográfica. Istambul está situada en dous continentes: Europa e Asia, separadas ambas partes polo Bósforo, que é ese pequeno/gran cachiño de mar (todo depende da perspectiva) que une o Mar Negro co Mar de Mármara (que á súa vez está conectado co Mar Mediterráneo). Isto déixanos dúas grandes partes: a zona europea e a zona asiática. Pero Istambul tamén se divide en dúas na zona europea. A división é tamén de auga: o Corno de Ouro, un pequeno entrante que diferencia a zona vella da zona máis nova. Estamos a falar dunha urbe inmensa e, aínda con todas estas separacións, nunca se chega a ver o final da cidade en ningún sentido. Deixamos aquí tamén un mapa cos puntos que nós consideramos de maior interese.

QUE VISITAR EN ESTAMBUL

Istambul ten moitas zonas e puntos de interese e aquí procedemos a compartir contigo algúns dos máis notables e os nosos favoritos especificados pola zona na que se atopan.

Zona Sultanahmet:

Esta zona é a máis típica e probablemente máis icónica de Istambul (só competindo cos seus atardeceres). Recomendamos para coñecela máis en profundidade e toda a historia que hai nela facer un Free Walking Tour*, dos que xa sabes que somos moi fans. Nela atoparemos o monumento máis destacable da cidade e que todo aquel que collese un libro de historia tivo que estudar.

  • Hagia Sofia. Un impresionante edificio que a simple vista pode parecer unha mesquita (ten minaretes) pero ao mesmo tempo recorda á estrutura dunha igrexa ortodoxa. E con todos acertaremos e con todos nos equivocaremos. Foi igrexa nun inicio, pasou a ser mesquita e, actualmente, nin para un nin para outro. É para todos. Actualmente é un museo. E para todos que se paren a pagar 72TL (11’35€) para entrar, claro! Gasto que nós persoalmente recomendamos facer, pois cremos que vale moito a pena. Especialmente por eses grandes medallóns de madeira que colgan das paredes. Tamén poderás atopar dentro deste museo gatiños, como en calquera esquina de Plovdiv e Atenas, cidades nas que pasamos as últimas semanas.
Foto na galería superior do interior da Hagia Sofía
  • Mesquita do Sultán Ahmet ou Mesquita Azul & tumba do Sultán Ahmet. Outro dos puntos de interese é a mesquita dedicada ao sultán que lle da nome e tamén á zona, ao Sultán Ahmet. Tamén podemos atopar aquí a súa tumba. Non é nin de lonxe a mellor mesquita que podes visitar en Istambul nin ten moita maxia. Converteuse xa nun reclamo turístico que os turistas converten nese sitio que non merece demasiado a pena: ruído tremendo nun lugar supostamente sagrado, “foto, foto” e xente saltándose todas as normas que podas ver escritas en calquera carteliño ou que ti poidas levar xa aprendidas da casa.
  • Hipódromo. Situado no lateral da mesquita. Ou suponse que aí estaba. Conservase pouquiño pero resulta interesante pararse a botar un ollo. Temos aquí un obelisco traído do Templo de Karnak, en Exipto. Se che gustaría ler máis sobre ese templo, podes facelo pinchando aquí e (re)lendo o artigo sobre a nosa ruta en Exipto.
  • Cisterna de Yerbatán. Non entramos desta vez, pois hai que pagar e, por reformas, estaba sen auga. Sen embargo, na miña primeira visita a Istambul entrei nela e pareceume interesante. Se non estivese seca, eu non dubidaría en volver a entrar!
  • Cisterna gratuíta das alfombras. É un pequeno museo abaixo dunha tenda, pero é gratuíto e ten algúns restos e historias que merecen deixarse caer por alí se vas con moito tempo.

Outros puntos de interese na zona vella:

Preto do ata agora mencionado, pero saíndo un pouco desa zona atopámonos con todo o que segue.

  • Gran Bazar. Calquera que estivese en Istambul probablemente concorde en que unha non debe perder pasearse polo Gran Bazar. Supoño que xa perdeu o interese que antano tiña (pois falamos dun bazar con máis de 500 anos de antigüidade) e actualmente ten unha gran cantidade de tendas de falsificacións de marcas de renome. Sexa como fora, o Gran Bazar segue tendo moitas tendiñas interesantes e unha maxia típica que unha non debería deixar de experimentar.
  • Mesquita de Suleiman. Grande, moi grande. Cunhas vistas ao Bósforo que poden impresionar moito se aínda non tiveches a oportunidade de velo dende un barco ou dende Gálata. Esta mesquita segue sendo bastante turística, aínda que non tanto como a Azul. Por certo, é convinte saber que estas mesquitas permanecen pechadas aos visitantes durante unha hora tras a chamada ao rezo.
  • Mercado das Especias. Moi puro, moi local. Non o recomendamos en exceso, pero son unhas boas rúas para baixar da mesquita de Suleiman ao porto se isto está na túa ruta.

Zona Gálata:

A Torre Gálata parece a torre na que encerraron a Rapunzel. Un conto de fadas na parte nova de Europa. Aínda que en realidade foi no seu día un faro. De entrada eu intentei dicir que non parecía molar moito, pero prometo que lle dá o toque completamente a este lado do Corno de Ouro (entrante de auga que divide as dúas partes europeas de Istambul). Recomendamos aquí subirse a algunha terraza e tomar un té con vistas ao Bósforo e á torre. Pode parecer un luxazo, e a efectos prácticos si que o é. Pero por sorte non é un luxo a nivel económico xa que na maioría de lugares o té non chega nin a un euro! Baixar á Ponte Gálata e admirar o atardecer dende alí tamén suma puntos no baremo de maxicalidade da cidade!

Zona nova:

  • Praza Taksim. Tivemos a sorte de que había un mercado de antigüidades na praza o día que nós a visitamos. Son este tipo de acontecementos os que sempre lle poñen un pouquiño máis de salsa ao visitar unha cidade e querer saber máis sobre a súa cultura. E entender o seu pasado, que tamén se pode ver nas antigüidades que os seus cidadáns gardan no seu faiado, é sempre interesante. Visitar as inmediacións desta zona é bonito e interesante. Déixache ver a zona máis nova e europea da cidade, xa que tanto poderías estar en Istambul, como en calquera outra cidade. Iso si, chea de escaparates de delicias turcas!

Outras zonas:

  • Pierre Lotti. Unha das miñas vistas favoritas do Istambul europeo obtense dende este miradoiro. Fácil de chegar en bus e ao que se pode subir en teleférico (baratísimo, especialmente se contas coa Istanbulkart* xa que che valerá como un billete máis de transporte público, non chegando ao euro). Recomendamos aquí baixar camiñando a través do cemiterio chegando así ao próximo lugar.
  • Barrio musulmán de Eyüp. Un barrio completamente diferente de todo o comentado ata o de agora, unha mesquita na que si que non escoitas ruído nin ves a turistas facendo fotos en cada esquina. Un lugar empregado para o que é. Achegámonos á mesquita, ateigada de xente que acudía a rezar. Na entrada atopamos a xente repartindo delicias turcas entre todos os feligreses. Separámonos aquí para entrar na mesquita, bastante ecléctica. Sergio procedeu a acceder á planta baixa, onde os homes estaban rezando. Eu puxen o meu velo, descalceime e subín as escaleiras para acceder á zona das mulleres, onde estas estaban a rezar. Sentir a fe da xente e a súa devoción fai que me encha de enerxía positiva. Saímos da mesquita para pasear por este barrio musulmán tan diferente do resto de Istambul. Así como dixen ao principio que Istambul é unha cidade na que atopamos moitos menos velos dos que poderíamos esperar e o estilo que se palpa é moi occidental, neste barrio somos transportados á estética islámica que poderíamos esperar.

Zona asiática:

Normalmente todo o que coñecemos de Istambul está do lado europeo, este é o caso de todo o que contamos ata aquí. A zona asiática queda sempre, turisticamente falando, nun segundo plano. E isto pódese notar perfectamente cando decides cruzar e notas, incluso un domingo, que as únicas persoas non locais sodes vós e catro máis.

  • Desfruta de cruzar a Asia: das mellores experiencias en Istambul. Unha das cousas que a maioría de persoas que as vivimos recomendamos encarecidamente é facer un cruceiro polo Bósforo. Eu fíxeno a primeira vez. Esta vez optamos por cruzar o Bósforo en ferri. Cousa que recomendo mil veces máis. Non é unha atracción turística, pero é tanto ou máis agradable. E 9’5€ máis barata! Pois usando a Istanbulkart* podes cruzar por unhas 3TL (0’50€). É un servizo máis de transporte público en Istambul, no que moita xente vive nun continente pero vai traballar ao veciño. E ademais os barquiños teñen servizo de bar, polo que podes desfrutar das vistas de Istambul, o mover do mar, o sabor do té e as gaivotas voando ao ritmo todo nun. Esta experiencia gustounos tanto que a vivimos unhas 4 veces! Completamente namorados da viaxe en ferri! Especialmente coa compañía Turyol, que teñen os barcos máis cutres, pero ao mesmo tempo os máis guais dende os ollos dun viaxeiro!
  • Palacios. Así, moi xenéricos e moi por enriba. O Bósforo é coñecido polo glamour que o acompaña e xa na época dos sultáns se comezaron a construír grandes palacios nel. Dende o barco poderás ver algún deles.
  • Mar de Mármara. Tras desembarcar no porto de Kadiköy, e cun pouco de orientación en relación ao mar, podes atopar un paseo marítimo no que podes desfrutar de camiñar ao pé deste mar que se atopa entre o Bósforo e o Mediterráneo. Realmente foi un gustazo poder volver a ver e sentir o mar. Parece pouco tempo, pero a estes corazóns non se lles dá demasiado ben vivir lonxe del!
  • Torre da Doncela. Un paseo pola beira do Bósforo dende o porto de Üsküdar cara o sur déixache chegar a esta pequena illa, con vistas á zona europea de Istambul.

E ata aquí chega todo o que queríamos compartir contigo sobre esta cidade. Se hai algunha dúbida concreta que che gustaría compartir, fáinola chegar! E tamén queremos agradecerche moito que decidises ler este artigo e aquí deixamos un breve vídeo no que narramos con máis imaxes a nosa experiencia.

E un chisquiño máis abaixo un conselliño de viaxeiros!

Consello para aforrar e desfrutar ao máximo

Non sexas un turista carameliño e se decides visitar esta asombrosa cidade faino coa mente moi aberta e con moitas ganas de coñecer a cultura. A xente turca é, en xeral, un auténtico amor. Sempre con ganas de botar unha man e facer da túa experiencia algo moi guai! Especialmente toparaste con esta sensación se saes un chisquiño da zona de Sultanahmet, onde todos che vén como un símbolo de euro andante e o seu sustento diario depende da cantidade de billetes que ti te deixes alí. Se te achegas a vivir Istambul máis preto de negocios locais, que seguen a súa vida esteas ti ou non, o especial da visita multiplicarase por moito. E os teus billetes durarán moito máis 😉

*Free Walking Tour: visita guiada a pé por unha zona determinada á cal ti lle decides o prezo ao concluíla.

*Istanbulkart: tarxeta de transporte público en Istambul. Válida para metro, tram, bus urbano, ferri e tamén para o teleférico de Pierre Lotti. Podes conseguir a túa tarxeta nas principais estacións por tan só 6TL (0’95€).

Todos estes datos están escritos a data de novembro de 2019.


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

0 Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *