Cando pensamos nos países da Unión Europea moitas veces temos a sensación de que as costuras da bandeira son un forte pegamento que pode unilo todo. Visitar Bulgaria é facerse consciente do diferentes que poden ser os fíos que forman esas costuras. E isto non é en absoluto algo negativo. Bulgaria é un país con moitas cousas que ofrecer. No noso caso foron nove días que tiñamos pensado repartir entre as dúas cidades máis poboadas, Sofía e Plovdiv. Ao final dedicamos un día completo para Sofía e o resto para a designada como Capital Europea da Cultura de 2019. Plovdiv resultou ser un descubrimento único, e queremos compartir contigo as mellores cousas que facer en Plovdiv se decides visitala.

En primeiro lugar, antes de saber que facer en Plovdiv, temos que saber como chegar. Esta cidade atópase a 150 quilómetros ao leste da capital, Sofía. Con algo máis de 540.000 habitantes na súa área urbana é a segunda urbe máis poboada de Bulgaria e a pesar de ter aeroporto, este non conta con ningunha conexión directa desde España. O máis práctico, pois, é coller un voo ata Sofía e, desde a capital, optar por un autobús ou un tren ata Plovdiv. Nós decidimos coller o tren. Tras perdelo no primeiro intento pola nosa falta de entendemento co cirílico (esa anécdota da para outro post), subímonos ao que finalmente nos levaría a destino. Por 9 levas (uns 5 euros) tes o billete. A viaxe dura unhas tres horas. O tren é moi cómodo, conta con baño e mesmo ten vendedores de froita e verdura fresca. Toda unha experiencia!

Unha vez chegamos a Plovdiv toca respirar, deixar o equipaxe e prepararse para camiñar, ver unha nova cultura, comprar a prezos máis baixos que en Galicia e, iso si, respirar máis contaminación da habitual. Se queres podedes servirte deste mapa que creamos con varios puntos de interese na cidade. Comecemos a explorar.

1. PASEAR POLA CIDADE VELLA

Tras situarnos un pouco no mapa probablemente nos interese percorrer á cidade vella. Paseala é unha decisión axeitada xa que entre os seus muros agóchase unha historia moi interesante que comeza hai uns 8.000 anos. Philippopolis foi o nome que máis tarde lle daría o pai de Alexandre Magno, Filipo II de Macedonia, tras conquistala no século IV despois de Cristo.

A herdanza dos diferentes pobos que a tomaron en todo ese tempo faise patente en practicamente cada recuncho. O propio Teatro Romano está conservado na cidade vella, que tamén conta con numerosas galerías con exposicións temporais gratuítas, un museo etnográfico, algunha que outra igrexa ortodoxa e un outeiro desde o cal obter unha panorámica fantástica da cidade. Iso si, moito ollo co calzado nesta zona xa que o empedrado é especialmente incómodo.

FREE PLOVDIV TOUR

Podes percorrer a cidade vella e algunhas outras zonas do centro a través do Free Walking Tour da cidade de Plovdiv. Haino en inglés e sae todos os días ás 14 horas da porta da casa do concello e remata no Teatro Romano. Dura unhas dúas horas e o prezo é nin máis nin menos que o que ti decidas poñerlle ao final da visita. Pincha na bombilla para obter máis información sobre o mesmo.

2. VISITAR AS RUÍNAS ROMANAS

Plovdiv foi unha importante cidade dentro do Imperio Romano e nela perviven moitos vestixios daqueles tempos que merecen ser visitados. Xa falamos do Teatro Romano, pero tamén está ben saír da cidade vella para poder pasar polos restos do Estadio. Estes comezan ao lado da Mesquita Dzhumaya e no seu tempo percorrían o que agora é a arteria peatonal do centro, o boulevard Alexander I. Nesta mesma rúa atópase un segredo cunha historia moi curiosa que che contamos neste vídeo sobre a viaxe. Se queres coñecela, xa o estás vendo!

Tras rematar este paseo peatonal ímonos atopar co Foro, practicamente anexo aos xardíns nos que se atopan as fontes que cantanUnha das cousas que máis nos sorprendeu para ben desta cidade foi a cantidade de parques e zonas verdes habilitadas para o uso e gozo da poboación.

3. TOMAR ALGO NO BARRIO DE KAPANA

Pegado á cidade vella temos o barrio máis interesante e alternativo da cidade: Kapana. Esta zona é unha mestura de arte urbano, modernidade, oferta culinaria e pequeno comercio que seduce especialmente polos ollos. As terrazas dos establecementos e o ambiente convidan a quedarte por alí desde o primeiro momento.

Barrio de Kapana | Sergio Casal ©

Tendo en conta os prezos que se manexan en Bulgaria, non é das zonas máis baratas, pero paga a pena sentarse nalgunha das súas terrazas. Despois de pasear polas súas rúas empedradas senta ben tomar un refrixerio que nos permita continuar coa camiñata. 

4. SUBIR A ALGÚN DOS SETE (6) OUTEIROS

Plovdiv, como tantas outras cidades –Lisboa, Roma ou Santiago de Compostela–, é coñecida como a cidade dos sete outeiros. Aínda que na máis estricta realidade hoxe só se conserven seis. Foron os propios búlgaros os que decidiron rematar cun deles para extraer material co que pavimentar a cidade. Cada un destes diferentes outeiros ofreceranos unha vista da cidade e unha historia particular. 

Nós optamos por subir a tres: o primeiro na propia parte alta da cidade vella. O segundo foi o da Torre do Reloxo, desde onde o atardecer é espectacular. O terceiro o do monumento Alyosha, unha estatua de 11 metros de altura que preside o máis alto dos outeiros e representa a un soldado soviético vixiando o leste.

5. VISITAR AS EXPOSICIÓNS DA CIDADE

Co gallo da súa designación como Capital Europea da Cultura de 2019 (xunto coa cidade de Matera, Italia), a actividade cultural da cidade converteuse nun crisol de oportunidades que van desde a pintura ata a música, pasando pola fotografía ou o teatro.

Nas oficinas de turismo podes obter un folleto co programa cultural da cidade, tanto exposicións como espectáculos. 

6. MERCAR ALGO NOS MERCADOS

Bulgaria é o país da Unión Europea cos prezos máis baixos. Non están na Unión Monetaria e conservan polo tanto a súa propia divisa, a leva (BGN), que ao cambio son uns 50 céntimos de euro. Ten unha boa variedade de alimentos frescos e os seus mercados están a rebosar de verduras e froitas a prezos moi asequibles. Teñen moita oferta de bens autóctonos e paga a pena dar unha volta polos mercados de barrio. A xente pode parecer “fría” nun principio pero en xeral, e especialmente no mercado, sempre che atenden con amabilidade e podes utilizar as túas bolsas para reducir o impacto do plástico. 

Pode que unha semana non pareza suficiente para coñecer a fondo unha cidade, pero a verdade é que cando viaxamos o tempo tende a estirarse. No noso caso, Plovdiv converteuse en poucos días nun lugar no cal parecía que leváramos meses. 

Bulgaria foi a primeira das moitas paradas que esperamos que teña esta apaixoante viaxe que, polo de agora, estanos brindando moi gratas experiencias. Experiencias que, de corazón, queremos seguir compartindo contigo. A semana que vén, se te animas a seguir por aquí, podes percorrer connosco os segredos da ecléctica Estambul.


Sergio Casal

Son Sergio Casal, xornalista especializado en comunicación política. Apaixoado pola fotografía e a realidade política do mundo. Esta mestura vocacional e unha gran paixón por comunicar, enchen a miña mochila de cara a este proxecto con Nuria: TOXÍO.

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.