Foron dúas as veces que fun vivir ao estranxeiro. A primeira cidade pronúnciase algo como “gusta” e a segunda como “ghoxruf”, por complicado que pareza:

Worcester, Inglaterra, 2014-2015

Chorzów, Polonia, 2018

E é deste último país do que che veño falar. Diría a miña amada Polonia, pero digo non sentir profundo afecto por ela. Aínda que, non nego un pequeno volco de emoción no meu corazón cada vez que escoito falar deste país. Creo que o meu sentimento é tan complexo que sería imposible explicalo. Quizás non sexa amada, pero si que me é querida.

Lendo a Constitución Polaca (a cal prohibe a simboloxía comunista) deime conta do lonxe que está o leste de aquí. Non falo dos 3.000 km que separan a cidade na que eu vivía de onde estou escribindo isto. Falo da Historia. E por ende, da cultura, do Dereito, da sociedade… Falo dalgo que o encerra todo, porque só poñendo en contexto isto unha pode entender un país como é Polonia, que celebrou estando eu alí o seu 100º aniversario. Aínda que non hai que saber moito de historia para ser conscientes de que os seus 100 anos de independencia non son reais. Que a II Guerra Mundial non pasou sen eco por alí, nin se libraron do posterior xugo. E isto todo non o digo eu, é algo que se pode escoitar facilmente en calquera esquina do país. Que moitas veces non precisamos ler tanto, senón escoitar a aqueles que o viviron.

En Polonia aprendín moito sobre moito. Non só porque fose en chan polaco que o meu activismo despegase, nin que tivese o meu primeiro traballo a prol dos Dereitos Humanos. Non ten que ver con todo isto. Ou quizás si. Por iso, aínda que empecei tratando de negalo, levo Polonia no corazón.

Wrocław, setembro 2018

Iso si, non esperedes que diga unha soa palabra na súa lingua. Contei coa sorte de que o inglés puidese ser a miña lingua vehicular durante os tres meses que vivín no país. E debo confesar que a pesares de ter ido a clases de polaco pouco máis que “Bos días!” podo dicir. Conseguindo que aplaudan a miña pronunciación, iso si. E non é para menos: o polaco cóntase entre as linguas máis complexas do planeta. E ten sentido, xa que conservan casos e declinacións. Aquilo que todos aqueles que nos cruzamos coas linguas clásicas sempre nos  preguntamos “Como pode ser que a xente na lingua falada utilice isto?”. Pois en Polonia segue a ser así, cada terminación da palabra é distinta segundo o lugar que ocupe na frase. Se é suxeito terá un final, se é complemento directo outro, etc. Iso si, non faltará a xente que diga que ata a maioría de polacos falan mal o polaco! Por que será!

Falar de Polonia é para min falar de Dereitos Humanos. E do momento no que fallaron estrepitosamente. Os dereitos e a Humanidade en si. Auschwitz como icono e palabra que resume, unha crúa realidade en demasiados puntos do continente. Non vou profundizar demasiado aquí, porque xa o fixo Ser nun artigo previo de maneira superlativa. Non deixes de lelo pinchando sobre estas letras.

Falar deste país é tamén falar de minas, especialmente na rexión que eu vivía: Silesia. Visitei minas de carbón, de sal e de prata. E estou cavilando sobre a idea de escribir un artigo sobre elas, pero gustaríame saber se che interesaría lelo! Déixame un comentario dicíndomo se é así!

Estatua de sal nas minas de sal de Wieliczka

E completamos esta resumida visión de Polonia falando un pouco da súa capital. Fun ata Varsovia un par de veces, máis por obriga que por devoción. A primeira vez fíxeno para asistir a algunha conferencia sobre os Dereitos das Mulleres e a segunda para pasarme alí traballando un par de semanas no Defensor do Pobo e en Helsinki Fundacja. Os tres acontecementos foron toda unha honra, que conste. Pero fun co tempo e o traballo ao límite. Polo cal intuía que non ía poder escapar nin un chico o cal, por outro lado, tampouco me daba demasiada pena: sabía porque estaba alí e gustábame a idea. E varias persoas que xa visitaran a cidade dixéranme iso típico de “non vale a pena” ou “a bonita é Cracovia”. Ía con ganas de traballar e as expectativas baixas.

Sen embargo, un sábado pola mañá, escaqueeime do traballo que me estaba afogando na casa (xa que ademais de todo iso que comentaba, estaba redactando tamén un estudo sobre uns documentos electorais de Paraguay no meu tempo “libre”). Abrigueime o máximo posible (ao pouco cacho chegaría á conclusión de que non o suficiente) e fun desfrutar dun Free Walking Tour* polo casco vello de Polonia. Converténdose grazas a iso na miña cidade polaca favorita. Si, moito máis favorita que Cracovia.

Son moitas as cousas que chaman a atención desta cidade, comezando porque o seu símbolo é unha serea. Se non che sorprende é porque quizás non sitúes de todo ben esta cidade, que se atopa a nada menos que a 300 quilómetros do mar! Así que entre historias de sereas de auga doce, se somerxe unha na desta cidade, que non ten desperdicio. As historias sobre a II Guerra Mundial foron as que máis me impactaron, comezando polo feito de que toda a cidade está reconstruída. Unha capital entre potencias con xente fera e mala sorte.

E se algo me namorou de Varsovia foi a conexión de todo isto. Foi nesta cidade na que se produción a maior rebelión civil contra o réxime nazi durante a II Guerra Mundial, en 1944. Cando o levantamento de Varsovia comezou, o Exército Vermello (os soviéticos) atopábanse a quilómetros. Estaban a un paso de poder botar unha man, só tiñan que cruzar o río Vístula pero disque frearon o seu avance por problemas de abastecemento. A pesares desta escusiña, a maioría de historiadores chegaron á conclusión de que Stalin prefería que a sublevación fracasara para así poder gobernar Polonia máis facilmente.

E así foi. Miles de mortos e unha cidade destruída nun 85%.

Esquiniña do Monumento ao Alzamento de Varsovia de 1944

Ao ano seguinte, Polonia foi practicamente anexionada á Unión Soviética e os polacos que loitaron no levantamento de Varsovia foron aprisionados, executados ou tiveron que exiliarse.

A historia de Varsovia en concreto, e do país nun enfoque un pouco máis xeral, pode resumirse moi ben co acontecido durante/tras a II Guerra Mundial. Coñecendo un pouco desta historia podemos entender moito da cultura e de todo o que se palpa en cada esquina.

Sexa como fora, durante as Revolucións de 1989, o goberno comunista foi derrocado e Polonia converteuse constitucionalmente na “Terceira República Polaca”. Con moita xente nostálxica de “tempos pasados mellores” (de que me sonará) e, quero pensar, con moita máis con ganas de Democracia, Dereitos Humanos e unha sociedade igualitaria. A loita polos Dereitos das Mulleres e da comunidade LGTBI+ está latexando neste país, con moito que facer aínda.

Orgullo LGTBI+, Katowice, setembro 2018 | Mónica Señoráns Trigo (@monica.mst)

País loitador con moita loita por diante!

Grazas por todo o brindado e ensinado, Polonia.

Dziękuję, Polska

*Free Walking Tour: ruta guiada que se fai nas cidades de maneira teoricamente gratuíta. Ao completala, págase á vontade.

PEQUENA IMPORTANTE PUNTUALIZACIÓN: o mesmo día que este artigo foi publicado, celebráronse en Polonia as eleccións xerais, saíndo reforzado no Sejm o partido ultraconservador Lei e Xustiza (PiS), quedando lexitimado para gobernar en solitario. E aínda que as miñas ilusións democráticas para este país parece que avanzan lentas, permítome seguir soñando porque a miña mentora en territorio polaco e unha das que máis me axudou na miña loita deixándome formar parte da súa é agora, tras estas eleccións, senadora cunha coalición democrática que apoia todos os dereitos que van con esa palabra.

Noraboa e grazas de corazón, Gabriela!


Nuria P. Espasandin

Xurista e activista polos Dereitos Humanos e dos animais non humanos. Dende pequeniña fun chamada a “avogada de pleitos pobres”, e iso é exactamente o que son. Esta vida levoume por tantos camiños que me fixeron esquecer a liña que separa o profesional do persoal. Non entendo ningún proxecto que non requira entregar todo o que son. E iso é o que veño aportar a TOXÍO. Un cacho de min que soa a moito: a vida.

0 Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *